Preme para voltar á portada
Filed under

Sálvora

 

Ribeira: o SÁLVORA CF, campión de liga de Terceira Autonómica, grupo 6, ascende a Segunda Autonómica

  • Ascende de categoría, á Segunda Autonómica, tras gañarlle o pasado domingo ao Trócolo Noia por un contundente 1-6
  • É a primeira vez que consegue un campionato de Liga. Ademais, foi o equipo máis goleador (108 tantos) e o segundo que menos encaixou

Slvora_senior_campeon_de_liga

Ribeira, 24 de abril de 2012. O pasado domingo o Sálvora CF acadou o título de liga de 3ª Autonómica-Grupo 6, acadando o ascenso de categoría.

Tras derrotar ao Trócolo Noia por 1-6 e coa derrota da SD Xuño en Palmeira por 1-3 o equipo adestrado por Alberto Campaña proclamouse por primeira vez na súa historia Campión de Liga e xogará a vindeira temporada na 2ª Autonómica.

Con 78 puntos logrados, 108 goles a favor (máximo goleador) e con 35 en contra (2 equipo menos goleado) culminaron unha gran temporada na que estiveron todo ano nos postos altos da tabla, liderando a mesma na súa maior parte.

Este éxito súmase o traballo realizado nos últimos anos nas categorías base do clube, as cales iniciaron as consecucións dos títulos de liga e de ascensos deste clube e que agora o equipo senior imita.

O plantilla do equipo senior do Sálvora CF estivo composta por: Juan, Javi, Vaamonde, Coira, Hector, Pardavila, Suso, Boo, Anxo, Barrosa, Siño, Marcos, Orlando, Moisés, Cánive, Toño, Leyra, Container, Chapi, Jesús, Luis, Pichichi, Isi, Damián e Rey.

Relacionada:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   campionato   liga  

Ribeira: o 23 e 24 de marzo haberá un curso sobre as Illas Atlánticas para guías turísticos

  • Sálvora é unha illa de Ribeira que pertence a este parque nacional insular
  • As xornadas terán por obxectivo proporcionar aos traballadores do sector turístico ferramentas e recursos que lles permitan informar aos potenciais visitantes do Parque Nacional sobre os servizos que se ofertan, normativa ou a xestión do lugar
  • O primeiro día das xornadas terán lugar as charlas teóricas sobre patrimonio natural e cultural do parque, a lexislación en materia de espazos protexidos, así como aspectos prácticos para os servizos que deben prestar os guías turísticos ás visitas
  • O día 24 de marzo farase o traslado ás Illas Atlánticas dende a Estación Marítima de Vigo para levar a cabo as rutas guiadas polo Parque Natural, ademais da organización de diversas actividades onde poderán participar os asistentes
Media_httpfarm4static_agdti

Estación Marítima de Vigo, de onde sairán as rutas o 24

Ribeira, 12 de marzo de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organiza durante os vindeiros días 23 e 24 de marzo as VII Xornadas Formativas para guías e informadores turísticos sobre o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que se levarán a cabo entre o Edificio Administrativo da Xunta en Vigo e as propias Illas Atlánticas.

As xornadas terán tres obxectivo principais. O primeiro será proporcionar aos traballadores do sector turístico ferramentas e recursos que lles permitan informar aos potencias visitantes do Parque Nacional sobre os servizos que se ofertan, a propia normativa ou aspectos útiles sobre a xestión do lugar. Así mesmo, outro das metas que se perseguen é proporcionar aos participantes un canal útil de comunicación para poder facer suxestións en áreas relativas ao seu traballo. Finalmente, as Xornadas serán un instrumento para promover unha visión integral da rede de espazos naturais en Galicia, tendo como referente a sostibilidade e a conservación.

Programa das xornadas
As xornadas darán comezo o día 23 de marzo, cando terán lugar as charlas teóricas que versarán sobre o patrimonio natural e cultural do parque, a lexislación en materia de espazos protexidos así como de aspectos prácticos que deben presentar os guías turísticos ás visitas. O acto de presentación será ás 09:30 horas no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo, a cargo do director-conservador do Parque Nacional, Antonio Fernández Bouzas. Posteriormente, trataranse as temáticas anteriormente sinaladas a cargo do persoal do Parque.

O día 24 de marzo trataranse os aspectos prácticos das Xornadas mediante unha visita ás Illas Atlánticas, onde realizaranse rutas guiadas polo Parque Natural ademais da organización de diversas actividades onde poderán participar os asistentes. O embarque será as 10:00 horas dende a Estación Marítima de Vigo e finalizará a redor das 17:00 horas.

