Preme para voltar á portada
Filed under

medio ambiente

 

Ribeira: a Xunta elimina catro toneladas de lixo da illa Vionta

  • Ademais de residuos plásticos, latas e envases tamén se quitaron distintas artes de pesca esquecidas, especialmente perigosas pola súa capacidade de atrapar fauna de forma indiscriminada

  • Vionta é unha das illas que pertence ao Parque Nacional Marítimo Terreste das Illas Atlánticas

  • Un grupo de persoas percorreu toda a illa nunha xornada de traballo, retirando de forma manual e con precaución de non afectar á sensible vexetación das dunas

(download)

Ribeira, 29 de abril de 2012.- A Xunta de Galicia, a través do persoal do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, vén de excutar na illa de Vionta, en Ribeira, unha operación de limpeza, que concluíu coa retirada de preto de 4.000 kilos de lixo. En total retirásonse 50 sacos (dun media de 75 litros) entre o que se recolleron residuos plásticos, como envases e botellas de auga. Tamén se quitaron artes de pesca abandoadas, que constitúen un elemento moi perigoso pola súa capacidade de atrapar fauna de maneira indiscriminada.

Esta operación levouse a cabo antes do comezo da tempada de cría das aves mariñas e, en total, para evitar calquera afección a este proceso reproductor ao tempo que se elimana perigos para os animais. Así, un grupo de persoas percorreron a totalidade da illa para retirar de forma manual e con precaución de no afectar á sensible vexetación das dunas os residuos presentes.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lembrar a necesidade e importancia de comportarse de forma responsable co medio ambiente, evitando deixar restos de lixo nas saídas ao aire libre e reducindo ao mínimo posible os residuos que xeremos, reempregando e reciclando.

Así mesmo, é importante recordar a aquelas institucións responsables da limpeza de praias a necesidade de facer estas operacións de forma coidadosa, polo que debe priorizarse a limpeza manual sobre a mecánica e evitar a retirada de restos orgánicos de orixe natural, que son fonte de alimento de moitas especies. Tamén debe evitarse limpar naqueles lugares e épocas en que nidifiquen especies sensibles.

Nesta paraxe, ao igual que noutros areais do Parque Nacional, tende a acumularse lixo de moi distinto tipo, pero, sobre todo, restos plásticos, traídos polo mar e o vento. A acumulación de lixo supón un importante problema para os ecosistemas mariños en xeral, e para o Parque Nacional en particular, posto que os plásticos teñen unha vida longuísima na natureza, tardando en degradarse centos de anos, ademais son causa de moitos problemas ambientais, xa que se enganchan nas extremidades das aves ou dos cetáceos, ou son consumidas por distintos animais, provocando importantes lesións ou incluso a morte. Supoñen tamén unha fonte de contaminación química para os hábitats nos que se acumulan, permanecendo neles a longo prazo.

Características da illa


A illa de Vionta forma parte do archipélago de Sálvora, no concello de Ribeira, incluído no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, trátase dunha pequena illa dunhas 12 hectáreas (preto de 24 campos de fútbol) de forma alargada e de relevo baixo, é un espazo cun carácter moi singular, pois está formado, case exclusivamente, por area, que conforma unha duna interior e praias en todo o seu perímetro.

Este lugar é unha zona de reserva integral dentro do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, ten un gran valor ecolóxico por acoller unha importante colonia de cría de aves mariñas e pola vexetación que cobre a súa duna interior, que entre outras especies inclúe á xesta de Ons (Cytisus insularis), un endemismo do Parque Nacional. Tanto as colonias de cría de aves mariñas como a flora dunar son especialmente sensibles á presenza humana, motivo polo que se declarou reserva integral, o que impide calquera acceso a ela, excepto por motivos xustificados de investigación ou conservación.








Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Illas Atlánticas   Ribeira   medio ambiente  

Barbanza e Noia: a Federación Rural Galega alerta das fumigacións con flufenoxuron nestas bisbarras

Dscn2268

 


  • Estas prácticas, ademais de prohibidas por normativas europeas, supoñen un risco mediambiental enorme para amplas zonas de Galicia, coa posta en risco de insectos fundamentais para o noso agro, como as abellas

 

Barbanza e Noia, 23 de abril de 2012. A Xunta de Galicia acaba de anunciar a utilización na presente primavera de fumigacións aéreas con flufenoxuron para facerlle fronte ao gurgullo do eucalipto. A afectación desta actuación acaba de ser posta de relevo polo anuncio tamén realizado polo concello de Melide no que se fala de fumigacións aéreas masivas e obrigatorias. Así mesmo a Federación Rural Galega (Fruga) di que acaba de presenciar un novo episodio nesta comarca, no concello de Porto do Son, de intentar de pór en marcha unha actuación de este tipo. Ante esta situación a Federación Rural Galega, FRUGA, quere manifestar o seguinte:

 

"Entendemos e compartimos a preocupación dos propietarios forestais ante as perdas que o gurgullo do eucalipto está a ocasionar nas plantacións forestais. Pero hai alternativas de control da praga sen recurrir ás fumigacións aereas.

