Preme para voltar á portada
Filed under

arqueoloxía

 

Colaboración: "Parece un xudeu do Castelo!", por Domingo Regueira

     Persuadido por este dito, ocorréuseme rastrear a Rúa Tetuán na parroquia do Castelo na procura de algún outro motivo que xustificase a presenza dos conversos xudeus neste barrio da Pobra do Caramiñal. Despois de moito rastrear, atopeime con esta mostra, a cal quero compartir con todas aquelas persoas que sintan curiosidade polo pasado e desexen tocar testemuñas da súa historia con mostras e argumentos que, dalgunha maneira, sustenten estas SherlockHolmianas pescudas.

P1010095
     Ao mesmo tempo —coma sempre—pretendo sensibilizar a veciños e rexedores das vilas barbanzanas para que estas antigallas, que son as poucas follas dos libros que nos quedan dun recente pasado, sexan  expostas e adecuadamente, aclaradas e publicadas para que os veciños de vilas, barrios e aldeas saiban que cada risco marcado nun eiteiro, cada pedra fincada na terra, cada construción antiga e cada ferramenta, apeiro ou útil que os nosos antigos usaban nas súas casas, talleres ou embarcacións son as ilustracións físicas que acreditan, amenizan e dan fe dos textos que narran a historia. Por iso non deberían ser ignoradas, esquecidas, destruídas, desprezadas, desbotadas, anatematizadas, espoliadas ou esnaquizadas. Punto.
Entalla_mezuzah

Cada pobo ten a súa historia e polo tanto cumpre custodiar tales vestixios en museos ou salas adecuadas, e non nos caros e cutres e infrautilizados tenderetes que estamos vendo.

Deus sabe a cantidade de voltas que as pedras que conforman as casas levan dado!

As entallas onde os xudeus poñían a mezuzah tamén se atopan desprazadas, formando parte dos muros e das vivendas reconstruídas. Non hai máis que ver como algunhas marcas de canteiros dos perpiaños da igrexa do Castelo están invertidas.


O “rebaixe” na xamba dereita da porta onde os xudeus pasaban a man o entrar e saír da casa, era para recordar a oración que contiña o roliño da mezuzah ao modo que os cristiáns se persignan -ou persignaban- o saír.

Foto_puerta_1
Hipottico_esquema

Este “rebaixe”,  —como se mostra no debuxo—probablemente fose onde se aloxaba o tubo (mezuzah), que contiña a oración e por causa de xustificar a súa adhesión ó cristianismo —aínda que en realidade probablemente fose unha  falsa apostasía—, eliminaron a entalla que o contiña para, deste xeito, borrar calquera simboloxía que os vinculase co xudaísmo. Pero a man, disimuladamente, seguíana pasando. Logo, a cada lado da porta gravaban unha cruz como signo confírmante da súa (imposta) cristianización.

Foto_puerta_4

                Agora as mezuzahs son de caprichosos deseños e caros materiais e para a súa colocación traen —coma os electrodomésticos— un manual de instalación, pero as daqueles tempos eran funcionais.  Probablemente a xente tivese outras prioridades.

Prisciliano, como druida, oficiaba debaixo dun carballo, penedo ou alpendre. Agora fanse os rituais en suntuosos presbiterios ao amparo de xigantes baldaquinos de alquímicos bronces e salomónicas columnas atrapadas por refulxentes guirnaldas de carísima factura, para que os coitados fieis, ao ver tal, idiotizados, engurrados, apoucados e minguados na súa identidade non se sintan nin miñocas. Mentres, os congregantes locen vangardistas atavíos que chocan violentamente coa moda do “seu” mesías, que se vestía no mercado.

O políticos españois, sobre todo “as”, destinan máis tempo a recorrer perruquerías e boutiques, que a resolver os grandes problemas que aflixen, magoan e alienan aos seus “subditos”.

Ao parecer, o despido dos sefardís non foi por outra cousa máis que por intereses relixiosos, pois estaban roubándolle a clientela o cristianismo e isto tampouco é de facer. <<Cada un ao seu, dicía o que andaba roubando a verdura>>


Domingo Regueira


P.D. Para os que teñan curiosidade nesta materia poden ollar esta interesante páxina: http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2004PDF/2004%20431-466%20EMILIO%20FONSECA.pdf

Antes, Domingo Regueira escribiu:

E todos estes artigos sobre diversos aspectos do pasado de Barbanza e Galicia

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Domingo Regueira   Historia   arqueoloxía   colaboracións  

Colaboración: "Os constructores das antas", por Domingo Regueira

¿Xitanos ou exiptanos, construtores das antas?

 

A raíz de ler un suceso, no cal uns xitanos manifestaban o seu desconsolo pola profanación do nicho do seu pai para levarlle un par de reloxos de ouro, que segundo os fillos e a viúva, —aclarándolle ó periodista, que preguntaba por que o enterraran con tales obxectos —insistíanlle con toda naturalidade, que os ditos obxectos eran pertenzas do defunto, e polo tanto, correspondíalle levalos consigo. Este relato levoume a reflexionar sobre o enigma deste curioso costume, xa que en xeral, salvo raras excepcións, os nosos —paios—, van co posto. Lixeiros de peso.

Dita reflexión dispúxome á expoñer esta atrevida conclusión, de que os anteiros (construtores das antas) que apenas deixaron vestixios dos seus asentamentos, podían ser xitanos. Xitanos ambulantes que subían nos estíos detrás dos animais, e nos invernos baixaban detrás deles. Daí que nas proximidades dos túmulos apenas afloren restos das súas chousas, xa que estas tal vez serían provisionais, a base de elementos vexetais. Aínda que, probables zócalos destas construcións —círculos de pedras fincadas—, atópanse moitos. Sería cuestión de estudalos.

