Preme para voltar á portada
Filed under

literatura

 

Ribeira: Eli Ríos imparte un obradoiro este sábado para que os nenos coñezan o oficio de escribir

  • Para nenas e nenos de 3 a 6 anos, baixo o epígrafe "Que é iso de ser escritor?"

 


O ano pasado impartira un obradoiro similar Santiago Jaureguizar, escritor vasco-galego

Ribeira, 3 de maio de 2012.- A Biblioteca Municipal acubillará este sábado 5 de maio unha nova iniciativa cultural consistente no desenvolvemento dun obradoiro dirixido especialmente a nenos e nenas con idades comprendidas entre os tres e os seis anos, aínda que tamén recomendable para rapaces de ata dez anos. O seu título, “Que é iso de ser escritor?”.

Media_httpwwwaelgorgr_pgjkt

Eli Ríos, en ficha da AELG

A persoa encargada de impartir o obradoiro vai ser a poetisa galega Eli Ríos (Londres, 1976), quen traballará cos pequenos co obxecto de achegalos ao mundo da literatura e ao oficio de escritor.

A actividade terá lugar de 11.30 a 12.30 horas e é de balde. Os nenos poderán ir acompañados dos seus pais ou familiares, se ben a presenza destes durante o transcurso do obradoiro non é necesaria dado que haberá persoal que se faga cargo do coidado dos rapaces.

Organiza o Concello de Ribeira a través da súas áreas de Educación e Cultura e do Servizo de Normalización Lingüística, coa colaboración da Xunta de Galicia.

O mesmo día, pola noite:


Monólogo: o 5 de maio, Cándido Pazó, no Brétema

 








Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   literatura   obradoiros  

Cultura: bases do certame internacional de novela curta "Concello de Ribeira"

Click here to download:
Ribeira díptico novela curta.pdf (191 KB)
(download)
Click here to download:
Ribeira certame novela curta.pdf (28 KB)
(download)

Pode que tamén lle interese:

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   certame   literatura  

Literatura: "Orlando pendurado", presentado oficialmente en Ribeira, xa nas librarías

  • A novela é a gañadora da 3ª edición do certame "Cidade Centenaria de Ribeira"
  • Concello e editorial Xerais asinaron novo convenio para seguir publicando as obras deste certame bienal

(download)

Ribeira, 23 de marzo de 2012
.- O Salón de Plenos do Consistorio viviu onte un acto co que se quixo dar a coñecer á cidadanía do concello a publicación de “Orlando Pendurado”, de Goretti Fariña, obra gañadora da terceira edición do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

O alcalde Manuel Ruiz, o director da editorial Xerais, Manuel Bragado; a concelleira de Cultura Elvira Pisos; e a propia Goretti Fariña sentáronse na mesa presidencial para falar da novela publicada, da relevancia dun premio que tras seis anos de andadura xa está asentado como un referente no seu xénero, e da convocatoria da súa cuarta edición na que se seguirá a contar co apoio de Xerais, “a máis importante editorial de Galicia, que dá unha proxección extra a este premio”, segundo palabras de Ruiz Rivas.

O acto contou coas notas musicais do profesor de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira, Luis Ignacio Blanco Picos, mentres que o escritor, profesor e editor e profusamente galardoado escritor Antonio Piñeiro (membro do xurado xunto con Manuel Bragado, Xabier López Marqués e María Ángeles López Sampedro) leu un fragmento da obra gañadora.

Manuel Ruiz destacou a dobre finalidade deste premio de incentivar aos xóvenes autores e de honrar á cultura e á lingua galega. Quixo felicitar aos membros do xurado e tamén aos que formaron parte do Comité do Centenario, “punto de inflexión en canto ás actividades culturais do noso concello, como se pon de relevancia coa creación destes premios”. Sinalou a importancia da cultura, á cal este Concello vaille dedicar o mes de xuño e agradeceu a edicións Xerais a posibilidade de que se fagan visibles os autores galegos. “Non hai mellor lustre que edicións Xerais publique e vaia publicitando as obras gañadoras para darlle un maior prestixio”, destacou o alcalde.