As fumigacións con medios aéreos levan consigo unha serie de problemas asociados, ademais do seu alto custo, como son a deriva, que provoca que o praguicida chegue a centos de metros e incluso quilómetros do lugar de aplicación, o que pode producir a chegada do agrotóxico a espazos naturais, zonas de cultivo, coa conseguinte contaminación e acumulación en producións adicadas ao consumo humano. Así mesmo estoocasionará a perda da certificación ecolóxica das explotacións das proximidades por contaminación polo agrotóxico que non está permitido na regulación da produción ecolóxica.

Lembrar, así mesmo, que as fumigacións aéreas quedarán suprimidas nestes casos pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas (publicada o 24 de novembro de 2009 no Diario Oficial da Unión europea L 309/71) que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poda substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser trasposta polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.

Respecto do praguicida utilizado, destacar a afectación para a fauna, con especial atención ao seu efecto sobre as abellas, pois o  flufenoxuron é tóxico para as abellas e o tratamento vai ser realizado na época de máxima actividade deste insecto, co que os danos poden ser de grande importancia. Debe terse en conta, así mesmo, que o flufenoxuron é unha substancia que se inclúe dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes e que moi probabelmente deixará de estar permitido o seu uso en aplicación da Directiva 91/414/CEE e o Real Decreto 255/2003 sobre agrotóxicos, polo que o principio de precaución debera impedir o seu uso de xeito xeneralizado. De feito, estaba prevista prohibir a súa utilización a partir deste ano 2012, pero ten unha moratoria dun ano máis, polo que parece que as empresas están moi interesadas en desfacerse dos stocks dun agrotóxico que vai ser prohibido, aínda que sexa a baixo prezo, pois cando remate a moratoria terían que levalo a un xestor autorizado e pagar por elo. Dende a FRUGA non queremos que o noso país e a nosa comarca sexa o último rincón de Europa onde se verta esta sustancia tan tóxica.

Así pois dende a FRUGA reclamamos á Xunta de Galicia que dea marcha atrás no seu propósito de fumigacións aéreas con flufenoxuron, e que continúe co programa de control biolóxico por medio do parasito natural e específico do gurgullo Anaphes nitens, que ademais de ser un control respectuoso co medio ambiente ten demostrada a súa utilidade no control da praga. (Mais información no documento adxunto).

Así mesmo facemos un chamamento aos propietarios forestais a que demande da Xunta o uso do control biolóxico da praga e non participen en prácticas que só benefician ás grandes compañias de agroquímicos e prexudican ao conxunto do espazo agrario".

 Antes, en Certo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   medio ambiente  

Boiro: o sábado 28 de abril, amadriñamento de árbores no paseo de Praia Xardín


A actividade, se non chove, será fronte a este edificio en Praia Xardín

Boiro, 20 de abril de 2012. O vindeiro 28 de abril, a asociación de sensibilización medioambiental Boiroverde ten previsto realizar un amadriñamento de árbores. Terá lugar no Paseo Marítimo en Praia Xardín fronte ao Instituto Social de la Marina,(C/ Praia Xardín, 58) ás 12 da mañá.

Neste amadriñamento cada recén nado recibe unha árbore á cal se lle pon unha placa co seu nome e deberá  encargarse do seu coidado para os restos.


O ano pasado (24-02-2011) houbo un acto semellante

Esta actividade levouse a cabo o ano pasado con gran éxito e púidose comprobar o compromiso da xente no coidado das árbores e da demanda que tivo durante todo o ano, por este motivo decidiuse repetir a experiencia. Aprazaríase a actividade en caso de mal tempo e avisaríase con suficiente antelación.

Boiroverde no 2012 é a reanudación do proxecto iniciado no 2011 no Concello de Boiro para a dinamización e sensibilización medioambiental da cidadanía. Pretenden chegar a un amplo abano de público e idades dende unha perspectiva multidisciplinar. Retoman este proxecto a maior parte dos integrantes do CMTL de Boiro no marco da súa preparación práctica con grandes expectativas de logro na sensibilización, mobilización e cambio de actitudes cara o medio ambiente.

Tamén, en Boiro:

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Boiro   Boiroverde   medio ambiente   árbores  

Ribeira: convocan manifestación o sábado 28 de abril contra as matanzas de lobos

Actualizamos:

Toda a información en

http://www.matarpormatarnon.org

Manif_hibridos
ADEGA apoia a convocatoria desta manifestación (Ribeira, praza do Concello ás 18:30) para reclamarlle á Xunta que poña fin aos masacres legais e ilegais de lobos, lubicáns e cans nos montes do Barbanza.

"Acode para reclamar á Xunta que pare os masacres e traballe para garantir a supervivencia do lobo galego en troques de seguir cedendo a xestión desta xoia da nosa fauna ao "lobby" dos escopeteiros.

NIN MASACRES DE ELEFANTES NIN DE LOBOS!