O que si deixaron son as arcas colectivas onde botaban os restos dos defuntos xunto con tódalas súas pertenzas, fose o que fose. Corozas, caxatos, traxes, mantas e cobertores e outros mobles; probablemente nalgún caso, queimasen xunto coas súas pulgas, chinches, polillas e outros dípteros que ignoramos, algún que outro bártulo.

Existen aparentes mámoas con pouca elevación, que podían ser simplemente queimadoiros de bagaxes infectados, ou tamén carboeiras onde facían non hai moito o carbón vexetal.

Para os incrédulos e outros que sempre negaron a existencia de tesouros nestes enterramentos por mor de que destruísen o pouco que nos queda destas xentís sepulturas: aí lles vai un mal arranxo de un edito da época onde empezou o saqueo.


<<Documento que alude al proceso incoado a principios del siglo, XVIII despues de la destrucción de más de 3.000 mámoas llevado a cabo en aquellos años>>

 

<<...otras tierras se an atrevido a cabar y abrir las dhas (dichas) mamoas o modorras o castros sepulturas de gentiles sacando dellas el oro que an allado y usurpandolo a su magestad cuyo hes (cuyos) sin guardar la orden que su magestades servido dar segun sere por lo que han hecho desde que el dho mi parte despacho al dho (dicho) Jacome vazquez guerra y cada dia van con su malicia adelante por tanto y yo en el dho (dicho) nonbre requiero a todos los presentes y por ellos a los ausentes una dos y tres y las mas beces que puedo no se atreban a tocar en las sepulturas gentiles manifestadas por mi parte por ser del rey nuestro señor y pertenecer a su real hacienda y de las que an abierto registren y manifiesten clara y abiertamente lo que han allado subjetandose a la clemencia de su magestad y en lo han sihacer hazan bien y de lo contrarioy de parte de su magestad protestos seran castigados con el rigor del dercho y leis destos reinos y para que conste de su contumacia y malicia y de la nocencia de mi parte y celo que tienen en servir a su magestad hago publicamente este requerimiento y del pido muchos otros asuntos>>

De aí que os profanadores das tumbas xentís nos albores do século dezaoito, atopasen os buratos das arcas cheos de machadiños de pedra e sobre todo —que era o que buscaban,— algunha que outra filigrana. Costume que os anteiros=megaliteiros (xitanos) tiñan, de meter co defunto as cousas de valor que posuíra en vida.

¡TUTANKAMON non deixou nin chica! ¡Levouno  todo!

 É de supoñer que o resto do enxoval, non era cobizado polos arqueólogos de bandarria e picaraña, entre o que atoparían testos, cazarolas, facas, machados, puntas de frecha e calquera outro obxecto que dificilmente poidamos imaxinar.

Outra das curiosidades que arroupan esta teses, é o nome polo que se coñecen os monumentos megalíticos da nosa terra: A Casa do mouro, A Cova do mouro, O Forno do mouro a Fonte do Mouro... Se analizamos o nome de mouro, sabemos que mouro, asociase ó moreno, escuro ou negro. Non raza negra, a pesar que nas nosas aldeas, aínda se acostuma a poñerlle “mouro”, os cans negros.

Os xitanos son de pel moura.

Folclore do dolmen de Axeitos.

Entre a Pía do Frade e a Pedra do Mouro, hai unha trabe de ouro...

Recoñezo o pesadas que se fan estas crónicas tan longas.

Ata fai moi pouco, os xitanos tiñan a primixenia costume de vivir en chousas provisionais, obedecendo esta circunstancia a súa trashumante maneira de vida, deambulando de un lado pra outro <<... su espíritu errante no tiene fronteras ...>> Dí o cantar. Para o que teña interese pódeo ver aquí: http://argentinaonline.info/tangos/msg06225.html 

 

Curiosamente esta civilización marchou destas terras sen avisar, e con ela, os segredos da súa cultura, onde nada se soubo ata o século dezaoito onde, por casualidade roturando un terreo, apareceu o primeiro tesouro que atribuíron ós mouros.

¿Qué pasou dende que marcharon?

Gregos, fenicios, celtas, romanos, suevos e árabes, non souberon nada destes acubillos.   

En Caldas de Reis polos anos 40 máis ou menos, por dar unha data, ó poñer un poste para unha viña colóuselle o ferro e non vexades o que alí apareceu. Unha pequena parte aínda a poden ver no Museo de Pontevedra.

De paso aí lles van unhas imaxes para amenizar esta pesada crónica.

(download)

 

Antes, e tamén por Domingo Regueira:

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Domingo Regueira   arqueoloxía   colaboracións  

Colaboración: "A preglaciación na Ría", por Domingo Regueira

Ra_24
       A partir do documental que Manolo Gago nos regalou sobre o megalitismo da illa de “Jidoiros”, Ghidoiros, Fidoiros, Fiordos…? (velo aquí ou no fondo deste texto) volvín revisar o meu esquema sobre o aumento do nivel do mar dende o Perigordiense Superior onde as neves da 4ª Glaciación empezan vacilantemente a retirarse para dar lugar a este período postglaciar onde hoxe, despois de 24.000 mil anos, estamos asistindo á desfeita do resto que nos queda dos glaciares.
Jidoiro_areoso

A licuación dos polos fan que estas augas corran cara ao mar, elevando o seu volume e consecuentemente as costas lentamente vanse  anegando. Está claro que, se non observamos os seus efectos, apenas o notamos.

Para corroborar esta teses, que a maioría xa coñecen, ofrecereilles unhas imaxes do noso entorno que corroboren  o que aquí se di.

