- Os nacionalistas levan a polémica a Europa, cunha pregunta que debe respostar a Comisión Europea
- Os socialistas acusan á Consellería de Mar e á de Medio Ambiente de desleixo, por non ter postos controis sobre o impacto da mortandade detectada nos dispositivos e confiar tan só no informe interesado da empresa galego-norueguesa
- O Bng no Parlamento galego denuncia que a Xunta evita respostar sobre este asunto e denunciou que o remolcador Ría de Vigo estivo a enfriar as gaiolas
- A Xunta négao todo
Muros-Noia, 17 de novembro de 2011. O BNG vén de presentar no Parlamento Europeo unha pregunta para ser contestada pola Comisión Europea sobre o problema das gaiolas de salmón instaladas na ría de Muros e Noia pola empresa North West Food, coa autorización e beneplácito do goberno da Xunta de Galicia.
Na rolda de prensa celebrada en Noia o pasado mércores 16 de Novembro, o responsábel comarcal do BNG, Manuel González, cun cartel ben grande detrás que nos indica o carácter electoralista destas reivindicacións, sinalou que "non ten razón de ser a decisión do goberno Feijóo de autorizar o cultivo dunha especie allea ao ecosistema da Ría de Muros e Noia sen coñecer as súas consecuencias". Lembrou que a ría non é un ermo produtivo senón que é a “principal empresa da comarca e que dá emprego a centos de persoas”. Pola súa banda, María Xosé Alfonso, portavoz do BNG de Muros, indicou que a instalación das gaiolas –que segundo os plans poderían ascender a 20 unidades- está a crear grande preocupación no sector pesqueiro, marisqueiro e bateeiro. Ademais a Xunta comprometérase a facer seguimento deste proxecto e sen embargo polo momento non existe información algunha ao respecto. Finalmente, Ana Miranda –que ocupará a acta de Eurodeputada polo BNG a partir do 1 de Xaneiro de 2012- indicou que este tipo de acuicultura vai na liña contraria ao que propón a Unión Europea para o sector pesqueiro en Europa, onde a aposta se centra na explotación sustentable dos recursos e no coidado dos ecosistemas. Por outra banda, indicou que a pregunta servirá para instar a Comisión Europea a investigar se dende a Xunta se dedicaron fondos comunitarios para apoiar este proxecto da empresa North West Food. Os responsábeis do BNG indicaron que a pregunta parlamentaria será seguida por unha interpelación na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que permitirá a representantes do sector desprazarse a Bruxelas para manifestar a súa opinión e os seus puntos de vista a cerca deste proxecto. Para iso o BNG manterá nas vindeiras semanas reunións con ditos representantes.
Posición do Psoe
Xa dende Santiago, a portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, denunciou hoxe o “desleixo” da Xunta diante da instalación das gaiolas de cría e engorde de salmón en Muros. Soneira preguntou ao Goberno galego na Comisión de Pesca pola falla absoluta de medidas diante das denuncias da aparición de mais de 500 salmóns mortos aboiados por toda a ría.
Soneira criticou a falla de controis por parte do goberno galego e a “absoluta neglixencia” das consellerías de Pesca e Medio Ambiente sobre esta situación e o impacto dos restos de peixes na ría. Denunciou que a Xunta só teña presentado un informe “de parte” elaborado pola empresa denunciada, quen “para defenderse apunta uns argumentos aos que a Xunta da carácter de oficiais ao presentalos no Parlamento”.
A responsable socialista sinalou que o carácter de experimental do proxecto obriga a facer un estrito seguemento e vixiancia da súa evolución “e non só fiarnos do que nos conta a empresa”. Acusou ao goberno galego de “utilizar o Parlamento como altofalante dunha empresa privada” evidenciando que “o único que fixeron foi pedirlle un papel, pero non realizaron ningunha inspección nin tomaron ningunha outra medida”.
Engadiu que precisamente a aparición de restos de peixes desbota o argumento da Xunta, quen xustificou a localización das gaiolas nesta zona polas fortes correntes que eliminarían os restos. Reclamou ao goberno galego que analice as causas da mortandade dos exemplares, que “poderían poñer en cuestión a idoneidade da localización dos peixes na ría de Muros e Noia polas condicións climáticas".