STOP AO EXTERMINIO LEGAL", explican dende esta asociación ecoloxista galega.


Máis información: www.adega.info ou en Facebook

Antes, en Certo:

No blog de Axena:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   Ribeira   denuncia   manifestación   medio ambiente  

Natureza: Adega di que os planos de conservación das especies están "baleiros de contidos"

  • Moita "recomendación pero pouca vontade de conservación", di a organización ecoloxista galega 
  • De seguir os ritmos da administración, burocráticos a máis non poder, as especies ameazadas estarían protexidas dentro de 243 anos
  • Alertan dos efectos sobre a píllara das dunas ao limpar areais como o de Corrubedo, en Ribeira, con maquinaria

9 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, nestes intres atópanse a exposición pública os planos de conservación/recuperación de 3 especies, das máis 200, incluidas no catálogo Galego de Especies Ameazadas. "Tivemos que agardar 5 anos para que a Xunta decidírase a desenvolver estes instrumentos, básicos para garantir o futuro da nosa biodiversidade máis fráxil. De seguirmos este ritmo, a administración cumprirá coa obriga legal de protexer efectivamente a estas especies dentro de 243 anos! ADEGA ten constancia que dende 2007, licitáronse, elaboráronse e entregáronse ducias de Planos de Conservación, cal é o motivo para telos gardados dende aquela nun caixón?  Agora por fin a Xunta apresenta o do sapoconcho galego (réptil), a píllara das dunas (ave), e a escribenta das canaveiras (ave), mais o seu contido non recolle medidas efectivas para a conservación destas especies e os seus hábitats: son só un compendio de "recomendacións", e polo mesmo, carentes de forza legal que por desgraza ninguén vai cumprir", asegura a agrupación defensora do medioambiente galego.

"Estes documentos deberían definir claramente as actividades que poden ser autorizadas, estar prohibidas ou reguladas, atendendo ao estado das poboacións e ás necesidades de conservación da especie. No entanto, os decretos están inzados de "recomendacións" que como sabemos, raras veces se cumpren", continúan.

Os perigos da limpeza das praias con maquinaria

 

Por exemplo, no caso da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) está comprobado o dano da maquinaria para o peneirado dos areais, maquinaria pesada e demáis inventos para "limpar" as praias, sobre a cría da especie. Ademais, é unha realidade que a limpeza limpeza manual non encarece o procedemento con respecto á mecánica. Tal se fai en praias como as de Corrubedo, mais non noutras nas que aniña esta especie como a de A Lanzada. recomendar a limpeza manual, se fiuca só nunha recomendación non servirá pada nada. Compre, particularmente nas zonas da Rede Natura onde aniña esta especie, prohibir a limpeza mecánica e a retirada de algas de forma xenérica.


Media_httpfarm4static_bsbnf

Nada de cans por areais onde haxa niños

Outra "recomendación" fai referenza aos cans: son demostrados predadores das niñadas de píllara e a súa presenza nas praias en tempada de cría non pode resolverse cunha "recomendación" para que estean presos. O dereito a pasear un can polo hábitat da píllara (podendo deambular por calquera outro sitio) non pode prevalecer sobre a obriga legal de protexer unha especie amezada.

 

Resulta tamén curioso -segundo Adega- que o Decreto da píllara (Anexo II Sección 2ª 2.1) recolla "Medidas para a eliminación de aparcadoiros non autorizados en zona dunar"??? Se non están autorizados e están en zona dunar, alguén está incumprindo a lei porque estas actividades non están permitidas nestes hábitats, estremadamente fráxiles, e máis en Rede Natura. Como é que a Xunta ten coñecemento destas prácticas e non actúa?

Escribenta nas brañas de Laíño, en Dodro

Advirte Adega que no caso da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) a medida estrela é propoñer cortas de carrizais, sen ter en conta que nestes espazos pode haber hábitats prioritarios como as Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus. A conservación dunha especie non debería provocar afeccións a outras especies nin a hábitats. Mesmo estas cortas e clarexos poderianse facer en plena en tempada de cría da especie!! (Anexo IV)). Ademais, "a frecuencia das cortas debe adaptarse ás necesidades da especie e ás necesidades dos agricultores locais". Tendo en conta que moitas destas cortas faríanse no Dominio Público Marítimo-Terrestre, a necesidade dun agricultor que quere cortar un carrizal público para aproveitamento privado non pode prevalecer sobre a obriga legal de conservar o hábitat da escribenta e doutras especies e hábitats protexidos.

 

"En definitiva, uns documentos que a Xunta apresenta cun escandaloso retraso, nun número ridículo a teor das especies necesitadas de protección, e cuns contidos "descafeinados" para outra volta, fuxir da súa obriga legal de conservar este patrimonio natural", conclúe Adega.

