Preme para voltar á portada
Filed under

sanidade

 

Ribeira: acto este sábado 28 en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular por unha sanidade pública

  • Participarán, lendo un manifesto, dramaturgos como Kiko Cadaval ou escritores como Riveiro Coello e Antonio Piñeiro

Plataforma_sanidade_28_abril_ribeira

Ribeira, 26 de abril de 2012. O vindeiro sábado 28 de abril, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza organiza un acto de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia.


O acto consistirá nunha xornada informativa na que se explicarán os diferentes puntos desta iniciativa lexislativa. Haberá lectura da ILP enteira ás doce da mañá e ás seis da tarde, a cargo de persoeiros do teatro galego como o ribeirense Quico Cadaval e a actriz Uxía Casal, así como escritores relacionados con esta bisbarra (Riveiro Coello e Antonio Piñeiro). Tamén estarán nesta lectura Suso Laíño, Manolo Cartea e Xoán Pastor. Durante todo o día haberá recollida de sinaturas para levar adiante esta iniciativa, tan necesaria nuns tempos en que os nosos gobernantes turran por desmantelar a sanidade pública.

Localizacións: de 10 a 14 horas, na rúa peonil de Galicia en Ribeira
De 16 a 20, no paseo de Coroso, ao pé do instituto.

Antes, en Certo:

E se es dorneiro, lembra:


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   plataforma   sanidade  

Sanidade: a asociación SOS Sanidade Pública advertiu onte dos recortes e copagos que o PP anunciou hoxe

Media_httpfarm2static_aestq

Entre as medidas anunciadas está o pago de un euro por receita e facerlle pagar aos xubilados os medicamentos, algo que nunca ningún goberno ousou facer

Barbanza, 18 de abril de 2012. Logo de negar reiteradas veces que o fose facer, tanto en campaña como logo de gañar as eleccións, o Partido Popular anunciou hoxe, a través da súa ministra de Sanidade, Ana Mato, que se instaura o copago -inda que ela, nesa neolingua que emprega o actual executivo, que tamén lle chama "activos ocultos" ao "carto negro" de toda a vida, di que non é tal- na sanidade. Hai menos dun mes, nun par de liñas dunha nota de prensa, o PP tamén recortou 10.000 millóns en Sanidade e Educación, tratando de convencernos de que os servizos prestados non se ían resentir. A asociación SOS Sanidade Pública viña advertindo disto dende hai tempo. Esta foi a nota que se leu onte en todas as reunións das diversas plataformas que compoñen esta asociación, entre as que hai unha de Barbanza:

"A crise, a redución do déficit e a insostibilidade do sistema sanitario público están sendo utilizados como coartada para introducir recortes e privatizacións na sanidade galega. Con todo, o noso sistema é dos máis baratos da Unión Europea (o gasto por persoa é de 2.049 dólares,  fronte aos 2.870 dólares da UE en poder paritario de compra), e a nosa presión fiscal é das máis baixas (34% do PIB fronte a 44% da UE), cun nivel de fraude que alcanza o 25% do PIB (90.000 millóns de euros).

Doutra banda o crecemento do gasto sanitario ten pouco que ver coa demanda de asistencia da poboación que está relacionado coa organización, funcionamento e orientación do sistema; coa falta de planificación; coa descoordinación entre hospitais e atención primaria; co abuso das tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas (un 23% máis alto que a media europea) e da prescrición farmacolóxica; coa parasitación do sector público polo privado; e co abandono da atención primaria, da promoción da saúde e da prevención da enfermidade.

Despois de que a Xunta de Galicia reducira o orzamentario en 300 millóns o Goberno central pretende que fagamos máis recortes para cumprir co seu obxectivo de reducir o gasto sanitario en 7.000 millóns de euros, a concretar no Consello Interterritorial do próximo día 18 de abril cos conselleiros dos servizos de saúde autonómicos.

Entre as medidas que se están aplicando ou adiantado, a modo de globos sondas, polos responsables de algunhas CCAA e polos ministros de economía e sanidade están:

       Incrementar o copago farmacéutico segundo nivel de renda.

       Acabar coa gratuidade das receitas dos pensionistas.

       Copago por consultas e probas diagnósticas.

       Recorte da carteira servizos ofertados pola sanidade pública.

       Promoción de seguros complementarios con desgravacións fiscais.

       Colaboración Público Privada para construír e xestionar as novas infraestruturas.

       Privatización de servizos sanitarios (radioloxía, laboratorios; servizos clínicos..) e non sanitarios (administración, centrais de chamadas, alimentación, limpeza, hixiene, informáticas, avaliación tecnolóxica, planificación, centrais de compras, etc.)

