Preme para voltar á portada
Filed under

Castelao

 

Rianxo: o ceip Castelao recolleu hoxe un premio da Consellería de Educación pola mostra "Valentín Paz-Andrade, galego de corazón"

  • Xesús Vázquez Abad entregou hoxe os premios do concurso no que escolares deseñaron unha exposición multidisciplinar arredor da figura deste autor homenaxeado nas Letras Galegas 2012
  • A exposición vaise imprimir e ser repartida en máis de 1.600 puntos de Galicia e todo o mundo

Rianxo, 16 de maio de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012, como un exemplo para as xeracións futuras. Así o expresou na entrega do premio ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo), polo traballo presentado ao certame escolar para a elaboración dunha exposición multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado. Unha serie de carteis nos que, tal e como explicou o conselleiro “conseguistes sintetizar en imaxes e palabras a inmensa obra de Valentín Paz-Andrade; un autor, e cito un dos vosos carteis, ‘polifacético e incansable cun único obxectivo: servir a Galicia’”.

Click here to download:
Rianxo_Carteis_Primaria_Valentin.pdf (4.8 MB)
(download)

Ademais de ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’, do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao - que acadou o premio na modalidade dos centros de educación infantil e primaria- neste certame resultou galardoada – na modalidade para os centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e FP- ‘Colleita do 1989’, do IES Xoán Montes (Lugo), ao que o conselleiro entregou o premio o pasado luns.


Vázquez Abad explicou que felicitou a todo o profesorado e a todo o alumnado do CEIP polo seu traballo. “É un pracer ver como a colaboración entre docentes e estudantes de distintas aulas e niveis dá uns resultados tan positivos: uns carteis alegres coma a festa que celebramos, cheos de luz e cunha unidade que reflicte a perfecta coordinación e o traballo en equipo que estes materiais teñen detrás”, dixo.

“Semente dunha Galicia próspera”
Respecto do exemplo de Paz-Andrade, o conselleiro salientou o seu “traballo constante a prol de Galicia e da súa lingua”, que “debe animarvos a vós, rapaces e rapazas do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a formarvos para serdes no futuro, coma el, semente dunha Galicia cada vez máis próspera e tamén a esforzarvos sempre, dende hoxe e para sempre, por dignificar a lingua galega e abrirlle todas as portas do mañá”. “Paz-Andrade, ademais, comprendeu ben que o progreso material e económico da nosa comunidade non sería posible sen o paralelo progreso da súa cultura e da súa lingua propia”, engadiu.

“Vendo o voso traballo, rapaces e rapazas, estou seguro de que seredes capaces de aproveitar as oportunidades de aprender e de medrar nestes e noutros aspectos do saber que vos brinda o profesorado do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen aproveito para agradecer o seu labor e entrega”, rematou.

Click here to download:
Rianxo_Valentin.pdf (3.99 MB)
(download)

Traballo pluridisciplinar
A través destes traballos, as alumnas e alumnos presentan a obra e a época do autor homenaxeado desde unha perspectiva pluridisciplinar, implicando a varios departamentos do centro educativo na tarefa. Así, a Consellería, impulsora do certame, contribúe a fomentar a colaboración interdepartamental nos colexios e institutos, así como a implicación activa do profesorado e o alumnado.

O certame, organizado no marco de actividades desenvolvidas pola Consellería na lembranza de Paz-Andrade este ano no que se lle dedica o 17 de maio, constitúe unha oportunidade para convidar ao estudantado a que reflexione sobre a situación sociolingüística da nosa lingua propia na época concreta do autor. Procúrase, ao tempo, a dignificación e normalización do galego, así como enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega. De feito, as exposicións gañadoras imprímense para seren distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e o exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.



Antes, en Certo:


Fotografía: "Retrospectiva", do Foto Club Sálvora, do 4 ao 23 de maio


Serán "Mar de Rianxo": o sábado 26 de maio. Anótense!


Andaina por Forcarei: o sábado 26 de maio


Cultura: o rianxeiro Castelao pecha o "Ceo das Letras" 2012

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Rianxo   ceip   premio  

Rianxo: o Bng rendiu homenaxe a Castelao no seu cabodano

  • O BNG rende homenaxe a Castelao en Rianxo no seu cabodano e volta converter o acto nun mitin electoral
  • O portavoz nacional critica que “o Goberno de Rajoy, co beneplácito de Feijoo, utilice a crise como coartada para avanzar na recentralización do Estado” 
  • “Acábaselle o tempo ao goberno de Feijoo que vai deixar como legado unha Galiza empobrecida”, di Guillerme 

Media_httpfarm8static_eyfre

Rianxo, 7 xaneiro 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Rianxo na homenaxe  no acto de homenaxe a Castelao con motivo do seu cabodano e co que o BNG abre o seu curso político.  

