Preme para voltar á portada
Filed under

Arousa Norte

 

Turismo: Arousa Norte recolleu o premio da Once polos seus paquetes turísticos accesibles para invidentes

  • A entrega dos V premios Solidarios Once Galicia, tivo lugar o xoves 2 de febreiro nun hotel da Coruña.



Barbanza, 3 de febreiro de 2012. Estes Premios Solidarios ONCE-Galicia recoñecen a labor, as iniciativas e as accións de persoas, institucións e entidades que se distinguiron polo seu esforzo a favor da igualdade, a integración social e a accesibilidade universal das persoas cegas ou con outras discapacidades e tamén dos máis desfavorecidos.

Os paquetes de turismo accesible para persoas con discapacidade visual  da Mancomunidade Arousa Norte recibiron o galardón  na categoría de Accesibilidade e Igualdade.

Á entrega asistiron, entre outros,  o actual presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e alcalde do Concello de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; o alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez;  o alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras Rivas; o alcalde do Concello de Boiro, Juan José Dieste Ortigueira; en representación da xerencia da Mancomunidade, Pablo López Pérez; en representación da Rede de Empresarios Turísticos de Arousa Norte, Arturo Fajardo; a animadora turística da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte , Irene Maneiro Paz.

(download)
O acto foi conducido pola presentadora de TV Martina Canicoba e estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Once, Miguel Carballeda Piñeiro e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira  Souto.

O presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte recolleu o galardón das mans de Miguel Carballeda Piñeiro , presidente da Once. Ruiz Rivas agradeceu á Once e ao xurado este galardón e fixo un recoñecemento expreso ós predecesores da Mancomunidade “como os verdadeiros valedores deste proxecto” ; “ós empresarios da comarca que creeron no proxecto e traballaron por el” así como á Secretaría Xeral para o Turismo.

Destacou a satisfacción que supón este premio en aras da solidariedade para os catro alcaldes xa que Arousa Norte aposta pola calidade e non pola cantidade. Grazas aos paquetes de turismo accesible para cegos os visitantes, dixo, "poden sentir a riqueza  desta comarca"  e animou ao resto de concellos galegos a sumarse a este tipo de iniciativas.

Pode que tamén lle interese:




 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   premio   turismo  

Barbanza: os concellos de Arousa Norte acordan poñer en marcha un programa cultural conxunto

  • A Mancomunidade Arousa Norte -Barbanza- está composta por Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira

(download)
Ribeira, 30 de xaneiro de 2012.- A Casa Consistorial ribeirense acolleu esta mañá a primeira das reunións programadas polos concellos da Mancomunidade Arousa Norte para desenvolver estratexias conxuntas de colaboración e coordinación en distintas áreas municipais.  

Concretamente, o grupo de traballo de hoxe incidiu no eido cultural. Con este fin, déronse cita no Consistorio situado en Santa Uxía os alcaldes de Boiro, Rianxo e Ribeira (Juan José Dieste, Adolfo Muíños e Manuel Ruiz, respectivamente), así como os técnicos municipais de Cultura correspondentes aos catro concellos que forman parte de Arousa Norte. 

A reunión foi cualificada de moi frutífera polos integrantes da mesma. No seu transcurso acordouse traballar en común cara a confección dun programa cultural comarcal conxunto. Con este obxectivo, o grupo de traballo emprazouse a unha próxima reunión na que cada Concello informará con detalle dos seus recursos materiais, técnicos e económicos de que dispón en materia de Cultura. A idea é actuar dende catro ámbitos diferenciados: museos, teatro, música e outros recursos.  

A reunión serviu tamén para que se decidise a posta en marcha dun Día da Mancomunidade de carácter rotatorio, cuxos detalles serán estudados en próximas reunións. 

Reparto do traballo

Tamén se acordou que a dirección e coordinación do grupo de traballo de Cultura corra a cargo do correspondente departamento do Concello de Ribeira. Rianxo coordinará o grupo de traballo de Deportes; A Pobra, o de coordinación de Policías Locais; e Boiro, o de Servizos Sociais.










Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   cultura  

Ribeira: intentarán coordinar as áreas de Cultura dos municipios de Barbanza

Media_httpfarm3static_jyerf

Boa parte da programación cultural dos concellos galegos máis próximos entre si solápase cada fin de semana

Ribeira, 25 de xaneiro de 2012.- A Casa do Concello de Ribeira vai dar cabida o vindeiro luns, día 30 de xaneiro, a unha reunión entre representantes das Corporacións Locais de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo  co fin de desenvolver e implementar fórmulas de colaboración que redunden na valorización das rúas respectivas Áreas de Cultura e a coordinación de actividades. 

Este labor coordinador de Áreas Municipais, que ten lugar a proposta de Manuel Ruiz Rivas tras a súa toma de posesión da presidencia da Mancomunidade Arousa Norte, vaise facer extensiva a outros departamentos, como Servizos Sociais, Deportes e Policías Locais. Así, está prevista a próxima celebración doutras tres reunións sobre estas temáticas nas localidades de Boiro, Rianxo e A Pobra, respectivamente. 

Suxiren argallar un "Día da Mancomunidade"

Co mesmo espírito de optimizar a colaboración entre os municipios de Arousa Norte, proximamente vaise estudar tamén, a suxestión de Ruiz Rivas, a posta en marcha dun Día da Mancomunidade que tería frecuencia anual e carácter rotatorio polos distintos concellos de Arousa Norte. Trataría dunha xornada que daría cabida a actividades preferentemente de índole cultural e deportiva con participación dos catro municipios.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Barbanza   cultura   mancomunidade  

Turismo: Arousa Norte asiste de novo á feira Intur de Valladolid, do xoves 24 ao domingo 27 de novembro

  • Participa como co-expositor de TurGalicia
  • A novidade deste ano son as guías das rutas submarinas

Media_httpfarm6static_xzwqc

Máis fotos de Intur 2010, aquí

Barbanza, 22 de novembro de 2011. A Mancomunidade Arousa Norte participará na XV Feira Internacional do Turismo de Interior, INTUR, no recinto feiral de Valladolid. Durante os próximos días, Arousa Norte asistirá como co-expositor no stand de Turgalicia. A representación política correrá do presidente da Mancomunidade, Juan José Dieste Ortigueira, actual alcalde de Boiro, acompañado pola xerenta, Montserrat Iglesias, que estarán presentes na feira do día 24 ao 25 de novembro.

A feira comezará o xoves 24 de novembro e rematará o domingo 27. Ata Valladolid desprazarase a técnica de turismo da Mancomunidade, Mónica Garrido, para dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais da comarca pero facendo especial fincapé nos produtos turísticos da Mancomunidade Arousa Norte: Bonos Rurais, Bonos Gastronómicos, Ruta do Mexillón, Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual e as novas guías das Rutas Submarinas.

INTUR
A XIV Feira Internacional do Turismo de Interior é un evento especializado en turismo con sede na cidade de Valladolid, que tivo na edición anterior 43.800 visitantes, 1.250 expositores e 30.000 metros cadrados de área de exposición. Os días de apertura da feira son de xoves a domingo, en horario de 10:30 h a 20.00 h. No stand expositor ofrecerase información dos recursos da comarca a través dos diferentes folletos publicados por esta entidade: mapas e rueiros dos catro concellos, Guía de Recursos de Arousa Norte, Guía de Museos, Arqueoloxía en Arousa Norte e Audioguías de Arousa Norte.

Tamén se darán a coñecer os produtos turísticos da comarca, como son os Bonos de Turismo Rural, os Bonos Gastronómicos, a Ruta do Mexillón, Turismo accesible para persoas con discapacidade visual e as novas guías de Rutas submarinas de Arousa Norte. Coa presenza da Mancomunidade Arousa Norte en INTUR preténdese promover a
imaxe de destino entre futuros visitantes, especialmente en tempada baixa. Os alcaldes e as traballadoras da Mancomunidade estarán nesta feira especializada durante estes días para atraer a visitantes e ofrecer información cumprida sobre o destino.