O Bng no Parlamento Galego
- O deputado do BNG Bieito Lobeira denunciou labores de “enfriamento” levadas a cabo polo remolcador Ría de Vigo nas gaiolas de salmón e asegurou que no contrato do buque coa consellería do Mar non figura que sexa a tempo parcial
Foto de Que Pasa na Costa, diario dixital da Costa da Morte. Enfriamento de gaiolas de salmón en Muros. A información
aquí
O portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira formulou tamén hoxe unha pregunta ao Goberno relativa á aparición de salmóns mortos na ría de Muros-Noia e criticou que a resposta do director xeral de Competitividade, Juan Maneiro Cadillo, non aportara ningún dato sobre esta cuestión.
Lobeira lamentou que Maneiro Cadillo eludira responder ás cuestións formuladas polo nacionalista e asegurou que tras a intervención do director xeral non se pode afirmar que Mar realizara unha investigación sobre os salmóns mortos.
O deputado tamén indicou que existen datos reais que confirman a aparición de exemplares de salmón mortos, algúns en avanzado estado de descomposición que están a crear problemas e contaminación na ría de Noia-Muros.
Neste sentido, rexeitou que o director xeral de Competitividade afirmará que só foron “dous salmóns mortos” os aparecidos na ría, segundo recollen as conclusións dun informe elaborado pola empresa concesionaria das gaiolas, “vostede parece o responsábel de comunicación de empresa North West Food”, espetou o nacionalista.
Por outra banda, o parlamentario do BNG amosou unha fotografía sobre os labores do Remolcador Ría de Vigo nas gaiolas de salmón sobre as que lembrou foron “socialmente rexeitadas” polo sector pesqueiro e marisqueiro da comarca sen que a Consellería do Mar asumira esta contestación social.
Para Lobeira, resulta estraño que un remolcador contratado pola consellería do Mar por un período dun ano e por valor de 6.313.088 euros realice funcións que non se corresponden co salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña.
O nacionalista criticou que o remolcador se dedicara a embocar auga doce ás gaiolas para que non morreran os salmóns e considerou que unha vez máis, se está a beneficiar a unha empresa privada con medios pagados pola Xunta de Galiza.
A Xunta volta chamar mintireiros aos mariñeiros no Parlamento
En canto á denuncia realizada por varias confrarías ante os medios de comunicación da aparición de exemplares de salmón mortos pola ría de Muros-Noia, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, explicou que a Consellería requiriu á empresa un informe no que se detallase a evolución da mortandade do salmón na gaiola e o seu tratamento. Tamén asegurou que se deu orde ao Servizo de Gardacostas de que realizasen varias inspeccións pola zona que concluíron sen que se tivera atopado ningún exemplar do medio millar que aseguran as confrarías da zona teren albiscado.
O informe que trasladou a empresa concesionaria dunha gaiola experimental para o cultivo do salmón na Ría de Muros-Noia á Consellería do Mar documenta que os salmóns que morren son trasladados a unha granxa de visóns de Rois (A Coruña) para alimento dos animais. Ademais especifica non ter constatado ningunha fuga da gaiola e inciden en que os exemplares mortos, “xa sexan flotantes ou afundidos son depositados en contedores adecuados para a súa conservación ata que son enviados á granxa de visóns” e que “a zona de acopio na que se atopan os contedores está situada nunha nave no peirao do Freixo”.
O director xeral engadiu ademais que a cuantificación de exemplares mortos realizada polas confrarías “non se sustentou en ningún momento con calquera tipo de información válida nin se deu a coñecer o sistema empregado para o seu cómputo”. Ademais salientou que a día de hoxe non se sabe nada dos resultados das analíticas dos exemplares de salmón mortos que os representantes das confrarías dixeron que ían realizar e incidiu en que, a pesar disto e de que as confrarías en ningún momento se puxeron en contacto coa Consellería para informar sobre este feito, a actuación por parte da Consellería do Mar foi inmediata e “con toda a dilixencia posible”.
Remítese de novo, con evidente hipocrisía, ao bipartito
En relación aos controis que realiza habitualmente a Consellería do Mar sobre as gaiolas, Juan Maneiro, indicou que “son exactamente os mesmos” que os establecidos polo goberno bipartito á mesma empresa concesionaria para a instalación de dúas gaiolas para cultivo de salmón no polígono Ribeira C da Ría de Arousa, polo que “se antes eran adecuadas agora, na Ría de Muros-Noia seguen mantendo a súa validez”, puntualizou.
Maneiro volta así a empregar a hipocrisía como arma electoral, pois como xa informamos en Certo, na oposición ben que protestaban contra as gaiolas de salmón. Véxao aquí
Antes, en Certo:Salmón morto para granxas de visóns de Rois
En QPC:
Comentarios [0]