Preme para voltar á portada
Filed under

Manuel Ruiz Rivas

 

Ribeira: o alcalde publica a súa nómina na web para evitar faladurías

(download)
Ribeira, 23 de outubro de 2011. "Moitas veces unha imaxe (ou dúas) vale máis que mil palabras. Así que en aras á transparencia e co obxecto de clarificar certas dúbidas sobre o que percibe este Alcalde e cal é a súa remuneración como Deputado Provincial, acompañan a este texto as nóminas correspondentes ao mes de setembro nun e noutro concepto.

Por propia vontade, Manuel Ruiz decidiu unha rebaixa do 6% no soldo anual do Alcalde e dos membros do Goberno con dedicación exclusiva. E cómpre dicir tamén que as cantidades percibidas nos dous cargos que Ruiz Rivas ocupa na actualidade suman unha cantidade sensiblemente inferior á que recibía como Voceiro Popular no Parlamento de Galicia: un posto ao que expresamente renunciou coa ilusión de traballar por Riveira". Así se explicou o pasado xoves, 20 de outubro, o alcalde de Ribeira na súa web ,http://www.manoloruiz.org.

Con estas explicacións, o alcalde sae ao paso das acusacións do Bng sobre que tiña maiores ingresos, que publicou o grupo nacionalista no seu blog.

Antes, en Certo:

Ribeira: onde estivo e que fixo e cos cartos de quen o alcalde? inquire o Bng

 

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   alcalde   transparencia  

Ribeira: o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, e o senador e ex-alcalde, José Luís Torres Colomer, en New York este sábado 15 de outubro

Photo

Coméntanos un veciño que se enterou desta viaxe pola web da Casa de Galicia de New York, que "coa que está caendo, o noso alcalde e ex alcalde van de visita á Gran Mazá a gastos pagos. Que utilidade ten esto? Aí os tedes, "se cubrirá gastos", á parte de que está mal escrito, aí si se gastan a plata".

E en Certo, xornal dorneiro por excelencia, dásenos por preguntar:

.- Por que non se informou desta viaxe e os seus obxectivos na web municipal ou aos medios de comunicación, como se fai co resto da actividade dos gobernantes de Ribeira?

.- Miraron ben Ruiz Rivas e Torres Colomer o día que escolleron para ir a New York? Quen os asesora? O community manager do PP, o que empurrou a "adeptos" a ceder contas de twitter e facebook ou o lumbreras ao que se lle ocorreu o de "pregúntale a Mariano"?

.- E todo isto, quen o paga? E se o paga alguén, pódese saber canto custa?

.- Non terá que ver coas vindeiras eleccións e irán facer apostolado a prol do PP, verdade? Darán un mitin nun lugar como o escollido por Feijóo e que denuncia Galicia Confidencial?

.-Esa frase "de todos conocidos en Casa Galicia", que significa? Que van moito por alí? Que veñen os emigrantes de Ribeira moito por aquí? Que hai unha relación significativa entre os dirixentes desa Casa Galicia e Rivas e Colomer?

A bo seguro que aos lectores de Certo se lle ocorren outras cuestións máis sagaces...

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   New York   Ribeira   Torres Colomer   viaxe  

Ribeira: o alcalde suma un novo posto, ao pasar a formar parte do Consello de Administración de Portos de Galicia

  • O PSOE ribeirense, encantado con este nomeamento
     
  • Por outra banda, o Concello anuncia que xa está máis preto a construción dunha rotonda no cruce do Vilar
Media_httpfarm5static_pmeiw

Ribeira, 1 de setembro de 2011. O alcalde de Ribeira e deputado provincial, Manuel Ruiz Rivas, foi designado polo presidente desta última administración para formar parte como representante da mesma no Consello de Administración de Portos de Galicia. Así lle foi comunicado ao rexedor en escrito remitido con data 25 de agosto. 

Para o rexedor ribeirense "é unha satisfacción" que o presidente da Deputación teña pensado nel para defender os intereses dos portos da provincia da Coruña, pola importancia que se está a dar con esta designación ao porto de Ribeira en tanto principal porto de cantos en Galicia son de competencia autonómica. 

Así mesmo, convén salientar que este nomeamento satisfai unha demanda plantexada en diversas ocasións por grupos municipais da Corporación de Ribeira. Ruiz Rivas manifestou que acollerá esta representación provincial “coa responsabilidade que require defender os importantes investimentos e necesidades que os portos teñen en concellos como o de Ribeira”. 

A este respecto, cómpre salientar que ademais de Santa Uxía, o municipio conta con infraestruturas portuarias en Aguiño, Ameixida, Castiñeiras, Corrubedo, Insuela e Palmeira.

Na nota de prensa do Concello ribeirense non se especifican os emolumentos que vai cobrar (ou non) o alcalde por este posto.