O número de inscritos a día de hoxe é de 225 persoas, para as 80 prazas ofertadas na www.parquenacionalillasatlanticas.com, polo que se realizará unha selección en base a criterios como; a relación do traballo do solicitante coa temáticas das xornadas, a profesión, os estudos académicos e o orde de chegada das solicitude. A listaxe definitiva de admitidos publicarase na mesma web o día 14 de marzo. Os participantes nas xornadas obterán un certificado que acreditará a súa asistencia.

Media_httpfarm5static_oaktw

As Cíes, ao lonxe, dende Vigo

Parque Nacional
As Illas Atlánticas foron declaradas Parque Nacional no ano 2002, polo que celébrase o 10º aniversario da súa declaración como lugar de protección. As Illas Atlánticas comprenden os arquipélagos de Cíes, Ons e Cortegada na provincia de Pontevedra ademais da illa de Sálvora, na Coruña. Dende o ano 2008 a Xunta de Galicia ten a súa competencia en exclusiva. A importancia deste parque radica na súa gran diversidade mariña con máis de 200 especies distintas de algas, o que orixina un gran ecosistema mariño con gran cantidade de especies de plantas, peixes e aves mariñas que habitan no entorno.

Media_httpfarm4static_dpkld

Pazo de Sálvora, dende o mar

A declaración de Parque Nacional fai posible a conservación e protección desta riqueza natural, vixiando o cumprimento da normativa así como regulando as actividades que se leven a cabo dentro do seu territorio para que non sexan afectados os ecosistemas existentes nas Illas Atlánticas.

Dende a Xunta de Galicia estanse a poñer en marcha programas educativos para implicar á poboación local na conservación do parque dunha forma atractiva e lúdica. Desta maneira, será posible crear unha cultura de respecto cara o medio ambiente, fomentar a adopción de actitudes, valores e comportamentos ambientais correctos mediante actuacións de contacto co medio natural.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Illas Atlánticas   Ribeira   Sálvora   cursos   parque natural   turismo  

Cinema: "Mar libre", rodada en parte en Sálvora, galardonada como mellor serie de televisión no Festival Europeo de Cine de Marbella

  • Dirixida por Dani de la Torre, Mar Libre segue acumulando galardóns nos festivais internacionais
  • Aínda que pareza mentira, foi a primeira serie galega en abordar a temática da salazón, e a súa traxectoria sitúaa ao lado de grandes e multimillonarias producións de tv
  • O novo galardón será entregado o vindeiro 26 de Novembro no Gran Teatro de Marbella

Ribeira, 10 de novembro de 2011. Un novo galardón para a xa tan galardoada miniserie MAR LIBRE, producida por Ficción Producciones e TVG, e que contou coa axuda da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Dirixida por Dani da Torre, Mar Libre recibirá o 26 de novembro próximo o Premio á Mellor Serie de tv, no marco do Festival Europeo de Cine que se celebra en Marbella, o Euro Film Festival, e que este ano homenaxea a traxectoria profesional do actor de orixe cubana Andy García. Ademais, entregarase o Premio á Mellor Produtora europea, a El Deseo, dos irmáns Almodóvar, e o Premio de Honra Eurofilm, ó actor de orixe galega, Sancho Gracia.

Media_httpfarm6static_niizz

"Mar Libre" foi a primeira serie galega en abordar a temática da industria que xerou o proceso de salgadura do peixe en Galicia no século XVIII, con todo o que este marcou a idiosincrasia, a economía e as relacións sociais na costa galega. O Xurado do Euro Film Festival de Marbella, non o tivo fácil á hora de outorgar o premio, pois a competencia foi importante, o que con todo, non evitou que Mar Libre sume un novo galardón á súa longa lista nos festivais de ámbito internacional.

O Euro Filme Festival

É o Festival Europeo de Cine de Marbella, a gran gala do cine e o punto de encontro para produtoras e profesionais do mundo da sétima arte cun interese común: a difusión da cultura a través de obras cinematográficas. O cine é recoñecido como un dos factores impulsores de valores no noso mundo, ten a capacidade innegable e a responsabilidade de emitir mensaxes , entreter e ensinar. Euro Film Festival aposta decididamente polo cine, apoiando este sector da comunicación a través duns premios que permitan ás mellores películas ser recoñecidas como pezas de gran valor cultural e social.

Este novo premio reafirma a posición de Mar Libre nos ámbitos europeo e internacional como un dos grandes da cinematografía, outorgando neste caso ás empresas produtoras, Ficción Produciciones e TVG, un maior peso e prestixio profesional.

A Gala de entrega de Premios do Euro Film Festival -que se celebra do 23 ó 26 de novembro- será este último día, o 26, no Gran Teatro de Marbella.

