A Pobra: o presidente de Portos de Galicia, na inauguración dos novos pantaláns
A Pobra do Caramiñal, 15 de xullo de 2010. O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Alvárez Campana-Gallo, estivo hoxe na posta en funcionamento dos embarcadoiros para remo e piragüismo que a entidade que dirixe realizou na Pobra.
Estes embarcadoiros son dous módulos de pantalán aboiante de 2,5 metros de anchura e 12 de lonxitude, cunha superficie de madeira e oito flotadores de polietileno, que en total conforma un pantalán de 24 metros. Tamén se colocou unha rampla-pasarela especial para remo de 14 metros de lonxitude e 3,5 de ancho totalmente en aluminio calidade marina, cun pavimento de madeira. O investimento total destes dous pantaláns é de 48.000 euros.
O Alcalde e o equipo de goberno din "mostrar a súa satisfación pola realización destes dous pantaláns cos cales quedan debidamente equipados os Clubes de Remo e Piragüismo da Pobra do Caramiñal, poñéndose desta maneira aos niveis doutros Clubes de Galicia e garantindo a seguridade dos nenos e nenas que compiten nestes clubes cando saen ao mar".
Charla sobre Portos Xacobeos
Xa pola noitiña, tivo lugar unha conferencia na casa de cultura "Raquel Fernández Soler". O presidente da Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino Mariño, disertou sobre "O camiño Xacobeo por mar. Ruta Xacobea Ría de Arousa". Estivo acompañado pola concelleira de Cultura de A Pobra, Encarnación González, polo alcalde Isaac Maceiras e pola deputada autonómica do Partido Popular María Seoane (todos na imaxe).

