Preme para voltar á portada
Filed under

compostaxe

 

Ribeira: Carreira acolle este venres 11 unha charla sobre compostaxe e separación de lixo

  • Vanse entregar bolsas separativas aos veciños que se acheguen ao acto
  • Imparte a charla Protección Civil

Cartel_compostaxe_reciclaxe

 

Ribeira, 10 de maio de 2012.- En liña co anunciado o pasado o luns en canto á implantación no municipio de Ribeira dun programa de compostaxe doméstica da man de Sogama, mañá venres ás 21 horas terá lugar a primeira das charlas informativas previstas para divulgar entre os veciños as vantaxes da práctica da compostaxe, así como os beneficios da separación de residuos.

 

Esta primeira charla terá lugar na Casa de Cultura da parroquia de Carreira e será impartida por membros de Protección Civil de Ribeira, os cales previamente recibiron un curso específico de formación a fin de contar cos coñecementos necesarios.

 

O acto é público e gratuíto para quen queira asistir. Os veciños que acudan ao citado centro cultural recibirán, en sintonía co contido da actividade, bolsas de cores de 20 litros de capacidade que teñen por finalidade facer máis cómoda a segregación de refugallos en orixe (amarelas para depositar os envases de plástico, latas e briks; azuis, para o papel e cartón; e verdes para o vidro).

 

Composteiros

Ademais, os que así o desexen poderán aspirar a recibir un dos 50 composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de material reciclado, que Sogama entregou ao Concello nesta primeira fase do programa, co fin de seren distribuídos entre vivendas rurais e outorgarlles así a posibilidade aos seus ocupantes de transformar a materia orgánica xerada nun abono con excelentes propiedades para o solo.

 

Dende o Concello se tomará nota de todos os veciños interesados en percibir un destes composteiros, tanto na charla de mañá como no resto de charlas que se sucederán proximamente. No caso de que a demanda excedese á oferta, estes recipientes serían entregados priorizando a aqueles peticionarios que cumprisen unha serie de requisitos (como criar animais nas súas casas, etc...).


Antes, en Certo:







Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Carreira   Ribeira   charla informativa   compostaxe  

Ribeira: o Concello gabéase á moda da compostaxe doméstica da man de Sogama

  • Só no entorno rural "como medida de aforro económico e beneficio ambiental", disque
  • Tan só medio cento de vivendas recibirán composteiros domésticos e repartirán cen lotes de bolsas para separar lixo
  • Namentres, segundo denuncia Adega, Sogama leva "chuchados" xa 61 millóns de euros este ano no seu complexo ineficiente de Cerdeda

Media_httpfarm4static_iqtwo

No obradoiro Illote Noro tamén se promocionou a compostaxe


Ribeira, 7 de maio de 2012.- O Concello, da man de Sogama, decidiu implantar un programa de compostaxe doméstica en medio cento de vivendas rurais, co que se busca transformar a materia orgánica xerada nun abono con excelentes propiedades para o solo, un costume que sempre houbo nas casas da aldea, onde nada se desbotaba, pero que se foi perdendo cos usos urbanitas.

(download)
Así o anunciaron esta mesma mañá o alcalde da localidade, Manuel Ruíz, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, nun acto público que tivo lugar na propia Casa Consistorial e no que tamén compareceron os concelleiros de Benestar Comunitario e Medio Ambiente, Jesús Freire e Elvira Pereira.  O obxectivo desta iniciativa "non é outro que o de alcanzar os beneficios ambientais, económicos e sociais que este sistema trae consigo", sinala en nota de prensa o Concello. Disque ademais de contribuír a reducir a produción de refugallos en orixe, pechando o ciclo de reciclaxe da materia orgánica nos propios fogares, posibilita o menor depósito de desperdicios nos contedores convencionais, permitindo diminuír a súa frecuencia de recollida, así como o importe da factura que mensualmente o ente local debe pagar a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional, un sistema que cada día ten máis detractores pola súa baixa eficiencia e polos problemas que xera coa incineración de residuos.