Erosin_na_illa

Nada mellor para ilustrar este feito que o vídeo de Manolo Gago onde nos mostra unhas tumbas megalíticas  na Illa de Jidoiros o Areoso as cales os  últimos temporais puxeron ó descuberto.

Outra_escavacin

Pero o mais sorprendente é, cando nas secas dos grandes débalos,  aparecen estas tumbas que nos últimos milenios foron asolagadas polo mar.

Dende fai 24.000 anos a nosa Ría —como toda a costa mundial—, foi perdendo a súa  pradeira onde  pastaban uros, cabras, ovellas e maila vaca marela, todas elas baixo o control dos Cilenos que viñan ser os megaliteiros instalados no sur da Ría, e polo norte, os mesmos rabaños, eran outeados polos Presamarcos e Caporos da touta barbanzana instalados en calquera promontorio como a Insua en Ribeira, A Illa das Cabras en Coroso, Insua da Perilla en Palmeira e calquera outro promontorio, hoxe baixo ou fanequeira.

Erosin_mao

Dende aquela, o mar foi crecendo 1 milímetro cada ano, e así en 24.000 anos subiu 24 metros.

O_d

Avalan tamén esta teses os xeólogos, cando anunciaron os resultados das calicatas para a construción da Ponte de Rande, onde ós vinte metros de profundidade, atopáronse que aqueles fondos foran pisados polos talladores de frechas e navalliñas de sílex. Eran os  paleolitiqueiros que xunto cos cervos, ovellas, xabarís —e Deus sabe cantas especies máis— pastaban e deambulaban por aqueles verdellos pastizais.

Erosion_supinal
Debalo_en_jidoiros

As fotos proceden de Tucho Mariño, Manuel Gago e o autor deste texto

Outras colaboracións de Domingo Regueira en Certo, aquí

Máis información sobre Ghidoiro Areoso en Capítulo 0, aquí



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Domingo Regueira   Ribeira   Ría de Arousa   arqueoloxía   colaboracións  

Boiro: o VI Encontro Arqueolóxico do Barbanza será o sábado 25 e o domingo 26 de febreiro


Como se pode observar no programa, o escavado antes de 2008 en Neixón séguese a ignorar. E a primeira longametraxe documental sobre a arqueoloxía galega, baseada neste castro, tamén segue a ser boicoteada polos políticos boirenses, dá igual a cor política que teñan

Programa do Encontro:

VI Encontro Arqueolóxico do Barbanza

-> 25/02/2012-26/02/2012 [9:00-14:00; 16:30-21:00; 10:00-14:30 h. ]
-> Casa da Cultura Ramón Martínez López

       formulario inscribirse 

 

Sábado, 25/02/2012.

9:00-10:30 h. Acreditacións e entrega de documentación.

10:30-11:00 h. Acto de apertura.

11:00-12:00 h. Ramón Fábregas Valcarce e Arturo de Lombera Hermida.

<<Cova Eirós: novas achegas para o Paleolítico de Galicia>>

 

12:00-12:30 h. Eduardo Méndez Quintas.

<<O Paleolítico Antigo no Baixo Miño: o xacemento achelense do Cabrón (Arbo)>>.

12:30-13:00 h: DESCANSO.

13:00-13:30 h. Beatriz Comendador Rey.

<<A Prehistoria no crisol: metalurxia e sociedade no NW peninsular>>.

13:30-14:00 h. Lino Gorgoso López.

<<A Mesa de Montes (Cangas do Morrazo, Pontevedra). Xacemento, paradigma, retrospectiva>>.

----------------------------

16:30-17:00 h. Luis Francisco López González

<<Intervenciones de arqueología y restauración para la puesta en valor de la Citania de San Cibrán de Las>>.

17:00-17:30 h. Andrés Bonilla Rodríguez

<<Últimas intervencións nos castros de Neixón: resultados das campañas 2009, 2010 e 2011>>

17:30-18:00 h. Rafael M. Rodríguez Martínez e Ruth González Reyes.

<<Proxecto Pousadas Xardín do Salnés: turismo e cultura accesibles>>.

18:00-18:30 h. DESCANSO.

18:30-19:30 h. Elena Lima, Mª Jesús Iglesias e Miguel Sartal.

<<Xacemento do Areal. Aportacións recentes á arqueoloxía viguesa>>.

19:30-20:00 h. Francisco M. Hervés Raigoso.

<<Torres de Oeste. Catoira: Estado de la cuestión a raíz de las últimas actuaciones arqueológicas>>.

20:00-21:00 h. J. Manuel Rey García.

<<Parque arqueolóxico de Campo Lameiro: xestión e experiencias>>.

21:00 h. Presentación das exposicións:

-Bibliográfica: <<Pioneiros da nosa Historia>> (Organiza Card´ville)

-Fotográfica: <<Beleza esquecida>> (Organiza Sorriso de Daniel e ACAB).

 

Domingo, 26/02/2012.

10:00-11:00 h. Germán Delibes de Castro. 

<<La explotación de la sal en el tránsito Calcolítico-Edad del Bronce en las lagunas de Villafáfila (Zamora)>>. 

11:00-12:00 h. Ángel Villa Valdés. 

<<Argumentos para la interpretación histórica de mil años de poblados fortificados en el Navia-Eo: excavaciones arqueológicas en el Chao Sanmartín (Grandas de Salime, Asturias)>>.

12:00-12:15 h. DESCANSO. 

12:15-13:15 h. Rodrígo del Balbín Behrmann.

<<Arte paleolítico en los valles interiores de la península ibérica>>. 

13:15-14:15 h. Primitiva Bueno Ramírez. 

<<Arte megalítico en la península ibérica>>.  

14:15-14:30 h. CLAUSURA.

