Barbanza-Noia, 2 de outubro de 2009. Nesta semana a rede social máis veterana da "Galicia mundial", Fillos.org, superou en número de participantes ao Centro Galego de México, co cal se sitúan, segundo os seus cálculos, como a "sétima maior entidade galega da Diáspora". Con tan só 12 anos de existencia, esta peculiar Casa de Galicia virtual que xunta galegos de todas partes do mundo só sería superada por seis entidades de Montevideo, Bos Aires, Caracas, A Habana e Bruxelas. Durante os últimos tempos afirman ter pasado por dificuldades técnicas e de xestión, derivadas do crecente traballo que precisa o portal e os seus proxectos derivados, pero aínda así o medre de usuarios non parou e a asociación cultural responsable continúa a buscar maneiras de mellorar o servizo. Dentro destas melloras encadraríase a anovación do portal principal, que baixo a denominación de "Fillos 4.0" ofrece tamén desde esta semana un aspecto e contidos máis acaídos ás modernas redes sociais. "Esperamos con isto responder ás expectativas de mellora dos nosos usuarios e rematar cos problemas de saturación que sufriamos coa anterior versión", explica Manuel Casal Lodeiro, fundador do portal e actual coordinador. Nesta nova etapa tamén tiveron anovacións técnicas e visuais algúns outros portais que foron nacendo de Fillos.org ao longo destes anos, como PlanetaGalego.info ou Galeguidade.net. Con esta nova andaina agardan "facilitar a participación de todos os galegos en calquera lugar do mundo que vivan, e conformar unha comunidade capaz de satisfacer a necesidade de contacto, información e servizos que teñen milleiros de persoas na nosa Diáspora". Desde a asociación tamén recoñecen que neste salto evolutivo, que aínda vai continuar nos
vindeiros meses nunha mellora permanente, foi fundamental a intervención do seu novo xestor técnico, Martín Vázquez Cabanas. En opinión de Vázquez, brionés estudante de Informática na USC, "o cambio de modelo potenciará a interacción entre os membros, dándolles un meirande protagonismo, tamén por medio das funcións de blog". Asemade, afirma que o novo sistema que soporta o portal fai que este sexa "máis robusto ao tempo que sinxelo e cómodo de usar".
As mudanzas en Fillos han continuar dentro de un mes coa celebración dunha asemblea xeral de socios na que entroutros temas, elexiranse novo presidente e secretario da asociación, tras unha longa etapa marcada pola presenza do seu fundador, Manuel Casal, en diversos cargos directivos. ·http://fillos.org/blog/2009/09/28/benvidos-a-fillos-4-0
Comentarios [0]