Preme para voltar á portada
Filed under

NOTICIA RECTIFICADA

 

Rianxo: o PP denuncia en xullo o desleixo das praias das Cunchas e o Porrón cunhas imaxes do 19 de maio

Rianxo, 9 de xullo de 2011. O PP de Rianxo, logo de catro anos sen enviarnos unha soa nota de prensa de interese (a que enviou foi en campaña electoral para propaganda dos seus actos) colounos onte unha na que se pretendía denunciar o mal estado de dúas praias rianxeiras. Adoitamos publicar de boa fe as notas que nos envían os partidos e asociacións e non desconfiamos do seu contido, co que foi publicada tal e como viña. Consultado o alcalde hoxe, dinos que xa non se corresponden coa realidade estas imaxes, que as praias están limpas e non así. Imos mirar os datos exif das imaxes (22 nada menos) e todas foran feitas tres días antes das votacións de maio, o 19. A persoa que nos enviou as fotos di que as tomou o mércores 6 de xullo, así que ou ten mal configurada a cámara co que as fixo ou falta á verdade. Que figure como hora de realización das mesmas as 5:44 fainos pensar que esta persoa non se leva demasiado ben coas novas tecnoloxías, o cal pode crear evidentes malentendidos.

Sen mirar os datos Exif das imaxes publicamos:

(download)

Rianxo, 8 de xullo de 2011. O PP denuncia e amosa con fotos o desleixo no que se atopan as praias de O Porrón e As Cunchas "que a dous días da segunda fin de semana de xullo, seguen sen limpar nen acondicionar, a pesares de que o señor alcalde fai uns días saíu en prensa dicindo que contratara unha brigada de limpeza para dar solución a estas necesidades".

Como se pode observar nas numerosas imaxes con que o PP ilustra a súa denuncia, a area está chea de lixo, "e a pouca que limparon tirárona a un lado xunto á praia", a praia semella un prado con matos de algas que trae o mar e que levan días sen limpar, a pasarela está tapada con area e onde non está hai herbas, ademais de que as boias de seguridade para que embarcacións non se aproximen á orela e os bañistas estean seguros están amontoadas ao pé da entrada da praia...

"É triste que unhas praias tan coñecidas e que incluso tiveron bandeira azul estean nestas condicións. E máis triste aínda que o partido que antes defendía o adecentamento das praias como xeito de conseguir para Rianxo turismo e dar servizos decentes ao pobo, ao estar gobernando se esqueza de todas estas necesidades", conclúen fontes do PP.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   NOTICIA RECTIFICADA   PP   Rianxo   fotodenuncia