Antes, en Certo:

Serie NEIXÓN: A NOSA TORRE


Neixón: A nosa torre (I)

 

Neixón: A nosa torre (II)

Neixón: A nosa torre III

 

Neixón: A nosa torre IV


Neixón: A nosa torre V
(Bienvenido Mr. Marshall)


A todo marrao lle chega o seu San Martiño

.- Porca miseria (Caciquismo e arqueoloxía)


.- J'Accuse (Eu acuso) (sobre as obras de ampliación do CAB, abril 2010)

.- Lóxica do bochorno (réplica a unha información sobre escavacións en Neixón)



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Boiro   arqueoloxía   castros de Neixón   charla informativa  

Arqueoloxía: a asociación "Terra de Outes" pronúnciase a favor de que se preserve todo o achado en Taramancos

  • "A ninguén se lle pasa pola cabeza hoxendía que cando empezaron a aflorar os restos do castro de Baroña se taparan para construir enriba unha urbanización, un cámping ou unha estación de esquí acuático", argumentan no seu comunicado.


Noia, 3 de setembro de 2011. A asociación cultural "Terra de Outes" vén de pronunciarse sobre os recentes achádegos no poboado de Espiñeira ou Taramancos Vello, na parroquia noiesa de Boa, que corren perigo ao ir situado ao seu carón o viaducto e ponte da variante de Noia. Como é xa tradición en Certo, publicamos o comunicado íntegro:

"Terra de Outes cre que de proseguir coas obras de Taramancos tal como están trazadas se consumará un gravísimo atentado contra o patrimonio histórico galego e, en particular, da comarca Muros-Noia, e por conseguinte as consecuencias serán nefastas para un territorio, no que se inclúe o noso concello, que ten no turismo cultural unha importantísima fonte de ingresos.
Todo achado arqueolóxico debe ser preservado. A ninguén se lle pasa pola cabeza hoxendía que cando empezaron a aflorar os restos do castro de Baroña se taparan para construir enriba unha urbanización, un camping ou unha estación de esquí acuático, ou que se arrasara o dolmen de Axeitos para facer unha estrada máis ampla de Ribeira a  Corrubedo e os bañistas chegaran antes á praia, ou as mesmas dunas para ampliar o parking. por razóns de comodidade as propias murallas de Lugo estarían xa derrubadas.

Os gobernantes deben pensar non só en función das constructoras e a opinión pública debe empeñarse en que os representantes da nación non se aparten do cometido para o que foron elexidos".

Relacionadas:



Arqueoloxía: piden á Xunta modificar a variante para conservar o de Taramancos

Pode que lle interese:


Ponte da Chaínza: están a destapala. Dous metros de altura no arco. Formaba parte do antigo Camiño Real que pasaba pola vila


Memoria histórica: quen era Luis Barrena?


Xardín da memoria: onde asasinaron a Barrena


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Terra de Outes   arqueoloxía   castro de Taramancos   patrimonio galego  

Noia: a pontella da Chaínza, que de vello chamaban "romana", está a ser destapada e recobrando o seu esplendor

Media_httpfarm7static_pxojt

Media_httpfarm7static_jxlci

Media_httpfarm7static_jvaze

Apareceu todo un arco cunha altura de máis de dous metros e o inicio dun segundo arco.
Media_httpfarm7static_gdqud

Media_httpfarm7static_bglhl

A pontella estaba tapada, á mesma altura da fonte de abaixo, que é posterior
Media_httpfarm6static_sgjwa

Media_httpfarm6static_ecpcq

Probablemente sexa medieval, pois na súa estrutura é moi semellante á de Río Sieira

Estes traballos de restauración de vellos elementos están a ser feitos dentro do proxecto de remodelación das antigas curtidorías de Cadarso (que datan de 1.700), nesta contorna da Chaínza, nunha zona cultural e de esparexemento de Noia sobre a que publicamos antes:


Rehabilitación: 480.000 euros para "Fábricas da Cheynça"

Chana
Comezan as obras para rehabilitar a Chaínza

Media_httpfarm5static_vcfzy

Convenio para facer un novo conservatorio na Chaínza



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Noia   arqueoloxía   obras   pazo da Chaínza  

Porto do Son: "Castro de Baroña: Ben de Interese Cultural desde sempre"

Texto e fotos: Paco do Martelo

(download)

  • Remataron as Xornadas de Historia e Cultura de Porto do Son, adicadas á cultura castrexa e o megalitismo
  • A sensación en cada xornada foi sempre a mesma: os políticos só se ocupan das obras novas, as do pasado danlle bastante igual

Media_httpfarm5static_xrvmb

A bordo do balando Joaquín Vieta, con base en Noia, visitáronse os tres castros marítimos do Son: Baroña, Nadelas e Illa do Mar

Porto do Son, 13 de agosto de 2011. Onte remataron as Xornadas de Historia e Cultura. Pola mañá houbo unha visita guiada ao Centro de Interpretación do Castro de Baroña e posterior visita guiada ao Castro deste mesmo nome. Como actividade complementaria, non organizada pola comisión das xornadas, pero que tivo unha moi boa acollida, foi unha visita por mar aos tres castros marítimos de Porto do Son: Baroña, Nadelas e Illa do Mar. A viaxe foi a bordo do Joaquín Vieta.


CONFERENCIAS

"En busca dos concheiros perdidos: pesca e marisqueo na cultura castrexa".
Victor Bejega García, Eduardo González Gómez de Agüero.
Universidade de León. Área de prehistoria.

