Noia: este venres 4 de maio, charla-homenaxe a Rosalía na casa de cultura
Panteón de Rosalía en Santiago, en San Domingos de Bonaval

- Ramón Torrado: un libro inédito da sombra azul, Aurelio Aguirre Galarraga, amigo e mentor de Rosalía de Castro



![]() |




Na época en que un adolescente de quince anos colga máis de catro mil fotografías na súa páxina en tuenti, que importancia pode ter una única foto? Eu penso que no caso da imaxe que nos ocupa, moita.
Rosalía de Castro é para min a mellor muller poeta da literatura mundial. Que pode facer Emily Dickinson contra un poema como “A xustiza pola man”? Quen ten entre as súas creacións dúas obras mestras absolutas como Follas novas ou En las orillas del Sar? A escritora de Padrón, tamén boa novelista, é española e é, moi especialmente, nosa. Todo iso de que Rosalía é a alma de Galicia … é certo!
Máis que importa a opinión dun rapaz do Araño, de Rianxo, fillo dunha humilde familia de emigrantes? Como é posible que ninguén antes se dera de conta da identidade da protagonista deste impresionante retrato? Contarei os pasos que din.
En primeiro lugar, investiguei á poeta do río Sar durante catro anos, de 1996 ao 2000, e falei con ducias de persoas, incluído o propio Premio Nobel padronés Camilo José Cela, bisneto dunha amiga de Teresa, a nai de Rosalía, e mirei en arquivos e nos lugares nos que ela vivía. Busquei información por todas partes para documentarme mentres escribía una biografía novelada, á que titulei Rosalía. O lume asolador das paixóns –empregando un verso que ela modificou do seu mestre Aurelio Aguirre Galarraga – que permanece inédita.
Toquei coas miñas mans as fotos orixinais da autora e da súa familia, gardadas nun caixón na cidade de A Coruña e, preocupado por ter a mellor calidade posible, pedín que me fotocopiaran en láser as dúas fotos máis famosas. Esas fotos estiveron no Corte Inglés da cidade herculina, cando alí facían fotocopias.
Os rostros son algo máxico para min: espellos da alma se me permiten botar man do tópico. De mozo pasaba os recreos en South Orange, New Jersey, mirando libros sobre pintura ou fotografías dos grandes mestres. No ano 1983 Sting, o cantante do meu grupo favorito The Police, sae na portada do seu disco lendo un libro: Sincronicidade, do psicólogo suízo Carl Gustav Jung. Aí empeza a miña fascinación coas coincidencias, e tamén cos parecidos nos rostros humanos.
Teño unha carpeta moi chea de recortes con fotografías de parecidos. Así, encontro parecido entre George Michael e Nietszche, e hai unha foto na que Franco Battiato sae cuspidiño a Álvaro Cunqueiro, entre outras moitas parellas de caras que se asemellan.
Hai uns sesenta días máis ou menos, volvín a unhas fotocopias que tiña gardadas da época da investigación rosaliana porque quería facer un vídeo sobre os fillos de Rosalía para YouTube. Empecei a gravar co teléfono móbil a Gala, a Aura, a Alejandra, a Ovidio e, de súpeto, ó facer un dos primeiros planos que tanto me gustan, reparei na ptose ou caída de pálpebra no retrato que se supoñía que era de Gala. Co corazón a cen por hora, só no meu cuarto, sentín moi emocionado que ésta era Rosalía, a miña amada Rosalía.
Pero era distinta. O meu mentor cando escribín a novela – el animoume a escribir catro capítulos máis – foi o meirande especialista en Rosalía, o extraordinario intelectual e político Francisco Rodríguez, autor de dous libros espléndidos sobre ela. El e máis eu comprendemos que non existe aínda unha biografía extensa e rigorosa, digna da muller galega máis gloriosa. Isto é algo que non sucedería noutros países. No Reino Unido, por exemplo, houbo hai uns anos moita axitación sobre un posible retrato de Jane Austen, e non digamos como están con Shakespeare.