Verbas da gañadora

Goretti Fariña (nacida en 1965 en San Xoán de Baión, en Vilanova de Arousa) desexou un longo futuro ao certame de novela curta e mostrouse encantada coa publicación da súa novela, ambientada no mundo naval. Segundo explicou, a historia conta a evolución mental dun neurótico ao longo dunha hora que entra en diálogo coa súa conciencia e revisa o seu pasado. Orlando Valiñas é un ex seminarista que por mor dun accidente laboral queda pendurado en perigo de morte, o que interpreta como un sinal do máis alá. “Penso que se algunha metáfora hai neste libro é que todos algunha vez nos atopamos en circunstancias angustiosas e tendemos a facernos promesas a nós mesmos coa certeza de que non as imos cumprir”, reflexionou.

Fala o editor
 
Manuel Bragado declarou que este certame “xa está sinalando unha tradición, enxergando un horizonte pola súa continuidade” e respecto da obra publicada destacou o tema de como “o ser humano aborda a sensación de fracaso” e aludiu á súa prosa elegante e fermosa.

A principal modificación que sufrirá a cuarta edición do Concurso será a ampliación dende 120.000 caracteres a 140.000 o límite máximo das obras presentadas. A convocatoria para presentar obras comezou onte e rematará o 23 de marzo de 2013. Segundo manifestou Pisos Arnoso, a organización confía en superar as novelas presentadas na última edición, chegadas de lugares como Xaén, Vilagarcía, Oviedo, Riveira, Vigo, Noia ou Rianxo.

Nas súas dúas anteriores convocatorias o premio recaera en “As mellores intencións”, de Begoña Paz; e en “Vertixes”, de Ignacio Silva, ambas tamén publicadas por Xerais.





 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   certame   literatura   novela   presentación libro  

Literatura: a novela que gañou o III concurso de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira", xa nas librarías

  • Preséntase oficialmente este xoves 22 de marzo


Orlando pendurado
, de Goretti Fariña, é a novela gañadora do «Premio III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira» 2011. Esta semana chegou ás librarías.

Ribeira, 21 de marzo de 2012.- O Salón de Plenos da Casa do Concello é o escenario escollido para acubillar no día de mañá, xoves 22 de marzo, ás 20.30 horas, da presentación da publicación na editorial Xerais da obra gañadora da terceira edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira: “Orlando Pendurado”, da escritora Goretti Fariña, nacida en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965.

De acceso libre e gratuíto para os interesados en asistir, no acto intervirán o alcalde Manuel Ruiz Rivas, a concelleira de Cultura Elvira Pisos, o director de Xerais Manuel Bragado, e a propia escritora.

O evento servirá tamén para convocar a cuarta edición do Concurso de Novela Curta: certame de carácter bienal que se está asentando como un referente deste xénero literario en Galicia.

A propia autora recibira a principios de maio o premio de 3.000 euros e o diploma acreditativo tras desvelarse publicamente a persoa gañadora da terceira edición.


Currículum de María Goretti Fariña

Nacida en 1965, María Goretti Fariña Caamaño é licenciada en bioloxía e profesora de ciencias no Colexio Sagrada Familia de Vilagarcía. Ten desenvolvido traballos didácticos no eido da formación ambiental para empresas, así como labores de guión videográfico.

No eido da poesía conta cos premios Victoriano Taibo - Instituto de Estudios Miñoranos (Devastacións dispoñibles, 2010), Concello de Vilalaba (Codias canda min, 2007), Manuel Orestes, Concello de Paradela (As devocións danadas, Consellería de Cultura, Santiago, 2005), Avelina Valladares, Concello de A Estrada (Náda por vir, 2003), Rosalía de Castro (Nai en mais ninguén, Follas Novas, Libros da Frouma, Santiago, 2000), Concello de Viveiro (Do noxo estacionario, 1999), así como outros varios en Begonte, Marín, Universidade de Vigo, Peñaranda, etc.

En narrativa conta, entre outros, con dous primeiros premios de narrativa ambiental da Consellería de Medio Ambiente (Os dares e teres de Saladina, 2003; O home que pensaba escribir unha novela, 2004), editados pola propia consellería.

A súa poesía pretende ser unha reflexión íntima, de raíz existencial e ton progresivamente desesperanzado aínda que non carente de certo humor, na que adoita percorrer vivencias e observacións cotiás para glosalas na procura de arestas que van desde o grotesco ao ontolóxico.

Na súa escasa obra narrativa, composta fundamentalmente de relatos breves, aborda a idea do fracaso desde unha perspectiva humorística, por veces coral e sempre crítica co sistema, con temas de fondo que van desde a neurose ao desamor. En concreto, o personaxe desta novela curta é un ser persoalmente frustrado que pasa de ser un Orlando Namorado e dubitativo a un Orlando Furioso e profundamente perdido, que se pregunta a si mesmo a partires dun afondar na súa conciencia e pasado recente entre constantes alusións bíblicas.