O cuncheiro como ADN dun castro

A información que proporciona un cuncheiro é estacional; climática e en que época se recolectou ese marisco. Tamén proporciona información económica e artesanal. O método usado para datar todo isto é nun primeiro paso cribar todo cunha malla dun milímetro. Logo faise un "triado", identifícase e tómanse os datos biométrcos. Para darse unha idea da labor que isto xera, nalgún chegaron a procesar unha tonelada.
O principal elemento que se atopa neles son cunchas, daí o nome, pero tamén restos de moluscos, crustáceos, alfarería ou metalurxia. Nos primeiros séculos antes de Cristo o normal é atopar por rigoroso orde en maior medida e como elementos principais, restos de lapas, mexillóns e ameixas e longueiróns, e como secundarios, berberechos, bígaros e ostras. De todo isto despréndese que había ausencia de sobreexplotación.
Un exemplo é o Castro de Punta Atalaia (Cervo-Lugo), onde o 99% do seu cuncheiro era exclusivamente a base de lapas.

En opinión destes expertos, o Castro de Neixón (Cespón, Boiro) é o mellor datado ata o momento. O cuncheiro de Baroña atopouse xunto á casa número 5.

Xa no interior, o normal é atopar restos de ostras, como en Astorga e León, pero tamén vieira e ameixas. En base a estes datos, detéctase que nos castros marítimos consumíanse as especies de baixo valor comercial (autoconsumo) e exportábanse as consideradas de maior valor.

Pesca no mundo prerromano

Nos séculos V-II A de C, poucas especies de peixes se pescaban, e só vertebrados. Unha característica é que non se atopan nin cabezas, nin escamas, o que induce a pensar que os limpaban no mar nada máis capturalos e que rexeitaban a cabeza. Estes peixes eran semigrasos e brancos, ningún azul e como eran especies caníbais, pescábanos cos azos que se acharon.
A partires do Século II A de C, xa se aumenta o número de especies que pescan: faneca, ollomol, maragota, xurelo e xarda e tamén se da un cambio: tráenos enteiros para terra. O aumento da poboación e dos castros conlevou a aparición de redes para poder alimentar a todos. Isto sábese porque tamén se atoparon pedras coas que fondeaban as súas redes para atrapar os peixes.

Auga máis quentiña

Naquela época era abundante a xarda pintada, máis propia de mares quentes, pero polos datos que se manexan, calculan que a temperatura da auga nesas épocas era 2 grados superior á día de hoxe. Xa en épocas máis recentes, sábese que por exemplo na Idade Media, pescábanse linguados e meros.

Un dato moi importante (e óllase que non hai quen lle poña o axóuxere ao gato) é que a merluza -a pescada- cun tamaño envexable, moi abundante na época prerromana e romana, coa pesca do arrastre foise retirando cada vez máis da costa e mesmo desaparecendo. En Cantabria dende que se creou unha reserva mariña na que está prohibida a arte do arrastre, volveu aparecer a merluza.

Hai que investigar o cuncheiro de Taramancos

Media_httpfarm7static_ehjbt

Enorme cuncheiro atopado este ano no castro de Taramancos

Como non podía ser menos, porque estes días está en boca de todos, falouse do cuncheiro atopado en Taramancos-Noia, e agardan que se-lles deixe investigalo. Veremos se impera o sentido común e non pasa como en tantas aberracións cometidas, tanto por políticos, como por expertos na materia e por profanos. Máis información sobre cuncheiros e relacionadas, en http://arqueomalacologia.blogspot.com/

"Castro de Baroña: paisaxe cultural e xacemento arqueolóxico".
Anxo Concheiro Coello Arqueólogo

O Castro de Baroña require unha Reestruturación Arquitectónica
Algún día o castro converterase en tres illotes
Ás casas vanlle aparecer as portas

Concheiro, un dos arqueólogos que máis estudou o Castro de Baroña, concibe este xacemento (pola súa silueta) coma un gran cetáceo que varou aí e destaca a súa espectacularidade, riqueza e pola súa defensa. A súa entrada é moi común noutros castros ingleses.

Ángel Concheiro non está de acordo coa datación de Baroña por un escaso coñecemento científico e cre que é da Idade do Ferro. Foi descuberto en 1933 por Pablo Díaz, un capitán de carabineiros destinado en Porto do Son, que fixo a primeira escavación. José María Luengo entre 1969 e 1970, tamén o escava e fai outra mala reinterpretación da época. Nos anos 80 é Francisco Calo Lourido, o que intervén nel, hasta que nos 90, o propio Concheiro fai a súa achega, e agradeceu a colaboración de moita xente, entre eles, o veciño do Son Ramón Alonso Vila.

Nada dos romanos en Baroña

Media_httpfarm7static_inpzg

Un dato a destacar é que non apareceu ningunha simboloxía romana. Para iso amosou o pendente de ouro atopado no castro e outro de época romana, para que se vira a súa gran diferencia. O castro consolidouse grazas a Calo Lourido, que se atopou cunha ruína.

Futuro Centro de Interpretación de Baroña

O arquitecto da ETSA de Coruña e máster en Urbanismo, Marcial Rodríguez Rodríguez, falou do proxecto do Futuro Centro de Interpretación, que consistirá en tres edificios de madeira e pedra, difuminados no entorno. Tamén se abordou a erradicación do campismo salvaxe (estes días é desaforado, como se pode ver nas fotos) e na expropiación desa mole branca -casa unifamiliar- co que se devolverá á zona a súa primitiva imaxe. Tamén se denunciou a escavación furtiva feita o ano pasado e o xeito de usaren as pedras xa do propio castro para facer figuras de pedra, simboloxía adaptada doutros lares, pois nin milladoiros propios doutros santuarios galegos, como Teixido, son.

Acto de Clausura

José Luís Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son, púxose todo solemne para dicir que "se renunciamos á nosa Historia non temos futuro" e comprometeuse a crear unha partida especifica para o próximo ano, adicada ao Castro de Baroña. Tivo o valor de recoñecer que a pesar de prometer o primeiro día acompañarnos nalgún acto, non o fixo. Agardemos que esa última promesa sexa algo máis firme, inda que vendo todas as feitas polos políticos sobre este castro ao longo da última década, mellor ser escépticos totalmente.