Para máis información: http://www.feriavalladolid.com/intur/

FITUR 2012
Ademais, no pleno da Mancomunidade celebrado o día 14 de novembro, os representantes políticos de Arousa Norte acordaron solicitar a Turgalicia a participación como co-expositor en Fitur (Feira Internacional de Turismo) do próximo ano. A cita será do 18 ao 22 de xaneiro de 2012. Igual que en anos anteriores, a Mancomunidade fará unha presentación do destino Arousa Norte dentro do stand de promoción de Galicia.

Máis información: http://www.arousa-norte.es/blog-arousanorte/

Pode que tamén lle interese:
Ningunha das sendas de curto percorrido de Barbanza son recomendadas pola Federación Galega de Montañismo



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Barbanza   turismo  

A Pobra do Caramiñal: o Concello de Porto do Son colabora con Arousa Norte nun curso de turismo accesible

  • Disque é o primeiro curso deste tipo que se imparte en Galicia
  • Será do 8 ao 10 de novembro, dirixido a empresarios de turismo rural
  • Só hai 20 prazas e o prazo para anotarse remata o 4 de novembro
  • Por outra banda, o Concello presentou o programa de turismo de benestar, cuxo prazo para inscribirse remata en febreiro

 

Media_httpfarm4static_flqjl

A Pobra do Caramiñal, 28 de outubro de 2011. O Concello de Porto do Son está a colaborar na difusión dun Curso promovido pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.

O Real Patronato sobre a Discapacidade (http://www.rpd.es/), a través de Polibea Turismo (http://www.polibeaturismo.com/) en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, organiza un curso de turismo accesible destinado a empresarios de turismo rural.

Ata o de agora este curso só se impartía nas Escolas Universitarias de Turismo de España. Este ano ampliaron o perfil de alumnos e pretenden dar formación ós empresarios de turismo rural, sendo este o primeiro curso destas características que imparten en Galicia.

O obxectivo deste é concienciar ós asistentes da necesidade dun modelo de xestión que contemple a accesibilidade como criterio de calidade e sensibilizar ó sector empresarial sobre a importancia do papel que representan como actores facilitadores da accesibilidade no destino.

As persoas interesadas que non cumpran perfil establecido (empresarios de ocio, restaurantes, axencias de viaxes, técnicos de turismo, estudantes, etc.) poden inscribirse na lista de espera e no caso de que queden prazas dispoñibles adxudicaranse igualmente por orde de inscrición ata completar o aforo.

 

Algúns datos:

Datas: 8, 9, 10 de novembro do 2011

Lugar de realización: edificio do Concello da Pobra do Caramiñal

                                   c/ Gasset nº 28

                                   15940 A Pobra do Caramiñal

Horario: 17. 00 h a 20.00 h

Nº de prazas: 20

O prazo de inscrición remata o venres 4/11/2011 e a adxudicación de prazas farase por orde de inscrición.

Todos os que estean interesados en inscribirse deberán enviar a correo@arousa-norte.es  os seguintes datos:

 

Nome e apelidos

Empresa

Cargo na empresa

Dirección postal

Teléfono de contacto

Click here to download:
PROGRAMA CURSO TURISMO ACCESIBLE_NOV 2011.pdf (94 KB)
(download)
Turismo de Benestar

A Concellería de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal, dirixida por Balbina Lojo Olveira, xunto coa empresa “Viajes Cortegada” dentro do programa de turismo e benestar, organiza circuitos de saúde e esparcimento, dirixidos a persoas maiores de 50 anos e persoas con cargas familiares que precisen un respiro familiar.  

O programa realizarase entre os meses de novembro e marzo. Consiste nunha viaxe de seis días a O Grove con hospedaxe en hotel de tres ou catro estrelas, para recibir tratamento termal combinado con actividades de animación e visitas guiadas a diferentes lugares da zona, como son Sanxenxo, A Illa da Toxa, Cambados e Portonovo, etc. 