De Rosalía só se coñecen unhas nove imaxes fotográficas; unha delas é arrepiante e moi descoñecida, da etapa cando estaba moi enferma. Case todas as imaxes, reflectindo a censura e o abuso que dela fixeron no mundo das Letras, crean unha idea estereotipada de muller máis ben apoucada, bondadosa raiando nunha soporífera beatitude, inofensiva, inculta. Unha grande mentira. Daí as estupideces e desprezos de George Steiner e de Luis Antonio de Villena, e non só deles.
Pero é distinta. Si. Aquí ela é diferente. Marcada a foto por detrás co nome de Gala, como todas as demais fotos da colección denominada “Juan Naya” - depositario de moitos documentos inéditos que era fillo da costureira da familia Castro-Murguía e que chegou a ser arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega - non parece retratar a Gala, que tiña a face máis afiada.
É distinta. Nesta imaxe, que sería a número dez que conservamos dela, vese unha muller chea de forza, de intensa, melancólica e compasiva mirada, coa man no peito, segura do seu valor, engalanada con peles e xoias. Nin rastro da pobriña de moitos bustos, selos e cadros. Helena Villar e Paulino Vázquez: ambos responden con asombro ó ver este retrato de estudio. É ela. É a nosa Rosalía.
Con todo, é necesario ter precaución. Igual se trata da misteriosa Amara, ou da propia Gala que cambiaría coa idade. É moi difícil confirmar nada. Será preciso consultar en arquivos municipais sobre os fotógrafos da época, en particular na Coruña, mirando os datos da rúa San Andrés, por exemplo.
Imaxe de Gala, filla de Rosalía. Nela non se apreza a ptose (caída de pálpebra) da probable foto de súa nai
Hai rumores de que se prepara, a cargo dun grupo de especialistas da Universidade de Vigo, unha biografía definitiva de Rosalía. Hai moito por facer. Sería bo comprobar, en Madrid, se existen persoas descendentes – como na excelente película epónima de moda con George Clooney sobre o respecto ó patrimonio – da parella formada por Manuel Murguía e Rosalía, posto que o seu fillo Ovidio tivo ó parecer un fillo ou unha filla coa moza madrileña Visitación Oliva. Tamén se poden visitar os arquivos de Padrón e de Compostela para seguir a pista dun legado do poeta Fermín Bouza Brey que me transmitiu outro poeta, Manuel María: a revelación de que Rosalía tivo un irmán, un bebé que faleceu ó pouco de nacer.
Queremos entrar no misterio desta muller apaixonante que era María Rosalía Rita Martínez de Castro para comprendela e para comprender mellor as súas obras. Penso que debemos sentir por ela o que ela sentía pola nosa terra galega, os sentimentos que deixa entrever esta fotografía: nobreza, valía, orgullo e amor.
Comentarios [8]

Como é lóxico, a maior asociación cultural galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, sumouse á proposta de festexar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía. Está a publicitar na súa web os diversos actos públicos de lectura da obra de Rosalía de Castro, xa que considera que a poesía da Nai das Letras Galegas é "base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural".
Casa da Concha, en Santiago, unha das varias nas que morou Rosalía
Outes agora, Cando tamén está alí
|
DÍA DE ROSALÍA |
|
[23/02/2012] O concello de Outes a través da concellaría de cultura súmase á celebración do día de Rosalía o próximo 24 de febreiro, celebrando co agasallo dun libro en galego e unha flor, a todas aquelas persoas que veñan pola casa da cultura da Serra de Outes. O 24 de febreiro, está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellaría de Cultura e Educación, no seu Calendario do Libro e da Lectura. Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. Coa publicación de Cantares Gallegos, sinálase o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final dos séculos escuros. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos. Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural. Sumándonos pois, á iniciativa da Asociación de Escritores e escritoras en Lingua Galega, queremos animar a toda a cidadanía, a festexar este día con nós. |
Estes son os actos confirmados até o momento (ademais do de Rianxo e Outes):
- Santiago de Compostela, 18:00 h. Panteón de Galegos Ilustres (PDF, JPG).