Pola súa banda, Asunción Torres Parada, concelleira de Cultura de Porto do Son, pediu "a colaboración de todos e todas para preservar o noso legado e loitar contra os vándalos que o atacan". Manuel Mariño del Río, Director das Xornadas, agradeceu o feito e dixo que "detrás dunhas xornadas hai un gran traballo e moita colaboración altruísta". A coordinadora das Xornadas, Patricia Torrado Queiruga, asegurou que estas xornadas teñen moita razón de ser "e xa está en marcha a seguinte edición". Houbo unha actuación musical a cargo de Ramón Leis. Aínda que non viña no programa, estivo acompañado pola fermosa voz dunha soprano.

Nota: Cada un é dono dos seus actos, pero persoalmente botei en falta a presenza de moitos máis políticos en activo ou retirados. Aburrirálles coñecela nosa Historia?

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Paco do Martelo   Porto do Son   arqueoloxía   xornadas  

Porto do Son: as Xornadas de Historia centráronse onte na cultura castrexa. O dos celtas, un invento

Texto e fotos: Paco do Martelo

 

P8112274
P8112278
P8112296
P8112301
P8112303
P8112307
P8112309
P8112310
P8112312
P8112316
P8112337
P8112338
P8112352
P2208754
P8112344
As Xornadas de Historia e Cultura están dirixidas por Manuel Mariño (á esquerda nesta imaxe).

Porto do Son, 12 de agosto de 2011. As conferencias de onte das Xornadas de Historia e Cultura, dirixidas por Manuel Mariño, tiveron como protagonista á descoñecida, pero pouco a pouco divulgada, cultura castrexa.
Javier Corral titulou a súa charla "Encontros interculturais entre os fenicios e as comunidades castrexas na fachada atlántica". Trátase dun investigador do GEPN da Universidade de Santiago e, entre o máis salientable do que dixo figura: 
  1. O achegamento dos fenicios coa cultura castrexa foi vía marítima e polo interior, polo que puido dar orixe á Ruta da Prata
  2. Viñan en busca de estaño que se supoñía que había nunhas illas, que podían ser as Británicas, pero dado que non hai constancia da súa presenza nesas terras, nin na Gran Bretaña nin na Bretaña francesa, suponse que o conseguían en Galicia.
  3. As cerámicas gregas atopadas nos castros obedece a que os fenicios actuaron coma intermediarios.
  4. Nos castros de Neixón atopáronse restos de ánforas usadas para o transporte de bebidas e comidas.
  5. O Altar Púnico do Castro de Alcabre atopado baixo o castro, amosa que neste caso os fenicios ocuparon esa zona moito antes que os castrexos. Procedencia da foto que achego neste caso: http://www.peirao.com/tema_ver.php?id_tema=5208
  6. Os betilos eran a casa da propia divindade.
Xa na conferencia de Ana María Suárez, profesora do departamento de Historia da USC, que se titulou "O mundo da vida cotiá da cultura galaico-romana", abordouse a presenza romana na Gallaecia, con estas interesantes ideas:
  1. As comunidades galaicas estaban compostas por "Os populi" e a administración romana polos Conventus
  2. A muller na época castrexa tiña unha actividade destacada, que desapareceu coa chegada dos romanos.
  3. O home asimilou antes a onomástica romana, pero a muller seguiu usando os nomes pre-romanos.
  4. Antes da súa chegada non se pode falar dunha cultura castrexa do viño, o que vén rachar un pouco co mito de que os romanos adoraban o seu viño.
  5. Os romanos usaban o Plan hipodámico para crealas súas cidades.
  6. Nas casas usaban o sistema A Groma: Impluvio que era un sistema ideado para recoller as augas da choiva.
  7. Os prerromanos usaban teitos de pallas, mentres que os romanos viñeron a traela tella (Tegula, a típica tella curva e Umbrices, una tella plana).
  8. A calor ao fogar transmitíana por medio dun sostificado sistema de aire quente (Hipocaustos).
  9. A filosofía romana era dual: Negotium: Traballar para vivir. Otium: Vivir para gozar
P8112355
María Xesús Lama rachou co mito celta

Na conferencia de María Xesús Lama López, profesora de Literatura Galega na Universidade de Barcelona, abordouse "O celtismo na literatura: dos heroes guerreiros á civilización cortesá"
Algunhas ideas recollidas:

Adeus ao mito celta?

  • A principios do Século XIX foi cando se distribuíron as catro provincias actuais de Galicia.
  • O pensamento galeguista foi o que impulsou a orixe dos "celtas".
  • Verea e Aguilar foi o primeiro que usou dito termo e o que creou a primeira Historia de Galicia.

Estatua de Antolín Faraldo, un dos difusores do mito céltico, en Betanzos
  • Antolín Faraldo foi quen difundiu a súa idea e afirmou que o primeiro que había que conseguir era que o "galego" se sentise "galego".
  • O ferrolán Benito Vicetto difundiu a Historia de Galicia a través de novelas que foron superventas da literatura española. Escribila en galego para un pobo que estaba escolarizado en castelán non tería éxito, aínda que fose para reclamar dereitos de Galicia.
  •  A Historia de Galicia de Murguía foi moito máis seria nos fundamentos e chea de datos. Foi unha magna obra para ser feita no Século XIX.
  • Murguía e Pondal, outro que profundaba nas raíces celtas, coincidían na libraría de Uxío Carré Aldao, nunha tertulia denominada A Cova Céltica. Curiosamente Pondal deuse a coñecer escribindo en castelán.
  • "Rumores de los pinos", mesturaba galego e castelán e logo escribiríase só en galego, pasando a titularse "Queixumes dos pinos".
  • Ramón Cabanillas fixo a introdución da temática bretona na tradición oral celta.
  • A batalla -na brétema das lendas- do Monte Medulio é un pouco onde beben todos eles para forxar a lenda dos guerreiros celtas: http://es.wikipedia.org/wiki/Monte_Medulio

P8112356
Solpor dende un petróglifo de Porto do Son. Miraríano así os nosos antergos hai tres ou catro mil anos?