Dado que a separación de orgánicos no medio rural, ben para alimento do gando, ben para fabricación de abono, é unha práctica tradicional en Galicia, "non supón maior trastorno para as familias participantes, coa particularidade de que, seguindo a técnica recomendada, o compost resultante adoita reunir as máximas condicións de calidade, podendo ser empregado, en sustitución dos fertilizantes químicos, nas propias hortas, xardíns e terras de cultivo particulares", aseguran.

Primeira fase, 50 composteiros para os solicitantes

Nunha primeira fase deste programa, Sogama subministrou ao concello 50 composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de material reciclado e reciclable, que serán distribuídos entre os fogares que voluntariamente decidan adscribirse a este proxecto. Así mesmo, dotaráselles cunha serie de manuais de apoio nos que se explican os pormenores a seguir no proceso caseiro de elaboración de compost, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e erros máis comúns.

Mestres composteiros: o xoves en Carreira

A fin de garantir o éxito do programa, contarase coa figura dos denominados “mestres composteiros”, é dicir, persoas ao servizo do concello, entre estes os membros de Protección Civil, que se encargarán tanto de impartir charlas informativas nas distintas parroquias (a primeira será este xoves en Carreira) como de visitar periodicamente “casa por casa” para comprobar o funcionamento do sistema, resolver dúbidas e facer un seguimento de todos os pormenores que afecten ao seu bo discorrer.

Para isto, os mestres composteiros recibiron un curso específico de formación a fin de que conten cos coñecementos necesarios que lles permitan levar a cabo unha tarefa de asesoramento ás familias incorporadas a esta iniciativa e se encarguen de vixiar a evolución da experiencia de cara a garantir os seus bos resultados.

Por outra banda, e co obxectivo de intensificar a concienciación cidadá en torno á axeitada separación de residuos e posterior depósito nos diferentes contedores habilitados na vía pública, o goberno municipal procederá ao reparto de 100 lotes de bolsas de cores, de 20 litros de capacidade cada unha, coa finalidade de facer máis cómoda a segregación de refugallos en orixe. Cada lote está conformado por unha de cor amarela, na que depositar os envases de plástico, latas e briks, outra azul, para o papel e cartón, e unha terceira, de cor verde, para o vidro.

Así, coa práctica da autocompostaxe e a correcta recollida selectiva, o concello non só entregará menor cantidade de lixo a Sogama, o que suporá un importante aforro de custos, senón que incrementará en gran medida a porcentaxe de reciclado de cada material, recibindo máis ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión.

"Pero para beneficiarse desta medida precisa da activa implicación do conxunto da veciñanza, que pretende conseguir a través da información e a formación, a transparencia e o contacto permanente cos distintos colectivos, incentivando a súa colaboración e corrixindo as malas prácticas", sinalan dende o Concello.

Punto limpo

O alcalde tamén lembra que dende o Concello se está a promover unha campaña informativa sobre o punto limpo situado no polígono de Xarás, con cumprida información á que se pode acceder dende a páxina web do Concello: www.riveira.com

O despilfarro de Sogama: 253 millóns en 2011

E mentras Sogama intenta vender unha cara amable e austera en Ribeira, e pedirlle aos veciños que fagan o que debían facer eles, que para iso cobran dos impostos de todos, segundo denuncia hoxe mesmo a asociación ecoloxista Adega, "a crise semella que non existe para os residuos. Da pregoada austeridade que a Xunta aplica a servizos e dereitos públicos queda fóra SOGAMA. A empresa leva chuchado no que vai de ano 61.636.644,46€ (sen IVE e sen contar salarios do persoal e directivos), dos cales 42.580.033€ (case o 70%) "investíronse" en manter e ampliar o monstroso vertedoiro da Areosa. A máis recente inxección de cartos públicos, 38.074.033€, foi aprobada por Feijóo no último consello da Xunta para "xestionar" a primeira fase da ampliación do vertedoiro e contar con "espazo suficiente para procesar 1.260.000 toneladas de lixo". Para ADEGA isto vén a refrendar novamente o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración, un buraco negro ambiental e económico que en 2011 xa devorou 253 millóns de € e este ano leva camiño de bater este récord. Este é o "horizonte tranquilo e despexado" ao que se referíu Feijóo para vender esta medida.