Na homenaxe interveu tamén o alcalde nacionalista de Rianxo, Adolfo Muíños, e contou coa asistencia de militantes, representantes institucionais e internos do BNG.  

Guillerme encetou a súa intervención salientando que “este acto de homenaxe, facémolo tendo por primeira vez un alcalde nacionalista de Rianxo, Adolfo Muíños, motivo de satisfacción para nos e seguro que tamén para Castelao”.  

“Feijoo está deixando como legado unha Galiza de terra queimada” 

O portavoz nacional do BNG advertiu de que “Galiza está inmersa nunha profunda crise sen precedentes, nunha situación de emerxencia nacional, agravada pola falta de autogoberno na Galiza” e denunciou que esta situación “se agudiza por un goberno de Feijoo que actúa como delegación do goberno de Rajoy”.  

Un goberno de Feijoo do que dixo que “xa é incapaz de ocultar os seus fracasos:ao traxe da austeridade ábrenselle as costuras malia os seus aparatos de propaganda, e por elas asoma a Galiza real”. “Unha terra queimada vai deixar este goberno de Feijoo: paro desbocado aumentando por riba media estatal, emigración e despoboamento e cun tecido económico enfraquecida”, denunciou Guillerme.

Por iso, amosouse convencido de que “ao Goberno de Feijoo acábaselle o tempo e pasará á  historia como o presidente que permitiu o espolio do aforro galego”.  

Media_httpfarm8static_qimwo

Rajoy utiliza a crise como coartada para recentralizar o Estado 

Igualmente, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “Rajoy pouco tardou en converter o de o emprego o primeiro en os recortes o primeiro e cunha reforma laboral regresiva, fritir impostos ás clases populares, suba de prezos ou entrega das caixas aos bancos no horizonte inmediato”.  

“Iso si -denunciou- o gasto militar e o financiamento á Igrexa non se toca. E as grandes rendas tranquilas, tranquilas”.  

Do mesmo xeito, Guillerme denunciou que “a crise tamén está sendo utilizada como coartada para avanzar recentralización do Estado, reducindo os escasos avances en autonomía política a unha simple descentralización administrativa tutelada e vixiada tamén a nivel orzamentario”. “Impúdicamente, o estado español canta máis soberanía cede vírase máis ferreamente centralista”, dixo.  

Por iso, Guillerme avogou por que hoxe ten que volver ao primeiro plano o debate sobre democracia e soberanía, e en concreto das nacións sen Estado como Galiza, “un debate que debemos impulsar socialmente”.  

Non haberá  solución aos problemas de Galiza sen soberanía 

Neste sentido,  o portavoz nacional do BNG amosouse convencido de que “para unha nación como Galiza non haberá solución aos seus problemas sen soberanía, sen capacidade real de decisión”.  

E neste sentido, Guillerme lembrou que Castelao estableceu como proxecto estratéxico do nacionalismo galego “a superación da dependencia política de Galiza”.  

Así, citou as palabras do pai do nacionalismo no Sempre en Galiza: “Unha nación é soberana e ten dereito a organizarse autonomicamente. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse cando lle conviñer. Unha nacionalidade ten dereito incluso a constituírse en estado independente. (...) O Estatuto -de 1936- implicaba o recoñecemento xurídico de Galiza como rexión diferente, e non era cordo desaproveitar esta oportunidade da República, pero be sabíamos que toda mercede ou favor de Madrid a Galiza é cousa precaria, insuficiente, confiscábel. E así un galeguista consciente, só con carácter transitorio pode aceptar unha autonomía con hipoteca, pois calquera institución galega que non xorda da propia soberanía implicará subordinación, dependencia e escravitude”.  

Unhas afirmacións das que o portavoz nacional do BNG dixo que “recobran plena actualidade ante a ofensiva recentralizadora que non deixa xa marxe á democracia”.  

Asemblea Nacional do BNG 

Por outra parte, Guillerme referiuse á Asemblea Nacional que o BNG celebrará o 28 e 29 deste mes e da que dixo “é unha excelente oportunidade para decidirmos libre, democrática e soberanamente que proxecto ofrecemos a Galiza de hoxe”.  

“Estou convencido de que concluído o noso proceso asamblear redoblaremos os nosos esforzos por Galiza, lideraremos a oposición á política da dereita centralista e neoliberal”, engadiu.  

