Preme para voltar á portada
« Voltar ó Posterous de Certo
« Voltar á portada de Certo.gl

Ribeira: teatro para reincorporar persoas sen teito á sociedade

Plan_comunitario
Imaxe da presentación

 

  • A iniciativa, un obradoiro de teatro para xente sen fogar, incardínase no Plan Comunitario Municipal 2011-2012 
  • Hai outras accións dirixidas a aumentar a autoestima deste colectivo que inciden na súa alimentación e hixiene

 

Ribeira, 30 de setembro de 2011.- O Concello ten detectado que nos últimos anos estase a rexistrar un incremento de persoas sen fogar. Isto está causado principalmente polo aumento exponencial de parados a consecuencia da crise económica, pola transformación das formas de pobreza, pola desinstitucionalización dos hospitais psiquiátricos, polo consumo de drogas e alcohol e polas dificultades de acceso á vivenda. 

Conscientes da profundidade da problemática, o Plan Comunitario Municipal do Concello de Ribeira pon en marcha unha programación para o período outubro 2011-marzo 2012 baseada na redución de danos como estratexia de prevención, segundo explicou o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño, nun acto no que estivo acompañado da traballadora social da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello, Eva Fontaíña. 

O obxectivo é promover e motivar un cambio de estilo de vida da persoa reforzando e incentivando a súa conduta e hábitos positivos, reducindo os negativos, mitigando a autoimaxe arraigada de drogodependente e reforzando o seu contexto social no proceso de deshabituación de condutas aditivas, como elementos integrantes da nosa comunidade, non excluídos. 

A poboación participante serán pacientes da UAD do Concello que se atopen incluídos nun programa de deshabituación de sustancias aditivas e cumpran os seguintes criterios de inclusión: grave deterioro na área social, mantemento de condutas marxinais, situación de senfogarismo (carencia de vivenda estable e normalizada), déficit de hábitos de vida positivos e/ou saudables e deterioro ou ausencia de relacións familiares.O aforo será dun máximo de 20 participantes. 

A programación inclúe de  dous proxectos: 

1.- Proxecto de actividades de vida diaria básicas, instrumentais e avanzadas.  Levarase a cabo nas dependencias do Servizo de Drogodependencias, nunha aula da Unidade de Día. Tódos os días de 12.30 a 13.00 horas, un técnico do servizo de drogodependencias tutorizará sesións grupais coa poboación participante que terán como contido as seguintes áreas: hixiene e saude persoal, coidados persoais, educación para a saúde, habilidades domésticas, planificación de gastos e ingresos, autonomía e alimentación, actividades comunitarias, coñecemento e utilización do tempo libre e ocio.  

2.- Obradoiro ocupacional de Teatro. Empregarase o teatro como instrumento de comunicación e contextualización dunha actividade ocupacional, que permite fomentar o xurdimento dunha serie de valores comportamentais e a interiorización de determinados hábitos de vida saudables. Esta acción levarase a cabo no Auditorio Municipal do Concello de Ribeira, cunha periodicidade de tres días á semana en horario de tarde e sesións de 90 minutos de duración. 

Como incentivos reforzadores e complementarios do traballo socioeducativo, otórgaselle aos participantes de ambos proxectos a oportunidade  de participar nas seguintes actividades: 

Alimentación: serviránse comidas aos participantes nas instalación da Unidade de Día do Servizo de Drogodependencias do Concello diariamente de 13:00 a 14:00 horas. 

Hábitos diarios en vestimenta: dous días á semana recollerán a súa roupa e será entregada ao Servizo de Drogodependencias para o seu lavado. 

Hábitos diarios en perruquería: unha vez ao mes poderán cortar o cabelo 

O coordinador da iniciativa é Jesús Cartelle, xefe do Servizo de Drogodependencias, coa asistencia técnica de Eva Fontaíña, traballadora social; Manuel Casais, educador; e Marián Sánchez, educadora.

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

Comentarios (0)

Deixa o teu comentario...