Antes, anunciamos:

Ribeira, 17 de marzo de 2012. Segundo informou onte no seu web a editorial Xerais, a novela gañadora da terceira edición do certame de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira", "Orlando pendurado", de Goretti Fariña, estará a disposición dos compradores a partir da semana vindeira.

De que vai o libro?

A nove metros do chan e a sete do taboleiro onde escorregara dez minutos antes, o operario Orlando Valiñas planeaba na bruma da mañá. Pendurado dun incómodo arnés, que o unía á vida, pensaba en Alexandra, a compañeira que enchera a súa vida nos tres últimos anos. Orlando preguntábase como identificar os sinais que indican o modo de facer correcto na vida, a maneira de atopar o rumbo preciso para avanzar na boa dirección. Durante aquela situación límite, en boa medida froito do tempo de crise que vivimos, cruzáronselle na súa cabeza as decisións principais da súa vida, xusto cando se verá obrigado a tomar outra que orientará o seu futuro. Con Orlando pendurado, un protagonista argallante que principia namorado e remata furioso, a autora quixo trazar un relato entre existencial e costumista, cun resultado entre piadoso e retranqueiro.

Antes, en Certo:

Convocado o terceiro premio de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira"



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   literatura   presentación libro  

Literatura Galega: Unha nova imaxe de Rosalía

Un achádego de Ramón Torrado*, autor deste texto

Rosaliafs_07_89_01

Na época en que un adolescente de quince anos colga máis de catro mil fotografías na súa páxina en tuenti, que importancia pode ter una única foto? Eu penso que no caso da imaxe que nos ocupa, moita.

      Rosalía de Castro é para min a mellor muller poeta da literatura mundial. Que pode facer Emily Dickinson contra un poema como “A xustiza pola man”? Quen ten entre as súas creacións dúas obras mestras absolutas como Follas novas ou En las orillas del Sar? A escritora de Padrón, tamén boa novelista, é española e é, moi especialmente, nosa. Todo iso de que Rosalía é a alma de Galicia … é certo!

      Máis que importa a opinión dun rapaz do Araño, de Rianxo, fillo dunha humilde familia de emigrantes? Como é posible que ninguén antes se dera de conta da identidade da protagonista deste impresionante retrato? Contarei os pasos que din.

      En primeiro lugar, investiguei á poeta do río Sar durante catro anos, de 1996 ao 2000, e falei con ducias de persoas, incluído o propio Premio Nobel padronés Camilo José Cela, bisneto dunha amiga de Teresa, a nai de Rosalía, e mirei en arquivos e nos lugares nos que ela vivía. Busquei información por todas partes para documentarme mentres escribía una biografía novelada, á que titulei Rosalía. O lume asolador das paixóns –empregando un verso que ela modificou do seu mestre Aurelio Aguirre Galarraga – que permanece inédita.

      Toquei coas miñas mans as fotos orixinais da autora e da súa familia, gardadas nun caixón na cidade de A Coruña e, preocupado por ter a mellor calidade posible, pedín que me fotocopiaran en láser as dúas fotos máis famosas. Esas fotos estiveron no Corte Inglés da cidade herculina, cando alí facían fotocopias.

      Os rostros son algo máxico para min: espellos da alma se me permiten botar man do tópico. De mozo pasaba os recreos en South Orange, New Jersey, mirando libros sobre pintura ou fotografías dos grandes mestres. No ano 1983 Sting, o cantante do meu grupo favorito The Police, sae na portada do seu disco lendo un libro: Sincronicidade, do psicólogo suízo Carl Gustav Jung. Aí empeza a miña fascinación coas coincidencias, e tamén cos parecidos nos rostros humanos.

      Teño unha carpeta moi chea de recortes con fotografías de parecidos. Así, encontro parecido entre George Michael e Nietszche, e hai unha foto na que Franco Battiato sae cuspidiño a Álvaro Cunqueiro, entre outras moitas parellas de caras que se asemellan.

