- O BNG rende homenaxe a Castelao en Rianxo no seu cabodano e volta converter o acto nun mitin electoral
- O portavoz nacional critica que “o Goberno de Rajoy, co beneplácito de Feijoo, utilice a crise como coartada para avanzar na recentralización do Estado”
- “Acábaselle o tempo ao goberno de Feijoo que vai deixar como legado unha Galiza empobrecida”, di Guillerme
Rianxo, 7 xaneiro 2012.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Rianxo na homenaxe no acto de homenaxe a Castelao con motivo do seu cabodano e co que o BNG abre o seu curso político.
Na homenaxe interveu tamén o alcalde nacionalista de Rianxo, Adolfo Muíños, e contou coa asistencia de militantes, representantes institucionais e internos do BNG.
Guillerme encetou a súa intervención salientando que “este acto de homenaxe, facémolo tendo por primeira vez un alcalde nacionalista de Rianxo, Adolfo Muíños, motivo de satisfacción para nos e seguro que tamén para Castelao”.
“Feijoo está deixando como legado unha Galiza de terra queimada”
O portavoz nacional do BNG advertiu de que “Galiza está inmersa nunha profunda crise sen precedentes, nunha situación de emerxencia nacional, agravada pola falta de autogoberno na Galiza” e denunciou que esta situación “se agudiza por un goberno de Feijoo que actúa como delegación do goberno de Rajoy”.
Un goberno de Feijoo do que dixo que “xa é incapaz de ocultar os seus fracasos:ao traxe da austeridade ábrenselle as costuras malia os seus aparatos de propaganda, e por elas asoma a Galiza real”. “Unha terra queimada vai deixar este goberno de Feijoo: paro desbocado aumentando por riba media estatal, emigración e despoboamento e cun tecido económico enfraquecida”, denunciou Guillerme.
Por iso, amosouse convencido de que “ao Goberno de Feijoo acábaselle o tempo e pasará á historia como o presidente que permitiu o espolio do aforro galego”.
Rajoy utiliza a crise como coartada para recentralizar o Estado
Igualmente, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “Rajoy pouco tardou en converter o de o emprego o primeiro en os recortes o primeiro e cunha reforma laboral regresiva, fritir impostos ás clases populares, suba de prezos ou entrega das caixas aos bancos no horizonte inmediato”.
“Iso si -denunciou- o gasto militar e o financiamento á Igrexa non se toca. E as grandes rendas tranquilas, tranquilas”.
Do mesmo xeito, Guillerme denunciou que “a crise tamén está sendo utilizada como coartada para avanzar recentralización do Estado, reducindo os escasos avances en autonomía política a unha simple descentralización administrativa tutelada e vixiada tamén a nivel orzamentario”. “Impúdicamente, o estado español canta máis soberanía cede vírase máis ferreamente centralista”, dixo.
Por iso, Guillerme avogou por que hoxe ten que volver ao primeiro plano o debate sobre democracia e soberanía, e en concreto das nacións sen Estado como Galiza, “un debate que debemos impulsar socialmente”.
Non haberá solución aos problemas de Galiza sen soberanía
Neste sentido, o portavoz nacional do BNG amosouse convencido de que “para unha nación como Galiza non haberá solución aos seus problemas sen soberanía, sen capacidade real de decisión”.
E neste sentido, Guillerme lembrou que Castelao estableceu como proxecto estratéxico do nacionalismo galego “a superación da dependencia política de Galiza”.
Así, citou as palabras do pai do nacionalismo no Sempre en Galiza: “Unha nación é soberana e ten dereito a organizarse autonomicamente. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse cando lle conviñer. Unha nacionalidade ten dereito incluso a constituírse en estado independente. (...) O Estatuto -de 1936- implicaba o recoñecemento xurídico de Galiza como rexión diferente, e non era cordo desaproveitar esta oportunidade da República, pero be sabíamos que toda mercede ou favor de Madrid a Galiza é cousa precaria, insuficiente, confiscábel. E así un galeguista consciente, só con carácter transitorio pode aceptar unha autonomía con hipoteca, pois calquera institución galega que non xorda da propia soberanía implicará subordinación, dependencia e escravitude”.
Unhas afirmacións das que o portavoz nacional do BNG dixo que “recobran plena actualidade ante a ofensiva recentralizadora que non deixa xa marxe á democracia”.
Asemblea Nacional do BNG
Por outra parte, Guillerme referiuse á Asemblea Nacional que o BNG celebrará o 28 e 29 deste mes e da que dixo “é unha excelente oportunidade para decidirmos libre, democrática e soberanamente que proxecto ofrecemos a Galiza de hoxe”.
“Estou convencido de que concluído o noso proceso asamblear redoblaremos os nosos esforzos por Galiza, lideraremos a oposición á política da dereita centralista e neoliberal”, engadiu.
“Pola soberanía, a democracia e a xustiza social loitou toda a súa vida Castelao, e nós honrámolo seguindo o seu exemplo”, concluíu o portavoz nacional do BNG.
Antes publicamos:
Rianxo, 4 de xaneiro de 2012. O venres 6 de xaneiro o Local Social Aturuxo celebra o LXII Cabodado de Alfonso D. R. Castelao, "un día de memoria para recuperar a nosa dignidade colectiva e a nosa memoria histórica, un día de loita", segundo explican no seu blog.
Programación:
19:00 - Ofrenda Floral, no busto de Castelao en Rianxo. (saída dende o local ás 18:30)
21:30 - Cea, Pandereteiras (Xoaniñas) e sesión de música galega.
O sábado, 7 de xaneiro, día no que faleceu Castelao, no exilio en Buenos Aires, é a data escollida polo Bng para renderlle tamén unha homenaxe.
Comentarios [0]