O PSOE, feliz e contento

A agrupación socialista de Ribeira manifestou nunha nota de prensa en perfecto castelán "su satisfacción por el nombramiento y representación del Alcalde de la ciudad en el consejo de la entidad Portos de Galicia. El puerto de Riveira por derecho propio merece una representación directa en el máximo órgano director de los puertos de la comunidad y con este nombramiento el puerto inicia el camino de recuperación de un protagonismo que su flota pesquera ya tiene por méritos propios. Y los socialistas lo consideran un primer paso para iniciar la necesaria   restructuración   del   puerto   y   la   organización   de   su   actividad,  entendida como la planificación, en colaboración con las distintas artes  pesqueras que conforman un sector pesquero único. Y como tal unidad productiva, deben responder a los intereses integrales del proyecto de ciudad liderado por el Alcalde. La marca Porto de Riveira (sic); la cooperación estratégica a nivel de Ria de Arousa y la defensa de los intereses de nuestra zona altamente dependiente de la pesca en la negociación de la política europea  son objetivos prioritarios para la Corporación municipal y para lo que se requiere compromiso de acción coordinada y sostenible por parte del sector y
liderazgo por parte del Alcalde. Y para esto estaremos los socialistas de Ribeira". Esta nota de prensa do 2 de setembro e inzada de copulativas está asinada por Andrés Fariña, máximo dirixente do Psoe ribeirense.

Avance co expedente para construír unha glorieta no cruce do Vilar

O proxecto de construción dunha glorieta no cruce do Vilar vai camiño de ser unha pronta realidade despois de que, tal e como dispón o BOP do 1 de setembro, se dese un significativo paso na tramitación do expediente, coa solicitude á Xunta de Galicia de declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución das obras: último trámite antes de sacar a obra á licitación.

Cun orzamento de 150.654,52 euros, esta demandada actuación ten unha especial importancia para a mellora da seguridade viaria na zona obxecto da mesma, ao constituír un punto de confluencia estratéxico das estradas que proceden de Riveira, Frións, O Vilar e os núcleos de Carreira e Aguiño.

Cabe lembrar que o Concello xestionou a posta a disposición dos terreos necesarios para executar a rotonda e que, a pesar da boa disposición dos veciños, xurdiron problemas inesperados de índole formal que atrancaron este trámite, razón pola cal a Deputación Provincial asumiu esta xestión co ánimo de que o proxecto sexa executado coa máxima antelación en aras a unha maior seguridade viaria.

Pode que tamén lle interese:


Sálvora C.F.: este sábado 3 presentan as categorías inferiores


Festas de Santa Uxía: o luns 12 de setembro, concurso de baile


Aguiño: os da AFLM, encantados co novo párroco nomeado


Cambio dos sindicatos: principio de acordo, disque


Andaina popular: o sábado 3 de setembro

 


Caricaturas de Pepe Núñez: ata o 15 de outubro no auditorio




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Portos de Galicia   Ribeira  

Ribeira: déronlle estrea ao novo autobús turístico

  • Hoxe foi só para asociacións e políticos. O día 27 entrará en funcionamento para os usuarios interesados
  • O alcalde veuse arriba e dixo que "Ribeira ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural"

(download)

Ribeira, 22 de xullo de 2011.- O Autobús Turístico comezou a súa andaina esta mañá cunha ruta inaugural na que participaron membros de distintas asociacións e clubs de xubilados do municipio, así como membros da Corporación Local.  

O alcalde Manuel Ruiz Rivas foi o encargado de abrir este servizo e explicarlles aos pasaxeiros o obxectivo perseguido polo Executivo local con esta iniciativa, pioneira no contorno. “Queremos facer de Ribeira un lugar máis visitado, no que a xente se sinta cómoda non só para vivir senón tamén para poder disfrutar da súa potencialidade turística”, declarou. Abundando nesta liña, Ruiz Rivas tamén indicou que na súa opinión Ribeira "ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural". 

Sobre a posta en marcha do novo servizo, o alcalde comentou que ante a premura con que se organizou a acción, o de este verán é un preludio dun proxecto máis ambicioso que se implantará o ano que ben, e que pretende incluír tamén unha ruta marítima en catamarán. 

Durante o percorrido (máis curto que o das dúas rutas regulares que se porán en servizo en días alternos) os viaxeiros puideron visitar distintos puntos de interese turístico, como o miradoiro da Pedra da Rá e o parque periurbano de San Roque do municipio, e visionar unha nova curtametraxe sobre os recursos turísticos da comarca, ademais doutro sobre a nova lonxa.

Viaxes a tres euros

O vehículo comezará a funcionar para os pasaxeiros o vindeiro 27 de xullo. Xa hai un grupo de membros da Asociación Ámbar que reservaron para este día. O servizo terá un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

De mércores a domingo

O servizo funcionará de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e de regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas. Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía explicará as peculiaridades de cada lugar.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   turismo  

Ribeira: recepción no Concello ao Sálvora por tantos éxitos deportivos nesta tempada

  • Foi o primeiro acto institucional de Manuel Ruiz Rivas  como alcalde 
  • Entregáronse os trofeos de Campións de Liga en Infantil, Alevín e Benxamín

 

(download)

Ribeira, 17 de xuño de 2011.- Un salón de sesións completamente abarrotado foi o escenario da recepción que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, quixo realizar a xogadores, técnicos e directivos do Sálvora Club de Fútbol, ante os magníficos resultados deportivos acadados polo colectivo riveirense nesta tempada. Ata 150 xogadores estiveron presentes nun evento que serviu tamén para facer entrega dos trofeos de campións de liga conqueridos polos equipos infantil, alevín e benxamín. 