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   Corrubedo   medio ambiente   natureza  

Boiro: retoman o Proxecto Boiroverde e presentan as actividades este sábado 10 de marzo

33921_100825489983361_10000167

Boiro, 9 de marzo de 2012. Boiroverde é un proxecto de sensibilización e dinamización medioambiental que se retoma do iniciado o ano pasado no Concello de Boiro destinado a poboación en xeral, con incidencia nos máis mozos.

Está composto por un grupo de persoas, na súa maior parte integrantes do curso de MTL realizado no mesmo concello, e por voluntarias e voluntarios. Entre os obxectivos do proxecto que se inicia este mes de marzo están a estimulación dos xóvenes nos programas de sensibilización ambiental, dinamización do colectivo de consumidores e dirección cara boas prácticas ambientais, sensibilización na área da implicación cidadá na mellora da recollida selectiva, e rehabilitación medioambiental de zonas deterioradas no casco urbano.

Cabe engadir que este proxecto se inicia cunha plataforma base en forma de blog (http://www.boiroverde.blogspot.com) onde ademais de atopar información medioambiental de actualidade vanse publicar as actividades que se irán realizando, as experiencias dos participantes das actividades e dos monitores na súa planificación e execución, un espazo de fotodenuncia e a información sobre o grupo de consumo que se inclúe no proxecto. A difusión do proxecto tamén ten o seu lugar nas redes sociais Facebook, Tuenti e Twitter (@boiroverde).



Este sábado 10 de marzo ás 12:00 terá lugar no Centro Social de Boiro o acto de presentación do proxecto Boiroverde. Agárdase a presenza do concelleiro de Xuventude e o concelleiro de Medioambiente, un representante do voluntariado de Cruz Vermella e dous representantes de Boiroverde.

O vindeiro sábado 17 de Marzo haberá xa actividades de dinamización e reciclaxe na rúa peonil. Posteriormente durante o mes de abril realizaranse actividades como unha ruta de sendeirismo, ou unha sesión de apadriñamento de árbores, como xa se fixo en época do bipartito.

Dende a organización do proxecto animan a todos os interesados a participar nas actividades e a realizar as suxestións que desexen.

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Boiro   Boiroverde   medio ambiente  

A Pobra: o Bng presenta unha iniciativa no Parlamento ante as continuas verteduras industriais sen arranxar

  • Acusan ao goberno municipal do PP de "mirar para outro lado ante estes atentados ecolóxicos"
Media_httpfarm2static_cxrgz

A Pobra do Caramiñal, 16 de febreiro de 2012. O Bng vén de presentar unha nova iniciativa no Parlamento que atinxe á últimas -e semella que non derradeiras- verteduras industriais producidas na estación depuradora do municipio.

Segundo os nacionalistas, "á vista de que estamos a falar dunha instalación concesionada pola Xunta, a cal, ademais, forma parte da comisión de control de verteduras constituída no 2009 na Pobra e, comprobado que o goberno municipal do PP fai oídos xordos ás denuncias e solicitudes de Bng, recorremos agora ao Parlamento para intentar obter do goberno de Feijóo as respostas que o de Isaac Maceiras non nos quere dar, ou nos dá con evasivas pouco serias e responsables. O Bng seguirá insistindo nesta teima ata que o goberno municipal exerza as súas competencias e se deixe de consentir a determinadas empresas que sigan provocando atentados ecolóxicos, danos para a saúde das persoas e prexuízos económicos para sectores tan importantes na localidade como o marisqueiro. Non pararemos ata que o goberno municipal, co alcalde Isaac Maceiras á fronte, persigan con todo o peso que a lei permite aos infractores e ata que o propio executivo local deixe de infrinxir el mesmo a lei ao mirar para outro lado cada vez que se produce unha vertedura industrial que, por desgraza para a veciñanza da Pobra, é con moita asiduidade".

Click here to download:
77638-asinado.pdf (104 KB)
(download)
Antes, en Certo:


Medio Ambiente: o Bng denuncia de novo verteduras industriais na depuradora local

Pode que tamén lle interese:

Presentación de libro: o venres 24 de febreiro, "Laura no deserto" no Liceo


Entroido 2012: programación prevista


Viaxe: a Madrid, do 22 ao 25 de marzo. Anótate!



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   A Pobra do Caramiñal   Parlamento de Galicia   bng   medio ambiente   saneamento   verteduras  

Medio Ambiente: a Sociedade Galega de Historia Natural e a de Ornitoloxía piden plans de uso e xestión para Corrubedo e outros parques naturais e humedais

Media_httpfarm8static_gowrb

Vista das lagoas de Cospeito

Barbanza, 8 de febreiro de 2012. A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural consideran que a protección dos humidais galegos, en liñas xerais, é suficiente sobre o papel pero amosa eivas moi importantes no campo da súa aplicación real:

- Carencia (case) absoluta de plans de uso e xestión, mesmo para os humidais Ramsar de importancia internacional e a súa contorna (Ribadeo, Ortigueira, Valdoviño, Corrubedo e Umia-Grove-Carreirón).
- Urbanismo e acuicultura mal planificados, ou mesmo fóra de control, na beiramar.
- Contaminación agro-gandeira difusa, roturación de terras marxinais asolagables para “cazar primas” da UE e extracción excesiva de augas para regadío (A Limia, Terra Chá).
- Efectos directos e indirectos dos lumes sobre os humidais de montaña.