“Pola soberanía, a democracia e a xustiza social loitou toda a súa vida Castelao, e nós honrámolo seguindo o seu exemplo”, concluíu o portavoz nacional do BNG. 

Antes publicamos:

Media_httpfarm4static_igmbf

Rianxo, 4 de xaneiro de 2012. O venres 6 de xaneiro o Local Social Aturuxo celebra o LXII Cabodado de Alfonso D. R. Castelao, "un día de memoria para recuperar a nosa dignidade colectiva e a nosa memoria histórica, un día de loita", segundo explican no seu blog.

Castelao_boiro

Programación:

19:00 - Ofrenda Floral, no busto de Castelao en Rianxo. (saída dende o local ás 18:30)

21:30 - Cea, Pandereteiras (Xoaniñas) e sesión de música galega.

O sábado, 7 de xaneiro, día no que faleceu Castelao, no exilio en Buenos Aires, é a data escollida polo Bng para renderlle tamén unha homenaxe.


Rianxo_castelao_7_xaneiro



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   homenaxe  

Rianxo: o Bng critica que Feijóo non protexa o legado de Castelao e, inda por enriba, faga desaparecer Cultura como consellería

  •  Ana Pontón: “A declaración da Xunta como BIC inmaterial é unha afrenta máis a Castelao, unha vulneración dun acordo parlamentar e unha fraude en toda regra ao conxunto da sociedade galega e á memoria de Castelao”
(download)
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2012.- O BNG denunciou hoxe "a fraude e lavado de cara do goberno de Feijoo ao declarar a obra de Castelao Ben de Interese Cultural (BIC) de carácter inmaterial xa que na práctica deixa sen protección a súa obra, e permite que se poida vender e espoliar”.  

Así o aseguraron esta mañá en rolda de prensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Cultura no Parlamento Galego, Ana Pontón, que coincidiron en denunciar que a decisión do Consello da Xunta do pasado 23 de decembro “é unha mera fraude do Goberno da Xunta, xa que en nada o obriga”.  

“O mesmo goberno que deixa sen protexer a obra de Castelao é o mesmo que se carga a Consellaría de Cultura”, advertiu Guillerme, quen tamén subliñou que “quen non cre en Galiza nin no seu idioma e cultura, tampouco cre no seu autogoberno e o goberno do PP demóstrao”.  

E é que para o líder do BNG “preténdese reducir a Castelao a un personaxe sen contido, a non máis alá dun caricaturista e ocultando o seu pensamento político, que segue sendo un gran descoñecido para a maioría da sociedade galega”. 

“A declaración da Xunta é unha fraude política e legal” 

Pola súa parte, Ana Pontón, explicou que “a decisión do goberno da Xunta é unha fraude tanto no ámbito político como legal”.  

Así, lembrou que o Parlamento de Galiza aprobou en 2010 unha iniciativa do BNG na que se pedía que se declarase BIC o conxunto da obra de Castelao.  

Ana Pontón explicou que “o obxectivo que defendía a iniciativa do BNG é que a Xunta de Galicia tivese ao seu dispor as ferramentas legais para facer unha protección real da obra de Castelao, unha obra integrada por máis de 3.000 pezas gráficas e que hoxe atópase dispersa e mesmo en paradoiro descoñecido”. Ademais, lembrou que “unha parte está depositada en institucións públicas e outra en mans privadas, e non só está residenciada en Galiza, senón espallada polo mundo, tanto en América como en Nova Iorque, e mesmo en Moscú”.  

Unha declaración testemuñal que non protexe a obra de Castelao 

Porén, a deputada do BNG denunciou que a declaración como BIC que fixo a Xunta “é meramente testemuñal e para nada recolle o acordo parlamentar de 2010 pois ningunha das obras de Castelao vai estar materialmente protexida e a Xunta non vai ter nas súas mans ningunha ferramenta legal para impedir a venda, a destrución ou a venda deste patrimonio”.  

Explicou que isto é  así porque a Lei de Patrimonio Cultural da Xunta contempla que cando se declara unha obra BIC establece que é preciso detallar cales son as obras obxecto de protección. Porén, Ana Pontón advertiu de que “na declaración da Xunta ningunha obra é obxecto de protección e simplemente se fai un resumo moi superficial dalgunhas das creacións literarias e artísticas de Castelao”.  

