Preme para voltar á portada
Filed under

Rianxo

 

Rianxo: o ceip Castelao recolleu hoxe un premio da Consellería de Educación pola mostra "Valentín Paz-Andrade, galego de corazón"

  • Xesús Vázquez Abad entregou hoxe os premios do concurso no que escolares deseñaron unha exposición multidisciplinar arredor da figura deste autor homenaxeado nas Letras Galegas 2012
  • A exposición vaise imprimir e ser repartida en máis de 1.600 puntos de Galicia e todo o mundo

Rianxo, 16 de maio de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012, como un exemplo para as xeracións futuras. Así o expresou na entrega do premio ao CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo), polo traballo presentado ao certame escolar para a elaboración dunha exposición multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado. Unha serie de carteis nos que, tal e como explicou o conselleiro “conseguistes sintetizar en imaxes e palabras a inmensa obra de Valentín Paz-Andrade; un autor, e cito un dos vosos carteis, ‘polifacético e incansable cun único obxectivo: servir a Galicia’”.

Click here to download:
Rianxo_Carteis_Primaria_Valentin.pdf (4.8 MB)
(download)

Ademais de ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’, do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao - que acadou o premio na modalidade dos centros de educación infantil e primaria- neste certame resultou galardoada – na modalidade para os centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e FP- ‘Colleita do 1989’, do IES Xoán Montes (Lugo), ao que o conselleiro entregou o premio o pasado luns.


Vázquez Abad explicou que felicitou a todo o profesorado e a todo o alumnado do CEIP polo seu traballo. “É un pracer ver como a colaboración entre docentes e estudantes de distintas aulas e niveis dá uns resultados tan positivos: uns carteis alegres coma a festa que celebramos, cheos de luz e cunha unidade que reflicte a perfecta coordinación e o traballo en equipo que estes materiais teñen detrás”, dixo.

“Semente dunha Galicia próspera”
Respecto do exemplo de Paz-Andrade, o conselleiro salientou o seu “traballo constante a prol de Galicia e da súa lingua”, que “debe animarvos a vós, rapaces e rapazas do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a formarvos para serdes no futuro, coma el, semente dunha Galicia cada vez máis próspera e tamén a esforzarvos sempre, dende hoxe e para sempre, por dignificar a lingua galega e abrirlle todas as portas do mañá”. “Paz-Andrade, ademais, comprendeu ben que o progreso material e económico da nosa comunidade non sería posible sen o paralelo progreso da súa cultura e da súa lingua propia”, engadiu.

“Vendo o voso traballo, rapaces e rapazas, estou seguro de que seredes capaces de aproveitar as oportunidades de aprender e de medrar nestes e noutros aspectos do saber que vos brinda o profesorado do CEIP Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen aproveito para agradecer o seu labor e entrega”, rematou.

Click here to download:
Rianxo_Valentin.pdf (3.99 MB)
(download)

Traballo pluridisciplinar
A través destes traballos, as alumnas e alumnos presentan a obra e a época do autor homenaxeado desde unha perspectiva pluridisciplinar, implicando a varios departamentos do centro educativo na tarefa. Así, a Consellería, impulsora do certame, contribúe a fomentar a colaboración interdepartamental nos colexios e institutos, así como a implicación activa do profesorado e o alumnado.

O certame, organizado no marco de actividades desenvolvidas pola Consellería na lembranza de Paz-Andrade este ano no que se lle dedica o 17 de maio, constitúe unha oportunidade para convidar ao estudantado a que reflexione sobre a situación sociolingüística da nosa lingua propia na época concreta do autor. Procúrase, ao tempo, a dignificación e normalización do galego, así como enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega. De feito, as exposicións gañadoras imprímense para seren distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e o exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.



Antes, en Certo:


Fotografía: "Retrospectiva", do Foto Club Sálvora, do 4 ao 23 de maio


Serán "Mar de Rianxo": o sábado 26 de maio. Anótense!