A nivel lexislativo é moi lamentable, di a SGHN, que a nova Lei de Augas de Galicia ignore as zonas húmidas e non adique nen un só artigo á restauración dos sistemas hidrolóxicos degradados na actualidade, nin siquera nas zonas de especial protección das rías (que acubillan os 5 humidais Ramsar galegos) onde, sexa boa ou mala a calidade das súas augas, confórmase con que non empeore.

A nivel executivo é igualmente lamentable que en Galicia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero (bacía do río Támega) non estean a exercer as súas competencias para garantir “a conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos”, como establece a Convención de Ramsar, da que España forma parte.

Por outra banda, bótase en falla a necesaria colaboración entre administracións, universidades e entidades conservacionistas para avanzar na procura dos obxectivos da Convención de Ramsar en Galicia.

Malia esta problemática, os humidais galegos non son só fonte de auga e vida senón tamén de esperanza: basta darlles unha oportunidade e devolven con creces o esforzo investido, aseguran dende esta asociación conservacionista.

Caso da Lagoa de Cospeito

Hai 13 anos a biodiversidade da lagoa de Cospeito sobrevivía entre augas máis propias dunha alcantarilla. Despois dunha recuperación parcial hoxe é un humedal moi valioso dende o punto de vista botánico e de hábitats. ¿A qué agardamos para unha recuperación máis ampla, que devolva o funcionamento natural a súa contorna inmediata asolagable temporalmente? Unha intervención ben planificada e executada permitiríalle a Cospeito amosar todo o seu potencial faunístico, especialmente ornitolóxico, no caso de dúas aves coas poboacións reprodutoras ameazadas de extinción en Galicia: a avefría e o mazarico.

O éxito sería rotundo se se abordase tamén a recuperación do resto do mosaico de humedais da Terra Chá ... e, sen dúbida, de repercusións internacionais se se recuperase parcialmente Antela e o complexo húmido de A Limia.

Daquela os galegos poderíamonos gabar de que, dende un punto de vista ambiental, por fin Galicia entrou no século XXI.

SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Apartado de Correos nº 330 ; 15780 SANTIAGO DE COMPOSTELA
www.sghn.org  



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Sociedade Galega de Historia Natural   medio ambiente  

Natureza: Adega pide o cesamento de García-Borregón pola desfeita da lagoa da Frouxeira

  • A Sociedade Galega de Historia Natural tamén manifesta o seu rexeitamento ante esta acción da Xunta contra un medio con cinco figuras de proteción

Lagoa_frouxeira

Valdoviño, 30 de xaneiro de 2012. Perante os recentes feitos acontecidos na lagoa da Frouxeira, que esta mañá desaugábase de xeito espontáneo pola acción do océano, mentres a Xunta construía con maquinaria pesada no humidal protexido unha canle artificial xusto no lado oposto do punto de desaugue, ADEGA quere facer público o seguinte:

1. Denunciamos a incomprensíbel e irresponsábel vulneración do acordo do Parlamento galego por parte da Xunta de Galiza, en concreto da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que se instaba ao governo a buscar unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación deste humidal, e a non autorizar con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa. 

2. Denunciamos a actitude reiterada de ocultación de información practicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sobre os proxectos, estudos, seguementos nos que dicían basear as súa brutal intervención neste espazo, e que constitúe un claro incumprimento da Lei 27/2006 de acceso á información ambiental.

3. Denunciamos a pasividade da administración que durante case 2 anos, facendo deixadez da súa obriga legal, non interveu e menos aínda executou medidas para corrixir as agresión ocasionadas na lagoa e reparar os defectos construtivos dun paseo marítimo somerxible e dunha rede de saneamento irracional.

4. Denunciamos a aberración dunha obra faraónica (a construción dunha canle artificial) claramente inadecuada para un humidal que ten cinco figuras de protección, obra que supuxo un elevadísimo despilfarro de cartos públicos e unha inxustificábel e posibelmente irreparábel artificialización deste sensible cosistema (alteracións nos hábitats prioritarios, transformación radical da xeomotfoloxía -remoción da barreira areosa e destrución do substrato rochoso-, danos nas dunas e na flora protexida.... Estas actuacións constituiron un auténtico atentado ecolóxico e ao cabo, resultaron inúteis: A natureza deixou finalmente co cú ao aire á Xunta, abrindo unha canle pola beira contraria do lugar escollido pola administración para meter os bulldozers. A maiores, as delirantes obras, pola súa improvisación e deficiente sinalización, constituiron un grave risco para a cidadanía que puido verse sorprendida pola repentina e violenta apertura da canle natural.