A declaración da Xunta incumpre a lexislación 

Ademais, afirmou que para o BNG “estamos ante unha declaración que é unha fraude de lei porque a Lei de Patrimonio Cultural vincula os bens inmateriais con bens etnográficos, nada a ver coa obra individual dun autor”. E igualmente lembrou que a UNESCO declara como bens inmateriais “todos aqueles que non teñan que ver coa obra dun autor”.  

Intereses para favorecer a venda e espolio do patrimonio artístico das caixas galegas 

Por iso, Ana Pontón preguntouse  se detrás desta decisión do goberno de Feijoo hai intereses espúreos, “porque o efecto desta decisión da Xunta é  que se vai incrementar o valor especulativo da obra de Castelao, e sen que haxa ningunha ferramenta para protexer este patrimonio común dos galegos”.  

“Pero tamén cremos -advertiu- que detrás desta decisión está o desfalco do patrimonio artístico das caixas de aforro galegas”. E é que, segundo advertiu a deputada do BNG,  “unha parte importante -máis de 200 pezas- da obra de Castelao pertence á obra social de Novacaixagalicia e o PP e tamén o director de Novagalicia Banco xa anunciaron a intención de vender a obra artística da caixa ao banco”.  

Por iso, advertiu que “se se fixese unha declaración como Ben de Interese Cultural de carácter material esta venda non se podería realizar sen antes a Xunta de Galiza exercer o seu dereito de tanteo, polo que detrás desta declaración, polo tanto tamén pode haber unha intención de espoliar o patrimonio artístico das caixas”.  

Ana Pontón concluíu denunciando que “para o BNG detrás desta declaración é  unha afrenta máis a Castelao, unha vulneración dun acordo parlamentar e unha fraude en toda regra ao conxunto da sociedade galega e á  memoria de Castelao”.  

Antes, en Certo:

Media_httpfarm3static_mxhjm
Casa de Castelao na rúa de Abaixo: un familiar do dono opinou para Certo sobre os intentos de expropiación. Aquí

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   bng   política  

Rianxo: a Xunta declara Ben de Interese Cultural Inmaterial o conxunto da obra de Castelao

Media_httpfarm7static_sgfan

Monumento a Castelao na carballeira de Santa Susana en Santiago

Rianxo, 23 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta vén de declarar BIC inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia". Esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras.

A Consellería de Cultura e Turismo enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural. Esta é a primeira declaración de BIC inmaterial de Galicia e a primeira declaración de Ben de Interese Cultural relativa ao conxunto da obra dun autor.

A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento. A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista. Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por resolución do 28 de xuño de 2011, incou o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego. Ao día seguinte da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 136 de 15 de xullo) abriuse o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás que se da resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (departamento de historia contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento.

Deste xeito, esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras. Asemade, ordénase a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da devandita resolución de incoación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.

Media_httpfarm5static_hcjcf

Máscara orixinal de "Os vellos non deben namorarse"

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, en Europa e América.

Documentación e localización da obra
Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outros 15, aos que hai que sumar 2 gravados.

Contradicións

Namentres se declara BIC a súa obra, a Fundación Castelao segue sen ter unha sede decente (agora ten un minipiso en Santiago) e os cidadáns galegos que desexen ver o seu panteón en Bonaval teñen que someterse aos horarios que poña a Curia Compostelana, dona do recinto onde repousan os restos de Castelao, Rosalía e outros sobranceiros personaxes galegos. Algo incomprensible nun país teoricamente avanzado, democrático e aconfesional.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   BIC   Castelao   Rianxo   Xunta de Galicia  

Rianxo: unha exposición sobre Castelao, co gallo do seu 125 aniversario, estará no Ceip co seu nome do 24 de outubro ao 6 de novembro


Monumento a Castelao no centro de Lugo

Rianxo, 16 de outubro de 2011. O pasado día 30 de xaneiro cumpríronse 125 anos do nacemento de Castelao. Co fin de conmemorar esta data, a Xunta promoveu unha exposición que repasa a traxectoria vital e o labor do escritor de Rianxo. Para isto, a mostra, comisariada por Xosé Ramón Fandiño, inclúe sete paneis que incorporan unha parte de desenvolvemento teórico e outra de sistemas interactivos, ademais de música ambiental galega.

A vila natal do escritor será a primeira parada da mostra, onde permanecerá desde o 24 de outubro ata o 6 de novembro no CEIP que leva o seu nome. Posteriormente, a exposición viaxará ata o IES Ortigueira, de Ortigueira, do 14 ao 27 de novembro, e rematará o seu percorrido no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, do 12 ao 25 de decembro.

Noia, con "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!"

