Ribeira: adxudicadas obras para humanizar zonas históricas de parroquias
- Trátase de Aguiño, Castiñeiras e Corrubedo
Aguiño
Todas estas actuacións están enmarcadas no Plan Provincial de Obras e Servizos 2011 da Deputación de A Coruña, cuxo orzamento ascende a 573.834,34 euros. O montante resultante das tres accións, que se incardinan no POS principal, é de 387.068,32 euros, e dado que se acadou unha rebaixa substancial de practicamente 186.000 euros no proceso de licitación, o Executivo conta cun amplo marxe de manobra para o POS complementario.
Aguiño
No que respecta á actuación localizada en Aguiño, a praza da Igrexa presenta actualmente un pavimento de formigón e no caso da rúa adxacente, presenta pavimento asfáltico na calzada e pavimento de formigón nas beirarrúas, bastante deterioradas polo paso do tempo.
Coa actuación preténdese mellorar o aspecto e humanizar a zona en cuestión, proporcionando un acabado de pedra acorde co entorno. Para alcanzar este obxectivo, pavimentarase con lousas de granito abuxardado e adoquín de granito a zona de actuación, ademais de substituír as tubaxes de saneamento de auga existente por outras de polietileno de alta densidade, instalar un novo colector para fecais de PVC e dispoñer un colector de PVC de pluviais. Tamén se cambiará toda a rede aérea de alumeado público por canalización soterrada a fin de lograr un menor impacto visual.
O orzamento final da actuación é de 114.052,90 euros e o prazo de execución é de 3 meses. Realizaraa Nemesio Ordóñez, S.A.
Castiñeiras
En canto á acción prevista en Castiñeiras, cabe salientar que o núcleo urbano desta parroquia está formado por un conxunto de rúas de trazado irregular e anchura variable. A actuación céntrase en dúas destas rúas: Alto do Rial e Alto da Fonte, bastante estreitas e cun pavimento de formigón deteriorado. Ademais, a rede de abastecemento é de fibrocemento e non existe rede separativa de alcantarillado.
Así e logo, as obras que se van realizar pretenden continuar coa recuperación do centro histórico da parroquia e a renovación dos servizos existentes. Deste xeito, pavimentaranse as dúas vías con lousas de granito combinadas con adoquíns de granito abuxardado. Substituiranse as tubaxes de abastecemento de auga existentes por outras de polietileno de alta densidade, colocaranse colectores de PVC liso para os residuos fecais e colectores de PVC corrugado para as augas pluviais. Tamén se cambiará a rede aérea de alumeado público por canalización soterrada.
O orzamento é de 151.976,90 euros e o prazo de execución é de 4 meses. Serinfra S.A. será a encargada de acometer a obra.
Corrubedo
No relativo a Corrubedo, as rúas do Torreiro, Bandiarrego, Fonte Nova e transversal a Fonte Boca son vías que posúen numerosas vivendas nas súas marxes e rexistran unha grande afluencia de peóns para acceder ás praias da zona. O firme das rúas está formado por pavimento de formigón, bastante deteriorado nalgúns puntos. Non existe rede separativa, descorrendo as augas fecais e pluviais por un único colector.
Co fin de adecuar e humanizar a zona de actuación, vaise demoler o pavimento existente e colocar lousas de granito combinadas con adoquíns de granito abuxardado. Ademais, disporanse colectores de PVC compacto para residuos fecais e colectores de PVC corrugado para augas pluviais.
O orzamento desta actuación ascende a 121.038,90 euros e o prazo de execución é de 4 meses. Faraa a empresa Nemesio Ordóñez.


Comentarios [0]