Preme para voltar á portada
Filed under

Barbanza

 

Natureza: a Sociedade Galega de Historia Natural pídelle outra vez á Xunta análises dos supostos lubicáns cazados

Click here to download:
Pregunta_batidas_lobo_2011-11-29.pdf (193 KB)
(download)


Barbanza, 9 de maio de 2012. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar de novo á Xunta de Galicia copia dos resultados das análises xenéticas realizadas a todos os lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza; información que xa solicitara con data 30-11-2011 e non incluida na resposta da DXCN de data 21-12-2011. Ademais, SGHN solicitou tamén:

    Información detallada de:

  • Cantos permisos, autorizacións e/ou licencias provisionais para capturar ou abater lobos ibéricos (Canis lupus signatus) se expediron en 2012 no Barbanza e no resto de Galicia, así como localización, extensión e condicións esixidas e capturas realizadas.
  • As medidas adoitadas para garantir o control e seguemento das batidas.
  • Cantos lobos, cans de orixe doméstica ou “híbridos” se cazaron legalmente dende setembro de 2011, así como localización, sexo, idade e copia das análises xenéticas de cada un deles para detectar hibridación.
  • Ídem para os espécimes atopados mortos sen que existira autorización para abatelos e causa da morte (veleno, lazo, iñorado, etc)
  • Coñecer se a Consellería de Medio Ambiente preveu ou planificou, e de que xeito, a xestión e manexo dos exemplares abatidos ou capturados nos controis autorizados.
  • Coñecer se foron realizadas investigacións ou pescudas para determinar a veracidade das afirmacións sobre a presencia de “híbridos” de lobo en Castro de Rei ou calquera outra localidade de Galicia.


Solicitude de cese das batidas ao lobo para a eliminación de supostos híbridos

No artigo científico de Godinho, R., Llaneza, L., Blanco, J.C., Lopes, S., Alvares, F., Garcia, E.J., Palacios, V., Cortes, Y., Talego, J. e Ferrand, N. (2011). Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula. Molecular Ecology 24, 5154-5166 (ver resume):

    Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
    A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cativo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da súa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1) e Minho (Portugal).
    As áreas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
    Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
        Lobas dispersas no bordo dunha poboación marxinal ou en expansión.
        Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manda por desaparición do macho alfa (ou dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas).

Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat, por todo o cal SGHN solicita ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

  •     Que, con carácter inmediato, se suspendan todas as autorizacións vixentes para matar lobos (Canis lupus signatus) en Galicia
  • Que nas zonas onde se sospeite a presencia de supostos híbridos de can e lobo se proceda a CAPTURALOS VIVOS por parte de persoal especializado da Consellería que vostede preside e se proceda a súa análise xenética para comprobar se o son ou non híbridos e que no caso de ser:
  1. Lobos puros se proceda de inmediato a súa liberación na zona onde se capturou.
  2. Exemplares híbridos de lobo e can, NUNCA se liberen de novo no medio e se actúe con eles conforme á Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e a restante normativa legal aplicable.

Máis info:


Imaxe do blog de Axena, onde tratan polo miúdo o asunto (de feito, eles foron os primeiros en dar a voz de alarma):

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- A opinión dos gandeiros



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   Sociedade Galega de Historia Natural   lobo   polémica  

Ribeira: acto este sábado 28 en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular por unha sanidade pública

  • Participarán, lendo un manifesto, dramaturgos como Kiko Cadaval ou escritores como Riveiro Coello e Antonio Piñeiro

Plataforma_sanidade_28_abril_ribeira

Ribeira, 26 de abril de 2012. O vindeiro sábado 28 de abril, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza organiza un acto de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia.