Dende luns 17 ata luns 31 de outubro

 

 

A partir do día 17 e ata o 31 de outubro, a casa de cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia acubillará a exposición itinerante "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!", que vén de estar en Boiro e Ribeira.
Poderase ollar na Casa da Cultura en horario de 9 a 14 h e de 18 a 20 h, de Luns a Venres.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Rianxo   cultura galega  

Cultura: a figura de Castelao, eixo dun debate este sábado 15 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago

Click here to download:
15OVolver a Castelao.pdf (929 KB)
(download)


Nunha data tan importante como este 15 de outubro, e coa que está a caer, Castelao estaría de seguro manifestándose, e non debatindo sobre intelectuais doutro tempo

O mesmo día, en Santiago:


Homenaxe: A Subela de Noia, en Santiago este sábado 15 de outubro, no de "Morgan"

O mesmo día, nestas bisbarras:


Homenaxe en Outes: a V Muiñada de "Terra de Outes", adicada a Cunqueiro


Libro en Ribeira: este sábado 15, "50 lugares mágicos de Galicia"


Mobilizacións para faenar en Sálvora: este sábado 15, de Aguiño a Vigo


En Ribeira, Lan Party UxíaNet 1.1: do 14 ao 16 de outubro. Programación

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Cidade da Cultura   Santiago de Compostela  

Rianxo: vanlle dar para adiante á declaración como Ben de Interese Cultural Inmaterial da obra de Castelao

  • Non foi sen tempo: dende inicios do pasado goberno bipartito estase a catalogar a obra, que está espallada por todo o mundo
  • Pese a que a Xunta non sabe como encher a Cidade da Cultura, a Fundación Castelao segue nun minipiso en Santiago de Compostela, xa que non deron expropiado de malas maneiras a casa familiar de Rianxo

Media_httpfarm6static_slovo

Casa familiar de Castelao en Rianxo, propiedade da familia Baltar

Actualizado 15 de xullo de 2011:

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se incoa o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial do conxunto da obra de Castelao

Coa publicación desta decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no Diario Oficial de Galicia (DOG) ábrese un período de información pública polo prazo dun mes para a presentación de alegacións.

A resolución, coa que se recoñece a obra de Castelao como un dos bens máis sobranceiros do noso patrimonio cultural, determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados.
 
Santiago, 15 de xullo de 2011.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, fai pública hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta resolución, con data do 28 de xuño de 2011, será comunicada ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial.

A resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Tras a publicación desta decisión no Diario Oficial de Galicia (DOG), ábrese un período de información pública dun mes co obxectivo de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente. O inicio dos trámites para declarar BIC a obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

Antes, en Certo:

Rianxo, 11 de xullo de 2011.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, aprobou con data do 28 de xuño de 2011 a resolución pola que se incoará o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta resolución será comunicada ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. O proceso de catalogación da súa obra rematou, e xa fora iniciada na lexislatura anterior, cando gobernaban Psoe e Bng. Nunha incoherencia máis das numerosas da nosa política cultural, pasada e presente, a Fundación Castelao, que preside o histórico nacionalista Avelino Pousa Antelo, segue a estar nun pequeno piso de Santiago de Compostela, como denunciara o xa desaparecido xornal galego A Peneira en 2007 e do que nos fixemos eco aquí. Tampouco saíu adiante o proxecto de Academia Literaria Rianxeira que quería facer o anterior goberno socialista de Rianxo, entre outras cousas porque quería mercar ou expropiar ás bravas unha casa na que residira Castelao pero que é, lexítima e legalmente, da familia Baltar. Xa na compra da casa de Rafael Dieste houbera bastantes anomalías, pero na de Castelao, a firme determinación dos donos conseguiu paralizar todo.

Nos próximos días, a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, seguidamente, abrirase un período de información pública polo prazo dun mes co obxectivo de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente. O inicio dos trámites para declarar BIC a obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

A resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Personaxe sobranceiro da cultura galega

A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Bos Aires 1950) é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao -prosegue a Xunta en nota de prensa- nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista.

Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

No anexo que acompaña a resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) mencionase moi someramente os fitos principais da obra narrativa e plástica, con indicación neste caso do lugar onde se pode atopar. Esta relación sirve para dar unha idea da extensión, singularidade e pervivencia da súa pegada cultural.

Media_httpfarm6static_qajmf

Viñeta de Castelao sobre a Guerra Civil

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

Media_httpfarm5static_kzrbc

Máscara orixinal empregada en "Os vellos non deben de namorarse". Museo Del Riego en Vigo.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera, Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, e en Europa e América.