Consulta os contratos de SOGAMA nesta ligazón.

Esta nova ampliación confirma tamén o éxito das mobilizacións contra a incineradora do Sur, prevista inicialmente no concello do Irixo, e que polo de agora parece ficar sine loci. Ante a práctica imposibilidade de executar esta instalación para o 2015, "a Xunta continúa unha fuxida cara adiante irracional e insustentábel, hipertrofiando o macrovertedoiro para seguir acumulando lixo e de paso enriquecer ás eléctricas e baleirar as arcas públicas", sinala Adega.

Case medio millón en xardíns para as instalacións de Sogama

Como datos curiosos, sinala Adega que entre os contratos licitados esta ano por SOGAMA, figuran 432.000€ para "Servicio de jardinería y mantenimiento de zonas verdes del complejo medioabiental de Cerceda" (sic), así como outros 50.000€ para un "Servicio de programa de prevención de imputaciones delictivas" (sic) este último polo procedemento negociado sen publicidade. Terá isto último algo que ver co asunto das analíticas falsificadas para ocultar a contaminación do vertedoiro durante anos?", pregúntanse os ecoloxistas galegos.

 

Buscándose un "postiño" Feijóo e Hernández

"Ao igual que os 253 millóns gastados pola Xunta en 2011, Feijóo e Hernández poden argumentar que están a facer investimentos "de futuro" para garantir a capacidade de "tratamento" de SOGAMA. Esta por ver se ese "futuro" pasa tamén polo consello de administración dunha multinacional enerxética como aconteceu con Aznar (Endesa) e González (Gas Natural-Fenosa)", rematan os de Adega.




 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sogama   compostaxe  

Porto do Son: os comuneiros de Muro organizan un obradoiro de compostaxe o sábado 10 de decembro

Click here to download:
cartaz compostaxe barbanza.pdf (114 KB)
(download)

 

Porto do Son, 1 de decembro de 2011. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de San Pedro de Muro convida a todo o mundo a participar nun obradoiro de compostaxe a celebrar o vindeiro sábado, 10 de decembro de 2011, no Centro de Interpretación das Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro, en horario de 16:30 a 18:30 horas.

Os residuos orgánicos son máis abondosos polo que o seu tratamento é fundamental para o éxito do tratamento dos residuos na Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza.

Neste obradoiro danse as bases para unha correcta elaboración de compost mediante o proceso de compostaxe. Así, explicaranse os diferentes tipos de composteiros que se poden realizar ou mercar, os diferentes xeitos de colocar os residuos, que se pode e non botar, que tipos de compost se produce, etc. Con este obradoiro preténdese amosar que o tratamento destes residuos é doado e sinxelo. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Porto do Son   San Pedro de Muro   compostaxe   obradoiros  

Lousame: unha sentencia dá a razón aos traballadores de FCC pola folga de novembro de 2010

O veredicto desminte as afirmacións do alcalde de Ames, Carlos Fernández (Psoe), que acusou ao persoal de realizar un paro político contra da súa persoa. Os sindicatos presentaron demanda penal contra Fernández por vulnerar os dereitos dos traballadores.
 
Media_httpfarm6static_emcjg
Lousame, 22 de febreiro de 2011. O Comité de FCC Lousame e as organizacións sindicais CIG e CCOO deron a coñecer este mediodía a primeira sentencia a respecto da folga realizada polos traballadores da planta de reciclaxe durante o pasado mes de novembro, e que o alcalde de Ames e a empresa cualificaron de ilegal. A xustiza vén agora de declarar que o paro indefinido contou con todas as garantías legais e que non se tratou dunha folga rotatoria, novatoria ou política. Así mesmo, o Comité informou que xa ten presentado denuncia penal contra o responsábel municipal por vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas de Ames.