      Hai uns sesenta días máis ou menos, volvín a unhas fotocopias que tiña gardadas da época da investigación rosaliana porque quería facer un vídeo sobre os fillos de Rosalía para YouTube. Empecei a gravar co teléfono móbil a Gala, a Aura, a Alejandra, a Ovidio e, de súpeto, ó facer un dos primeiros planos que tanto me gustan, reparei na ptose ou caída de pálpebra no retrato que se supoñía que era de Gala. Co corazón a cen por hora, só no meu cuarto, sentín moi emocionado que ésta era Rosalía, a miña amada Rosalía.

      Pero era distinta. O meu mentor cando escribín a novela – el animoume a escribir catro capítulos máis – foi o meirande especialista en Rosalía, o extraordinario intelectual e político Francisco Rodríguez, autor de dous libros espléndidos sobre ela. El e máis eu comprendemos que non existe aínda unha biografía extensa e rigorosa, digna da muller galega máis gloriosa. Isto é algo que non sucedería noutros países. No Reino Unido, por exemplo, houbo hai uns anos moita axitación sobre un posible retrato de Jane Austen, e non digamos como están con Shakespeare.

      De Rosalía só se coñecen unhas nove imaxes fotográficas; unha delas é arrepiante e moi descoñecida, da etapa cando estaba moi enferma. Case todas as imaxes, reflectindo a censura e o abuso que dela fixeron no mundo das Letras, crean unha idea estereotipada de muller máis ben apoucada, bondadosa raiando nunha soporífera beatitude, inofensiva, inculta. Unha grande mentira. Daí as estupideces e desprezos de George Steiner e de Luis Antonio de Villena, e non só deles.

      Pero é distinta. Si. Aquí ela é diferente. Marcada a foto por detrás co nome de Gala, como todas as demais fotos da colección denominada “Juan Naya” - depositario de moitos documentos inéditos que era fillo da costureira da familia Castro-Murguía e que chegou a ser arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega - non parece retratar a Gala, que tiña a face máis afiada.

Beauty_beheld_476

      É  distinta. Nesta imaxe, que sería a número dez que conservamos dela, vese unha muller chea de forza, de intensa, melancólica e compasiva mirada, coa man no peito, segura do seu valor, engalanada con peles e xoias. Nin rastro da pobriña de moitos bustos, selos e cadros. Helena Villar e Paulino Vázquez: ambos responden con asombro ó ver este retrato de estudio. É ela. É a nosa Rosalía.

      Con todo, é necesario ter precaución. Igual se trata da misteriosa Amara, ou da propia Gala que cambiaría coa idade. É moi difícil confirmar nada. Será preciso consultar en arquivos municipais sobre os fotógrafos da época, en particular na Coruña, mirando os datos da rúa San Andrés, por exemplo.

Media_httpfarm8static_icvbk

Imaxe de Gala, filla de Rosalía. Nela non se apreza a ptose (caída de pálpebra) da probable foto de súa nai

      Hai rumores de que se prepara, a cargo dun grupo de especialistas da Universidade de Vigo, unha biografía definitiva de Rosalía. Hai moito por facer. Sería bo comprobar, en Madrid, se existen persoas descendentes – como na excelente película epónima de moda con George Clooney sobre o respecto ó patrimonio – da parella formada por Manuel Murguía e Rosalía, posto que o seu fillo Ovidio tivo ó parecer un fillo ou unha filla coa moza madrileña Visitación Oliva. Tamén se poden visitar os arquivos de Padrón e de Compostela para seguir a pista dun legado do poeta Fermín Bouza Brey que me transmitiu outro poeta, Manuel María: a revelación de que Rosalía tivo un irmán, un bebé que faleceu ó pouco de nacer.

      Queremos entrar no misterio desta muller apaixonante que era María Rosalía Rita Martínez de Castro para comprendela e para comprender mellor as súas obras. Penso que debemos sentir por ela o que ela sentía pola nosa terra galega, os sentimentos que deixa entrever esta fotografía: nobreza, valía, orgullo e amor. 
 

  • Quero expresar o meu agradecemento pola súa amabilidade a Mercedes Fernández-Couto Tella, Directora do Arquivo da Real Academia Galega.

Read the rest of this post »



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rosalía de Castro   cultura galega   exclusiva   literatura  

A Pobra do Caramiñal: Novas Xeracións organizou un concurso de cartas de amor polo San Valentín

Sanvalentin1

 

A Pobra, 14 de febreiro de 2012. Hoxe, Día dos Namorados, dase por rematado o primeiro certame literario de Cartas de San Valentín que organizou a asociación xuvenil do PP, Novas Xeracións, coa entrega de premios ás tres misivas gañadoras.