Documentación e localización da obra

Media_httpfarm3static_atqti

Avelino Pousa Antelo, preto dos cen anos, aínda preside a Fundación Castelao

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outro 15 aos que hai que sumar 2 gravados.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   BIC   Castelao   Fundación Castelao   Rianxo  

Cultura: unha exposición sobre a traxectoria de Castelao comeza a súa andaina en Santiago

  • Inaugurouse hoxe na biblioteca Ánxel Casal
  • Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 31 de xullo, a Xunta de Galicia contribúe a difundir a figura de Castelao no 125 aniversario do seu nacemento

Media_httpfarm4static_eddif

A biblioteca Ánxel Casal está na avenida Xoán XXIII de Compostela

Santiago, 13 de xullo de 2011.- O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe na inauguración da exposición Castelao na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela, onde estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de xullo. Con motivo do 125 aniversario do nacemento do escritor de Rianxo, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, promove esta mostra itinerante que, tras estar no Museo de Pontevedra, percorrerá nos próximos meses as bibliotecas nodais da comunidade galega e os centros escolares, co fin de achegarlle á sociedade a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Este proxecto expositivo, comisariado por Xosé Ramón Fandiño e que conta co asesoramento do Director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, repasa a biografía de Castelao e os acontecementos da súa polifacética personalidade a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementados con sistemas interactivos e música ambiental galega.

Media_httpfarm7static_jjjai

Na súa intervención, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou que a inauguración desta exposición ten lugar dous días despois de facerse pública a decisión da Dirección Xeral do Patrimonio de iniciar o procedemento para a declaración do conxunto da obra de Castelao como Ben de Interese Cultural. Francisco López asegurou que esta e outras iniciativas “confirman que en si algo estamos de acordo os galegos é en que non hai outra figura con máis presenza, con máis impronta en Galicia que Castelao”.

O director xeral asegurou que “aínda queda moito por facer”, pero recalcou que “a lembranza de Castelao que hoxe traemos aquí é a dunha traxectoria vital que queremos ter como referencia para afrontar o futuro con confianza”. Nesta liña, destacou a importancia de transmitir o legado de Castelao á xuventude galega, polo que se decidiu que esta mostra percorrese as bibliotecas e centros escolares galegos.

O contido da mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.

Logo do seu paso pola Biblioteca Anxel Casal de Santiago, a mostra realizará a súa próxima parada na Biblioteca González Garcés, onde estará desde o 2 ao 22 de setembro.

Relacionada:

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Santiago de Compostela   aniversario   exposición  

Cultura: o Museo da Estrada pon en liña todos os números da súa revista cultural

  • No primeiro número, magníficos artigos sobre Castelao e sobre os hórreos galegos

Barbanza-Noia, 6 de xullo de 2011. Polo seu interese, achegamos estes dous artigos do primeiro número, que se pode consultar enteiro aquí. Trátase dun extenso artigo sobre os hórreos en Galicia, unha teima que en Certo sempre contribuímos a divulgar -dar a coñecer o noso patrimonio é un xeito de axudar a conservalo- e o outro, unha análise da obra gráfica do rianxeiro Castelao sobre A Estrada.

A bo seguro atoparán outros interesantes artigos nesta revista. Só teñen que buscalos en http://miscelanea.aestrada.com. Aproveitamos para darlle os nosos parabéns a este museo pontevedrés pola iniciativa e animamos a todos os museos e institucións que contan con revistas deste tipo a que as dixitalicen e as partillen na Rede, para que o noso patrimonio, a todos os niveis, deixe pegada.

Vía

Click here to download:
Castelao na Estrada.pdf (5.33 MB)
(download)

Click here to download:
Hórreos de Galicia.pdf (4.78 MB)
(download)



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   cultura galega   hórreo   museo  

Ribeira: Aguiño escoitou párrafos de "Sempre en Galiza" como homenaxe a Castelao

Media_httpfarm6static_ywiqx

Ribeira, 5 de febreiro de 2011. A Asociación Cultural Altofalante vén de celebrar hoxe un acto homenaxe a Castelao polo 125 aniversario do seu nacemento. O acto comezou ás 5 da tarde en Aguiño, na rúa Castelao, coa participación dos/as socios/as, que deron lectura a uns párrafos do Sempre en Galiza, que aínda están hoxe de vixente actualidade. Dito acto está enmarcado na celebración do 125 aniversario do nacemento de Castelao, acontecemento que se está a celebrar por todo o país con numerosos actos, a través da Federación Galiza Cultura, da cal a Asociación Altofalante forma parte. 