O custo da viaxe que inclúe estancia, manutención, desprazamentos e as excursións ten dúas modalidades a elexir: 

- Estancia en hotel de tres estrelas 159 Euros por persoa en habitación doble.

- Estancia en hotel de catro estrelas 179 Euros por persoa en habitación doble.

   En ambos hoteis, as habitacións individuais teñen un suplemento adicional. 

Con este programa, a Concellería de Servizos Sociais, quere animar a tódolos veciños e veciñas a disfrutar dunha semana de coidados saudables e actividades lúdicas como mellora da súa calidade de vida e benestar. 

As persoas que estén interesadas en participar neste programa, poderán facer a súa inscrición no Departamento de Servizos Sociais, situado na Rúa Castelao nº1 ou chamando o teléfono 981107415.  

A data final de inscrición no programa é ata o día 28 de Febreiro de 2012. 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   A Pobra do Caramiñal   Arousa Norte   Porto do Son   cursos   turismo  

Turismo: xornalistas de Suiza, Austria e Alemania percorren vilas mariñeiras. Barbanza e Noia non existen no destino "España Verde"

  • Profesionais de medios de comunicación especializados en turismo e náutica dos mercados suízo, alemán e austríaco percorren durante esta semana Galicia e Asturias nunha viaxe de prensa organizada polas comunidades do norte de España que conforman a marca turística España Verde, en colaboración con Turespaña e ‘Villas Marineras’.
  • As bisbarras de Barbanza e Noia, unha vez máis, non contan como destino turístico para a Xunta de Galicia e outros entes supramunicipais que chuchan fondos europeos para promocionar o turismo

Xornalistas_espaa_verde

 

Barbanza e Noia, 22 de setembro de 2011.- Un grupo de periodistas procedentes de Zürich, Viena e Düsseldorf participan durante esta semana nunha viaxe de prensa organizado polas comunidades que conforman a marca turística España Verde –Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, xunto con Turespaña- en colaboración con ‘Villas Marineras’. Aerzte Journal, Ocean 7 e Spanien-Reisemagazin son os medios nos que se difundirán as reportaxes que durante estes días elaboran os xornalistas coa información que recompilen durante as súas visitas e experiencias turísticas no seu percorrido por algunhas privilexiadas vilas mariñeiras de Galicia e Asturias. 

No marco do convenio de colaboración entre o Instituto de Turismo de España, a Sociedad Anónima Pública Basquetour S.A., Turgalicia, a Sociedad Regional de Turismo del Principado de Asturias e a Sociedad Regional de Turismo de Cantabria para o desenvolvemento de accións conxuntas de márketing dos destinos e produtos turísticos asociados á marca España Verde, inclúese esta acción promocional que se desenvolve en colaboración con Villas Marineras e que percorrerá as vilas de Baiona, Sanxenxo, Sada, Ortigueira, Viveiro, Cudillero, Llanes, Ribadesella e Xixón.

As nosas bisbarras, ignoradas unha volta máis

Os xornalistas non coñecerán os atractivos da vila mariñeira de Rianxo, nin verán o porto de Ribeira, e tampouco se decatarán de que Noia foi, hai séculos, "Porto de Compostela". Por suposto, nin chío do turismo náutico de Porto do Son nin do potencial turismo mariñeiro da Pobra. Dirá algo Arousa-Norte desta discriminación? Fará algo a Asociación Rural de Desenvolvemento Muros-Noia? Ou limitaranse a fundir os fondos europeos en campañas turísticas erráticas, en sinais atrapa-turistas e confunde-propios? E os alcaldes destas bisbarras, van facer algo ao respecto?

