- Lage Tuñas cualifica de “indecente” que a Xunta “manteña centos de coches oficiais mentres Feijóo recorta a sanidade e a educación”
- Reclama “rematar cos privilexios que afastan aos representantes públicos da cidadanía” nun momento no que “se lle piden sacrificios a moitos traballadores”
Un dos coches oficiais sen usar que denunciou o Psoe no seu día aquí
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2011. O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, presentou hoxe unha Proposición non de Lei para a eliminación de mais do 80 por cento dos vehículos destinados ao uso exclusivo dos altos cargos da Xunta. Esta iniciativa foi rexeitado polo PP, co que Lage considerou “indecente” que a Xunta “manteña privilexios mentres Feijóo recorta a sanidade, educación ou dependencia”.
Lage apostou hoxe por “limitar a utilización do coche oficial con condutor única e exclusivamente ao presidente e aos conselleiros e conselleiras” para “rematar cunha serie de privilexios que afastan aos representantes públicos da cidadanía”. Lembrou que o presidente da Xunta “limitouse a facer unha operación cosmética cambiando a marca dos coches, pero segue tendo tantos coches oficiais como o conxunto do Benelux –Holanda, Bélxica e Luxemburgo-.
Dixo que “non estamos por tomarlle o pelo aos cidadáns e si por desenvolver unha política digna” polo que instou ao PP a “non seguir o mal exemplo e a tomadura de pelo que a presidenta do Parlamento perpetrou nesta Cámara”.
O responsable socialista presentou imaxes dun vehículo oficial “un domingo calquera deste verán nunha praia de Galicia”, polo que considerou “indispensable” tomar “medidas reais e efectivas que signifiquen realmente un cambio na cultura política do país”. Sinalou que “resulta difícil de entender para calquera cidadán o mantemento de privilexios na esfera pública como é o uso de vehículos oficiais para o uso persoal de cargos de libre designación do goberno galego”.
Chamou a “tomar medidas edificantes e cambiar a cultura política deste país” reducindo os coches oficiais á mínima expresión”, e retou ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, “aceptar a proposta socialista para limitar o coche oficial ao presidente e aos conselleiros, e eliminar o resto dos vehículos oficiais e de servizo que a Xunta ten asignado a centos de altos cargos e persoal de libre designación”.
O portavoz socialista defendeu que “nun contexto no que se lle piden sacrificios a moitos traballadores, a moitos sectores da nosa sociedade, o que se espera da Xunta son sinais claros de entender que se debe rematar con estes privilexios”. Dixo que cando o PP “está facendo recortes no profesorado e no persoal hospitalario ben poderían comezar por apoiar unha redución do 80 por cento dos centos de coches oficiais do Goberno galego”.
Retou así a Feijóo a “apoiar a mesma proposta que xa puxo en marcha Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid”, así como Extremadura ou Castela – León. Dixo que “si un ministro do goberno de Suecia pode viaxar en tren, transporte público colectivo ou vehículo propio, imaxino que un director xeral do goberno de Galicia tamén poderá facer o mesmo”.
Propuxo tamén “conxelar a adquisición de vehículos por leasing, renting ou compra directa por parte da Xunta no que resta de 2011 e durante o ano 2012 para non incrementar o gasto corrente e optimizar a flota de 2.248 vehículos do goberno”. Apostou así por reducir o gasto corrente no parque móbil do executivo coa ampliación do período de vida útil do parque móbil e propuxo as substitucións “ao superar os 300.000 quilómetros e de maneira xustificada”.
Parque Móbil excesivo
Dixo que esta medida “debera tomarse na Xunta e tamén debera de ampliarse ao resto de institucións estatutarias e ao conxunto da administración paralela” da Xunta de Galicia, que suman 107 vehículos, e dixo que si ben con esta medida “non se van resolver os problemas estruturais de financiamento da sanidade ou da axuda aos dependentes, remataríase cunha serie de privilexios que afastan aos representantes públicos da cidadanía”.
Lembrou que o parque móbil do goberno galego contaba a finais do ano 2010 con 2.228 vehículos, e propuxo reducir os 157 vehículos oficiais a un total de 30, aforrando 1,5 millóns de euros ao ano do total de 2 millóns que custan actualmente. Explicou que o obxectivo é “frear as malas prácticas na administración pública e cambiar a cultura política” para un uso mais eficiente dos recursos públicos.
Tamén defendeu a drástica redución dos 279 coches oficiais denominados de “servizo” e que son utilizados polo persoal de libre designación e altos cargos do goberno galego, sen ningún tipo de control”
Lage Tuñas considerou que “a flota de vehículos oficiais destinados ao transporte persoal dos altos cargos da Xunta e do conxunto da administración institucional de Galicia é moi numerosa e moi custosa e alcanza a directores/as xerais, secretarios/as xerais, delegadas/os territoriais, presidentes/as de empresas, axencias, fundacións e sociedades públicas e demais altos cargos da administración galega”.