- A Coruña, 18:30 h. Kiosko Alfonso (PDF, JPG). - Lugo, 10:30 h. Salón de actos do IES Lucus Augusti (PDF, JPG). - Ourense, 19:00 h. Liceo de Ourense (PDF, JPG). - Ferrol, 19:00 h. Galería Sargadelos (PDF, JPG). Ademais, até o día 24 de febreiro, agasará cun libro e unha flor os clientes que merquen libros. - Vigo, 19:30 h. Museo de Arte Contemporánea (MARCO) (PDF, JPG). - A Rúa, 18:30 h. Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura (PDF, JPG). - Pontevedra, 18:00 h. Casa das Campás (PDF, JPG). - Monforte, 21:00 h. Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos. - Sabarís, Baiona, todo o día No Mercado da Tía Ni agasallarase a todos os seus clientes e todas as súas clientas cun libro en galego. - Allariz Libraría Aira das Letras. O 24, 25 e 26 de febreiro, darase como presente unha flor por cada libro comprado.
Máis información na páxina da AELG.
Comentarios [0]
Noia, 17 de outubro de 2011.A partir deste luns día 17 e ata o 31 de outubro, a casa de cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia acubillará a exposición itinerante "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!", que vén de estar en Boiro e Ribeira.
Máis información:
INAUGURACIÓN: LUNS 17 ÁS 19:00 ESTARÁN PRESENTES O SECRETARIO DA FUNDACIÓN MANUEL MARÍA, ALBERTE ANSEDE, E O CONCELLEIRO DE CULTURA E FESTEXOS DO CONCELLO DE NOIA, JAVIER RODRÍGUEZ VIEITES.
A exposición itinerante “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!” é unha iniciativa para conmemorar o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro. Esta exposición, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e en colaboración coa Fundación Manuel María, fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da fundadora da literatura galega contemporánea. Móstranos unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal, e revela aspectos da poeta antes non desvelados.
A mostra, realizada cunha grande seriedade e rigor, está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía de Castro, acompañados de recursos audiovisuais que permiten ao público interactuar cos seus distintos elementos.
Pode que tamén lle interese:


Comentarios [1]
No ano 2010 esta exposición percorreu os municipios de Arteixo, Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol, Santiago e A Coruña, e neste ano 2011 serán outros dez municipios da provincia os que disfruten dela. Promovida pola área de Igualdade da Deputación de A Coruña e en colaboración coa Fundación Manuel María e Mr Misto Films, trátase dun documento gráfico que revela aspectos da escritora antes non desvelados.
Máis información: aquí
Relacionada:
Literatura: Francisco Rodríguez presentou en Noia á Rosalía de Castro máis descoñecida. Por Ramón Torrado
Pode que tamén lle interese:

Oferta pública de emprego: preselecionan un orientador laboral

Cursos: para emprendedores e cooperativistas, en outubro
Comentarios [0]
Da Matanza de Padrón ó antigo Matadeiro de Noia, que é onde está ubicado o novo Edificio Administrativo Espírito Santo, foi trasladada por un día a presenza de Rosalía de Castro a través da persoa que probablemente máis sabe dela no mundo. Onte, 26 de agosto do 2011, tivo lugar unha resurreción, ou alomenos un achegamento profundo á máis xenial muller galega, e tamén a todos nós.
A sala de conferencias quedou pequena para o público, no que se encontraban escritores como Carlos Mosteiro, Ramón Carredano Cobas e Xerardo AgraFoxo, e políticos da esquerda, xunto con investigadores e algunha xuventude de aspecto estudiantil. Había varias fotógrafas profesionais e axitadores culturais, como Lois o irmán do malogrado dramaturgo noiés Xosé Agrelo.