Con tal motivo, déronse cita na Casa do Concello dous membros da Federación Galega de Fútbol: o directivo Nelson Barreiro e o delegado de Santiago Quico Fernández, que se encargaron de facer entrega dos correspondentes trofeos a cada categoría, ao igual que o alcalde. Tamén estiveron na mesa presidencial o coordinador de fútbol base do club, Artola, e o concelleiro delegado de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez. 

Na súa alocución, Quico Fernández destacou que esta é a primeira vez que a delegación santiaguesa da Federación desprázase ata unha localidade distinta á compostelá para celebrar un éxito deportivo. Salientou que equipos como o Sálvora van no bo camiño para que o fútbol de Ribeira volva ser unha referencia e regrese á élite. 

Pola súa parte, Ruiz Rivas explicou que para el é unha gran satisfacción que o seu primeiro acto institucional como alcalde sexa para recibir a un club como o Sálvora, que practica un deporte que foi practicamente todo para el a metade da súa vida.  

Así mesmo, manifestou que “o que marca a un pobo é a vontade de facer cousas sen esperar nada a cambio” e a este respecto quixo poñer en valor o labor desenvolvido por técnicos e directivos así como o sacrificio dos pais e nais, e salientou a importancia de apoiar o deporte base. Tamén declarou que “a verdadeira victoria do deporte son os valores que transmiten”, e puxo como exemplos o traballo en equipo ou o saber perder. 

Manuel Ruiz informou tamén de que o Concello seguirá comprometido co mundo do deporte do municipio. O acto rematou cun intercambio de obsequios entre club e Concello. 

Méritos

Noutro orde de cousas, os méritos acadados polo Sálvora son os seguintes: 

Infantís:

  • Campións de liga do grupo 8 de segunda infantil e ascenso a 1ª autonómica. Máximos goleadores con 154 goles e menos goleados con 11. Gañaron todos os partidos. (20)
  • Campións de copa do Concello: máximos goleadores con 47 e menos goleados con 6. Gañaron todos os partidos (8)
  • Campións supercopa do Concello.
  • Non perderon partido oficial en todo o ano

Alevíns:  

Sálvora B:  

  • Campións de liga do grupo IV de primeira autonómica. Máximos goleadores con 343 e menos goleados con 8. Gañaron todos os partidos (22).
  • Campións de copa do concello: máximos goleadores con 108 e menos goleados con 2. Gañaron todos os partidos (8).

Sálvora A:   

  • Subcampeóns da supercopa do Concello.

Benxamíns:

  • Campións de liga do grupo 5 de benxamíns. Máximos goleadores con 183 goles e menos goleados con 25.
  • Campións de copa do Concello: máximos goleadores con 41 e menos goleados con 8. 
  • Campións supercopa do concello.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   Sálvora   actividade Concello  

Ribeira: Ruiz Rivas intenta apagar o seu primeiro lume como alcalde, o conflito no instituto de Coroso

  • O recén electo alcalde di que a escolarización dos alumnos do IES Coroso "terá lugar de forma racional e totalmente tranquila"
  • Ruiz Rivas envía -no medio dunha reunión co presidente dos empresarios- unha mensaxe de tranquilidade a nais e pais sobre "os beneficios que a nivel de emprego traerá a Ribeira o centro integrado de Formación Profesional"

Reunin_ruiz_rivas_-_paz_cadaba

Ribeira, 13 de xuño de 2011.- No seu primeiro día de traballo como alcalde, Manuel Ruiz Rivas quixo manter unha xuntanza cos empresarios de Ribeira (representados na figura do presidente da súa asociación, José Paz Cadabal) no entendemento de que unha das primeiras prioridades que debe ter hoxe en día o Concello é o emprego, e que os que máis saben en materia de emprego son precisamente os empresarios.

Un dos aspectos que, por considerarse de capital importancia, foron tratados nesta primeira reunión entre Ruiz Rivas e Paz Cadabal foi o da formación, e sobre este punto ambos coincidiron en cualificar de "boa noticia" que Ribeira conte cun Centro Integral de Formación Profesional, "pois isto contribuirá á creación de emprego para a xuventude do municipio. Ademais, o alcalde quixo transmitir ao respecto unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais dos rapaces que están cursando no IES Coroso, no convencemento de que este tema non debe levar a preocupación, xa que o proceso de escolarización terá lugar de forma racional e totalmente tranquila.