Presentáronse 30 cartas, das cales resultaron gañadoras, como primeira, a titulada "La distancia le ganó al amor", cuxo autor recibirá unha estancia dunha noite nunha casa de turismo rural para dúas persoas. A carta co título "Hay personas en tu vida" levou o segundo premio, cunha caixa de bombóns de agasallo xunto cunha botella de cava, e o terceiro posto foi para "Los latidos de mi corazón", que recibiu como galardón un arranxo floral. Non sabemos se por timidez, vergoña ou simple discreción, ningún dos gañadores quixo facer público o seu nome nin saír nas fotos da entrega de premios.

O presidente de Novas Xeracións da Pobra, Eloy Sobrido, amosouse "feliz por la acogida que obtuvo el concurso tanto entre los jóvenes de Puebla (sic) como de otros sitios del mapa español" e agradeceu a todos os que participaron nesta actividade a súa implicación. O colectivo xuvenil conservador di que non só poden facer actividades de carácter social e de ocio ou deportivas como ata agora, senón tamén de tipo lúdico cultural.

Sobrido rematou a entrega de premios coa mensaxe de que "seguiremos trabajando para promover actividades que enriquezcan valores saludables entre la juventud, y ayudando a los que más lo necesitan". Animan, asemade, a participar nas seguintes actividades, que NN.XX. organizará antes da tempada estival.






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   A Pobra do Caramiñal   Novas Xeracións   certame   literatura  

Noia: a Sociedade Liceo convoca o seu IX Certame de Relatos

  • 1.000 euros de premio para o relato gañador
  • Prazo de presentación ata o 1 de abril
  • Fallo do xurado, o Día das Letras Galegas, que este ano se adica a Valentín Paz Andrade
  • O relato será publicado na revista "Alameda", que edita o Liceo noiés

Bases completas:

Click here to download:
IX CONCURSO DE RELATOS.pdf (251 KB)
(download)





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Liceo   Noia   certame   literatura  

Literatura: convocan un certame de contos para mozos ata 19 anos para darlle pulo a lendas da Barbanza

  • O prazo para presentarse comeza o 1 de febreiro e remata o 5 de marzo

Media_httpwwwarousano_ezhxe

Barbanza, 31 de xaneiro de 2012. Veñen de convocar o I Certame Infantil e Xuvenil Relatos  ”Letras na brétema”, co fin de promover a creación literaria e darlle pulo ás lendas de Barbanza entre os máis mozos. A teima dos relatos serán os mitos e lendas galegas, que poden ser reais ou ficticias pero deberán estar baseadas en feitos, personaxes populares ou tradicionais, ambientados -personaxes e lendas- na bisbarra da Barbanza.

Bases:

Click here to download:
i_concurso_infantil_e_xuvenil_de-relatos.pdf (18 KB)
(download)
https://twitter.com/#!/Certo/status/164298044311994368



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   certame   lendas   literatura  

Rianxo: o premio "Modesto R. Figueiredo" entrégase o venres 30 de decembro a Amancio Liñares

  • O gañador da XXXVII edición deste certame de relatos curtos presentou "Corografía Obama"

Media_httpfarm5static_gtnsg

O acto de entrega será no auditorio rianxeiro

Rianxo, 19 de decembro de 2011. Onte, domingo 18 de Nadal, fallouse o premio de narracións curtas "Modesto R. Figueiredo" que organiza o Pedrón de Ouro xunto co Concello de Rianxo (este Premio rota cada ano por un Concello de Galicia).

Click here to download:
tarxeta_invitacion_ok.pdf (223 KB)
(download)
O gañador, coa obra titulada "Corografía Obama", lévase mil euros. Desta volta foi o profesor Amancio Liñares Giraut, residente en Negreira e director da editorial tresCtres Editores. Tamén obtiveron accese, cunha contía de catro centos euros cadansúa obra, as tituladas: "Frío Azul" de Ledicia Costas (escritora de Vigo) e "Eco de Afasia", de Xaime Domínguez Toxo (natural de Pontevedra).

O xurado estivo formado por: Xosé Ramón Fandiño Veiga (Presidente do Pedrón de Ouro), Xesús Santos Suárez , que foi o Moderador, Tucho Calvo en representación do PEN CLUBE de Galicia, Agustín Agra en representación da AELG, Esther Carrodeguas en representación do Concello de Rianxo, Anxo Angueira en representación do Pedrón de Ouro e David Otero que actuou como Secretario.