Como facía Agrelo, o home complexo que é o ferrolán Francisco Rodríguez transfórmase con facilidade nun orador electrizante. Onte, o seu rostro era unha personificación do desencanto. El leva toda a vida loitando pola súa terra galega, e loitando por revelar a imaxe verdadeira de Rosalía, rebelándose contra os escurecedores.
Unha vez máis no curso dos anos, el esta vez prestouse a desvelar algo do misterio que rodea á estrela de Padrón. A ocasión era presentar un libro no que leva traballando … 30 anos! Trátase de “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)”. Un home incansable, congresista moitos anos que mesmo gañou a admiración do Presidente Zapatero, apenas se permitiu uns risos irónicos, brutais e para si mesmo, durante a dura elocución.
Contou as últimas novidades, case todas baseadas en cartas, que van aportando pezas do puzle que retrataría á muller e persoa que era Rosalía: “simpática, imaxinativa, talentosa, honesta, boa cociñeira (preparaba deliciosas empanadas de muxo), e en especial alguén en quen se podía confiar plenamente, como facía o editor católico Soto Freire, que mesmo lle contaba por carta os seus problemas matrimoniais”. Con furia reprimida, Paco contou que aínda hai pouco na Universidade de Santiago se presentaba nas aulas a Rosalía como unha muller inculta, case analfabeta, á que igual era o marido Manuel Murguía quen lle escribía as obras.
Rosalía, ignorada na Compostela "xacobea"
Xa no seu vídeo persoal inicial, duns 12 minutos, no que se ofrece un percorrido polas casas de Rosalía en Compostela – un vídeo moi emocionante, en especial na parte final adicada a Cornes e Conxo – se avisaba do ocultamento que fan os poderes conservadores con Rosalía, deixada a un lado polo Xacobeo, cando Santiago debería ser como o Dublín de Joyce ou a Praga de Kafka, coa diferenza de ser unha muller o corazón cultural. Pois ben, como sinalou o ferrolán, ela segue a ser vítima de nós mesmos na actualidade.
Rosalía versus Emilia
Así, nun instituto Rodríguez viu como no 125 aniversario do pasamento da autora, as paredes estaban cheas de cartaces honrando a Miguel Hernández, pero nada, tampouco oficialmente, lembraba a Rosalía. Tamén explicou, nun intre vibrante do seu discurso, o contraste en vida de Rosalía coa villana no día de onte: unha muller moi lista, moi rica, moi esixente coa moral excepto para si mesma, e unha muller que loitou contra o galego e a cultura galega. Emilia Pardo Bazán, reaccionaria e vanidosa en extremo, paradoxalmente reverenciada por algunhas feministas segundo sinalou Rodríguez, non dubidou en atacar a Rosalía mesmo cando esta acababa de morrer.
Rosalía, vítima do cancro de útero
Con tristura tivemos que escoitar neste novo edificio, grazas a unha das moitas acertadas preguntas que fixo o presentador Xabier Castro, das dramáticas condicións vitais da nosa amada escritora nos derradeiros anos. Sen mencionar xa o cancro de útero, visionamos a súa pobreza, cavando ela mesma na casa da Matanza, abandoada por Murguía (revelouse que nunhas fichas biográficas o escritor de Pontevedra Víctor Said Armesto apunta a que o grande defensor intelectual de Rosalía tiña unha amante daquela en Santiago), quedaba sumida (como o seu fillo Ovidio!, outra revelación) no alcohol, e incluso se adentraba en pensamentos suicidas. Todo, mentres que Dona Emilia era regada con flores e múltiples honores (uns versos ácidos de Rosalía demostran que esta era consciente da inxustiza).
Máis, preguntouse con ironía Rodríguez, onde está agora Pardo Bazán? Non debería ter unha estatua en Guadalajara? Ela, e os outros escritores galegos en español, “asimilados” – mencionou a Torrente Ballester – acaban sendo esquecidos pola cultura española.