Tres foron as razóns expostas por Ruiz Rivas para aducir esta tranquilidade:

  1. Nunca houbo tanta oferta educativa como actualmente en Ribeira, ata o punto de que incluso sumando estes estudantes de ESO e Bacharelato aos outros dous institutos, a ratio alumnos/profesor seguirían estando incluso por debaixo dos índices recomendados;
  2. Polas excelentes instalacións existentes nos centros de Secundaria do municipio (e a este respecto Manuel Ruiz quixo destacar especialmente a magnífica dotación de medios de que dispón o IES Leliadoura en informática e novas tecnoloxías);
  3. Porque os institutos Número 1 (veciño a Coroso) e Leliadoura están equidistantes do centro de Ribeira.


Por outro lado, o rexedor subliñou as vantaxes de dispor dun Centro Integrado de FP, no que á oferta educativa ordinaria xa existente súmanse un ciclo de instalacións de produtos de calor; e ademais incorpórase unha oferta modular para adultos que constará de dous ciclos: instalacións eléctricas e automáticas e electromecánica de vehículos automóbiles".

Ademais, Ruiz Rivas anunciou que se seguirá traballando para ampliar esta oferta de formación, introducindo novos contidos que sexan acordes coas demandas de emprego existentes na contorna, como pode ser un ciclo de enlatado de conservas.

Mapa comarcal de FP

Abundando neste tema, o alcalde de Ribeira informou de que se está poñendo en contacto cos distintos alcaldes da zona para traballar na configuración dun mapa comarcal de Formación Profesional que propicie a existencia dunha oferta diversa e coordinada entre os distintos municipios: esta idea está sendo moi ben acollida polos seus interlocutores.

Pola súa parte, José Paz Cadabal subliñou que para el foi "un orgullo o feito de ser recibido polo novo alcalde neste seu primeiro día labora"l e compartiu a opinión de que o Centro Integrado de FP será moi beneficioso para o municipio. “Nós estaremos sempre a favor de que se faga unha formación de profesionais adecuada”, manifestou.

Na xuntanza de hoxe, o alcalde e o representante da patronal abordaron outros asuntos de interese para os empresarios, entre eles o do chan industrial: un punto no que falaron sobre a ampliación e mellora do polígono de Xarás e sobre a conveniencia de que o macropolígono sexa unha realidade no menor tempo posible.

Antes, en Certo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   IES Coroso   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   polémica  

Ribeira: Ruiz Rivas foi investido novo alcalde. Discurso completo

(download)
INTERVENCIÓN DE MANUEL RUIZ RIVAS CON MOTIVO DAS SÚA INVESTIDURA COMO ALCALDE DE RIVEIRA 

Sras e Sres Concelleiros, Alcaldes que o foron da nosa vila, autoridades, fillos adoptivos, veciños que tivestes a ben acompañarnos e arrouparnos coa vosa presenza, o pasado día 22 como cada catro anos o pobo falou e coma sempre o fixo alto e claro. 

O pobo fai moito máis que poñer e sacar gobernantes, o pobo a través do seu voto expresa sentimentos, esperanzas, ilusións individuais e colectivas e o noso deber, a nosa responsabilidade como políticos e mirar moito máis alá das frías estatísticas, do número de votos que dan ou quitan maiorías, temos que ser quen de comprender os nosos veciños, as súas inquedanzas, as súas preocupacións, saber porque seguen crendo en nós, ou porque, pola contra, nós teñen como un mal necesario ou simplemente nos dan as costas. 

Temos que integrar a todos eles nun proxecto colectivo que se chama Riveira e que se pode e debe defender dende calquera óptica política. O cambio está  nas nosas mans, empeza por nós, polos que aquí estamos e iso deberíanos levar a lograr a participación de todos, o cambio está nas institucións, o cambio dunha sociedade conséguese cando somos quen de trasladar os cidadáns o valor de aportar, de traballar para a colectividade sen esperar nada a cambio. 

É por iso que as miñas primeiras palabras deben ser para expresar o meu solemne compromiso de contar con todos, de estar disposto a buscar consensos e acordos nos importantes desafíos que sen dúbida vánsenos presentar. Estou convencido de que é moitísimo máis o que nos xunta que o que nos separa, por iso debemos deixar atrás as políticas cortoplacistas para facer política con maiúsculas que implique a todos e que permita o debate enriquecedor de ideas. 

Quero tamén expresar o meu recoñecemento a tódolos traballadores desta casa, son consciente da súa valía e compromiso, que saiban que para min son un piar fundamental da acción do goberno municipal e a fiestra dende a que se visualiza e transmite a imaxe e o servizo que estamos dispostos a outorgar aos nosos veciños, vela aí a diferenza con calquera outro traballo. O servizo público é o que lle confire a verdadeira importancia do mesmo. 