Antes, en Certo:
"Mar Libre", seleccionada para dous festivais internacionais

Tamén lle pode interesar:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   cinema   televisión  

Mar: Medio Rural ponse a venda antes da ferida e agora anuncia máis diálogo polos recurtes ás confrarías para faenar nas Illas Atlánticas

Fotos tomadas do FB de Xosé Luís Groveiro (Bng Ribeira)
  • Mariñeiros afectados, dende Aguiño ata Baiona, manifestáronse hoxe en Vigo, daí a réplica do departamento de Juárez
  • Nas vindeiras semanas seguirán a manter xuntanzas coas confrarías, a próxima está pechada para xoves, día 20
  • O borrador do PRUX, di a Xunta, "é un documento dinámico e integrador para avanzar no achegamento de posturas e lograr acordos sobre a base do respecto á actividade económica e o mantemento do ecosistema"

Ribeira, 15 de outubro do 2011.- A Consellería do Medio Rural acaba de anunciar nun comunicado que "reitera o diálogo, que mantén e seguirá sostendo, como fórmula para concordar os intereses das confrarías en harmonía coa conservación do medio no Parque Nacional das Illas Atlánticas".

A propia lei de declaración do Parque Nacional (Lei 15/2002) fixa como obxectivos, entre outros, os de protexer a integridade de ecosistemas ligados a zonas costeiras e á plataforma continental, así como promover e apoiar no interior do Parque as actividades compatibles coa protección do medio natural. Esta norma tamén determina que o Plan Reitor de Uso e Xestión (Prux) das Illas Atlánticas é un instrumento que é necesario dispoñer por normativa legal. Neste punto, hai que lembrar que a súa elaboración leva moitos anos de retraso.

Sobre este piar, ao longo deste último ano e medio, a Consellería do Medio Rural formulou, o borrador do Prux, que non é unha norma pesqueira, senón un instrumento de planificación que compatibiliza os usos pesqueiros e marisqueiros tradicionais coa preservación do medio natural e a biodiversidade, tal e como obriga a lei neste espazo protexido.

Non se prohíbe nada? Entón protestan por pracer?

Cómpre sinalar, di Medio Rural, "que non se prohibe ningunha das artes de pesca reguladas no Decreto de Artes de Galicia, nin se prohibe a extracción de ningunha especie pesqueira de interese comercial. En canto ao marisqueo, non se restrinxe en absoluto, unicamente debe cumprirse coa lexislación pesqueira. Non se restrinxe o marisqueo a flote con vara, nin o marisqueo de recursos específicos (nin a extracción de percebe, nin a de navalla, nin a de ourizo)".

Obxectivo integrador, disque


Con esta perspectiva, desde o departamento que dirixe Samuel Juárez sublíñase que o borrador non pretende perturbar a actividade pesqueira e marisqueira tradicional, senón harmonizalas coa conservación do Parque. Neste liña, esbózase o Prux, un documento dinámico e aberto, en fase de participación pública, cun obxectivo claramente integrador, para avanzar no achegamento de posturas e lograr acordos sobre a base do respecto á actividade económica da pesca e o mantemento do ecosistema.

Baixo este enfoque, a Consellería do Medio Rural segue a considerar como fundamental o diálogo, como mecanismo para abondar nos obxectivos que persegue o proxecto e poder entender as propostas dos interesados, coa finalidade de atopar puntos de encontro e solucións. Nesta liña de traballo conxunto, o departamento de Samuel Juárez lembra que nas vindeiras semanas seguirá mantendo xuntanzas coas confrarías para seguir estudando o proxecto. O próximo encontro está pechado para o día 20, na Consellería.

Antes, en Certo, anunciamos:

Mobilizacións para faenar en Sálvora: este sábado 15, de Aguiño a Vigo


Pesca: nada que facer en Sálvora e arredores



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Illas Atlánticas   Mar Pesca   Sálvora  

Fútbol: o Sálvora, campión do I Torneo Prebenxamín F8 "RIA DE AROUSA"

(download)
Ribeira, 13 de outubro de 2011. O equipo Prebenxamín do Sálvora CF, adestrado por Anxo Orellán, proclamouse brillantemente Campeón no I TORNEO PRE-BENXAMIN F8 "RIA DE AROUSA", que se levou a cabo no Campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa e organizado pola Escola Deportiva Arousa, onte mércores 12 de Outubro.