‘Villas Marineras’ en España Verde

No seu percorrido por Baiona, os xornalistas visitarán o casco histórico, a réplica da Carabela Pinta, a Virxe da Roca e máis o faro de Cabo Silleiro. En Sanxenxo visitarán a ermida da Nosa Señora da Lanzada, o porto deportivo Xoán Carlos I e o Paseo de Silgar. Desprazaranse posteriormente a Sada e a Ortigueira, facendo unha parada na fábrica de Cerámica de Sargadelos. O Teatro da Beneficiencia e o Museo Ortegalia serán algunhas das paradas que realizarán durante o percorrido. A visita a Galicia completarase percorrendo o porto e o casco histórico de Viveiro. 

Xa en Asturias, farán o percorrido Llanes de Cine, no que visitarán a costa e os escenarios nos que tivo lugar a rodaxe de varias producións cinematográficas, así como os miradoiros e as praias máis emblemáticas da cidade. Os cubos da memoria e o Llanes mariñeiro e medieval completarán a visita a esta vila. En Ribadesella visitarán as Cuevas de Tito Bustillo e en Xixón o muro de San Lorenzo e mais o casco histórico. 

Ademais de descubrir os aspectos relacionados co carácter mariñeiro destas localidades, os xornalistas poderán gozar da magnífica gastronomía típica de cada unha das vilas e dos seus aloxamentos singulares.  

O turismo alemán en Galicia

Accións promocionais deste tipo están dirixidas a incrementar o peso do turismo destes mercados en Galicia que no caso de Alemaña, por exemplo, é xa bastante significativo. O ano pasado o 11,9% dos turistas estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia procedían de Alemaña. O mercado alemán é xa o segundo mercado estranxeiro máis importante da comunidade, por detrás de Portugal. En 2010 rexistráronse preto de 90.000 viaxeiros e 160.000 pernoitas nos establecementos hoteleiros da comunidade de turistas procedentes de diferentes puntos do país xermano. 

Doutra parte, no que atinxe exclusivamente ao Camiño de Santiago e á procedencia dos peregrinos, Alemaña sitúase neste segmento como o principal país de orixe dos peregrinos estranxeiros, cun total de 14.522 peregrinos durante o Ano Santo 2010, o 17,3% do total internacional.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Ría de Arousa   Ría de Muros e Noia   turismo  

Ribeira: este sábado, 9 de xullo, xornada de Arousa Norte por un "litoral sostible"

Arousa_norte_en_ribeira
Click here to download:
Ribeira Arousa Norte1.pdf (119 KB)
(download)
Click here to download:
Ribeira Arousa Norte.pdf (162 KB)
(download)

Vía

Relacionada:

Miña terra, meu lar, opinión sobre o mantemento nulo do sinalamento turístico en Ribeira

 

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Ribeira   medio ambiente  

Rianxo: as Xornadas de Perspectiva de Xénero rematan este xoves 26 no auditorio

Organizadas pola Mancomunidade Arousa Norte, participaron case cincocentos alumnos dos institutos de Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal

Media_httpfarm5static_bhoai

Rianxo, 25 de maio de 2011. Rianxo será o último concello no que se realice a actividade de perspectiva de xénero que organiza a Mancomunidade de Municipios ría de Arousa-zona norte e nela participarán 80 mozos e mozas do Instituto de Educación Secundaria (IES) Félix Muriel. A actividade terá  lugar no auditorio de Rianxo, este xoves 26 de maio ás 11.00 horas.

Previamente xa se realizaron tres xornadas nos concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro e Riveira e nas que participaron 350 alumnos e alumnos dos IES da Pobra do Caramiñal, Praia Barraña, Espiñeira, A Cachada, Leliadoura e Nº 1 de Ribeira. 

Estes datos supoñen a participación de sete IES da comarca do Barbanza, 433 mozos e mozas que cursan os estudos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacherelato.

O proxecto propón a análise das cancións e produtos musicais que consume a mocidade dende unha perspectiva de xénero a través dun concerto. Nesta actuación recitaranse aquelas cancións que falan de relacións de parella, dos ideais románticos, dos celos, da posesión, da dependencia, etc. e que transmiten valores que fomentan as desigualdades entre homes e mulleres, que perpetúan prexuízos sobre os hábitos sexuais ou favorecen falsos ideais románticos.