Antes, en Certo:

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Paco do Martelo   Porto do Son   arqueoloxía   xornadas  

Noia: o Concello pídelle a Medio Ambiente que paralice e modifique a obra da ponte da variante ante os achádegos de Taramancos

Media_httpfarm7static_nipho
Noia, 11 de agosto de 2011. O Concello de Noia vén de solicitar de xeito formal ao conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, a modificación do proxecto técnico da variante de Noia na zona de Taramancos, a fin de preservar os achádegos arqueolóxicos que están a aparecer no castro alí ubicado.

Media_httpfarm7static_chqhn

Media_httpfarm7static_gkkgl

Media_httpfarm7static_wgrlf

Media_httpfarm7static_cokvy

Media_httpfarm7static_bgyde

Media_httpfarm7static_vzagx

Media_httpfarm7static_gmszu

Media_httpfarm7static_gcqdq

O castro de Taramancos ten substratos de varias épocas, e pode que haxa restos romanos e da cultura castrexa, aínda por valorar. Imaxes tomadas o 10 de agosto.

No escrito que se lle enviou ao concelleiro (adxunto na fin desta información), o alcalde en funcións e á súa vez concelleiro de Casco Histórico e Patrimonio, Bieito González, lémbralle ao Conselleiro que “consideramos que a importancia dos restos é unha cuestión que non deberíamos obviar, o que obligaría ao departamento que vostede dirixe a sopesar a posibilidade dunha modificación do proxecto técnico da obra que se está a executar”.

Máis adiante o escrito solicita formalmente a modificación do proxecto técnico no ámbito onde apareceron os achádegos arqueolóxicos a fin de que os mesmos poidan ser visitables. Todo isto tendo en conta que nos últimos anos a relevancia da arqueoloxía como disciplina científica, potenciou a súa consideración social e incrementou a conciencia cidadá polos restos que constitúen a nosa identidade cultural, impoñéndose cada vez máis, a noción de que non son só depósitos do pasado senón auténticos recursos culturais que deben ser preservados en beneficio de toda a comunidade e do futuro.

Click here to download:
11081112540.pdf (382 KB)
(download)

Antes, en Certo:

Pode que tamén lle interese:


 




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Noia   arqueoloxía   castro de Taramancos   variante  

Porto do Son: descobren en Corzo un novo petróglifo dun cervo macho, dentro das Xornadas de Historia e Cultura

Texto e fotos: Paco do Martelo
 

P8102205
Marca

Porto do Son, 11 de agosto de 2011. Dentro dunha visita guiada aos petróglifos de Corzo, na parroquia de Caamaño de Porto do Son, atopouse un novo petróglifo, dun pequeno cervo, nunha rocha medio esbandallada. Isto sucedeu no segundo día das Xornadas de Historia e Cultura deste concello. Nas imaxes, a foto orixinal e outra retocada cun círculo vermello para aprezar o cérvido.

Conferencias

P8102256

"Petróglifos e iconografía: outro xeito de achegarse á arte rupestre" foi a impartida por Xoán Guitián Rivera e Jorge Guitián Castromil (pai e fillo). Historiadores da Arte. En Certo falamos moitas veces do fillo, moi vinculado á zona de Barbanza, onde pasou parte dos veráns da infancia, e arquicoñecido polo seu blog gastronómico, co que gañou o premio "Álvaro Cunqueiro" no seu día, "Diario del Gourmet de Provincias y el perro gastrónomo".
P8102244
P8102248

"Arte rupestre e Porto do Son: Achegas recentes" foi a achega que realizou Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da USC. Proxectouse un vídeo titulado "Petróglifos: testemuñas do tempo" de Federico de la Peña. E o conservador do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña Santos falou do estado actual dos petróglifos galegos.


P8102250
P8102254

Notas ao chou: PROHIBIDO FACER FOTOS DOS PETRÓGLIFOS!!!!
.
  • Na última década Porto do Son pasou a ser unha referencia na arte rupestre.
  • A dotación de cornamentas descomunais nos cérvidos: era intención do autor chamar a nosa atención e sinalar ademais que non é un cérvido calquera, senón que é un macho.
  • A "marca galega" vende e por iso moitos partidos políticos e empresas usan iconografías desta arte para dicir que son máis galegos que ninguén.
  • Só se atopan petróglifos en paredes graníticas: en lousa e outros tipos de rochas non se atopan.
  • Unha curiosidade é que na zona de Santiago están aparecendo agora os primeiros petróglifos.
  • De non se publicar nada na prensa sobre a arte rupestre no anos 90, agora sae unha noticia cada 3 días.
  • Como a Administración non fai o seu traballo, téñeno que facer "catro pringados queimados".
  • Patrimonio no Medio, foi un intento do bipartito no ano 2006 de facer algo máis por este tipo de arte, pero durou o que durou o bipartito.
  • Para a Consellería de Cultura a arte rupestre desapareceu e só fala de castros e da Torre de Hércules.
  • O tripartito, nun Decreto Regulador da Actividade Arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia prohíbe tomar fotos dos petróglifos.
  • A lei do Patrimonio cultural de Galicia aprobada no ano 1995, por unanimidade do Parlamento de Galicia, non quixo recoller ningunha suxestión dos entendidos na materia e a día de hoxe, segue estando prohibido tomar fotos deles.
  • A día de hoxe non se fixo un Catalogo Oficial do Arte Rupestre e os catálogos que hai foron feitos por particulares.