O acto consistirá nunha xornada informativa na que se explicarán os diferentes puntos desta iniciativa lexislativa. Haberá lectura da ILP enteira ás doce da mañá e ás seis da tarde, a cargo de persoeiros do teatro galego como o ribeirense Quico Cadaval e a actriz Uxía Casal, así como escritores relacionados con esta bisbarra (Riveiro Coello e Antonio Piñeiro). Tamén estarán nesta lectura Suso Laíño, Manolo Cartea e Xoán Pastor. Durante todo o día haberá recollida de sinaturas para levar adiante esta iniciativa, tan necesaria nuns tempos en que os nosos gobernantes turran por desmantelar a sanidade pública.

Localizacións: de 10 a 14 horas, na rúa peonil de Galicia en Ribeira
De 16 a 20, no paseo de Coroso, ao pé do instituto.

Antes, en Certo:

E se es dorneiro, lembra:


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   plataforma   sanidade  

Natureza: a asociación ecoloxista Vox Ánima pronúnciase sobre a Campaña contra o Híbrido do Barbanza

Ribeira, 25 de abril de 2012. Seguen as reaccións sobre a campaña de exterminio dos lubicáns do Barbanza. Desta volta publicamos o comunicado da asociación Vox Ánima, de recente creación, e cuxa primeira actividade pública será unha manifestación o vindeiro sábado 28 de abril, da que xa informamos.

Click here to download:
Exterior diptico lobo definitivo.pdf (678 KB)
(download)

Comunicado completo:

 

Dende a Asociación Vox Ánima queremos amosar a nosa máis enérxica repulsa e indignación ante a campaña emprendida pola Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para exterminar o híbrido de lobo na Serra do Barbanza; polas seguintes razóns:

 

1. Sen infravalorar nin por un instante o dereito á vida dos híbridos de lobo, salientamos que as batidas e agardos contra estes, están a afectar tamén de forma irremediable ao lobo, xa que a única maneira de diferenciar un lobo dun híbrido é mediante unha análise de ADN. Por iso gustaríanos saber cales son os criterios polos que se rixen á hora de disparar. Ademais estas accións non están sendo levadas adiante por técnicos ou profesionais dependentes da Xunta de Galicia, senón por cazadores particulares que se prestan voluntarios.

 

2. Os agardos e trampeos, previstos para os meses de abril a agosto vanse facer en plena época de cría, polo que a captura ou morte da nai, vai supoñer a morte de todas as crías por inanición.

 

3. Na observación dalgúns dos animais abatidos, presuntamente híbridos, atopáronse sinais de manipulación por parte do home, xa que tiñan as orellas recortadas, o que fai tomar corpo á posibilidade de que eses exemplares foran criados en catividade e soltados posteriormente, non se sabe con que intención.

 

4. Tanto as batidas realizadas coma os agardos e trampeos, segundo a información de que dispoñemos, estanse a facer sen un coñecemento real sobre a poboación de lobos que nestes momentos hai no Barbanza.

 

5. Ademais consideramos que a morte destes animais, sexan híbridos ou non, é totalmente innecesaria, xa que, se o que se pretende é evitar a hibridación, podería procederse á captura e esterilización dos primeiros.

 

Por todo isto esiximos o cese inmediato de esta matanza. Ademais se o que se pretende é evitar novos casos de hibridación deberán poñer control aos abandonos de cans nos montes da Serra. A única solución real pasa por efectuar medidas que eviten os abandonos: coma controis exhaustivos dos cans de caza, revisións rutineiras de microchips, rexistro municipal destes animais, compromiso de esterilizacións, infraccións por abandono; o que significa, en definitiva, un interese por parte da Administración de educar á sociedade no respecto pola vida nos animais.

 

Por último, queremos amosar tamén o noso rexeitamento ao tratamento sensacionalista que determinados medios de comunicación lle están a dar a este tema. Creando un alarmismo en torno á figura destes animais, que en nada se parece á realidade.