A entrega destes premios terá lugar o trinta de decembro ás oito horas da tarde no Auditorio Municipal de Rianxo e deste acto será o mantedor literario o profesor e académico Xosé Luís Axeitos e a presenza musical do trío Vai formado por ex-membros de Fía na Roca. Neste acto de entrega a organización conta coa presenza en Rianxo da viúva de Modesto R. Figueiredo e tamén as fillas deste.

Quen é Amancio Liñares?

Media_httpwwwgalegosi_ngdqw

Non é doado resumilo -polígrafo chamaríamoslle, pero a verba deturpouse con tanta máquina da verdade-. Entón, véxano por vostedes mesmos nestas páxinas:

http://www.tresctres.com/?i_url=mo2-se41-op4-lges

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XosLi%F1ar1&alias=X.+Amancio+Li%F1ar...

http://www.galegos.info/xose-amancio-linares-giraut

Dous avisiños:

Facebook: Certo ten páxina ao superar os 5.000 amigos. En http://www.facebook.com/xornalcerto

Vitaminas para o galego: Certo colabora para que sobrevivan os medios na única lingua propia de Galicia



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   literatura   premio  

Ribeira: o escritor e editor Antonio Piñeiro recolleu o premio "García Barros" de novela na Estrada

Fiandeiras

Ribeira, 28 de novembro de 2011. O pasado venres, 25 de novembro, entregouse na Estrada (Pontevedra) o premio "García Barros" de novela, que recolleu o ribeirense Antonio Piñeiro. Alí mesmo se fixo a presentación do libro, que vén de saír do prelo da man da Editorial Galaxia.

De que vai "As Fiandeiras"?

A historia acontece no romántico século XIX. No interior rural galego un grupo de mulleres loitan pola súa prosperidade, por sacar adiante o seu propio negocio rebelándose contra as tenazas do sistema, nun acto valeroso sobre o que vai pivotar o triángulo afectivo de tres delas. Un triángulo sutil, feminino e intenso ata o punto de que, pese ao que sería lóxico esperar dos acontecementos, non remata en decepción, senón que se convirte no principal vehículo que o recordo usa para achegar á protagonista á súa propia identidade.

Conducida polo fío do mito grego, a novela é unha revisión, traída ao escenario galego do romántico clima da revolta, do uniforme, da pólvora, da aventura insurreccional e cantonal, no século XIX, da fábula de Aracne: o reto entre a mortal e a deusa por ver quen tece o mellor tapiz, provocando que a envexa da deusa condene á mortal Aracne a tecer para sempre, convertida en araña. No caso das fiandeiras son os tules, os finos veos con destino á corsetería, lencería e roupa interior feminina das damas podentes da capital, o motivo para poñer en marcha a maquinaria coactiva e inquisitorial do poder.

Quen é Antonio Piñeiro?

Premio: Antonio Piñeiro gaña o certame "Antón Avilés"

Premio: Piñeiro recolleu o "Ángel Urrutia" de poesía en Lekunberri

Entrevista: Antonio Piñeiro edita libros que son en si mesmos obras de arte, na Colección Bourel. Máis



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   #ACunqueiro   Antonio Piñeiro   cultura galega   literatura   premio  

Literatura: Francisco Rodríguez presenta a Rosalía en Noia: o desencanto e a lucidez

Por Ramón Torrado

(download)

Da Matanza de Padrón ó antigo Matadeiro de Noia, que é onde está ubicado o novo Edificio Administrativo Espírito Santo, foi trasladada por un día a presenza de Rosalía de Castro a través da persoa que probablemente máis sabe dela no mundo. Onte, 26 de agosto do 2011, tivo lugar unha resurreción, ou alomenos un achegamento profundo á máis xenial muller galega, e tamén a todos nós.

      A sala de conferencias quedou pequena para o público, no que se encontraban escritores como Carlos Mosteiro, Ramón Carredano Cobas e Xerardo AgraFoxo, e políticos da esquerda, xunto con investigadores e algunha xuventude de aspecto estudiantil. Había varias fotógrafas profesionais e axitadores culturais, como Lois o irmán do malogrado dramaturgo noiés Xosé Agrelo.