Un gran Riveirense que paseo o nome de Riveira polo mundo, José Manuel Parada Alvite, compoñía unha canción que remataba dicindo o que moitos sentimos:

Riveira, terra meiga, Riveira dos meus amores

Cando estou lonxe

Non fago máis que pensar

Alíe están os meus amigos

E moitas cousas máis 

Nacín aquí, crieime xunto a moitos dos presentes, disfruto dos éxitos da nosa cidade, coñezo as súas raíces, a súa historia, o esforzo das súas xentes e gobernantes, o seu progreso, pero tamén sei das súas carencias, por iso traballarei con firmeza e tesón en cambiar todo aquilo que debamos facer e conto para elo cun equipo de goberno ilusionado, capaz, xoven, pero á vez con experiencia, xente preparada e disposta a facer ben as cousas. 

Temos que traballar para que os nosos xoves sendo protagonistas do presente teñan un futuro ilusionante, para que os emigrantes que se acercan a Riveira se sintan como un veciño máis, para romper coas barreiras arquitectónicas e mentais que impiden o avance na igualdade das persoas con diversidade funcional ou da muller, para que os nosos maiores disfruten do seu merecido descanso pero que sigan tendo o papel de guías morais e referente da sociedade riveirense. Temos en definitiva que traballar para seguir mellorando a calidade de vida de todos vós, respectando, iso si, a nosa mellor herdanza, a impoñente natureza do noso concello. 

Pero si como riveirense son consciente do traballo que debemos desenvolver diariamente para solucionar estas carencias, máis consciente son aínda de que estamos nun momento transcendental da nosa historia, no que necesariamente temos que tomar decisións estratéxicas que van condicionar o noso futuro, que van esixir accións decididas e seguramente cambios de conciencia, de actitudes, sacrificios para moitos dos que aquí vivimos pero accións que sen dúbida van ser necesarias para saír fortalecidos das ameazas que agora temos que sobre o que ata de agora foi o noso tradicional e case que único modo de vida. 

Sei que a toma de decisións pode, como dicía, esixir sacrificios, cambios de hábitos nos riveirenses, pero algunhas delas non se poden demorar máis. Estou disposto a levalas adiante con diálogo e participación, pero tamén con firmeza e determinación para que saian adiante sen demoras innecesarias. 

Temos que defender o noso sector produtivo básico, o mar, con uñas e dentes se fose necesario, pero iso non nos debe levar a deixar a un lado as políticas que favorecen a creación de nova industria e a nosa florecente industria transformadora. Nestes campos a iniciativa e o tesón dos riveirense teñen amosado a súa valía, a súa capacidade de adaptación. 

Pero o noso verdadeiro cambio de mentalidade, incluso como dicía de hábitos, tense que dar en todos nós se realmente queremos explotar todo o potencial que o noso Concello ten no ámbito do sector servizos, no turismo. Temos que diversificar a nosa economía. O noso concello ten uns recursos inigualables en Galicia e diría que en España. Deus puxo nas nosas mans un paraxe único e o noso deber é impedir o seu deterioro medioambiental, solucionar os vertidos incontrolados. Señoras e señores,. A depuradora non é un problema para o noso concello, é a solución a ese deterioro das nosas augas que dende anos vimos producindo, pido a máxima colaboración e apoio para superar os debates estériles, o cortoplacismo ó que xa teño aludido. 

Para atraer visitantes temos que traballar na mellora non só dos nosos servizos, senón da calidade dos mesmos, temos que conseguir que Riveira sexa o lugar onde a todos nós nos gustaría visitar ou veranear, mellorar significa reconducir os espazos, buscar alternativas ás zonas de aparcamento actual, cambiar coches en superficie por bancos, árbores, paseos, recuperar o mar, o porto. Esta tarefa non vai ser fácil, requirirá cambiar algunhas conciencias, costumes anquilosadas no pasado, pero é un deber e unha obriga non renunciar ás nosas posibilidades de crecemento futuro no único sector produtivo no que verdadeiramente somos donos do noso futuro. 

Vou rematando, pero non quería facelo sen dar as grazas a todos os que fixeron posible a Riveira actual nas persoas dos seus ex rexedores e personificando especialmente esta gratitude en quen foi Alcalde durante vinte anos, José Luis Torres Colomer. 

Din que a mellor honra dun político é chegar a Alcalde do seu Concello, eu penso que é tan solo un paso, xa que vendo os presentes considero que a mellor honra é poder dicir fun Alcalde do meu concello e fun fiel servidos do mesmo, dicir que cumplín coa miña obrigación con honestidade e rectitude. 

Dicía Perfecto García Neira, riveirense ilustre, que a vanidade é inherente á  condición humana, e todos os mortais somos receptivos ó alago nunha ou noutra maneira, porque iso satisface a nosa estúpida e insaciable egolatría. Pero hai homes exemplares, defensores de nobres causas que merecen ser recordados para sempre para honor dos nosos pobos. Vostedes tres forman parte deste grupo de riveirenses que merecen ser recordados. 

Riveira, Nai e Señora. 