Click here to download:
Interior diptico lobo definitivo.pdf (516 KB)
(download)

Relacionadas:

Temos que facer tamén referencia a Axena, asociación que deu a voz de alarma en primeiro lugar e que lle leva adicadas xa seis entradas ao asunto no seu blog:

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- Opinión dos gandeiros

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   Vox Ánima   lobo   natureza   polémica  

Medio Ambiente: Adega asegura que os recortes da Rede Natura da Xunta en Barbanza son para agasallar ás empresas eólicas

  • O goberno de Feijóo fomenta eólicos sobre hábitats prioritarios e especies ameazadas, no que Adega denomina "doma e castración da Rede Natura galega"

Barbanzadef



Barbanza, 24 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, "a cativa ampliación da Rede Natura 2000 que hai uns meses presentou a Xunta contrastaba coa proposta que a administración tiña lista en 2008. As razóns dos "recortes": Deseñar uns espazos protexidos a medida dos intrereses amigos. Agora as probas desta "doma e castración" da Rede Natura galega abrollan: o que ía ser un dos LICs máis extensos na prevista ampliación de 2008, a Serra do Barbanza, caeuse da proposta do PP para deixar sitio á cobiza da patronal eólica. Nada menos que 3 hábitats cuxa conservación é prioritaria para a UE e ducias de especies ameazadas e endemismos sufrirán os efectos dos recortes de Feijóo e o seu conselleiro de Infraestruturas Hernández. Até cando imos consentir esta aldraxe?".

As instalacións do parque eólico “O Barbanza”, promovidas por Norvento, sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta en 2008 (bipartito) para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza” (cód. ES1110019), cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC respostaba á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos da rexión bioxeográfica atlántica. Casualmente, este espazo "caeuse" recente proposta de ampliación presentada polo PP, malia a contar cunha serie de valores naturais sobre cuxa insuficiente representación en Galicia, a UE apercibíu en repetidas ocasións a España:

Na Decisión da CE, 2004/813/CEE, do 7 de decembro de 2004, pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), formúlase para o estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados hábitats, contando en Galiza cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (4020*) e as Turbeiras altas activas (7110*), entre outros. Transcorridos 7 anos dende esta Decisión, e perante a renuencia do estado español e da Xunta a ampliar a representividade destes hábitats, a Comisión voltou a lembrar, en resposta a unha nova pregunta escrita do grupo Verdes-ALE (E-000364/2011) que “os hábitats de interese comunitario 7110 «Turbeira alta activa» e 7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na rexión de Galicia” polo que o “Reino de España debería designar como LCI [LIC] varias zonas máis para cubrir as insuficiencias observadas en Galicia”.

Este parque eólico “O Barbanza” ocupará áreas con presenza non de un, senón nada menos que 3 hábitats prioritarios: Breixais húmidos atlánticos, cód. 4020*; Turbeiras altas activas (7110*) e Formacións herbosas con Nardus (6230*), para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Alén disto, as pistas, gabias, subestacións, muíños, etc. van ocupar un humidal incluido no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118). E a respeito das especies protexidas, ducias de taxóns vexetais e animais incluidos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, moitos deles endémicos, van verse "afectados" por estas obras. Resulta patético que a empresa (Norvento) diga no seu Estudo de Impacto que "No referente ás medidas preventivas e correctoras nos Planos de Conservación das especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, [...] presentes na zona de afección, [...] solicitouse á documentación pertinente a administración, sen recibir resposta". Como van recibir resposta se a Xunta só presentou en 5 anos 4 planos de Conservación das máis de 200 especies ameazadas galegas?

"Este é outro exemplo da demolición controlada que a Xunta está a perpetrar na Rede Natura 2000. Tanto ten que perdamos o millor do noso patrimonio natural; tanto ten que a UE ameace con fortes multas (que pagarermos todos/as) para castigar a preguiza da administración e que as leis ambientais sexan sistemáticamente violadas: o que importa é que uns poucos poidan seguir chuchando do teto eólico mentres a nosa natureza convírtese nun inmenso polígono industrial en ruinas", rematan os de Adega.