Andaina por Forcarei: o sábado 26 de maio


Cultura: o rianxeiro Castelao pecha o "Ceo das Letras" 2012

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Castelao   Rianxo   ceip   premio  

Rianxo: do 1 ao 3 de xuño, I Curso de Frauta a cargo de André Cebrián

Rianxo: o sábado 26 de maio, roteiro ás pontes do Lérez en Forcarei

Media_httpfarm3static_ofxid

Batáns tradicionais, onde se "curaba" o liño e outros materiais textís


Rianxo, 15 de maio de 2012. O sábado 26 de maio organízase unha andaina dirixida a adultos (maiores de 16 anos e menores acompañados). Esta fermosa ruta discorre paralela ao río Lérez e ten como puntos principais de interese o Mosteiro de Aciveiro e todo un regueiro de muíños, batáns e outras construcións tradicionais ao pé dos ríos galegos.

O nivel de dificultade é medio e o percorrido é de aproximadamente 14 quilómetros.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   andaina   roteiros  

Ribeira: o xoves 31 de maio, xornada informativa sobre empresas de inserción laboral

  •  O 2 de xuño haberá a mesma charla en Rianxo

Media_httparousanorte_bxezb

Ribeira, 15 de maio de 2012.- A Aula Multimedia (paseo do Malecón de Santa Uxía) vai ser escenario o xoves día 31 de maio dunha xornada de promoción das empresas de inserción laboral.

Organizada pola Mancomunidade Arousa Norte, esta acción pretende informar aos asistentes sobre este modelo de empresa e vai dirixida en especial aos seguintes colectivos:

        Técnicos e membros da directiva de Asociacións, Ongs.

        Técnicos de servizos sociais, de xuventude, de emprego e   orientadores laborais dos concellos.

        Orientadores laborais de centros integrados de formación profesional, de formación ocupacional e do Servizo Galego de Colocación.

        Persoas en situación ou en risco de exclusión social.

        Emprendedores.

        Calquera persoa con interese.

A xornada terá lugar de 16 a 20 horas. Ten carácter gratuíto. Os interesados poden inscribirse na oficina de desenvolvemento local do Concello (Casa do Concello, 1ª planta. Tel.: 981835417) ou na Mancomunidade de municipios Arousa Norte (Concello de Boiro)

Na seguinte ligazón pódese atopar máis información ao respecto: http://arousanortemprego.wordpress.com/xornadas-sobre-a-e-i-l/




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   Ribeira   charla informativa   emprego   empresas  

Música: presentouse un ensemble galego de saxofón con raigames en Ribeira e Rianxo

  • O elenco musical fixo a súa presentación na igrexa da USC, ao pé da facultade de Historia de Santiago
  • Detrás da iniciativa está a Aula Galega de Saxofón, que se desenvolve no conservatorio ribeirense

(download)

Ribeira, 9 de maio de 2012.- O pasado domingo 6 de maio tivo lugar na igrexa da Universidade en Santiago de Compostela a presentación do Ensemble Galego de Saxofóns: unha idea xurdida a iniciativa do responsable de organización da Aula Galega de Saxofón e profesor no conservatorio Profesional de Música de Ribeira,  Jose Fungueiriño, así como  do profesor invitado á citada Aula, Rodrigo Vila (e profesor no Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares).

Unha iniciativa única en Galicia e escasa en España

Unha ensemble desta natureza é algo único na Comunidade e case inexistente no resto de España. Está conformado por 10 profesionais galegos do mundo do saxofón e tres alumnos da Aula Galega de Saxofón que, como é sabido, é unha actividade formativa organizada dende o Conservatorio de Música Profesional de Ribeira.

Entre o numeroso público asistente ao  acto de presentación encontrábanse,  entre outros,  a concelleira de Educación do Concello de Ribeira,  Dña Mª Carmen Vizcaya Sampedro, así como Juan Durán, compositor galego do cal o ensemble interpretou un arranxo feito polo propio compositor para esta actuación da súa obra "Divertimento".

Testemuña rianxeira

Nesa presentación estivo o noso colaborador Ramón Torrado, que a relata no seu artigo deste mes, pero dende a parte rianxeira:


 

Pode que tamén lle interese:

Baile: Rianxo e Ribeira, potencias galegas en Tequexetéldere

 


 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   Ribeira   Santiago de Compostela   música  

Rianxo: roteiro de sendeirismo este sábado 12 de maio polo río Sarela, en Santiago

  • Para maiores de 50. Custa 3 euros

Media_httpfarm3static_xqraj

O Sarela é un dos múltiples afluentes do río Sar. Na imaxe, este último ao seu paso por Padrón

Rianxo, 8 de maio de 2012. O Servizo de Deportes organiza o vindeiro sábado, 12 de maio, unha saída a pé na que se percorrerá o curso de río Sarela, desde o Romaño ata Vidán. A actividade vai dirixida ós maiores de 50 anos, e terán prioridade aqueles que participen nas actividades deportivas municipais.