Teño dito, grazas.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira  

Ribeira: o alcaldable do PP propón un lobby local do mar para defender este sector

Media_httpfarm6static_cigpz

Ribeira, 28 de abril de 2011. O candidato á alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, comprométese á creación dun Consello Local de Pesca no que estean integrados todos os sectores vinculados directa ou indirectamente á actividade pesqueira en Ribeira, para gañar así peso específico e defender de forma conxunta e coordinada os seus intereses, con máis forza ante as distintas institucións. 

En opinión do candidato, este Consello debe actuar como un verdadeiro lobby que, por unha parte, defenda os intereses da flota de baixura máis importante que hai en Galicia e as súas actividades afíns e, por outra, sirva de órgano asesor para a confección do Plan Estratéxico Portuario de Santa Uxía, que propón Ruiz Rivas co obxecto de definir os usos da infraestrutura portuaria, pero tamén para concretar as fórmulas adecuadas que potencien e poñan en valor o porto no seu conxunto. 

Potencial da Nova Lonxa

Media_httpfarm6static_uxeem

Imaxe virtual: a saber cando estará a auténtica

A este respecto, Manuel Ruiz argumenta que os 17.000 metros cadrados de superficie da Nova Lonxa, sumados aos equipamentos de tecnoloxía punta de que vai dispor a instalación, van permitir captar novas flotas como a de altura, novas especies e tamén peixes conxelados. E se a isto se engade que cada persoa que traballa na actividade extractiva produce un mínimo de tres empregos indirectos, o candidato avoga polo establecemento de estratexias dirixidas á potenciación da venta en lonxa, co fin de xerar novas economías, novas sinerxías e novos postos de traballo, e con independencia de se as flotas operantes son de Riveira ou non. 

Na defensa da súa proposta, Ruiz Rivas lembra o acontecido nos portos de Celeiro e de Vigo, onde a unión dos axentes propiciou o desenvolvemento de fórmulas de actuación conxunta e única, con óptimos resultados. 

O candidato afirma que no caso de que os veciños lle outorguen a súa confianza o 22 de maio, este Consello Consultivo vai ser presidido directamente polo alcalde, e que a promoción económica do sector pesqueiro será un dos eixos básicos da súa acción de goberno xunto co industrial e o turístico.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   PP   Ribeira   precampaña  

Ribeira: o alcaldable do PP propón melloras para os afectados polo parque dunar e un plan estratéxico para o porto "máis ambicioso que o do Psoe"

Reunin_parque_natural

Ribeira, 13 de abril de 2011.- Ante medio centenar de propietarios afectados polo Parque Natural que se reuniron no salón de actos da Comunidade de Montes de Carreira, o candidato á Alcaldía de Ribeira polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, tivo ocasión de explicar os antecedentes que conduciron á situación de inseguridade xurídica que nestes momentos afecta ás súas propiedades e espuxo as medidas que se están a tomar para saír desta situación. De igual xeito, o candidato popular comprometeuse a erixirse en portavoz do malestar destes veciños para que as súas voces sexan escoitadas polas autoridades competentes, e ratificoulles a súa intención de que o parque dunar se erixa como o principal motor económico dos núcleos que neste espazo se integran.

Ruiz Rivas lembrou que as dúas normas historicamente reguladoras do tratamento dos núcleos situados no parque (é dicir, o Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) de 1992 e o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2002) víronse superados por lexislacións posteriores, como a Rede Natura 2000, a Lei de Patrimonio da Biodiversidade de 2005 ou as modificacións posteriores á Lei do Solo. Como consecuencia da nova normativa, nestes momentos (e xa dende 2005) os propietarios vense imposibilitados para exercer as labores que realizaban tradicional e historicamente nas súas fincas, ao tempo que se paralizou o outorgamento de licencias para a ampliación dos núcleos.

Ante esta situación, Ruiz Rivas comprometeuse a que o novo PORN, que ten valor de figura urbanística segundo a última reforma do Lei do Solo de 2010, conteña, ademais do uso residencial, outros usos diferentes como a realización de aparcamentos, infraestruturas hoteleiros, locais de restauración ou establecementos de turismo rural. Así mesmo, mostrouse disposto a actuar de mediador ante as autoridades competentes para que se conte coa opinión dos afectados na elaboración deste PORN.

Vindeira reunión

A tal efecto, nas próximas semanas os propietarios manterán unha reunión con responsables de Conservación da Natureza e da empresa adxudicataria do PORN para expoñer a súa opinión sobre o que debe ser o mesmo.

De igual xeito, Ruiz Rivas explicou que a adaptación do Plan Xeral á Lei do Solo e ao propio PORN efectuarase a través dun Plan Especial de núcleos rurais, que unha vez aprobado non será necesaria a previa solicitude de informe da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Manuel Ruiz informou igualmente de que a aprobación do PORN dará lugar á posibilidade de acceder anualmente a axudas europeas e mostrouse disposto a informar das axudas polas desfeitas que os xabarís están facendo en fincas do parque.