Na fase de grupos tiveron estes resultados:
Sálvora 6 - Cabo de Cruz 0
Sálvora 5 - CD Boiro 0
Sálvora 4 - X. Cambados 1

En Cuartos de final: Sálvora 2 - Pontearnelas 0
En Semifinais: Sálvora 2 - San Martín 0
FINAL: Sálvora 7 - E.F. Vilanova 0

Pode que tamén lle interese:


Carreira de Santa Uxía: fotos e clasificacións do 8 de outubro


 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   fútbol  

Pesca: o Bng acusa a Mar de prohibir toda actividade pesqueira e marisqueira no Parque Nacional das Illas Atlánticas

  • En Ribeira inclúe os arredores da illa de Sálvora
  • O deputado de BNG engadiu  que mentres a Xunta permite “un campamento ilegal” na Illa de Ons, quer impedir o asentamento dos seus veciños

Media_httpfarm6static_csldm

Ribeira, 5 de outubro de 2011. O portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira formulou onte unha pregunta en Comisión sobre a prohibición do exercicio da pesca e o marisqueo no ámbito denominado “Parque Nacional das Illas Atlánticas”. Na súa intervención, o nacionalista acusou á Consellería do Mar de manter “un dobre raseiro” por amosarse en contra dos asentamentos humanos na Illa de Ons e o tempo manter un “campamento xuvenil ilegal”.

O nacionalista afirmou que existen zonas nas que se prohibe a actividade pesqueira e marisqueira e noutras restrinxe as condicións de usos o que –na súa opinión- “non ten ningún sentido” xa que a propia consellaría do Mar ten establecido “ cupos de captura, topes e  vedas de especies reguladas”.

Trala resposta do Director de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón que afirmou a inexistencia de calquera prohibición para desenvolver a actividade pesqueira e marisqueira, o deputado do BNG afirmou que “o Partido popular considera o parque  como temático e incompatible coa pesca e o marisqueo” e reiterou que esta actividade desenvolvese na zona “desde hai séculos” e ten demostrado que poden convivir “a conservación da natureza coa actividade pesqueira e marisqueira”.

O deputado do BNG apelou tamén á conservación de miles de postos de traballo e a un caladoiro que representa o 60% da actividade que desenvolve a flota de baixura das Rías Baixas e acusou de “mentir” a García Borregón por afirmar que na actualidade non existen ningunha restrición na zona para a activade pesqueira e marisqueira. 

Antes, en Certo:


Sálvora: o alcalde pide que se deixe faenar como antes


Sálvora: 15 fondeos e 125 persoas



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Illas Atlánticas   Mar Pesca   Sálvora   bng  

Ribeira: continúa este curso a Escola de Fútbol "Sálvora"

Media_httpfarm4static_lvhdl

Ribeira, 14 de setembro de 2011. A partir do 10 de Setembro e ata o 23 deste mesmo mes ábrese o plazo de inscrición da Escola de Fútbol Sálvora, que outro ano mais seguirá mellorando a oferta deportiva no Concello de Ribeira.

A actividade vai dirixida a nenos e nenas nacidos nos anos 2003,2004,2005, 2006 e 2007 e realizarase no Pabellón Deportivo do C.E.I.P O Grupo de Ribeira os días luns e xoves dende a primeira semana de Outubro ata a primeira semana de Xuño, os horarios están sen decidir en función dos participantes.

O obxetivo principal desta escola de fútbol é a de facilitar ao alumno ou deportista unha serie de coñecementos básicos da iniciación ao deporte e máis en concreto ao fútbol.O neno que realiza actividade física e máis en concreto un deporte colectivo como é fútbol, non sólo aprenderá contidos relacionados co deporte senón que tamén desenrolará valores ou hábitos fundamentais na vida cotiá.

O custe da actividade será de 18€/mensuais repartidos en tres recibos trimestrais.

¿Cómo inscribirse na Escola de Fútbol Sálvora?

A través do teléfono:693 405 004 (Siño).
Mediante correo electrónico: salvoracf@gmail.com.

Antes, en Certo:

 

Click here to download:
Escuela de Futbol Sálvora C.F. 2011-2012.doc (63 KB)
(download)

Máis información en



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   fútbol  

Ribeira: o Sálvora C.F. presenta as súas categorías base este sábado 3 de setembro

Media_httpfarm6static_pmlah

Imaxes da presentación do ano pasado, aquí

Ribeira, 1 de setembro de 2011.  O vindeiro sábado 3 de setembro as 12:30 horas levarase a cabo a presentación oficial das categorías base do Sálvora C.F na Praza do Concello,  onde máis de 150 rapaces farán a súa posta de longo oficial co equipo da capital do Barbanza.


As categorías Prebenxamín con 2 equipos, Benxamín con 3 equipos, Alevín con 2 equipos, Infantil con 2 equipos ( 1 en primeira e outro en segunda) e Cadete serán as encargadas de representar nas diferentes ligas federadas a este clube que ano a ano demostra a súa implicación e bo facer no fútbol base.

Además da tradicional presentación os equipos seguen preparando a temporada. Así os seniors gañaron o pasado sábado a SR Pazos no derradeiro amistoso por 2-4, xa que a temporada comeza o domingo enfrontándose a domicilio o Atl. Neixón.