O nivel de dificultade é baixo e o percorrido é de aproximadamente 6 quilómetros. O longo do curso do río Sarela atópanse lavadoiros, muíños, pontes singulares e varios curtidoiros. Os ameneiros, salgueiros, loureiros e sabugueiros propios do bosque de ribeira, acompañan durante todo o percorrido. O autobús fará a ruta polas paradas habituais a partires das 8:30, estando previsto a chegada ó Romaño e inicio da ruta para as 10. A volta está prevista para as 13:30 aproximadamente.

O custe da actividade é de 3 €. Mais información e inscricións no Servizo de Deportes e nos pavillóns deportivos.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   roteiros  

Rianxo: Carapaus, novo grupo de música tradicional, xa ten vídeoclip

Rianxo, 7 de maio de 2012. En Rianxo a tradición musical, en calquera eido que se poida imaxinar, non ten parada. Agora están lanzando un novo grupo ao mercado: CARAPAUS (en breves sairá o cd), e estes días queren promocionar o videoclip que teñen gravado en Rianxo e que abre esta información.

(download)
Imaxes do novo grupo cos ensaios

Como un dos obxectivos fundacionais de Certo é promocionar a cultura de Barbanza, só podemos darlle espazo neste xornal e desexarlle o mellor nesta aventura musical. Inda que non sexan vostedes, queridas lectoras, estimados lectores, de Rianxo, bótenlle un ollo ao ben que soa este grupo, con zanfoneiro e todo, e difúndano entre os seus.

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   música tradicional galega  

Rianxo: o VII Serán "Mar de Rianxo" é o sábado 26 de maio. O día anterior, macro-recital de Airiños

Media_httpfarm8static_dhhhz
Rianxo, 4 de maio de 2012. Bailadores, bailadoras, músicos, amigos/as da festa, do baile e da música tradicional, da boa comida... Amigos/as de Vai de Roda e deste Serán, ide preparándovos: o 26 de maio xa está ao caer. Ese é o día do VII Serán Mar de Rianxo. A cita será das oito da tarde en diante no Campo de Arriba de Rianxo.

Comezará ás 8 co SERANCIÑO, para que os máis novos/as, toquen, canten, bailen e monten festa da boa, como eles/as saben. E ás dez empezarán a subir ao escenario os máis grandes, para que a festa non pare.


Os grupos que queiran actuar no VII Serán Mar de Rianxo (Seranciño ou Serán) pódense anotar mandando un correo ao enderezo:

vaiderodarianxo@gmail.com

Pode que tamén lle interese:

Recital o 25 de maio: O Cadro Artístico Airiños vai realizar un RECITAL "AO SON DAS LETRAS VIVAS" o próximo venres 25 de maio, ás 21.00 h, no que fará un macro-recital de autores vivos con música de compositores vivos, e para iso animan aos rianxeiros/as a participar. Se estás interesado/a escolle un autor vivo e un texto e ponte en contacto co Cadro Artístico Airiños.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   Vai de Roda   serán  

Rianxo: programación cultural para maio

Rianxo, maio de 2012. As propostas culturais para os primeiros días de maio no auditorio de Rianxo son as seguintes:

Imostrateatrouniversitario
  • I MOSTRA DE TEATRO UNIVERSITARIO (obras recomendadas para maiores de 12 anos)
  •  Venres 4 de maio - 21.00 h - Cariño de Daniel Dalmaroni a cargo da compañía Arrastrachelocupolaspallas
  •  Sábado 5 de maio - 21.00 h - Baixarse ao moro de José Luis Alonso de Santos a cargo da compañía Pinchacarneiro
  •  Domingo 6 de maio, 20.00 h - Falúa Fliying Circus dos Monty Python a cargo de Teatro da Falúa

O aforo é limitado e as entradas (máximo 2 por persoa) poderán recollerse unha hora antes do comezo de cada proposta.