Pode que tamén lle interese:

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   Barbanza   Rede Natura   denuncia  

Sanidade: a asociación SOS Sanidade Pública advertiu onte dos recortes e copagos que o PP anunciou hoxe

Media_httpfarm2static_aestq

Entre as medidas anunciadas está o pago de un euro por receita e facerlle pagar aos xubilados os medicamentos, algo que nunca ningún goberno ousou facer

Barbanza, 18 de abril de 2012. Logo de negar reiteradas veces que o fose facer, tanto en campaña como logo de gañar as eleccións, o Partido Popular anunciou hoxe, a través da súa ministra de Sanidade, Ana Mato, que se instaura o copago -inda que ela, nesa neolingua que emprega o actual executivo, que tamén lle chama "activos ocultos" ao "carto negro" de toda a vida, di que non é tal- na sanidade. Hai menos dun mes, nun par de liñas dunha nota de prensa, o PP tamén recortou 10.000 millóns en Sanidade e Educación, tratando de convencernos de que os servizos prestados non se ían resentir. A asociación SOS Sanidade Pública viña advertindo disto dende hai tempo. Esta foi a nota que se leu onte en todas as reunións das diversas plataformas que compoñen esta asociación, entre as que hai unha de Barbanza:

"A crise, a redución do déficit e a insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros).

Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade.

Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos.

Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:

       Incrementar o copago farmacéutico segundo nivel de renda.

       Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.

       Copago por consultas e probas diagnósticas.

       Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.

       Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.

       Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.

       Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)

       Eliminar fondos de cohesión interterritorial.

       Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.

       Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.

       Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc.

A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público.

Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos, para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:

Concepto

Recadación copago

Aforro racionalidade

Reducir 50% os medicamentos innecesarios >65 anos

70  millóns

83 millóns

Reducir 50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos

23 millóns

66 millóns

Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización

0 millóns

27 millóns

Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas

0 millóns

263 millóns

Reducir 10% frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas

9,4  millóns

23 millóns

Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP

44 millóns

60 millóns

Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios

4,5  millóns

14,8  millóns

Integración do mutualismo administrativo no SNS

4,5 millóns

12,5 millóns

Total

155 millóns

549,3 millóns

 

Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega

Desde SOS Sanidade Pública facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

SOS Sanidade Pública

Santiago, 17 de abril de 2012

 







Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   denuncia   sanidade  

Sanidade: denuncian o boicot do Concello de Padrón á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública

  • Ademais, a Asociación Galega pola Sanidade Pública critica as declaracións do ministro de Economía e Competitividade, De Guindos, sobre recobrarlle a sanidade ás rendas superiores a 100.000 euros ao ano

Media_httpfarm6static_slaht

Padrón, 9 de abril de 2012. Varios membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza estiveron onte, domingo 8 de abril, pola mañá no mercado de Padrón recollendo sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa e Promoción da Sanidade Pública no Parlamento Galego.

"Mais tivemos que suspender a recollida porque a Policía Municipal mandounos levantar a mesa e parar a recollida xa que nos informaron de que o permiso que solicitamos hai tres semanas estaba denegado. Temos que decir que ata ese momento ninguén do concello de Padrón se dirixiu a nós nin vía correo postal, electrónico ou teléfono: parece que o concello considera que o xeito  adecuado de responder aos cidadáns é enviando a Policía municipal", explican dende a Plataforma pola Sanidade Pública. En Padrón goberna, en minoría, o alcalde do PP Antonio Fernández Angueira.

Media_httpfarm8static_kzchz

"Dende a Plataforma consideramos que a solicitude do permiso para recoller sinaturas é meramente un trámite administrativo, e que nun estado democrático non existe ningunha xustificación para que non se lle permita a un colectivo de cidadáns exercer o seu dereito a informar e facer partícipes aos seus concidadáns dun dereito constitucional como é a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular no parlamento.Queremos dende aquí denunciar os feitos acaecidos o domingo 8 de abril no mercado de Padrón", remata Marian Rodríguez Blanco, representante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza.