O Secretario Nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, acompañado de membros do Comité e de Eduardo Brión, representante de CCOO,  censurou na rolda de prensa a campaña mediática realizada polo alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, durante a folga, que acusou aos traballadores de estar desenvolvendo unha folga ilegal, na medida en que a consideraba rotatoria, novatoria e “política”. A intoxicación chegou a tal punto, que a propia empresa concesionaria do servizo, FCC, denunciou ao Comité por estes mesmos motivos.

Non obstante, a xustiza veu agora dar a razón aos traballadores/as ao declarar  a legalidade da folga, que non considera rotatoria, novatoria ou política, senón un exercicio perfectamente legal que realizaron os traballadores. “Os tribunais poñen a cada un no seu sitio e neste caso demostraron que o alcalde de Ames minte e que é un manipulador”, criticou Rubido. 

Así mesmo, o Comité de empresa presentou hai xa máis de 20 días unha demanda penal esixindo responsabilidades a Carlos Fernández por vulnerar un dereito fundamental da clase traballadora como o dereito á folga. Hai que lembrar que o rexedor municipal contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da Vila alegando que a folga era ilegal. 

Unha folga na defensa dos empregos

Do 12 ao 18 de novembro pasado os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame convocaron folga con carácter indefinido, aínda que só a efectivizaron nos concellos de Ames e Carnota, durante unha semana. O conflito xerouse a raíz da solicitude de rescisión da contrata por parte FCC, por mor da débeda que os Concellos da Mancomunidade do Barbanza mantiñan coa empresa, que xestiona a planta de reciclaxe de Lousame.

Os traballadores/as secundaron a folga nestes dous concellos porque eran os que tiñan contraído a maior débeda con FCC e ao mesmo tempo porque foron os únicos que se negaron a apoiar unha moción presentada polo Comité en todos os concellos da mancomunidade, pola  que os municipios se comprometían a resolver o problema da débeda para garantir a viabilidade da planta e ao mesmo tempo ratificar este sistema  de recollida de lixo.

A folga rematou unha semana despois, ao conseguírense os obxectivos principais: mentres que ao Concello de Carnota a Xunta lle aplicou un plano de retencións que lle obriga a pagar os recibos a FCC, no caso de Ames, finalmente aprobouse no pleno municipal  a moción e afrontouse un importante pagamento da débeda contraída.

O problema persiste

Media_httpfarm6static_hhids

A día de hoxe, explicaba Rubido, o problema da débeda dos Concellos coa empresa concesionaria continúa persistindo, pero o volume da mesma e a gravidade da situación é moito menor. Neste senso, indicou que existe unha débeda arrastrada por todos os Concellos “que non se vai solucionar nin en un ano nin en dous”.

Nesta liña, durante a comparecencia, quíxose denunciar unha situación que afecta ao futuro  da planta de Lousame e que, neste caso corresponde á Consellaría de Medio ambiente resolver. Rubido referíase ao convenio existente entre a administración galega e ECOEMBES, a empresa que recolle o material que se recicla na planta.

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film recuperado argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% a través dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medio ambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

“Se se quere que plantas como a do Barbanza, que teñen máis que demostrado a súa efectividade e que responden a un modelo de recollida de residuos sólidos moito máis eficiente, ecolóxico e respectuoso que o de Sogama, saían adiante é preciso contar co apoio da administración e que a Consellaría solucione a recollida do film, porque a actual situación complica a viabilidade futura da planta”, advertiu Paulo Rubido.

Vía

Podería interesarlle:

Reflexión do alcalde de Noia sobre a planta de Servia



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Lousame   compostaxe   polémica