5. Denunciamos que a situación creada tras a apertura de hoxe volve a situarnos nas pésimas condicións tras a intervención da Xunta en 2009, sendo previsíbel a repetición dun novo e longo periodo nos que a lagoa ficará desecada e sometida á influencia oceánica directa, e alongando no tempo as distorsións sobre este himidal protexido.

Perante esta situación, ADEGA ademáis de exisir aos organismos internacionais (Oficina Ramsar e Comisión Europea) a depuración de responsabilidades pola nefasta xestión deste espazo, e de reservármonos as accións xudiciais oportunas para defender a legalidade vulnerada pola Xunta, esiximos a dimisión/cese inmediato do D. X. de Conservación da Natureza  señor García-Borregón. En vésperas do Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), a Xunta ofrece ao mundo un pésimo exemplo de xestión e retrátase como o principal factor para a degradación destes sensibles ecosistemas.

ADEGA seguirá defendendo unha xestión racional para este espazo, que debería orientarse a eliminar todas as intervencións negativas (paseo marítimo inadecuado, presión urbanística...) As medidas de conservación, lonxe da improvisación e do desleixo amosado pola Xunta, deberían basearse en evitar calquera interferencia na súa dinámica natura, tal como indicaron destacados expertos como D. Xenaro Dalda e D. Xabier Sóñora en publicacións científicas. Isto é: coñecemento, planificación e respecto polo medio natural e as leis que o protexen fronte á improvisación, á incompetencia, e á chafallada como norma de actuación que exibú a Xunta.

Fotos de todo o proceso nesta ligazón. Autor: X. A. Muñiz-ADEGA Ferrolterra
Posicionamento da SGHN

A Sociedade Galega de Historia Natural manifesta a súa fonda preocupación sobre o deseño e execución do procedemento adoptado polas autoridades competentes para aliviar os elevados niveis de agua da lagoa da Frouxeira (Valdoviño).

Respecto ao deseño, cabe salientar que se descoñecen os posibles efectos do novo trazado do sistema de desaugue e non pode desbotarse que chegue a dificultar a entrada do mar na Frouxeira, alterando o seu funcionamento natural.

Respecto á execución, as obras en realización conlevan a remoción e desprazamento dunha grande cantidade de area con maquinaria pesada: ata 3 bulldozers e 3 retroexcavadoras traballando simultáneamente que xa alteraron o perfil da praia e moi probablemente estean a provocar unha compactación das areas con efectos pendentes de avaliar.

Pero, con diferencia, o máis preocupante é que a maquinaria pesada empregada está a profundizar máis aló do depósito de areas da praia. As fotografías obtidas por SGHN revelan con claridade meridiana que os bulldozers están a rebaixar o propio leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia, provocando unha afectación xeomorfolóxica seguramente irreversible.

Unha transformación xeomorfolóxica deste tipo resulta incomprensible e inaceptable se as obras son unha solución provisional de “urxencia”.

Incomprensible e inaceptable serían tamén os cualificativos aplicables para esta transformación xeomorfolóxica se as obras non son provisionais e se están a realizar carecendo aínda dos resultados do estudio científico e plan de xestión reclamado dende hai 2 anos por SGHN e que segundo a Xunta de Galicia aínda se está a realizar porque SE UNHA COUSA ESTÁ FORA DE TODA DÚBIDA É QUE A CANLE NATURAL DA FROUXEIRA NUNCA FOI POR DEBAIXO DO LEITO ROCHOSO.

Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25).

Antes, en Certo:


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   fotodenuncia   medio ambiente  

Medio Ambiente: Adega denuncia á Xunta perante a Unión Europea pola desfeita da lagoa da Frouxeira

 desfeitafrouxeira



 

 

26 de xaneiro de 2012. Adega cualifica como "brutais" as obras para o "baleirado controlado" que están sendo perpetradas pola Xunta na lagoa da Frouxeira, humidal de Importancia Internacional, LIC, ZEPA e ZEPVN, e que para esta organización ecoloxista galega "constitúen un auténtico atentado ecolóxico".

"Como é posíbel que unha administración, supostamente responsábel deste espazo, poida desentenderse durante 2 anos da súa xestión, incumprindo as súas obrigas de conservación sinaladas nun acordo unánime polo Parlamento, cando foi pola súa neglixencia que a lagoa sufíu as consecuencias? Como pode entenderse que para solucionar un problema creado pola súa incompetencia, agora a Xunta volte meter as escavadoras neste espazo protexido? Perante estes feitos, ADEGA apela ás instancias internacionais titoras do espazo, a oficina Ramsar e a Comisión Europea, para que miren pola conservación deste humidal, patrimonio natural galego, europeo e mundial, que nestes intres está sendo agredido pola Xunta", explica Adega en nota de prensa.