Non é a primeira vez que lles ocorre isto, nunha clara mostra de que moitos políticos no goberno cren que se pode calar á xente enviándolles a policía:


Hospital da Barbanza: piden celadores e mándanlles policías

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Ante as declaracións do ministro de Economía sobre excluír ás persoas de maior renda da Sanidade Pública, esta asociación ten que sinalar:

A sanidade xa a pagamos todos


1) O ministro parece descoñecer que a financiación actual da Sanidade Pública realízase a través dos impostos (IRPF, IVE, impostos especiais) e que polo tanto non ten sentido que as persoas que pagan impostos, e se o fan legalmente pagan máis, deixen de ter dereito ás prestacións sanitarias, salvo, claro está, que o que se pretenda é que deixen de pagar impostos ou unha parte deles. Un bo servizo público necesita un financiamento suficiente e este só pode vir dun sistema fiscal progresivo onde pagan máis os que máis teñen.

100.000 euros gánaos moi pouquiña xente

2) O colectivo de persoas que gañan máis de 100.000 euros é reducido, polo que o gasto sanitario que producen suporía cambios mínimos na presión asistencial do sistema sanitario.

Un servizo público discriminatorio por renda é un pobre servizo

3) É ben coñecido que para que un servizo público teña calidade é preciso que atenda a toda a poboación, sen discriminación de renda nin de grupo social. Como xa se sinalou "un servizo para pobres será sempre un pobre servizo" e significaría volver ao modelo de beneficencia con prestacións escasas e de baixa calidade para a maioría da poboación, a que ten menos recursos.

Os ricos desgravarían e a sanidade pública descapitalizaríase

4) As persoas de elevada renda excluídas da Sanidade Pública terán reducións de impostos para contratar seguros privados o que descapitalizará a sanidade pública e dará orixe a unha sanidade para ricos e para o resto da poboación.

De Guindos, ex Lehman Brothers, adora o sistema americano, un dos máis ineficientes do mundo

O Ministro de Economía  propón unha fórmula ao Lehman Brothers que cambiaría o modelo sanitario cara ao norteamericano onde co maior gasto sanitario do mundo (3 veces o galego per cápita) máis de 50 millóns de persoas non teñen dereito á atención sanitaria e outras tantas teñen unha asistencia sanitaria con prestacións moi limitadas, segundo declarou Manuel Martín García, portavoz da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   denuncia   plataforma   sanidade  

Folga xeral: SOS Sanidade Pública apoia a mobilización do 29 "polos efectos negativos da reforma laboral sobre a saúde"

  • Un traballador pode ser despedido se está de baixa 8 días en dous meses, informan

Image001
 



Barbanza, 27 de marzo de 2012. "A reforma laboral aprobada polo Goberno terá efectos moi significativos para a Saúde dos traballadores", asegura a plataforma SOS Sanidade Pública, dentro da que se integra a Plataforma pola Sanidade Pública de Barbanza. A reforma modifíca o articulo 52.b do Estatuto dos Traballadores de maneira que permite o despedimento de aqueles traballadores que teñan ausencias entre o 20 ao 25% da xornada laboral, incluíndo nas mesmas ás baixas por enfermidade común de duración inferior aos 20 días, sen ter en conta a taxa de absentismo da empresa (tal e como sucedía ata agora en que se necesitaba que esta fose superior ao 2,5%).

Que significa esta modificación?

Que un traballador cunha xornada de 40 horas semanais pode ser despedido se esta 8 días de baixa en 2 meses.


Que efectos ten sobre a saúde esta situación?

- Haberá unha diminución do número de baixas por enfermidade, sobre todo por procesos agudos, en que os propios traballadores serán os que non queiran unha baixa a pesar de estar enfermos, fenómeno este que xa se detectou nos últimos anos, debido ao aumento do paro.