Media_httpfarm6static_vcgzr

Plan Estratéxico para o Porto e a nova lonxa

Ruiz Rivas propón que o porto conte cun Plan Estratéxico ambicioso, capaz de dinamizar este recinto, acentuar a súa capacidade de comercialización baseándose no potencial inmenso da Nova Lonxa e redefinir as súas relacións coa cidade de Santa Uxía dende o punto de vista loxístico e arquitectónico. 

“O PSOE está tentando seguir os pasos que nós xa temos dado, pero por enriba  fano cunha notable falta de ambición”, declarou. Neste sentido, o candidato popular entende que o plan director proposto polos socialistas é un instrumento ordinario de xestión que xa teñen todos os portos e, por ende, aclarou que a reordenación do porto xa é algo ineludible se queira ou non, pois así o obriga de por si a edificación da Nova Lonxa, ao ocupar o triplo de superficie que a instalación actual, que a súa vez quedaría sen uso: “Por enriba de perogrulladas, o que Ribeira realmente necesita nestes momentos é un Plan Estratéxico específico que defina, por unha parte, a nova arquitectura de relacións entre o porto e a cidade, e promova, por outra, a mellora da comercialización e da calidade do produto unha vez coñezamos o proxecto da Nova Lonxa”.  

Cerco, altura e conxelados

Con relación á  nova Lonxa, Manuel Ruiz entende que o Plan Estratéxico que el propón debe servir non só para consolidar o volume de venta actual, senón tamén para expandir a súa área de venta de modo que dea cabida tamén a outras flotas, como a do cerco, a de altura (que actualmente opera principalmente en portos como Marín e Vigo) e a de peixe conxelado. “Deste xeito, a captación de materia prima atraerá a un maior número de compradores e, por tanto, lograremos incrementar o valor do peixe que alí se vende”, dixo. Tamén argumentou que o proxecto da Nova Lonxa terá en conta non só a nova ubicación dos redeiros senón tamén as melloras dos atraques. 

Ruiz Rivas declarou así mesmo que o próximo luns manterá unha reunión co máximo responsable de Portos de Galicia (que exerce tamén como Secretario de Organización do PP). Nesta xuntanza ten previsto expoñerlle a viabilidade deste Plan e darlle conta das demandas manifestadas na súa persoa polo propio sector. O candidato popular explicaralle ao titular de Portos cales son as deficiencias detectadas e os servizos que se poden mellorar, como tomas de augas ou corrente e mellores accesos a través de escaleiras, entre outros. O candidato riveirense solicitará que se inclúan estas melloras dentro do Plan de Obras e Inversións Menores da Consellería. Esta xuntanza servirá igualmente para expoñer a posibilidade de que parte da dotación de material previsto para a Nova Lonxa poida entrar en servizo na actual. 

Cun custe de 18,6 millóns de euros, a Nova Lonxa é o proxecto máis ambicioso de cantos acometeu Portos de Galicia en toda a súa historia. Cun deseño do arquitecto César Portela e Díaz y Díaz Abogados, esta infraestrutura  terá unha superficie de 17.000 metros cadrados (o triplo da actual). A obra foi adxudicada á empresa Acciona. O prazo de execución é de 38 meses e está previsto que comece no terceiro trimestre do ano. Dará emprego directo á máis de 150 persoas.

Relacionada:


Precampaña: a nova lonxa, para este ano primeiras obras, disque



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   precampaña  

Ribeira: o alcaldable do PP aposta polo asociacionismo para dinamizar a vida municipal

Máis de 100 persoas sumáronse ás xuntanzas que o candidato realizou con colectivos culturais, deportivos, xuvenís e de maiores

(download)

Ribeira, 9 de abril de 2011.- O candidato á Alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, mantivo nos últimos días dúas reunións coa meirande parte das asociacións culturais, xuvenís, deportivas e da terceira idade existentes no termo municipal. En total, máis dun cento de representantes destes colectivos sumáronse a unhas xuntanzas –celebradas na sede que ten a formación popular en Santa Uxia- nas que o cabeza de cartel quixo escoitar de primeira man as súas suxestións e expoñerlles cales van a ser as grandes liñas do seu plan de traballo en relación ao movemento asociativo.

Ruiz Rivas salientou a importancia do asociacionismo na Riveira actual e lembrou que, fai dúas décadas, o número de asociacións constituídas no concello eran tremendamente escaso, pero que a través dos distintos equipos que se sucederon no Goberno Municipal se logrou “impulsar un movemento que hoxe é esencial para dotar de dinamismo á vida municipal”.

Por todo isto, un dos compromisos que quixo transmitir aos colectivos é o de destinar máis proporción de axudas directas ás asociacións, dentro dun proceso de racionalización do investimento municipal que lle confira maiores recursos a estas entidades co obxecto de contribuír á súa sostibilidade económica.

Ademais, no caso de obter o apoio dos veciños o 22 de maio, procurará que todas e cada unha das parroquias do municipio conten cun calendario bastante de actividades socioculturais e deportivas, a fin de dinamizar as infraestruturas públicas existentes nos diversos núcleos.