A través deste concerto preténdese fomentar a prevención da violencia de xénero na mocidade, sensibilizar á mocidade en igualdade de xénero, analizar os produtos musicais que consume a mocidade dende a perspectiva de xénero e espertar a análise crítica na mocidade para evitar a perpetuación de estereotipos de xénero.

Para levar a cabo estas actuacións, Arousa Norte contará coa colaboración do Grupo Chévere de teatro. Para a selección e programación desta actividade fixéronse previamente dúas reunións cos profesores implicados dos institutos de educación secundaria (IES) dos catro concellos.

Este proxecto levarase a cabo co financiamento dunha subvención concedida pola Sección de Servizos Socias, dependente do Servizo de Fomento e Servizos Provinciais, da Deputación da Coruña.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   IES Félix Muriel   Rianxo  

Turismo: a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte organiza un concurso de ideas para San Valentía na súa páxina web

Media_httpfarm3static_hflfh

Barbanza, 4 de febreiro de 2011. "¿Cómo sería tu estancia romántica en Arousa Norte?" é o título do concurso no que a Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Norte sortea 4 bonos de turismo rural “Te quiero”.

Este bono de turismo rural inclúe unha noite de aloxamento con almorzo e detalles de cortesía nun dos establecementos da rede de turismo rural de Arousa Norte.

No concurso, as persoas participantes poderán achegar as súas propostas dunha estadía romántica en Arousa Norte. A temática das ideas presentadas estará relacionada coa elaboración dunha escapada romántica para dúas persoas cunha estancia mínima de 2 días (1 noite) en Arousa Norte (Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro ou Ribeira. Se dis outro lugar sáeste do concurso).

Para a selección das propostas gañadoras, terase en conta a calidade das mesmas en canto a creatividade, a innovación así como o alcance da proposta para a posta en valor do territorio e a promoción turística de Arousa Norte.

Poderase acceder ao concurso cubrindo un formulario a través das webs  www.arousa-norte.es  (pinchando no banner publicitario na parte inferior da páxina) ou  no apartado Concurso AN de  www.arousa-norte.es/blog-arousanorte/.

O prazo para a presentación das propostas pecharase o día 14 de febreiro, San Valentín, de 2011 ás 00.00 h.

Banner-448
Bases aquí



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   certame  

Turismo: o conselleiro de Cultura respaldou en Fitur a presentación do paquete turístico "Arousa Norte, una luz en la sombra"

Roberto Varela cualificou a iniciativa como "unha idea fermosa baseada no concepto de turismo accesible".  A responsable da actividade é a Mancomunidade de Municipios 'Arousa Norte' e conta coa colaboración da Xunta de Galicia. As actividades propostas, como o bautismo de buceo e a ruta do mexillón sensitiva, exemplos de turismo accesible e de calidade.

_dsc0238

Madrid, 19 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe en Fitur o paquete turístico Arousa Norte, una luz en la sombra organizado pola Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa Norte e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. O conselleiro valorou o programa encamiñado ás persoas con discapacidade visual como unha “idea fermosa que pretende desenvolver na práctica o concepto de turismo accesible”. 

Ao acto de presentación dos paquetes turísticos asistiron tamén o presidente da Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa Norte, Xosé Deira; o alcalde do Concello de Ribeira, José Luís Torres; o alcalde do Concello da Pobra do Carmiñal, Isaac V. Maceiras; o alcalde do Concello de Rianxo, Pedro Piñeiro e o xerente da Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa Norte, Pablo López.

Segundo Roberto Varela, “a Consellería de Cultura e Turismo apoiou desde o primeiro momento un proxecto que ofrece a persoas con discapacidade visual a oportunidade de disfrutar ao máximo das posibilidades que conforman a experiencia turística”. Deste xeito, Una luz en la sombra, “profundiza na capacidade para disfrutar da zona cos cinco sentidos, demostrando que a comarca do Barbanza é un auténtico paraíso para os sentidos”. 