Pola súa banda os cadetes xogaron o pasado fin de semana dous partidos. O sábado foron derrorados polo CD Boiro por 4-1 e o domingo tamén caeron diante da SD Abanqueiro por 3-2. O domingo 4 xogan un novo amistoso ante o Porto do Son en A Fieiteira.

Os infantís xogarán o sábado pola tarde ante o CD Boiro continuando a súa preparación para o seu debut na 1ª Autonómica.

Máis información en:

www.salvoracf.blogspot.com

Pode que tamén lle interese:


Andaina popular: o sábado 3 de setembro

 


Caricaturas de Pepe Núñez: ata o 15 de outubro no auditorio



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   fútbol  

Ribeira: o alcalde solicita a Medio Rural que se poda pescar como ata agora nas inmediacións da illa de Sálvora

Media_httpfarm4static_wbaeq

Ribeira, 3 de agosto de 2011. – O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, dirixiu onte un escrito ao conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia no que defende a tese das confrarías de Ribeira e de Carreira e Aguiño, en relación coas limitacións previstas sobre a pesca artesanal e marisqueira no entorno de Sálvora como consecuencia da entrada en vigor o vindeiro ano do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) no Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

No referido escrito, Ruiz Rivas puxo de releve a importancia destas confrarías e o feito de que Sálvora e os illotes próximos conforman unha das zonas máis importantes para as mesmas, ao posuír algúns dos bancos pesqueiros e marisqueiros máis ricos e produtivos de todo o entorno. 

A constitución no ano 2002 do Parque Nacional das Illas Atlánticas có ánimo de protexer o entorno das illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada é, en opinión do alcalde riveirense, “unha magnífica noticia da que todos nos debemos felicitar”, máis matizou que “este logro foi posible grazas, precisamente, ao respecto que secularmente tiveron os nosos pescadores e mariscadores sobre os recursos e as áreas en cuestión”, na conciencia de que a súa subsistencia como traballadores do mar depende dunha óptima conservación desta riqueza”. 

Ruiz Rivas manifestou que tanto o Concello como as confrarías afectadas comparten plenamente a vontade de preservar  e poñer en valor a  illa de Sálvora e o Parque no seu conxunto, pero entenden que estes obxectivos son plenamente compatibles coa actividade pesqueira que alí se desenvolve. 

Por estes motivos, Ruiz Rivas solicitou a adopción das medidas oportunas para que a actividade da flota no entorno de Sálvora non se vexa restrinxida polo PRUX.

Relacionadas:


Sálvora: restrinxida a 15 fondeos e 125 persoas


Naufraxio do Santa Isabel e Heroínas de Sálvora: saiu nova edición en rústica



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   actividade Concello  

Ribeira: Fernández Pazos presentou en rústica o seu libro sobre o naufraxio do Santa Isabel

  • A publicación foi presentada polo autor o pasado venres na Sala Museo
  • O autor rescatou a historia do afundimento do correo vapor Santa Isabel neste libro porque se estaba a perder entre rumores e lendas

(download)

Ribeira, 30 de xullo de 2011.- Coincidindo co 90º aniversario do afundimento do vapor correo Santa Isabel, o escritor e xornalista ribeirense Xosé María Fernández Pazos acaba de publicar unha reedición revisada do seu libro “Sálvora. Memoria dun Naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, cuxa primeira edición data de 1998 e hoxe non se da atopado. 

Para presentar a reedición acudiu na tarde do venres pasado á Sala Museo Municipal o autor, onde foi recibido polo alcalde Manuel Ruiz e pola concelleira de Cultura Elvira Pisos (tamén estaba prevista a participación no acto de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta, pero finalmente non puido acudir por xurdirlle a última hora un asunto familiar ineludible). 

Medio cento de persoas quixeron acudiron ao evento, no que Fernández Pasos explicou como se interesou pola historia local sendo un rapaz e como por boca da súa avoa Ramona coñeceu o episodio do afundimento do buque, “unha historia da que curiosamente non había apenas referencias nin na prensa dos últimos anos nin no rueiro da vila, senón que todo se reducía a comentarios na rúa nos que se mesturaba a realidade coa imaxinación”. 

O escritor decidiu entonces recompilar datos sobre o naufraxio acontecido na noite do sábado ao domingo do 2 de xaneiro de 1921, no que 213 persoas, entre elas 60 nenos, perderon a vida, constituíndo a maior traxedia marítima da historia de Galicia.

Falsos rumores e lendas negras

Xosé María Fernández aproveitou a súa intervención para aducir a falsidade de certas crenzas que xurdiron a raíz do naufraxio, como a de que os veciños cortaran os dedos dos naufragados para roubar os seus aneis ou a de que os raqueiros ou salteadores de barcos tiveron protagonismo neste suceso. “Todo o contrario, o expediente do xulgado de Mariña realizado polo xuíz instrutor non amosa causa algunha de pillaxe, senón que salienta o heroísmo e a entrega dos mozos da illa e o comportamento destacado dos habitantes de Aguiño”, dixo. 