      Como facía Agrelo, o home complexo que é o ferrolán Francisco Rodríguez transfórmase con facilidade nun orador electrizante. Onte, o seu rostro era unha personificación do desencanto. El leva toda a vida loitando pola súa terra galega, e loitando por revelar a imaxe verdadeira de Rosalía, rebelándose contra os escurecedores.

      Unha vez máis no curso dos anos, el esta vez prestouse a desvelar algo do misterio que rodea á estrela de Padrón. A ocasión era presentar un libro no que leva traballando … 30 anos! Trátase de “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)”. Un home incansable, congresista moitos anos que mesmo gañou a admiración do Presidente Zapatero, apenas se permitiu uns risos irónicos, brutais e para si mesmo, durante a dura elocución.

      Contou as últimas novidades, case todas baseadas en cartas, que van aportando pezas do puzle que retrataría á muller e persoa que era Rosalía: “simpática, imaxinativa, talentosa, honesta, boa cociñeira (preparaba deliciosas empanadas de muxo), e en especial alguén en quen se podía confiar plenamente, como facía o editor católico Soto Freire, que mesmo lle contaba por carta os seus problemas matrimoniais”. Con furia reprimida, Paco contou que aínda hai pouco na Universidade de Santiago se presentaba nas aulas a Rosalía como unha muller inculta, case analfabeta, á que igual era o marido Manuel Murguía quen lle escribía as obras.

Rosalía, ignorada na Compostela "xacobea"

      Xa no seu vídeo persoal inicial, duns 12 minutos, no que se ofrece un percorrido polas casas de Rosalía en Compostela – un vídeo moi emocionante, en especial na parte final adicada a Cornes e Conxo – se avisaba do ocultamento que fan os poderes conservadores con Rosalía, deixada a un lado polo Xacobeo, cando Santiago debería ser como o Dublín de Joyce ou a Praga de Kafka, coa diferenza de ser unha muller o corazón cultural. Pois ben, como sinalou o ferrolán, ela segue a ser vítima de nós mesmos na actualidade.

Rosalía versus Emilia

      Así, nun instituto Rodríguez viu como no 125 aniversario do pasamento da autora, as paredes estaban cheas de cartaces honrando a Miguel Hernández, pero nada, tampouco oficialmente, lembraba a Rosalía. Tamén explicou, nun intre vibrante do seu discurso, o contraste en vida de Rosalía coa villana no día de onte: unha muller moi lista, moi rica, moi esixente coa moral excepto para si mesma, e unha muller que loitou contra o galego e a cultura galega. Emilia Pardo Bazán, reaccionaria e vanidosa en extremo, paradoxalmente reverenciada por algunhas feministas segundo sinalou Rodríguez, non dubidou en atacar a Rosalía mesmo cando esta acababa de morrer.

Rosalía, vítima do cancro de útero

      Con tristura tivemos que escoitar neste novo edificio, grazas a unha das moitas acertadas preguntas que fixo o presentador Xabier Castro, das dramáticas condicións vitais da nosa amada escritora nos derradeiros anos. Sen mencionar xa o cancro de útero, visionamos a súa pobreza, cavando ela mesma na casa da Matanza, abandoada por Murguía (revelouse que nunhas fichas biográficas o escritor de Pontevedra Víctor Said Armesto apunta a que o grande defensor intelectual de Rosalía tiña unha amante daquela en Santiago), quedaba sumida (como o seu fillo Ovidio!, outra revelación) no alcohol, e incluso se adentraba en pensamentos suicidas. Todo, mentres que Dona Emilia era regada con flores e múltiples honores (uns versos ácidos de Rosalía demostran que esta era consciente da inxustiza).

      Máis, preguntouse con ironía Rodríguez, onde está agora Pardo Bazán? Non debería ter unha estatua en Guadalajara? Ela, e os outros escritores galegos en español, “asimilados” – mencionou a Torrente Ballester – acaban sendo esquecidos pola cultura española.

      Pero non por nós! Rosalía de Castro non deberá ser nunca esquecida pola xente da terra que ela tanto amaba. Francisco Rodríguez fundeuse nun abrazo comigo cando xa rematara a presentación. El foi quen me animou a engadir catro capítulos máis á miña biografía novelada inédita da poeta do río Sar. Tal vez porque non coincidimos na relación que ela tivo con Aurelio Aguirre (que non foi mencionado onte, como si o foi outro fiel amigo, Eduardo Pondal), Paco non lembraba o meu nome, pero si tivo o detalle de apuntar na dedicatoria que me fixo o seguinte: “a un fan de Rosalía e a súa obra, que sabe canta bondade e enerxía contén”.