O conselleiro expresou a súa convicción de que “o proxecto será un éxito e marcará un camiño que seguirán moitas outras comarcas de toda España”. Roberto Varela destacou a iniciativa como mostra da “cooperación efectiva entre os distintos Concellos e a colaboración entre as administracións públicas e a empresa privada que sempre dan froitos”.  

Roberto Varela valorou asemade o proxecto Estancias Literarias “baseado na gran tradición literaria da zona”. O conselleiro lembrou como a comarca “foi berce de escritores fundamentais das letras galegas como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste e terra importantísima para a vida e obra do universal Valle Inclán”, do que se conmemora este ano o 75 aniversario do seu pasamento.

_dsc0231
O titular de Cultura felicitou á Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa-Norte “polas súas excelentes iniciativas turísticas” e animou ao colectivo a visitar a Comarca do Barbanza e “disfrutar da súa natureza, a súa gastronomía e os seus infinitos tesouros”.

Turismo accesible e de calidade

O destino turístico Arousa Norte, promovido pola Mancomunidade de Municipios da Ría de Arousa Norte, presenta dous paquetes de Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual. 

‘Sumérgete en Arousa Norte. Bautismo de Buceo’ é unha das iniciativas ofertadas. Este paquete turístico consiste nunha programación de tres días que inclúe visitas guiadas ao Mirador da Curota (Pobra do Caramiñal), ao Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), ao Museo do Mar (Rianxo) e ao Centro Arqueolóxico do Barbanza, así como o bautismo de buceo, actividade central do programa. O aloxamento e as comidas realízanse a través da rede de casas de turismo rural e rede de restaurantes de Arousa Norte.

‘La perla negra de la ría de Arousa Norte. Ruta del mejillón sensitiva” responde ao nome da segunda iniciativa. Este paquete vén desenvolto tamén en tres días de actividades caracterizados polas visitas guiadas ao Mirador da Curota (Pobra do Caramiñal), ao Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), ao Museo do Mar (Rianxo) e ao Centro Arqueolóxico do Barbanza, así como a celebración da ruta do mexillón sensitiva. O aloxamento e as comidas realízanse a través da rede de casas de turismo rural e rede de restaurantes de Arousa Norte.

Para a realización destas actividades estableceuse unha colaboración coa ONCE e leváronse a cabo cursos de formación para a sensibilización dos empresarios turísticos que tiveron unha gran acollida. Estas actividades atractivas e especiais como o bautismo de buceo e a ruta do mexillón sensitiva, son un bo exemplo de turismo accesible e de calidade. 

Declaracións do conselleiro de Cultura:

(download)

Noutros blogs:

Cos dedos, lendo a liberdade no Barbanza, en Capítulo 0

Antes publicamos:


Turismo: Barbanza, esta semana, do 19 ao 23 de xaneiro, en Fitur

Internet: Arousa Norte renova a súa web



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Fitur   Xunta de Galicia   cultura   turismo  

Turismo: Arousa Norte renova a súa web turística, con especial coidado no deseño visual

Arousa_norte_web_2011

Barbanza, 12 de xaneiro de 2011. Ano novo, nova web. A Mancomunidade Arousa Norte, que engloba aos catro concellos de Barbanza de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, xa dispón dun escaparate en flash na Rede. A anterior web, de 2006, recibira o premio Ferpalia como mellor web de promoción turística de Galicia. A nova, que polo de agora está só en castelán -Fitur xa é este mes en Madrid e debería estar xa noutros idiomas, como a anterior-, é moi atractiva visualmente.

Para os visitantes que estean interesados en achegarse a Barbanza, hai unha sección na que se poden planificar as viaxes, na que se indica claramente como chegar a cada sitio, onde aloxarse, onde comer e os paquetes turísticos que se poden escoller segundo conveña. Na área multimedia recóllense fotos dos catro concellos, vídeos e audios (as audioguías de cada concello foron incorporándose xa o pasado ano), e incluso van introducir xogos.