Tamén se referiu á  apoteótica recepción que se lle fixo en Vigo ás heroínas de Sálvora en novembro de 1921, cando milleiros de persoas aclamaron ás mulleres mentres eran conducidas polas rúas principais da cidade camiño da sede do Concello para seren homenaxeadas. 

En canto ao libro, dividido en catro partes e que ademais de relatar o naufraxio do vapor Santa Isabel se refire a moitas outras historias relacionadas coa illa, o escritor manifestou que moitas persoas lle pediron que reeditase a obra e daí que agora publique esta edición actualizada e en rústica, o que permitirá achegar o seu contido a moita máis xente. Dende Certo convidámolo a que colgue o libro en pdf na Rede, para que calquera interesado nesta historia a poda consultar, agora e no futuro, dende calquera parte do mundo.

Ruiz Rivas salientou que Ribeira precisa xente como José María, que permanentemente estea facendo unha labor de estudo que dignifique a historia do municipio. Sobre esta nova edición, destacou o seu contido mellorado e no que os lectores poderán descubrir moitos feitos curiosos da nosa historia e tamén algunhas lendas negras que o autor desmonta con sólidos argumentos. 

Así mesmo, aproveitou a súa intervención para informar de que o Concello e a Consellería de Medio Rural están traballando na elaboración dun convenio para poñer en valor a aldea de Sálvora. 

Tamén falou na presentación a edil Elvira Pisos, quen destacou a traxectoria profesional do autor en diferentes medios de comunicación, desenvolvendo actualmente o seu labor na Radio Galega, ademais de ser responsable do arquivo sonoro do ente público autonómico. 

Ao final do acto proxectouse un documental sobre o Santo Isabel realizado por Fernández Pazos en 1997.

Pode que tamén lle interese:


Sálvora: 15 fondeos e 125 persoas

Cinema: "Mar Libre", rodada en Sálvora, a Canadá e Shangai


 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Sálvora   presentación libro  

Ribeira: presentan o libro "Sálvora. Memoria dun naufraxio" este venres 29 na Sala Museo Municipal

Portada_libro_slvora
Ribeira, 27 de xullo de 2011. Este venres 29 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa de dona Adela, reconvertida agora en Sala Museo Municipal de Ribeira, terá lugar a presentación de "Sálvora. Memoria dun naufraxio", libro no que se narra a traxedia do Santa Isabel.

Xos_mara_fernndez_pazos
O autor é Xosé María Fernández Pazos, xornalista da Radio Galega, historiador e director da revista de tecnoloxía Código Cero. Esta edición é xa a segunda. A primeira data do ano 1998.

Vapor_santa_isabel

Vaise proxectar un pequeno documental sobre o naufraxio do vapor correo, que axiña agardamos suban á Rede para poder velo todos. Sálvora e o Concello de Ribeira levaron o lema de "moi humanitarios" por socorrer aos náufragos daquel barco -pereceron 213 persoas- e en especial catro mulleres -As heroínas de Sálvora- foron condecoradas polo auxilio que prestaron. Corría o ano -de desgraza para esta xentiña- de 1921.

Heronas_de_slvora

Neste blog -en castelán- contan toda a historia. En http://riveiranotempo.blogspot.com tamén contan a historia, con recortes da prensa en papel. En http://www.hydronauta.com pódese atopar toda a historia do vapor naufragado e fotos do mesmo. E xa en http://vidamaritima.com/2007/11/vapores-san-carlos-y-santa-isabel poden ver as fotos do precioso interior de tan malfadado barco.

Xosé María Fernández Pazos



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Museo Municipal   Ribeira   Sálvora   presentación libro  

Ribeira: a illa de Sálvora poderá recibir 15 fondeos diarios de embarcacións cun máximo de 125 persoas en grupos organizados

  • Así o establece o Plan Reitor das Illas Atlánticas, presentado hoxe polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez
  • A finalidade é establecer os criterios de xestión e definir as actuacións neste espazo protexido, decretando un réxime de usos de acordo cunha zonificación


Media_httpfarm5static_eajac

Ribeira, 26 de xullo de 2011.- A Consellería do Medio Rural acaba de dar inicio ao proceso de participación pública sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, cuxo obxectivo final é procurar compatibilizar a conservación da súa biodiversidade co desenvolvemento das actividades socioeconómicas tradicionais. Deste xeito iniciaba esta mañá en Vigo a súa intervención o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, e o presidente do Padroado do Parque Nacional, Fernando Garrido. No que atinxe á Illa de Sálvora, que pertence a Ribeira, os fondeos diarios pasan de 10 a 15, cun máximo de 125 persoas en grupos organizados, como se olla no cadro inferior desta información.