Un día máis a sensación coa que sae un das conferencias é que os políticos para o único que valen e para vivir sen pegar "pancada". Xerardo Agrafoxo foi o primeiro que se interesou pola arte rupestre no Barbanza co seu libro "Prehistoria e Arqueoloxía da Terra do Barbanza". Manuel Mariño tamén fixo un pequeno un pequeno traballo: "Os Petróglifos de Porto do Son".

P8102148
P8102152
P8102157
P8102163
P8102164
P8102168
P8102190
P8102194
P8102200
P8102212
P8102225

Onte, en Certo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Paco do Martelo   Porto do Son   arqueoloxía   xornadas  

Porto do Son: os túmulos funerarios centraron a primeira das Xornadas de Historia e Cultura

Texto e fotos: Paco do Martelo

(download)
Porto do Son, 10 de agosto de 2011. O acto de onte pola mañá foi unha actividade complementaria das xornadas, que consistiu nunha visita guiada ás mámoas do Barbanza. A charla in situ foi impartida por Victoria Villoch Vázquez (arqueóloga). Comezaron na Arca do Barbanza e despois desprazáronse á Casota do Páramo e daí seguiron a ruta a pé ata Armadoiro, Pedra da Xesta e rematouse en A Cabada.

Pola tarde foi o acto de inauguración oficial das Xornadas. Presentou o acto o alcalde Luís Oujo, a conselleira de cultura Asunción Torres, Manuel Mariño e Patricia Torrado e falaron Victoria Villoch, que deu unha conferencia sobre "O megalitismo na Serra do Barbanza"; Xosé Ignacio Vilaseco, que disertou sobre "Unha arquitectura para a morte: os túmulos do NW peninsular" e Antón Abel Rodríguez Casal, con "O fenómeno tumular e megalítico en Galicia: caracterización xeral, problema e perspectivas". Este conferenciante foi moi crítico e non deixou titere con cabeza, abraiado polo descoidado que está o noso patrimonio megalítico en particular e todo en xeral.


 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Historia   Paco do Martelo   Porto do Son   arqueoloxía   xornadas  

Arqueoloxía: o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe no rexistro de Bens de Interese Cultural varias antas e pedras fitas de Boiro, Noia e Ribeira

Media_httpfarm5static_zwavc

A Casota do Páramo, en Boiro

Barbanza-Noia, 8 de abril de 2011. A Lei de Patrimonio estatal, de 1985, declaraba por defecto Ben de Interese Cultural calquera mostra de arte rupestre pero en Galicia aínda non se fixera o catálogo completo destes bens. Hoxe, o diario oficial de Galicia publica unha listaxe dos 33 depósitos megalíticos con pinturas deste tipo que se incorporan ao Rexisto de Bens de Interese Cultural da Comunidade. En total son 28 cámaras megalíticas e 5 pedras fitas. Entre elas destacan a Casota do Páramo e a Arca de Barbanza, en Boiro; a Cova da Moura, en Argalo, Noia; e o menhir de Cristal ou Bretal, en Ribeira.

Media_httpfarm6static_gjazt

Cova da Moura en Argalo (Noia)

Na provincia da Coruña enuméranse as cámaras megalíticas da Arca do Barbanza e da Casota do Páramo en Boiro; a Anta da Mina de Parxubeira en Mazaricos; a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo en Noia; o Forno dos Mouros en Toques; a Casa dos Mouros ou Pedra da Arca na zona entre Vimianzo e Dumbría; a Arca da Piosa ou Pedra da Arca entre Vimianzo e Zas; e a Anta de Serramo ou Pedra da Lebre, a Casota de Berdoias, a Pedra Cuberta e a Pedra da Moura integramente no Concello de Vimianzo. Asemade inclúese o Menhir de Cristal ou Bretal en Ribeira.

Dentro da provincia de Lugo, inclúense neste rexistro de BICs os xacementos da Medorra número 1 de Acebedo en Outeiro de Rei e a Roza das Modias en Vilalba como cámaras megalíticas; así como o Menhir do Alto da Goia de Guntín e a Pedra de Chantada de Vilalba como pedras fitas. Na provincia de Ourense figuran a Mámoa número 1 da Serra das Motas de Lobeira e a Mota Grande número 1 de Verea como cámaras megalíticas; e a Pedra Alta de Cortegada ou Pedra Grande de Antela nos Concellos de Sarreaus, Vilas de Barrio e Xunqueira de Ambía como menhires ou pedras fitas.

Na provincia de Pontevedra inclúense as cámaras megalíticas de As Namelas 2 e 3; a Chaira do Medio e a Mámoa dos Muíños en Agolada; a Mámoa da Cruz en Lalín, o Chan de Castiñeiras 2 ou Mámoa de Pedralonga en Marín; a Casiña da Moura en Meis; o Chan de Arquiña en Moaña; a Anta do Meixueiro ou Meixoeiro en Mos; o Coto dos Mouros en Rodeiro; a Mámoa do Rei ou Chan de Castiñeiras 1 en Vilaboa; e a Anta 1 Chan dos Touciños, a Casa dos Mouros e a Mámoa do Monte Vixiador en Vigo. Asemade, tamén é obxecto de catalogación BIC o menhir da Lapa de Gargantas no Concello de Moraña.

Click here to download:
Dog Antas.pdf (57 KB)
(download)

Vía



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   BIC   Diario Oficial de Galicia   arqueoloxía   patrimonio galego