Pero non por nós! Rosalía de Castro non deberá ser nunca esquecida pola xente da terra que ela tanto amaba. Francisco Rodríguez fundeuse nun abrazo comigo cando xa rematara a presentación. El foi quen me animou a engadir catro capítulos máis á miña biografía novelada inédita da poeta do río Sar. Tal vez porque non coincidimos na relación que ela tivo con Aurelio Aguirre (que non foi mencionado onte, como si o foi outro fiel amigo, Eduardo Pondal), Paco non lembraba o meu nome, pero si tivo o detalle de apuntar na dedicatoria que me fixo o seguinte: “a un fan de Rosalía e a súa obra, que sabe canta bondade e enerxía contén”.
Rosalía, escritora romántica e erótica
Quédame por engadir que, durante este memorable acto, que debería ter sido gravado en vídeo para ser reproducido con frecuencia por toda a nosa xeografía, só unha persoa, a amiga Isabel, do Bierzo leonés, se atreveu a intervir. A miña decepcionante timidez impediu que eu preguntase algo, aínda vendo que cada pregunta traía respostas interesantísimas e apartaba sombras. Isabel, como eu mesmo, discrepaba da afirmación de Rodríguez de que Rosalía non é unha escritora romántica. O propio escritor tivo que recoñecer que a primeira novela rosaliana, La hija del mar, creada ós 20 anos, é romántica, e engadiu unha noticia extraordinaria: un prestixioso crítico literario da Universidade de Cambridge, non atado a ningún lastre de autoodio ou prexuízo, quedou abraiado lendo esta novela, e declarou que está entre as mellores en español do século dezanove, e aínda máis: que conta, no episodio da tormenta, cun dos mellores relatos eróticos feitos na lingua de Cervantes.
Canto queda por descubrir. Se “En las orillas del Sar” é en efecto a mellor obra poética española do século 19, “Follas novas” é a mellor obra literaria feita en galego de tódolos tempos, e teremos que esperar para ver como é recoñecida no ámbito da literatura universal, ó igual que hai que esperar a que apareza por fin unha biografía de Rosalía de Castro digna dela.
Polo de agora, grazas a Francisco Rodríguez e a outras persoas encargadas de aportar luces e verdade, iremos xuntando fíos para estar máis fortemente unidos a quen tanto nos deu.
Comentarios [3]
Noia, 17 de agosto de 2011. Este ano ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional. Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.
No 15 de Xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, co título: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora.
O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX. Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado.
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.
O acto contará coa presencia do autor, Francisco Rodríguez que vai estar acompañado polo tamén profesor e crítico literario Xavier Castro.
Pode que tamén lle interese:
En Chuza! vimos unha media lea por este libro, aquí

Comentarios [0]
Os encargados de abrir a mostra foron Mª Carmen Vizcaya, concelleira delegada de Educación; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, institución promotora da exposición xunto coa Deputación Provincial da Coruña.
“Rosalía sempre viva. Viva, Rosalía!” é unha exposición interactiva e didáctica que percorre a vida e obra da autora de Follas Novas. A novidade dos documentos gráficos que conforman a exposición constitúen un grande atractivo para os visitantes, que gozarán dunha visión diferente ao tempo que rigorosa sobre a escritora.
Xunto cos paneis explicativos, os visitantes (sobre todo os máis novos, entre 9 e 16 anos) poderán usar a “Guía didáctica” editada para tal fin como fórmula de dinamización coa que facer un repaso sobre o visto e aprendido ao longo da exposición.
Hai unha unidade didáctica da exposición está ao dispor dos usuarios e usuarias na páxina web da Fundación Manuel María: http://www.manuelmaria.com/novidades/ver.htm?id=21
A mostra poderá ser visitada de luns a venres de 8 a 14 horas, coincidindo co inicio do horario de verán na Biblioteca Municipal.