Media_httpfarm9static_wiigj

  • Recital o 25 de maio: O Cadro Artístico Airiños vai realizar un RECITAL "AO SON DAS LETRAS VIVAS" o próximo venres 25 de maio, ás 21.00 h, no que fará un macro-recital de autores vivos con música de compositores vivos, e para iso animan aos rianxeiros/as a participar. Se estás interesado/a escolle un autor vivo e un texto e ponte en contacto co Cadro Artístico Airiños.
  • E o 26 de maio:

Media_httpfarm8static_smcvg

Maio cultural completo:

Media_httpfarm8static_qacxg

Media_httpfarm9static_itwue



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   programación cultural  

Sociedade: o "Tahúme" de Ribeira e "Vai de Roda" de Rianxo, gañadores no certame de baile tradicional Tequexetéldere en A Estrada

Media_httpfarm8static_dgbde

Media_httpfarm6static_inygb

Fotos de Vai de Roda bailando. Xentileza do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños

Barbanza, 30 de abril de 2012. Onte tivo lugar en A Estrada (Pontevedra) o VIII certame de baile tradicional Tequexetéldere, que acubillou no Teatro Principal a uns oitocentos bailaríns -repartidos en 31 grupos- aos que foron ver demasiada xente, tanta que non había sitio no recinto.

Na categoría máxima, a D, para bailador@s de 16 en diante, levouse o primeiro premio o grupo de baile tradicional "Tahúme" de Ribeira. Segundo foi a Escola Cantigas e Agarimos de Santiago e terceira a Asociación Cultural Mar de Arousa de Bamio.

Na categoría C (de 12 a 16 anos), os que se levaron o gato á auga en primeiro lugar foron as de Nove Ferreñas, de Rianxo, da asociación "Vai de Roda". De segundos irían "Tras do Eo", de Teo, e terceiros "Os Xeitosos" de Trazo.

Ademais,  na categoría B tamén gañou "Sete Ferreñas", de Vai de Roda de Rianxo. En segundo lugar quedaría O Muiño da Retorta de A Ponte Vella de Teo e de terceiros, Os Trazantes de Tenorio.

Media_httpwwwtequexet_fxhqg

Accésits 

Por se fora pouca a colleita dos rianxeiros, o xurado deste certame de nome case impronunciable, Tequexetéldere, outorgou accésits ao mellor grupo de acompañamento a Sete Ferreñas de Vai de Roda (en categorías A e B). 

O grupo anfitrión, Tequexetéldere de A Estrada, actuou fóra de concurso, xesto que o honra.

Os resultados completos deste certame, na web de Tequexetéldere, aquí





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   Ribeira   Vai de Roda   baile   certame   premio  

Rianxo: as zanfonas saíron á rúa, polo menos cinco minutos, na "Zona da Zanfona"

(download)

Rianxo, 21 de abril de 2012. Comezou a rolar a Zona da Zanfona, o Encontro Internacional sobre este instrumento que aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular,  leva organizando desde o 2005 e que achega figuras de renome mundial para amosen o seu maxisterio e arte ao público galego. Este ano o festival transladouse a Rianxo logo de sete anos en Narón e a resposta do público local -segundo os organizadores- está sendo moi positiva.

As actividades céntranse nun curso de experiencias prácticas cos zanfonistas franceses Patrick Bouffard e Gilles Chabenat, dous dos mellores zanfonistas de Europa con máis de 25 anos de carreira. Este curso ten inscritas 22 persoas de toda Galicia que reciben as aulas maxistrais destas dúas figuras. O curso transcorre este sábado e domingo no Auditorio.

Pero o programa comezou o venres pola tarde cunha xuntanza destes cursillistas e outros músicos no centro de Rianxo que sacaron as "zanfonas á rúa", nome que recibiu esta actividade. Esta acción sonora quedou deslucida porque xusto cando levaban cinco minutos tocando comezou a chover e tivéronse que resgardar na Biblioteca Municipal, levando consigo ao público curioso que quería oir como soaban estes "sintetizadores medievais".