Perante a gravidade da situación criada no sitio Ramsar da “Lagoa e Areal de Valdoviño”, ADEGA vén de solicitar á Oficina Internacional da Convención RAMSAR:


-Que esixa aos organismos responsábeis da planificación e xestión deste humidal protexido, "Lagoa e areal de Valdovño", sitio Ramsar nº 599, o cumprimento das súas obrigas no referente á conservación e uso racional deste espazo, promocionando e executando políticas de conservación efectiva. Solicitamos tamén, que se lles esixa ás administracións responsábeis que paralicen o sangrado e baleirado reiterado da lagoa feito sen xustificación técnica e legal algunha, e que as medidas de xestión que se tomen tendan á reposición do estado de conservación favorábel, depurando as responsabilidades pola xestión irresponsábel deste humidal protexido. [En idénticos termos trasladamos tamén esta denuncia á Comisión Europea].
-Que por parte deste organismo considérense nulos a todos os efeitos as modificacións dos límites do humidal Ramsar da "Lagoa e Areal de Valdoviño" establecidas no ano 2006 polo Ministerio de Medio Ambiente (Resolución de 17 de xaneiro de 2006, da Dirección Xeral para a Biodiversidade, BOE nº 47, do 24 de febreiro de 2006), ao carecer este cambio de xustificación científico-técnica, e respostar unicamente aos intereses espurios de facilitar a urbanización de terreos que nunca deberían ser urbanizados. En consecuencia, solicitamos que se manteñan os límites do humidal establecidos na súa declaración inicial por Ramsar.
-Que por parte de Ramsar Internacional avalíese a necesidade de incluir o sitio Ramsar "Lagoa e Areal de Valdoviño" no Rexistro de Montreux. Ao noso entender, neste humedal producíronse alteracións sustanciais nas características ecolóxicas dende o intre da súa declaración até a actualidade, como fica patente nas denuncias que obran en poder da Secretaría de Ramsar. Estas alteracións están directamente relacionadas co descontrol urbanístico que sofre este humidal e os terreos limítrofes, así como coa neglixente xestión que realizou a Xunta de Galiza e que supuxo a alteración do rexime hidro-ecolóxico da lagoa.
-Que por parte deste organismo se esixa á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Medio Ambiente a posta en marcha dun plano de conservación e xestión deste humidal que garantice a súa conservación e racionalice o uso e as actividades humanas que poidan ter cabida nesta área.

Preme para ver as imaxes

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   fotodenuncia   medio ambiente  

Sociedade: Equanimal protesta fronte á Xunta contra a caza e a súa nova lei

Protesta_cazaxunta
Santiago, 13 de xaneiro de 2012
. Ao longo do mes de xaneiro van ter lugar en Galicia nada menos que seis campionatos de caza do raposo, nos que van caer grande número destes animais. Os campionatos, segundo denuncia Equanimal, asociación defensora dos dereitos dos animais, "lévanse a cabo coa total permisividade, cando non co apoio, da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia".

Por este motivo protestaron hoxe varios integrantes de Equanimal fronte á sede central da Xunta de Galicia, en San Caetano, e tamén aproveitaron para entregar unha carta dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, no que o apremian a non apoiar a caza nin manter unha posición contraria aos dereitos dos animais e non permitir que se aprobe o anteproxecto da nova Lei de Caza na que se permitirá que nenos de 14 anos participen en cacerías.

Protesta_xunta_caza

Equanimal considera que a ética "debe avanzar e nunca retroceder, e que unha práctica como a caza consiste en provocar sofremento a un animal ata acabar coa súa vida, e por iso debe ser prohibida e nunca promovida xa que perpetúa valores carentes de respecto aos animais".

Equanimal anunciou que esta é a primeira dunha serie de protestas e accións reivindicativas que farán ao longo deste mes. 

Posición da Xunta

A Consellería de Medio Ambiente amplía un mes o período de alegacións ao borrador da nova Lei de Caza

O texto recoñece a dimensión ecolóxica e ambiental da caza e potencia a figura do cazador como clave no sector para mellorar a administración do monte galego

O conselleiro de Medio Ambiente destaca que o cazador debe ser considerado como parte da solución, non como un problema, e aclara que se estes se retiran e ou se non hai relevo xeracional, produciríase unha proliferación de especies sen control, que causarían danos sumamente cuantiosos

Afirma que unha das grandes achegas desta nova lei é a constitución dun Fondo de Corresponsabilidade, que permitirá a participación de todos os axentes no reparto de cargas e a dotación de fondos finalistas, así como o reparto máis xusto da responsabilidade patrimonial polos danos que causen as especies cinexéticas

Máis dun 80% do territorio da comunidade é cinexético, na actualidade hai 440 tecores, cunha superficie mínima de 2.000 hectáreas e existen preto de 50.000 licencias de caza

Sinala os titulares dos Tecor deberán presentar obrigatoriamente un Plan de Ordenación dos Recursos Cinexéticos para un período mínimo de 5 anos, polo que se mellora a xestión dos terreos e evítase a complicación na tramitación burocrática ao non coincidir a renovación de todos os plans no mesmo ano

Agustín Hernández participou esta tarde na reunión do Comité Galego de Caza, na que presentou esta nova normativa da Xunta de Galicia

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Equanimal   caza   medio ambiente   protesta  