Tamén, en Certo:

Biblioteca: horario de verán, só ata as dúas da tarde
Comentarios [2]
Dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora
Organiza este acto o BNG de Rianxo, dentro dun programa arredor do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
Comentarios [0]
A exposición percorrerá dez concellos da provincia da Coruña17/08/2010A deputada responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Silvia Seixas, presentou onte, na sede da institución provincial, os contidos da exposición que conmemora o cento vinte e cinco falecemento da escritora Rosalía da Castro. No acto estivo acompañada polo comisario da Exposición, Diego Pardo Amado, e do representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede.
Segundo a deputada provincial, Silvia Seixas, “esta exposición vén conmemorar o cento vinte e cinco cabodano da morte da poeta máis intelixente, intuitiva e reflexiva do panorama literario galego”, unha verdadeira precursora en defender os dereitos das mulleres na súa época. Dende a Deputación provincial da Coruña preténdese divulgar a verdadeira dimensión expresiva da escritora compostelán, símbolo do seu tempo e tan viva nos actuais.Por outra banda o comisario da exposición, Diego Pardo, definiu a Rosalía de Castro “como un referente na literatura universal”, e esta mostra supón coñecer a unha Rosalía “visionaria do futuro do noso idioma” e “da problemática das mulleres cos malos tratos”.O representante da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, recordou que o libro de cabeceira de Manuel María era Follas Novas, e que no seu leito de morte “na súa consciencia para morrer como outros piden a biblia o escritor pediu que lle trouxeran o poemario”.A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea.A mostra está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía de Castro realizada cunha grande seriedade e rigor, que está acompañada de recursos audiovisuais que permite que o público interactúe cos seus distintos elementos. Igualmente será visitada por grupos de escolares unha vez que comece o curso académico para o que foi realizada unha guía didáctica.Arteixo será o primeiro dos concellos onde se mostre a exposición itinerante que despois será levada a Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol, Santiago e A Coruña a onde chegará na segunda quincena de decembro.
Comentarios [0]
Actualización coas saídas de Barbanza: (xullo de 2010)
Altofalante porá transporte gratuito para todos os cidadáns da comarca que desexen asistir co seguinte horario de saídas:
Ribeira--------------------------15:30 da Estación de Autobuses.
Pobra----------------------------15:40 da Parada da Praza Maior.
Boiro----------------------------- 15:50 Parada da Praza do Concello
Abren por fin o Panteón de Galegos Ilustres ao público
Santiago, 13 de xullo de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para abrir ao público o Panteón dos Galegos Ilustres. Asemade, este acordo tamén contempla a posibilidade de que a Xunta de Galicia utilice a igrexa de San Domingos de Bonaval (coa excepción da Capela do Rosario e do Cemiterio do Rosario) para a celebración de determinados actos institucionais.
A Consellería de Cultura e Turismo queda autorizada para a xestión e mantemento do Panteón dos Galegos Ilustres, que se atopa na igrexa de San Domingos de Bonaval, así como para a súa apertura ó público, establecendo os horarios e datas de apertura do mesmo que se consideren oportunos. En virtude deste acordo, a visita ao Panteón dos Galegos Ilustres poderase incluír dentro do programa de actividades e funcionamento do Museo do Pobo Galego, tal e como foi a práctica actual durante anos.
A Xunta de Galicia poderá utilizar estas instalacións para a celebración de actos institucionais durante cinco días ao ano. Unha das datas que se reservará expresamente para a súa posible utilización como lugar de celebración de actos institucionais será o 25 de xullo, día de Galicia. As catro datas restantes as fixará unha comisión mixta paritaria constituída para a interpretación e seguimento deste protocolo. A vixencia desde acordo estenderase por un ano dende o día de hoxe, podendo prorrogarse automaticamente por períodos anuais se non media denuncia de ningunha das partes con dous meses de antelación.
Ás 3 da tarde do 30 de xuño publicamos:
E un pouquiño antes:
Comentarios [1]
Monumento á poetisa no paseo da Ribeira, en Rianxo
Comentarios [1]
Comentarios [0]