Os socialistas defenden a supresión da meirande parte dos coches oficiais e de servizo que hai na Xunta de Galicia e limita o uso punto dun vehículo ou dous por Consellería para as tarefas que precisen realizar os altos cargos, que poderán dispoñer dun vehículo do parque móbil da Xunta –os denominados vehículos de incidencias- “cando sexa necesario para a realización de desprazamentos por razón do seu cargo, pero sen asignación fixa de vehículo”.
Antes, en Certo:
O Psoe reta ao PP a suprimir o 80% dos coches oficiais de altos cargos da Xunta
- O Psoe presenta unha moción neste sentido que podería ser aprobada no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia. Deste xeito, só o presidente e os conselleiros terían coche oficial con condutor.
- A comezos do ano 2009 había 2.248 vehículos no parque móbil da Xunta
- O deputado Lage Tuñas defende "a eliminación dos privilexios dos cargos de libre designación da Xunta" e cre "imprescindible que se acabe o espectáculo da existencia de centos de coches oficiais da Xunta mentres Feijóo realiza severos recortes en Educación e Sanidade"
- O socialista cre que con esta medida enviaríase "unha mensaxe edificante á cidadanía"
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2011. O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, defendeu hoxe a “eliminación de privilexios na Xunta de Galicia” en canto ao uso de centos coches oficiais e de servizo dos que fan uso persoal altos cargos da Xunta e persoal de libre designación.
No vindeiro pleno do Parlamento debatirase unha proposición non de lei dos socialistas galegos destinada “a eliminar o privilexio de contar con coche oficial de centos de altos cargos do goberno de Galicia e das fundacións, sociedades públicas e entes depedentes da Xunta de Galicia”.
Lage Tuñas considera “imprescindible que se acabe co espectáculo da existencia de centos de coches oficiais na Xunta de Galicia mentras Feijóo fai severos recortes na educación e na sanidade”.
“O PP está facendo recortes no profesorado do ensino público, no persoal dos centros hospitalarios, pois mellor sería que comezaran por apoiar a nosa proposta para reducir nun 80% os centos de coches oficiais e de servizo que utiliza o persoal de confianza do goberno galego e os altos cargos da Xunta”.
Por un intre pensamos que Lage ía propoñer bicicletas oficiais. Se en Holanda poden, que tamén chove abondo, por que non en Galicia?
O Grupo Socialista que propón “a redución nun 80% dos vehículos oficiais cos que conta a Xunta de Galicia”, defende que “só os conselleiros/as e o presidente da xunta dispoñan de vehículo oficial con conductor”
Lage Tuñas reta ao Partido Popular a apoiar “unha iniciativa constructiva e edificante” que “persegue rematar cunha maneira de facer política”. O deputado socialista considera “imprescindible cambiar a cultura política e mandar unha mensaxe edificante para os cidadáns que esperan cambios nas formas de facer política por parte dos seus representantes públicos”.
José Manuel Lage considera que “esta medida debería de ampliarse ao resto de institucións estatutarias e ao conxunto da administración paralela” da Xunta de Galicia”.
O parlamentario socialista cree que “é indispensable tomar medidas reais e efectivas que signifiquen realmente un cambio na cultura política deste país, xa que é difícil de entender para calquera cidadán o mantemento de determinados privilexios na esfera pública como pode ser o uso de vehículos oficiais para uso persoal de cargos de libre designación do goberno galego.”
Inmenso parque móbil
O deputado do PSdeG explica que “a Xunta sigue dispoñendo dun inmenso parque móbil destinados ao uso persoal de altos cargos e persoal de libre designación da administracción autonómica, sin que o goberno galego teña posto freo a esta situación.”
Lage Tuñas defende que “nun contexto no que se lle piden sacrificios a moitos traballadores, a moitos sectores da nosa sociedade, o que se espera tamén da Xunta de Galicia é sinais claros de entender que se debe rematar con determinados privilexios dos que dispoñen moitos cargos de libre designación do goberno galego.”
Os socialistas galegos recordan que o parque móbil da Xunta de Galicia contaba a comezo do ano 2009 con 2.248 vehículos segundo se desprende de diferentes informacións da propia Xunta de Galicia.
Dende o PSdeG apúntase que “o goberno galego tense limitado a publicitar un cambio de marca de vehículos como mostra de austeridade, nunha clara maniobra de “marketing” que non aborda a necesaria racionalización do parque móbil da Xunta de Galicia. Quedou todo nunha operación cosmética”.
Despilfarro de 10 millóns de euros en automóbiles
José Manuel Lage recorda que nos dous primeiros anos de goberno, Alberto Núñez Feijóo como Presidente da Xunta de Galicia “gastou máis de 10 millóns de euros na adquisición de vehículos para o parque móbil da Xunta de Galicia a pesares de presumir de austeridade e facer publicidade engañosa de xeito permanente ao redor deste asunto.”
”Sabemos que a cantidade de recursos económicos que se vai aforrar non resolve as dificultades económicas que pode atravesar o País pero sí é un claro sinal de ter entendido o cambio necesario e urxente que demanda a sociedade, a mesma á que se lle pide sacrificios.”
Antes, en Certo:

Comentarios [0]