Ribeira: aproban no Parlamento unha moción para evitar verteduras nos polígonos industriais do municipio

  •  Aprobouse tamén por unanimidade instar ao Goberno galego a acometer o saneamento integral do concello 
  • Marisol Soneira denunciou que a máxima de quen contamina paga está  a arruinar importantes proxectos dos sector do mar instalados en Couso e Xarás

Media_httpfarm2static_bsfxq

Ribeira , 29 de decembro de 2011. A comisión 2ª do Parlamento de Galicia vén de aprobar unha Proposición no de Lei dos Socialistas de Galicia, transacionada con nacionalistas e populares, pola que se insta á Xunta a que, con carácter de urxencia, estableza as medidas que fosen necesarias para garantir que as verteduras industriais procedentes das empresas asentadas nos polígonos de Couso e Xarás, no concello de Ribeira, non afecten negativamente ás actividades acuícolas nin aos bancos marisqueiros da zona, nin ao medio ambiente en xeral.  

A iniciativa require tamén do Goberno galego a que, con carácter de urxencia, acometa as accións que fosen necesarias para dotar ao concello de Ribeira dun saneamento integral que solucione, definitivamente, os problemas medio ambientais ocasionados polos vertidos urbanos. 

Marisol Soneira, deputada socialista encargada de defender a iniciativa, amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, e puxo de manifesto a importancia do mesmo, por tratarse “dun problema endémico deste municipio, que no é calquera cousa”. Soneira lembrou que Ribeira é dos municipios importantes de Galicia, demográfica e economicamente e pola situación de cabeceira de comarca que detenta, e non parece razoable que a estas alturas este concello estea a verter á ría “a caño libre” todos os residuos urbanos e industriais.  

A parlamentaria socialista confesou que a iniciativa pretendía nun principio poñer solución aos problemas coas verteduras libres das empresas dos polígonos de Ribeira que afectan ás empresas pesqueiras, pero, “non temos ningún inconveniente en estender a petición ao Executivo galego para dotar de saneamento integral a todo o concello coruñés” aproveitando a súa tramitación na comisión de Medio Ambiente, en lugar de na de Pesca.  

Neste sentido, advertiu Marisol Soneira de dúas cuestións. Por unha banda, denunciou os “atrancos que o Concello de Ribeira –en alusión á anterior corporación- puxo sempre para que se puidera levar a cabo un saneamento integral dese concello”. 

Por outra recordou o anuncio do conselleiro Hernández -Medio Ambiente- dun acordo para ubicar o saneamento integral en Couso, pero a confraría de Aguiño non está de acordo nunha macro-depuradora, e prefiren unha solución compartida con outros puntos de Ribeira, “como por outra parte parece lóxico”. Soneira salientou a “enorme desconfianza” que as precedentes actuacións da Xunta suscita entre as confrarías.    

“QUEN CONTAMINA, PAGA” PODE ARRUINAR PROXECTOS MILLONARIOS NOS POLÍGONOS DE COUSO E XARÁS 

Na súa exposición de motivos, Marisol Soneira centrou a preocupación dos socialistas “no razoamento que nos da Xunta”, que asegurou nunha resposta a unha pregunta parlamentaria que a súa función se limita a prestar todo o apoio técnico e xurídico e administrativo que lle sexa requirido a fin de levar a bo termo as peticións de responsabilidade.  

Para a deputada socialista isto significa que a Administración que ten que garantir o cumprimento da lei e ten que defender a aqueles que se teñen instalado alí – nos polígonos de Ribeira citados- con proxectos acuícolas e marisqueiros interesantes e que están condenados ao fracaso ata que se resolva o asunto das verteduras e a contaminación, dilles que “como quen contamina paga, o que paga pode contaminar”. Porque “o que se está obrigando é ao prexudicado a que presente unha demanda nos tribunais, mentres a Xunta, en todo caso vai limitarse a labores de asesoramento”, afirma.  

Conclúe Soneira que dá a sensación de que “non temos unha Administración que protexa os nosos dereitos obxectivos, como é neste caso”.  Hai moitas empresas nestes polígonos que dependen da calidade das augas para a súa subsistencia e desenvolvemento, proxectos como os dos parquistas de Carril, de cultivo de rodaballo en terra, ou os bancos marisqueiros da confraría de Aguiño, “unha das entidades que teñen denunciado vertidos incontrolados”, apunta a deputada socialista. Entre as empresas denunciadas, destaca Marisol Soneira a “curiosidade de que unha é da que foi xerente un director xeral da Consellería do Mar, que, por certo, non tiña nin licencia de verteduras, sen embargo funciona e segue a verter”. 

O proxecto dos parquistas de Carril, para cría de ameixa, está parado desde fai un ano. Este proxecto, cun forte investimento europeo e da Xunta tivo que mandar ao paro aos seus investigadores e persoal porque “ao lado ten empresas que verten a caño libre”, recriminou Soneira.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   PSOE   Parlamento de Galicia   Ribeira   medio ambiente   saneamento