O esquelete principal da páxina responde ás cuestións básicas de calqueira turista ou visitante: que ver e que facer. Tamén se suxiren recomendacións e hai unha pestana que liga aos folletos turísticos e de actividades que vai editando Arousa Norte. Unha vez vista a web, convén botarlle de cando en vez unha ollada ao blog que tamén aloxa, onde se informa das últimas accións turísticas na bisbarra.

A web tamén dispón de ligazóns a todos os recursos de Arousa Norte como entidade nas diferentes redes e servizos máis comúns hoxe en día (Flickr para fotos, a puxante rede social Facebook, a cada vez máis esquecida rede musical MySpace, a rede de microblogging Twitter e a canle máis extensa de vídeos, Youtube).

Web de referencia:

http://www.arousa-norte.es

Relacionada:
Turismo: Barbanza, gárdasme o segredo do 19 ao 23 de xaneiro?




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   internet   turismo  

Turismo: Arousa Norte gardará os seus segredos co resto de Galicia en Fitur entre o 19 e o 23 de xaneiro en Madrid

A Mancomunidade dos catro concellos de Barbanza partillará espazo nos 1.400 metros cadrados do stand galego

Media_httpfarm6static_dwjnj

Barbanza, 10 de xaneiro de 2011. A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, instalará o seu stand institucional para a promoción do Turismo de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur 2011, entre os días 19 e 23 de xaneiro. Serán 1.421 metros cadrados de superficie dedicados á difusión turística da comunidade galega nun dos principais mercados do mundo. Uns poucos metros cadrados acubillarán os segredos de Arousa Norte, que promocionarán Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.


Este ano, o stand da Xunta de Galicia presentará a Marca turística da comunidade galega: Galicia, gárdasme o segredo?, transmitindo os seus valores emocionais (baseados no resultado dun estudo recente elaborado por Turgalicia no que se recollen aquelas percepcións que destacan na mente dos consumidores ou potenciais turistas con respecto a Galicia: autenticidade, misterio, maxia, sosego, a conexión cun mesmo e cos demais, nostalxia, o caracter acolledor e amable, etc). Tendo en conta estas claves, e baixo unha estética moi coidada e de calidade, sempre segundo a Xunta, o espazo representa a Galicia como un soño, un destino con personalidade propia onde os aspectos máis emocionais conectan con realidades concretas, onde esas sensacións ou soños poden ser vividos. Tamén se destacan aqueles elementos que nos diferencian e personalizan nun espazo escenográfico de grande atractivo e impacto visual para os visitantes.

Media_httpfarm5static_gzfdo

O 800 aniversario da catedral de Santiago tamén será promocionado

Asemade, o stand difunde a totalidade da oferta turística galega: destinos, produtos e recursos, á vez que dá a coñecer os dous fitos do ano 2011: a Cidade da Cultura de Galicia e o 800 Aniversario da Catedral de Santiago. O atractivo refórzase coa inclusión de zonas de proxeccións interactivas que somerxen ao visitante por recorridos fantásticos de Galicia.

O stand de Galicia contará con 16 coexpositores que mostrarán de xeito concreto a súa oferta turística. Así, estarán presentes: Deputación da Coruña, Padroado de Turismo da Provincia de Lugo, Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Turismo Rías Baixas, Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa-Zona Norte, Asociación de Desenvolvemento Turístico da Mariña Lucense, Mancomunidade de Municipios da Terra Chá, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Turismo da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Santiago, Concello de Lugo, Turismo de Ourense, Turismo de Pontevedra e Turismo de Vigo.

Ao longo das xornadas, o espazo de promoción do Turismo de Galicia albergará distintos actos de presentación de destinos e produtos turísticos, ademais de actuacións dirixidas a todo tipo de públicos.

Webs de referencia:

http://www.arousa-norte.es/

http://www.ifema.es/ferias/fitur/default.html

http://www.turgalicia.es/



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   2011   Arousa Norte   Fitur   turismo