Media_httpfarm6static_ihmbl

Os textos do Sempre en Galiza foron leídos por Antón Parada, Teresa Prol e Luís Perez.

Antes anunciamos:

Altofalante organiza unha homenaxe a Castelao en Aguiño este sábado 5 de febreiro

Cartel_altofalante_castelao

Ribeira, 3 de febreiro de 2011. A asociación cultural ribeirense Altofalante comeza cunha homenaxe a Castelao en Aguiño a andaina do 125 aniversario do nacemento do ilustre rianxeiro. Será na rúa que leva o nome do homenaxeado, este sábado 5 de febreiro, ás cinco da tarde, baixo a placa da rúa, no cruce onde se atopa o bar Vitoria, na estrada que encara a Castiñeiras.

Leranse varios textos de Castelao relacionados coa lingua galega, textos que se entregarán aos asistentes nunha reprodución reducidad do cartaz do acto que acompaña a esta información.

O mesmo día, na bisbarra:


Detrás da canción: en Ribeira

petróglifo Bouza-Abadín en Imo Dodro
Limpeza de petróglifo: o sábado 5 de febreiro en Imo, Dodro


Centro de interpretación das lagoas: inaugúrase o sábado 5 en Porto do Son


Plantación en Taragoña: Antrospinos convoca a 3ª para este sábado 5 de febreiro



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Aguiño   Altofalante   Castelao   Ribeira   homenaxe  

Rianxo: este sábado 29 de xaneiro, "Os vellos non deben de namorarse", dentro dos actos do 125 aniversario de Castelao

Castelao_actos_125_concello

Rianxo, 27 de xaneiro de 2011. O grupo de teatro Airiños de Asados representou por primeira vez Os Vellos non Deben de Namorarse, de Castelao, en 1983 e volveuse a representar outra vez en1986 para conmemorar o 100 aniversario do nacemento de Castelao. O ano pasado volveuse preparar a mesma obra baixo a dirección de Xesús Santos e representouse por varios escenarios de Galicia.

Nesta ocasión, este sábado 29 de xaneiro (oito da tarde, auditorio), voltan traballar actores que xa o fixeran no ano 1983 e outros actores que se incorporaron recentemente como poden ser Ramón Romero, Lucía Casal e Marcos Iglesias, que seguen coa tradicción de actuar no teatro xa que os seus avós e bisavós xa o fixeran noutras ocasións.

Media_http2bpblogspot_gxdad

A representación do próximo sábado de ‘’Os vellos non deben de namorarse’’ forma parte dos actos organizados polo Concello de Rianxo e a ‘Fundación Castelao, no 125 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No transcurso do acto o concello de Rianxo faralle outra homenaxe ao ’Grupo de Teatro "Airiños’’ pola súa traxectoria artística ao longo destes 78 anos de carreira.

http://teatroasados.blogspot.com/

(Texto de Marcos Iglesias Santos (1ºC) na revista Bico da Ría, do Instituto "Félix Muriel")

Nota do Concello:

  125 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE CASTELAO (1886-2011)

O Concello de Rianxo, como todos os anos, vai desenvolver o programa Actos
Castelao 2011 no que se conmemora o nacemento do ilustre rianxeiro. Ademais este ano coincidindo que xa van alá 125 anos dende que naceu, vanse realizar ó longo de todo o ano diferentes propostas culturais arredor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Esta fin de semana desenvolverase a seguinte programación:

REPRESENTACIÓN TEATRAL

Os vellos non deben de namorarse, a cargo do Grupo de Teatro Airiños, do CC Simón Varela de Asados
Día: sábado, 29 de decembro
Hora: 20.00 h
Lugar: Auditorio de Rianxo
Neste ano prodúcese o 70 aniversario da estrea de “Os vellos non deben de
namorarse” en Bos Aires pola “Compañía Gallega de Comedias de Maruxa Villanueva”, así que para recordar a obra de Castelao farase unha representación por parte do Grupo de Teatro Airiños baixo a dirección de Xesús Santos. Ao inicio da representación teatral o grupo Airiños será obxecto dunha homenaxe por
parte do Concello, pola súa traxectoria cultural. Xa que van alá 78 anos dende a súa formación e tamén 25 anos dende que o grupo estreara por primeira vez a obra “Os vellos non deben de namorarse”.

Pódense retirar as entradas (máximo 2 por persoa) unha hora antes de que comece a representación.