Rosalía, escritora romántica e erótica

      Quédame por engadir que, durante este memorable acto, que debería ter sido gravado en vídeo para ser reproducido con frecuencia por toda a nosa xeografía, só unha persoa, a amiga Isabel, do Bierzo leonés, se atreveu a intervir. A miña decepcionante timidez impediu que eu preguntase algo, aínda vendo que cada pregunta traía respostas interesantísimas e apartaba sombras. Isabel, como eu mesmo, discrepaba da afirmación de Rodríguez de que Rosalía non é unha escritora romántica. O propio escritor tivo que recoñecer que a primeira novela rosaliana, La hija del mar, creada ós 20 anos, é romántica, e engadiu unha noticia extraordinaria: un prestixioso crítico literario da Universidade de Cambridge, non atado a ningún lastre de autoodio ou prexuízo, quedou abraiado lendo esta novela, e declarou que está entre as mellores en español do século dezanove, e aínda máis: que conta, no episodio da tormenta, cun dos mellores relatos eróticos feitos na lingua de Cervantes.

      Canto queda por descubrir. Se “En las orillas del Sar” é en efecto a mellor obra poética española do século 19, “Follas novas”  é a mellor obra literaria feita en galego de tódolos tempos, e teremos que esperar para ver como é recoñecida no ámbito da literatura universal, ó igual que hai que esperar a que apareza por fin unha biografía de Rosalía de Castro digna dela.

      Polo de agora, grazas a Francisco Rodríguez e a outras persoas encargadas de aportar luces e verdade, iremos xuntando fíos para estar máis fortemente unidos a quen tanto nos deu.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ramón Torrado   Rosalía de Castro   literatura   presentación libro  

Literatura: o ribeirense Antonio Piñeiro gaña o "García Barros" de novela que convoca o Concello da Estrada

Media_httpfarm4static_dbbcs

Ribeira, 21 de xullo de 2011. A obra gañadora do "García Barros" de novela deste ano é "As Fiandeiras". Por este título, que asina o editor e escritor ribeirense Antonio Piñeiro, recibirá 9.000 euros en outono e verá publicada a novela na Editorial Galaxia. A peza está ambientada na Estrada do século XIX, segundo desvelou hoxe o xurado en rolda de prensa na Estada, Concello que convoca este certame para divulgar a figura de Ken Keirades, seudónimo de Manuel García Barros. Manuel Piñeiro vén de gañar o certame de relato de aventuras "Antón Avilés de Taramancos" en Noia e tamén o "Ángel Urrutia" de poesía en Lekunberri.

Trátase da XXIII edición deste premio, na que o xurado estivo formado por Bieito Iglesias Araúxo, escritor ourensán que xa o gañou no seu día;  Inmaculada Otero Varela; o crítico literario mindoniense Armando Requeixo Cuba; Carlos Lema Malvar e Valentín García. Concorreron nesta ocasión 26 textos.  

O Concello da Estrada coa colaboración coa Consellería de Educación e OU, a Secretaría Xeral de Política Lingüística a Deputación de Pontevedra, e Editorial Galaxia leva 22 anos convocando este premio de novela longa en homenaxe a Ken Keirades, no ano 1989 inicia esta andaina e saca a luz “Paisaxe con muller e barco” de Manuel Forcadela e ten no seu haber obras como “Magog” de María Gándara, “O espírito de Broustenac” de Álvarez Cáccamo, “Tal vez melancolía” de Xoan Carlos Caneiro, “As rulas de Bakunin” de Riveiro Coello, “Un nicho para Marilyn” de Miguel Anxo Fernández, “A vida que nos mata” de Xavier López López, “Lois, Helena un día de Tormenta” de Manuel Veiga e “As palabras da Néboa” de Francisco Castro ou “Un tipo listo” de Xosé Monteagudo entre outras.

Todas as convocatorias e gañadores, na Galipedia, aquí

Antes, en Certo:

Premio: Antonio Piñeiro gaña o certame "Antón Avilés"

Premio: Piñeiro recolleu o "Ángel Urrutia" de poesía en Lekunberri

Entrevista: Antonio Piñeiro edita libros que son en si mesmos obras de arte, na Colección Bourel. Máis



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Antonio Piñeiro   Ribeira   literatura   premio