Música: Terbutalina agasallará "Hostias para todos" dende o 24 de maio
- Cun son "sinxelo e sucio", foi gravado en Portugal e vaise poder descargar de balde dende o BandCamp da propia banda o 24 de maio
- Cantan en galego, menos para Mariano Rajoy, sobre asuntos da máis absoluta actualidade e as paranoias de cada integrante
Terbutalina actuou de balde no primeiro festival de "Vitaminas para o galego"
Muros, 17 de maio de 2012. Hostias para todos é o novo traballo da Terbutalina. Gravouse a comezos do 2012 en Portugal en cuestión dunhas horas e reflicte o son do grupo: sinxelo e sucio. É, tamén, o primeiro traballo da Terbutalina coa súa actual formación, de cinco membros. As composicións continúan na liña do gastropunk amosado no Broncodilatador, o seu primeiro LP. Trátase de sete cancións dun ton máis escuro no que podemos catar desde punkeiradas como “Picolo (vas de verde)” ou “O teu corpo pide jerra” a hostións psicomotrices como “Xira Funeraria” ou “Suisidarse”. Estupidez, fame e velocidade.
Lanzarase ao mundo o próximo día 24 de maio. Poderase descargar de balde desde o BandCamp da propia banda e desde outras plataformas habituais. Lucirá capa deseñada polas xeniais Arinspunk e o videoclip do tema “Suisidarse” acompañará a súa presentación.
O que é non ter vergoña…
Que hostia é Terbutalina?
A Terbutalina nace no incentro entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do estado de Muros) no 2010. Ex-membros de grupos como THE, Metralla, Skaiola Borrokal ou Süiss dan en se xuntar, tirar para adiante e elaborar unha recua de temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons.
En 2011 lanzan o seu traballo de presentación Live in Catoira, que recolle 8 temas dun concerto perpetrado en Catoira (de aí o nome, tampouco é cuestión de romperse a cabeza). Unha das súas verbas-fetiche é "hostia!". Sóltana tras cada canción nos seus concertos, inda que para levarnos a contraria -gústalles deixar en ridículo aos xornalistas, o cal nos parece caralludo- pode que non a volvan pronunciar nos seguintes directos.
O primeiro LP de estudo, gravado en L.A.
Meses despois viaxan até L.A. para gravar o que será o seu primeiro LP de estudo Broncodilatador. Un disco con 15 racións de gastropunk e música de diferentes estilos sempre baixo a premisa “mellor arriscarse e que rompa”. Até que o álbum saia á luz (coma se dun feto se tratar), sacan un EP para ir abrindo boca e pernas titulado Que-de-leite! con 3 temas dese futuro LP dispoñible para libre descarga.
Os 15 temas do Broncodilatador son unha pequena mostra do variado da súa aposta, unha proposta que levan amosando desde a súa formación nos diferentes concertos que teñen ofrecido ao longo da xeografía galega, nos que mesturan diversión, velocidade e empanada.
Na primavera de 2012 ve a luz un novo EP gravado en Portugal baixo o título Hostias para todos. Este traballo contén sete temas directos e sucios nos que mesturan estilos, sachadas á altura dos xeonllos e cabezadas na nuca. O sexto corte do disco, “Suisidarse”, contará tamén cun videoclip dirixido por Lucas Nadal (director de vídeos para grupos como Ataque Escampe ou Samesugas).
Ademais deste lanzamento, tamén colaboran cun tema no recopilatorio Galician Bizarre II, que recolle cancións de até 18 bandas.
E despois? Pois non parar de tocar, que para apalancarse hai tempo a jodelo.
Bailen, hostia! Bailen!
Nota de Certo: agardamos que non nos defrauden e saquen, como anunciaron nun concerto, o vindeiro EP como e-book musical en Galaxia, para que Víctor Freixanes se poña ao día cando lle asubíen as orellas. Tamén ameazamos con lles facer unha entrevista un día destes: en maio pode que non nos dea tempo, pois estamos en estado de shock logo de ver a varios Borbóns pendurados da casa de cultura da Pobra do Caramiñal.
Membros
Migui: guitarra e voz
Mon: guitarra e coros
Samuel L. París: baixo e coros
Brais: teclado e coros
Carlos: batería
Sites (aká páxinas jueb para que sites)
BandCamp: http://terbutalina.bandcamp.com/
Blog: http://terbutalina.blogaliza.org/
Facebook: http://www.facebook.com/terbutalina
Twitter: http://twitter.com/Terbutalina
MySpace: http://www.myspace.com/terbutalina
Contacto e contratación
Contratación: 627 252 898
Contacto: aterbutalina@hotmail.com
Entrevistas






























Comentarios [0]