Canteira

Outros puntos referidos por Manuel Ruiz foron a transcendencia de volcarse dende a Administración coas inquedanzas dos xóvenes e, por outra parte, de “traballar a canteira” para que, como xa aconteceu no pasado con algunhas asociacións e clubs deportivos hoxe desaparecidos, non se perda o legado unhas vez ás persoas que foron as súas principais impulsoras deixan de formar parte da primeira liña. 

Nas xuntanzas houbo tempo de abordar cuestións concretas a peticións dos asistentes, como estudar a viabilidade de acometer melloras na zona exterior do complexo da Fieiteira ou que as casas do mar nas que teñen as súas sedes as asociacións de xubilados pasen a ser de xestión directa municipal, 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   PP   Ribeira   asociacionismo   precampaña  

Ribeira: o alcaldable polo PP pretende dotar de máis solo industrial ao municipio

Ruiz Rivas dixo que ten a confirmación de Medio Ambiente de que o macropolígono vaise desbloquear este mes

(download)

Ribeira, 4 de abril de 2011.- Contar con máis metros de chan industrial no municipio para afianzar a competitividade de Riveira foi unha das necesidades que se lle espuxeron a Manuel Ruiz Rivas na reunión que o candidato á Alcaldía polo Partido Popular mantivo onte cos veciños e veciñas de Castiñeiras. O cabeza de cartel do PP coincidiu con esta afirmación e opina que, coa demanda de chan existente, xa é posible desenvolver unha fase do Parque Empresarial de Barbanza (comunmente coñecido como macropolígono), na zona de Moldes.

O candidato popular manifestou ante a numerosa asistencia reunida no adro da igrexa parroquial, que el aposta firmemente polo desenvolvemento industrial do municipio, e que con tal motivo contempla dúas vías de actuación: o proxectado macropolígono e a ampliación do parque de Xarás. 

Sobra a primeira vía, Ruiz Rivas informou aos veciños de que o conselleiro autonómico competente (Agustín Hernández, de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) lle confirmou persoalmente que o Consello da Xunta aprobará este mesmo mes o Plan Sectorial do macropolígono, “desbloqueando así a situación lamentable que nos deixou o Bipartito, ao planificar a construción do macropolígono nun solo que tiña especial protección forestal”.

Neste punto, Ruiz Rivas explicou que, “para corrixir este despropósito”, a Xunta actual tivo que realizar un primeiro cambio lexislativo nunha lei de acompañamento aos Orzamentos e que, coa aprobación do plan sectorial, o chan do macropolígono por fin será apto para o seu desenvolvemento industrial, satisfacendo así as demandas de empresas que precisan de máis solo para expandirse, como Frinsa.

Xarás


En canto ao polígono de Xarás, Manuel Ruiz manifestou que, de serlle encomendada en xuño a acción de goberno, fará cantas xestións sexan necesarias para lograr a súa ampliación, obstaculizada no seu día polo goberno autonómico que comandaban PSOE e BNG. 

Neste sentido, Manuel Ruiz indicou que foi o goberno do PP o que puxo en funcionamento a segunda fase do parque de Xarás e que “son precisamente os que agora se enchen a boca falando de chan industrial os que impediron a súa ampliación en 70.000 metros cando estaban gobernando no Bipartito”.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   Ribeira   precampaña  

Ribeira: o alcaldable polo PP visitou Amicos e fixo as súas propostas

(download)

Ribeira, 31 de marzo de 2011. O candidato á Alcaldía de Ribeira polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, presentou as súas propostas en materia de acción social e discapacidade aos pais da Asociacións Amicos.

Entre as distintas propostas feitas ás familias destaca de maneira importante a súa aposta por un Plan de Acción Social  que se elaborará e contará coa colaboración das distintas entidades de iniciativa social e de xeito destacado coas entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade. 

Asemade destacou a súa aposta pola Accesibilidade, non soamente en materia de Urbanismo, senón destacará en materia de vivenda, destacando o compromiso de poñer a disposición das entidades de iniciativa social vivendas tuteladas que sirvan como recurso de integración social das persoas con discapacidade. 

Na área laboral remarcou a súa aposta por poñer en marcha convenios de colaboración coas distintas entidades coa finalidade de facilitar a inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión social en areas como mantemento de espacios urbanos, conserxería e outras.

Asi mesmo remarcou a importancia de incluir nos pregos de contratación pública cláusulas de carácter social que fomenten a integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión social ou con discapacidade. 

No aspecto económico, Manuel Ruiz manifestou aos pais a súa intención de incrementar as axudas directas que a Administración Municipal concede as entidades de iniciativa social, ao tempo que aumentará tamén a dotación orzamentaria dedicada aos Servizos Sociais municipais, o que redundará nunha mellora dos servicios e nun incremento da calidade dos mesmos. 

Así mesmo, manifestou o seu apoio as distintas entidades que traballan no ámbito da discapacidade, ás súas familias e particularmente as persoas con discapacidade. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Manuel Ruiz Rivas   PP   Ribeira   precampaña