- Como as enfermidades non diminuirán, e máis  que probable que as persoas que estean enfermas continúen traballando cos efectos que iso leva asociados: Diminución da capacidade de traballo, problemas na baixa do rendemento e/ou na calidade da produción.


- Un aumento da accidentabilidade porque traballadores coas súas capacidades físicas diminuídas teñen unha maior propensión a padecer accidentes laborais.


-  A presenza de traballadores con enfermidades infecto-contagiosas nas empresas  serán un risco para a propagación das mesmas na contorna laboral, e nos casos en que os traballadores teñen atención directa aos cidadáns converteranse nun foco de diseminación e contaxio da enfermidade.

"Deixando de lado o que significa de perda de dereitos dos traballadores, esta reforma implica tamén un risco para a saúde dos mesmos directamente e para o conxunto da poboación dun xeito indirecto, xa que vulnera algunhas das leis sobre saúde pública (Lei Xeral de Sanidade, Lei Xeral de Saúde Pública) e o artigo 43 da Constitución que garante o dereito á protección da saúde", explicou Manuel Martín García, portavoz de SOS Sanidade Pública en nota de prensa.  

Relacionadas:



 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   folga   sanidade  

Turismo: organizan un curso de inmersión lingüistica en castelán nunha conserveira do Barbanza

  • Organizado por Cetur da Universidade de Santiago de Compostela e Creative Tourism Galicia
  • É un cursiño de inmersión lingüística en español que se fará en conserveiras e adegas e está destinado a estranxeiros, voluntarios europeos, estudantes, Erasmus e público interesado neste tipo de experiencias
  • O prazo ampríase ata o 14 de marzo. En breve haberá outra convocatoria, tamén en galego e francés
Curso_inmersion
Click here to download:
curso_inmersion.pdf (395 KB)
(download)

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   inglés   turismo  

Barbanza: Curota Sound, I certame para grupos novos da bisbarra

Cartel_curotasound

Xa están abertas as inscricións. Organiza a asociación cultural Borobó. En breve máis información

Pode que tamén interese:

Certame de música da Xunta de Galicia: tes un grupo novo? aquí tes unha oportunidade!

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   certame   grupos   música  

Sanidade: recollen sinaturas para promover unha Iniciativa lexislativa popular en defensa da sanidade pública

Click here to download:
MANIFESTO ILP (2).doc (27 KB)
(download)

Media_httpfarm6static_fvmbr

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Barbanza manifestouse no seu día para impedir a privatización do servizo de diálise, que agora foi recoñecido cunha certificación de calidade

Barbanza, 7 de febreiro de 2012. A Plataforma en defensa da Sanidade Pública da comarca da Barbanza inicia, xunto co resto de plataformas de toda Galicia, unha recollida de sinaturas para presentar no Parlamento galego unha Iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia.

Co fin de presentar esta Iniciativa e a campaña de recollida de sinaturas convoca a unha rolda de prensa que terá lugar mañá, mércores 8 de febreiro ás 17.00 horas no centro cultural de Artes.

As distintas plataformas galegas presentaran a mesma campaña este mesmo día.

Antes, en Certo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   plataforma   sanidade  

Barbanza: concellos e outras entidades coordinaranse para loitar contra a violencia machista

  • Os centros de información á muller exercerán como nexo

Media_httpfarm5static_oiuec

Ribeira, 3 de febreiro de 2012.- O Concello de Ribeira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e co cofinanciamento da Deputación da Coruña, atópase inmerso desde hai varias semanas na consolidación de estruturas de coordinación e cooperación entre os distintos ámbitos profesionais  dirixidos  á eficaz prevención, detección e intervención na loita contra a violencia de xénero, co fin de garantir que as vítimas de delitos de violencia de xénero dispoñan dunha actuación rápida, eficaz e coordinada.

