Ribeira: clausurado o obradoiro de emprego "Airoas"
- Os 35 alumnos, formados xa en xardinería, carpintería e pavimentación, recibiron os seus diplomas acreditativos e agora buscan traballo
Ribeira, 22 de decembro de 2011- O parque periurbano de San Roque viviu na tarde de onte a clausura do obradoiro de emprego Airoas: un acto ao que acudiron -ademais dos 35 alumnos maiores de 25 anos que estiveron dende hai un ano a asistir a esta iniciativa, así como os seus mestres e demais persoal formativo- distintas autoridades en representación das institucións organizadoras da iniciativa (Consellería de Traballo e Benestar e Concello de Ribeira), tales como a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén Docampo; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; e o alcalde Manuel Ruiz..
Que o parque periurbano fose o lugar escollido para desenvolver o acto de hoxe serviu para amosar as principais melloras promovidas a través do traballo realizado polos alumnos ao longo do curso, como por exemplo a pavimentación con adoquinado de granito da entrada principal ao parque (tamén se actuou nos outros tres accesos existentes), a elaboración e colocación dunha pasarela de madeira que da acceso ao Centro de Interpretación, a dotación de diversos puntos de luz e dun arco de madeira na zona de entrada ou mesmo a construción en madeira dunha parada de autobús.
Estas e outras accións foron desenvolvidas polos 35 estudantes repartidos en tres especialidades (xardinería, carpintería e pavimentación), os cales recolleron hoxe os seus correspondentes diplomas acreditativos nun acto que comezou coa intervención da directora do curso, Uxía Argibay.
Verbas de felicitación e ánimo
Pola súa parte, tanto Manuel Ruiz como Belén Docampo e Andrés Hermida quixeron felicitar ás 35 persoas asistentes ao obradoiro polo gran traballo desenvolvido e coincidiron en salientar que o acto de hoxe non é un fin senón que marca un principio á hora de que estes alumnos poidan acudir con mellores opcións ao mercado laboral: algo para o cal lles quixeron dar moitos ánimos.
Doutra banda, o alcalde xa adiantou que realizará xestións en orde a intentar conseguir para Ribeira no vindeiro verán unha nova escola obradoiro, que neste caso iría dirixida a persoas menores de 25 anos. Cómpre salientar que este concello é dos máis favorecidos por este tipo de iniciativas, namentres que noutros concellos veciños levan anos sen ter nada semellante.Antes, en Certo:

Airoas: o obradoiro de emprego cumpre mellor ca os políticos

















Comentarios [0]