Samuel Juárez incidiu en que este documento inicial fíxose tendo en conta as demandas e intereses das poboacións residentes na área do Parque Nacional, así como as achegas doutras administracións e entidades, polo que recolle en detalle as propostas de conservación dos espazos marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. O seu resultado, remarcou, é froito dun importante esforzo de ano e medio de traballo, contactos e reunións dos diferentes sectores implicados presentes no Padroado do Parque Nacional, coordinados polo seu presidente e polo director-conservador, José Antonio Fernández Bouzas, que tamén estivo presente hoxe na presentación do Plan.

O 1 de xullo de 2008 foi transferido a Galicia o Parque Nacional Marítimo - Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, asumindo dende entón a Xunta as funcións de aprobación e execución do PRUX. A súa finalidade é establecer os criterios de xestión e definir as actuacións neste espazo protexido durante o seu período de vixencia, que se fixa en seis anos, sendo o seu ámbito de aplicación os límites establecidos no anexo da Lei 15/2002, polo que se declara o Parque e que inclúe os arquipélagos e o espazo marítimo-terrestre poligonal que rodea ás Illas Cies e aos illotes adxacentes, Illas de Ons e Onza e illotes adxacentes, Sálvora e illotes da súa contorna e illa de Cortegada e Malveiras e outras illas próximas.

Zonificación
O traballo desenvolvido dende a Consellería do Medio Rural busca con este documento a mellora da protección deste espazo natural desde unha perspectiva de sostibilidade, buscando a compatibilidade da conservación co uso racional dos recursos naturais. No documento que avanzou hoxe Samuel Juárez establece unhas directrices e criterios xerais de xestión, fixando unhas normas de regulación de usos e actividades, incluíndo o uso público, de acordo cunha zonificación (áreas de “Reserva”, de uso “Restrinxido”, “Moderado”, “Especial” e de “Asentamentos Tradicionais”).

Reserva
Segundo o grao de protección, explicou Samuel Juárez, a zona de Reserva engloba áreas que conteñen valores naturais de primeira magnitude ou que acollen procesos de rexeneración que poden cualificarse como perigosas para o uso público. Isto implica que nesta área non se permite o acceso público e está prohibido calquera actividade que no estea relacionada coa xestión ou a investigación.

Restrinxido
A zona denominada de uso Restrinxido ten como finalidade garantir a conservación íntegra dos recursos e valores que inclúen, ao mesmo tempo que se proporcionan oportunidades para a realización de certas actividades de reducido ou restrinxido impacto. Máis polo miúdo, nesta zona non está permitido a construción de pistas, edificacións ou instalacións de fábrica de carácter permanente, o tránsito de calquera tipo de embarcación de recreo fóra das áreas delimitadas para tal fin e a navegación de embarcacións de recreo a unha velocidade superior aos 4 nodos. Ademais, tal e como explicou o conselleiro do Medio Rural, nesta zona proponse limitar as distancias para a pesca con artes de cerco e enmalle, non sendo permitido a menos de 100 m da franxa costeira ou 5 metros de profundidade. Así prevé non permitir o uso de rastros remolcados a partir de 15 metros de profundidade, a pesca do bolo nas zonas de alimentación do cormorán cristado delimitadas, ou o uso de trasmallos, miños, vetas y volantillas nas zonas de alimentación de aves mariñas delimitadas, no horario diúrno.

Moderado
O PRUX califica como de uso Moderado aquelas áreas dominadas por un ambiente natural, cuxa finalidade é integrar a conservación co uso público e o aproveitamento dos recursos. Esta calificación prevé como usos non permitidos a aproximación de embarcacións de recreo a menos de 100 metros de cetáceos e grupos de aves mariñas, así como o tránsito das mesmas a unha velocidade superior aos 4 nodos, amén de todos aqueles usos prohibidos pola normativa xeral do Parque (entre as que destacan a introdución de especies de carácter exótico invasor, a perturbación da fauna, exceder o cupo diario autorizado para o transporte colectivo, desembarcar na illa en puntos diferentes aos autorizados, a acampada libre ou a instalación de anuncios publicitarios).

Especial
O documento denomina como zona de uso Especial ás áreas de reducida extensión nas que se emprazan as construcións e instalacións maiores, cuxa localización no interior do parque considérase necesaria, aquí englóbanse as instalacións de xestión e administración dependentes do Parque e doutras entidades da Administración Pública.