Media_httpfarm3static_iolzi

A finalidade do acordo é a de mellorar os mecanismos existentes de comunicación e de coordinación entre os/as profesionais dos distintos ámbitos de actuación (policial, sanitario, xurídico e social),  permitindo deste xeito, unha atención integral en cada caso, así como o establecemento de pautas de actuación estruturadas e homoxéneas máis efectivas na intervención coas mulleres vítimas de violencia de xénero. 

Para a elaboración deste Protocolo xa se realizaron dúas mesas de coordinación, a última o pasado 26 de xaneiro de 2012, nas que participaron o Centro de Información á Muller, representantes de Servizos Sociais, Policía Local e Policía Nacional de Riveira, Xulgado nº 3, Fiscalía, Colexio Oficial de Avogacía, Centros educativos, Centro de Saúde de Ribeira, Hospital Comarcal da Barbanza, Unidade de condutas aditivas, Servizos Sociais do Concello de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal e Unidade Contra a Violencia da Muller da Subdelegación do Goberno pola Provincia da Coruña.  

Está previsto que nas próximas datas se realice unha nova mesa de coordinación para garantir unhas pautas estruturadas e homoxéneas e para conseguir que as persoas afectadas por violencia de xénero reciban unha atención integral no Concello de Ribeira e os seus arredores. 

Para facilitar a redacción do acordo sobre a violencia de xénero, o Concello conta coa asistencia técnica da empresa OBZ, especializada no asesoramento a entidades públicas en materia de igualdade de oportunidades e violencia de xénero.

Pode que tamén lle interese:

Casa da Xuventude de Ribeira: hai programa cultural para seis meses alomenos


Gala do Deporte: é o 24 de febreiro. Propoña candidat@s!!


 Mancomunar: será posible coordinar Cultura en Barbanza?


Expo: "Paraísos non tan lonxanos", ata o 25 de febreiro



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   mancomunidade   violencia   xénero  

Curiosidades estatísticas: es de Barbanza? Entón o máis seguro é que te chames Manuel ou María. Es de Noia? Pois tamén

Nomes_de_a_pobra

Cantábano os irreverentes e divertidos "Los Toreros Muertos" nos anos 80 do século pasado: "Deja ya de joder, yo no me llamo Javier". Pois en Barbanza tampouco hai moitos que se chamen Javier (sacando o medio cento de Rianxo), pois os proxenitores prefiren arrimarlle o Francisco.

Nomes_de_boiro

Non se trabucan nada os vendedores e as praceiras cando berran iso de "Ven aquí, María, que teño bos prezos" ou o tamén socorrido "Manolo, mira que bos grelos teño hoxe". María, con del Carmen detrás, é o nome de muller máis empregado por estas terras. Pero o nome tan común de Manuel tamén é moi usado por elas, as Manuelas.

Nomes_de_noia
O nome de Xosé (nos gráficos veñen só nomes en castelán porque non foron traducidos da fonte orixinal, que é o Instituto Nacional de Estadística de España) coas súas variantes en parellas (José Luis, José Antonio, por exemplo) tamén é moi empregado. Non é casualidade que en Galicia haxa varios sitios onde se celebran as Festas dos Pepes (e non ten que ver con ningún grupo político).

Nomes_de_rianxo
Dolores (Lola) e Rosa tamén son nomes frecuentes entre as nosas donas. Lola é un nome tradicional dende tempos lonxanos en todo o estado. Xa o cantaba a grande Concha Piquer a primeiros do século pasado:

Nomes_de_ribeira

Datos proporcionados polo Instituto Galego de Estatística. A información de base para a elaboración dos mapas e das táboas é o ficheiro do Padrón municipal de habitantes do día 1 de xaneiro de 2010 que o Instituto Nacional de Estadística (INE) facilita ao IGE.


Non atopas o teu concello entre os gráficos? Entón búscao na fonte orixinal, aquí






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   Noia   curiosidades   estatísticas