Xa pola noite no Auditorio os presentes desfrutaron dun magnífico concerto dos mestres convidados para esta edición Patrick Bouffard e Gilles Chabenat que presentaron por primeira vez na Península o seu disco "Tour à Tour" (Volta a volta) nun exercicio de virtuosismo sen parangón sobre composicións de inspiración na música popular pero que ás veces tiña máis un parecido cun concerto de rock. Este dúo de zanfonas posúe un groove -sensación ritmicamente expansiva- que o público non agardaba e quedaron moi sorprendidos.

Este sábado pola noite terá lugar no cámping de Rianxo o palco aberto, unha foliada aberta a calquera persoa que queira compartir a súa música con estes zanfonistas. Despois da cea e até que a corda aguante.


Antes, en Certo, anunciamos:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   cultura galega   música tradicional galega   zanfona  

Rianxo: Antrospinos quenta motores para o seu festival cun concurso de teloneiros e outro de deseño de carteis

  • O Festival Antrospinos de Taragoña chega este ano ao capítulo 5

Media_httpfarm7static_dgxjx

Este foi o cartel gañador do ano pasado. Mellóreno!


Rianxo, 19 de abril de 2012. En Taragoña se hai alguén especializado en festas e festivais son os da asociación Antrospinos, que xa se compracen en comunicar a nova edición do concurso Teloneiros FAP 2012, "unha oportunidade única -disque- para todos aqueles músicos que están a comezar a súa carreira artística e buscan un lugar no que promocionarse".

O Festival vaise celebrar desta volta en Taragoña (Rianxo) os días 27 e 28 de xullo e acollerá outro ano máis o escenario Carballo no cal se darán cita na tarde do sábado, despois da Matraquillada, os concertos -disque- máis vibrantes, rompedores e enerxizantes, os interpretados polos dous grupos gañadores do concurso Teloneiros 2012!

"Se es galeg@, tes un grupo de música ou es cantautor/a e desexas promocionarte, non o dubides, preséntate ao noso concurso enviando un correo-e ao enderezo festivalantrospinos@gmail.com co teu nome completo, nome do grupo, breve descrición do estilo musical e un vídeo para podermos ver a túa graza sobre o escenario. Só con isto entrarás a formar parte dos concursantes de Teloneiros. Os dous grupos gañadores serán informados na segunda semana de xuño, poñéndonos en contacto con eles a través do mesmo correo-e. O premio será formar parte do Escenario Carballo ademais do aboamento dunha cantidade por desprazamentos", explican os organizadores.

O concurso ponse en marcha a partires de xa, 19 de abril de 2012, e remata o 5 de xuño ás 00.00 h. A partir deste intre non se recollerán máis propostas.

Deseño do cartel

O devandito concurso consiste na creación dun deseño para o cartel do Festival AntrosPinos 2012. Unha vez realizada a obra, de estilo libre, deberá enviarse ao enderezo electrónico festivalantrospinos@gmail.com en formato PDF, xunto co nome completo do autor, un número de contacto e enderezo-e.

O prazo para enviar os traballos está aberto desde xa,  ata o 10 de xuño ás 00.00 h. A partir dese intre non se recollerán máis propostas.

Requisito: O deseño debe conter o seguinte texto: "Festival Antrospinos 2012. Capítulo 5. 27 e 28 de xullo. Taragoña, Rianxo". Na orde, colocación e forma que se considere. 

O FAP resérvase o dereito a distribuír sobre o deseño os nomes dos grupos participantes no festival 2012.

PREMIO: O deseño elixido pasará ser o CARTEL DO FAP 2012. Distribuirase por unha ampla zona da xeografía galega, figurando nel o nome do seu autor ou autora, que recibirá un agasallo de recoñecemento na tarde do sábado, durante o festival.

O Festival Antrospinos é un acontecemento musical que se celebra cada última fin de semana de xullo en Taragoña, Concello de Rianxo, desde hai cinco anos. Nel xúntanse diferentes estilos musicais que van desde o folk ao ska, pasando pola música de fusión ou o rock galego. Enxebrismo e modernidade van da man neste evento organizado pola asociación do mesmo nome, sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos son tamén outras actividades a realizar durante o ano de carácter cultural, ecolóxico e de recuperación das tradicións.

Para saber máis do Festival Antrospinos consulte a páxina web www.festivalantrospinos.es ou atópeos no Facebook http://www.facebook.com/#!/asociacionFAP




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Antrospinos   Rianxo   Taragoña   certame