Asentamentos tradicionais
Finalmente, a zona denominada de Asentamentos Tradicionais establécese pola existencia de núcleos de poboación dentro do Parque, coa finalidade de compatibilizar os obxectivos deste cun desenvolvemento urbano razoable e controlado, así como coa pervivencia dun estilo de vida tradicional. Así os usos e aproveitamentos tradicionais practicados historicamente no Parque, que non supoñan un impacto negativo significativo nos procesos ecolóxicos, considéranse compatibles e poderán manterse, supeditados á conservación dos valores naturais. A tal fin, cando resulte necesario, se adecuarán en intensidade, forma e demais condicións de realización para garantir a súa compatibilidade cos obxectivos do Parque.

Regulación das actividades e participación dos implicados
De acordo con estes principios, no PRUX proponse a regulación das actividades agrarias, o marisqueo e a pesca, así como sobre carga máxima diaria de visitantes.

No caso particular da pesca e o marisqueo profesionais contémplase a maiores a elaboración dun Plan Sectorial de Xestión Integral de Recursos do Parque, a desenvolver no prazo máximo de 1 ano desde a aprobación do PRUX. Un plan sectorial que será o documento de planificación e xestión que regule finalmente o conxunto de aproveitamentos de recursos mariños autorizados, remarcou Samuel Juárez. No marco deste plan sectorial desenvolveranse plans de xestión específicos para as diferentes artes de pesca. Canto ás artes de marisqueo de tracción manual, como regra xeral o seu uso considérase permitido, agás nas zonas denominadas “de reserva” e, en todo caso, cóntase sempre –para a regulación específica desta actividade– coa participación e implicación de todos os actores con intereses na materia e así se sinala especificamente no propio texto do plan.

En canto ao turismo, e partindo do principio de sostenibilidade que inspira todo o Plan, no PRUX búscase desestacionalizar a afluencia de turistas, promovendo que se manteña durante todo o ano dun xeito máis ou menos estable, aliviándose así a presión que soporta o Parque no verán. Coa experiencia adquirida, sinalou o conselleiro do Medio Rural, o plan prevé uns cupos de capacidade de carga diaria (xúntase anexo coa táboa).Neste sentido fomentaranse fóra da tempada “alta” as visitas guiadas e de carácter educativo.

Cronograma para a súa aprobación
Finalmente o conselleiro incidiu en que cumpre lembrar que o PRUX aínda está na primeira fase, someténdose agora o documento á información pública, xa que se trata dun Plan aberto. Neste senso é previsible que nesta semana saia publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do proceso de inicio de participación pública ao tempo que se manterán reunións cos sectores implicados e interesados en participar no proceso, de cara a establecer un réxime de usos compatibles e autorizables no ámbito do parque nacional. En definitiva, o PRUX o que pretende, subliñou Samuel Juárez, é regular un uso racional dos recursos, buscando a sostenibilidade e a compatibilidade entre conservación e aproveitamento

O cronograma a seguir polo PRUX para a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. e posterior publicación do Decreto, é: Achegamento do documento ao Consejo de la Red de Parques (dependente do Ministerio de Medioambiente, Medio Rural e Mariño) para o seu informe; posteriormente someterase ao Consello Galego de Medio Ambiente; solicítanse Informes das consellerías competentes (preceptivo o da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas); sométese a información pública e audiencia aos interesados; informe preceptivo do Padroado do Parque Nacional e, finalmente, redacción e tramitación do proxecto do decreto.

Neste cadro faise un resumo das cargas máximas diarias de afluencia segundo o PRUX, determinadas no estudo de capacidade de carga que optimiza a afluencia de visitantes así como o de usuarios das zonas de acampada.

 

Tempada
Arquipélago
Tipo de visitante
Acceso mediante as navieiras autorizadas
Acceso en grupos organizados
Cámping ou área de acampada
Fondeos diarios
Alta
Cíes
1.800 (2200)
200
550 (800)
150 (150)
Ons
1.200
200
300
80 (60)
Sálvora
-
125
-
15 (10)
Cortegada
-
125
-
15 (10)
Baixa
Cíes
-
250
-
-
Ons
-
250
-
-
Sálvora
-
125
-
-
Cortegada
-
125
-
-


*As cifras entre parénteses sinalan os cupos establecidos anteriormente.
**Onde non aparecen cifras (-) é porque non había cupos e se fixan agora.
***Os cupos de fondeos increméntanse, na maior parte dos casos, porque se constatou o civismo dos patróns, en gran parte grazas á colaboración dos clubs náuticos.

NOTA: A tempada alta corresponde, de forma orientativa, aos períodos de Semana Santa, fins de semana, festivos e pontes de maio e novembro, así coma o período comprendido entre o 1 de xuño e o 15 de outubro. A tempada baixa sería o resto do ano.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Illas Atlánticas   Ribeira   Sálvora