Click here to download:
folleto web.pdf (508 KB)
(download)

HOMENAXE A CASTELAO E OFRENDA FLORAL O DOMINGO 30

Día: domingo, 30 de xaneiro
Hora: 13.00 h
Lugar: Paseo da Ribeira diante do busto de Castelao
A Fundación Castelao e o Concello de Rianxo para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Castelao realizarán unha ofrenda floral diante do busto do ilustre
rianxeiro.

Tamén lle pode interesar:


Castelao: o Bng insiste en declarar 2011 como Ano Castelao



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Fundación Castelao   Teatro Airiños   homenaxe  

Cultura: o Bng insistirá na declaración de 2011 como "Ano Castelao" e pedirá declarar BIC a súa obra e unha mostra permanente na Cidade da Cultura

A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe que o BNG vai seguir presentando diferentes iniciativas ao longo deste curso político instando á Xunta a abandonar a súa política de “desleixo” e “desprezo” pola figura de Castelao e reparar a “inmensa débeda que temos con el e co seu pensamento”, para o que o goberno debe cumprir o acordo de declaración BIC do conxunto da súa obra e organizar unha exposición permanente na Cidade da Cultura.


Rianxo, 26 de xaneiro de 2011. Ana Pontón, no transcurso dunha rolda de prensa, asegurou que está fóra de toda dúbida a relevancia de Castelao e reivindicou a vixencia do seu pensamento e do seu traballo,  “máis necesario ca nunca”  perante todo o que está a acontecer en Galiza e no mundo, nun contexto de involución social e de perigosas tentativas recentralizadoras, “a obra de Castelao pode verter luz en moitos destes debates”.

A deputada nacionalista explicou que, sen desmerecer outras efemérides que se celebran este ano, unha das máis destacadas é a do 125 aniversario do nacemento de Castelao, polo que considera que non é de recibo o nulo interés do goberno do PP por celebrala e prestarlle a atención que se merece.

Castelao era nacionalista, dixo o PP

Media_httpfarm5static_zksby

Neste sentido, censurou as declaracións “insólitas” que se realizaron no pasado período de sesións por parte dos deputados do Partido Popular, que non só negaron o recoñecemento do 2011 como Ano Castelao senón que o xustificaron en base a que “Castelao era nacionalista”.

Para a parlamentar, a maiores das diferentes iniciativas que o BNG e diferentes asociacións vencelladas ao nacionalismo van levar a cabo ao longo do ano para conmemorar a dita efeméride, como o acto de homenaxe do próximo  Domingo no Panteón de Galegos Ilustres, é preciso que a nível institucional se aborden varios aspectos, e de aí a presentación dunha batería de preguntas e proposicións non de lei no Parlamento.

Este traballo na Cámara, dixo, ten un triple obxectivo, por unha banda facer cumprir o acordo de 13 de Abril para declarar BIC o conxunto da obra de Castelao, pois dez meses despois a Xunta segue sen incoar o expediente, “malia que minta nas respostas que nos remite, pois no DOG non está publicado” e, por tanto, mentres non se publique non existe, aclarou.

Cidade da Cultura

Media_httpfarm6static_ohgkr

Asemade, insistiu en que o 2011 ten que ser considerado Ano Castelao e para iso ten que haber promoción e difusión da súa obra, para o que propón que a Cidade da Cultura albergue unha exposición permanente co máis representativo da súa obra plástica, deste xeito se vencella tamén a Cidade á cultura do País, pois reiterou que o seu papel debe ser acoller as figuras máis senlleiras da cultura galega.

Pontón lamentou a posición ideolóxica que se agocha tras a actitude do goberno da Xunta perante todas estas iniciativas e que repite o “modous operandi” dos populares cando se trata de Castelao, “manipular a súa figura para logo negala, cando recuperala é unha metáfora da dignificación colectiva do noso pobo”.

Dirección xeral de Promoción Cultural desaparecida

Segundo a deputada, este comportamento "tampouco colle de sorpresa tendo en conta o papel que este goberno lle confire á promoción da cultura en xeral", e salientou como hoxe mesmo o DOG consuma a desaparición da dirección xeral de Promoción cultural do organigrama da Xunta, unha decisión que é toda unha “liña de ataque” á cultura galega e unha mostra de até onde está disposto a chegar o PP no que atinxe ao apoio e difusión dos creadores do País, “unha decisión –ademais- que non adoptou até o de agora ningún goberno do mundo”, concluiu.

Antes publicamos:


Castelao: o Bng pide 2011 para el e o PP vota non



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Rianxo   bng   cultura galega   nota de prensa