       Eliminar fondos de cohesión interterritorial.

       Peche de servizos sanitarios: Hospitais e plantas, urxencias, centros de de Saúde e consultorios.

       Eliminar a actividade asistencial dos hospitais pola tarde.

       Redución de persoal e de gastos de persoal: Xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen reposición das vacantes, despedimento ou redución do horario do persoal interino, precarización de contratos, redución salarial, laboralización, etc.

A gran maioría destas medidas atentan contra os alicerces fundamentais do noso sistema sanitario como son a universalidade, a accesibilidade, a equidade, o carácter redistributivo, a calidade e a eficiencia, e terán graves consecuencias para a maioría da poboación que recibirá unha atención de menor calidade, e terá dificultado o seu acceso á asistencia que será diferente segundo o seu nivel de renda, pagará máis por menos e deberá procurarse seguros complementarios para ser atendido polos problemas de saúde excluídos do sistema público.

Fronte á política de recortes e privatizacións é posible outra, baseada na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos, para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:

Concepto

Recadación copago

Aforro racionalidade

Reducir 50% os medicamentos innecesarios >65 anos

70  millóns

83 millóns

Reducir 50%  ingresos por reaccións adversas aos fármacos

23 millóns

66 millóns

Reducir 30% os efectos adversos durante a hospitalización

0 millóns

27 millóns

Reducir en 1/3 as estancias inadecuadas

0 millóns

263 millóns

Reducir 10% frecuentación  a urxencias hospitalarias non ingresadas

9,4  millóns

23 millóns

Traspasar o 25% das consultas hospitalarias a AP

44 millóns

60 millóns

Reducir en 1/3 as RM e TC innecesarios

4,5  millóns

14,8  millóns

Integración do mutualismo administrativo no SNS

4,5 millóns

12,5 millóns

Total

155 millóns

549,3 millóns

 

Queremos advertir ao presidente da Xunta de Galicia Sr Núñez Feijoo que non imos tolerar que o Consello Interterritorial adopte decisións ou medidas que deterioren ou privaticen o noso sistema sanitario que ten o apoio da grande maioría da poboación e esiximos á Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera que defenda o carácter público da nosa sanidade, que se opoña a calquera medida de copago, e que se manteñan os fondos de cohesión interterritorial que compensan a nosa menor capacidade de recadar os impostos que financian a sanidade pública galega

Desde SOS Sanidade Pública facemos un chamamento á cidadanía galega para dar unha resposta contundente no caso de que o Consello Interterritorial do día 18 de abril adopte calquera medida que deteriore, aínda máis, o Sistema Sanitario Público Galego.

SOS Sanidade Pública

Santiago, 17 de abril de 2012

 







Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   denuncia   sanidade  

Sanidade: denuncian o boicot do Concello de Padrón á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública

  • Ademais, a Asociación Galega pola Sanidade Pública critica as declaracións do ministro de Economía e Competitividade, De Guindos, sobre recobrarlle a sanidade ás rendas superiores a 100.000 euros ao ano

Media_httpfarm6static_slaht

Padrón, 9 de abril de 2012. Varios membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza estiveron onte, domingo 8 de abril, pola mañá no mercado de Padrón recollendo sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa e Promoción da Sanidade Pública no Parlamento Galego.

"Mais tivemos que suspender a recollida porque a Policía Municipal mandounos levantar a mesa e parar a recollida xa que nos informaron de que o permiso que solicitamos hai tres semanas estaba denegado. Temos que decir que ata ese momento ninguén do concello de Padrón se dirixiu a nós nin vía correo postal, electrónico ou teléfono: parece que o concello considera que o xeito  adecuado de responder aos cidadáns é enviando a Policía municipal", explican dende a Plataforma pola Sanidade Pública. En Padrón goberna, en minoría, o alcalde do PP Antonio Fernández Angueira.

Media_httpfarm8static_kzchz

"Dende a Plataforma consideramos que a solicitude do permiso para recoller sinaturas é meramente un trámite administrativo, e que nun estado democrático non existe ningunha xustificación para que non se lle permita a un colectivo de cidadáns exercer o seu dereito a informar e facer partícipes aos seus concidadáns dun dereito constitucional como é a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular no parlamento.Queremos dende aquí denunciar os feitos acaecidos o domingo 8 de abril no mercado de Padrón", remata Marian Rodríguez Blanco, representante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza.

Non é a primeira vez que lles ocorre isto, nunha clara mostra de que moitos políticos no goberno cren que se pode calar á xente enviándolles a policía:


Hospital da Barbanza: piden celadores e mándanlles policías

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Ante as declaracións do ministro de Economía sobre excluír ás persoas de maior renda da Sanidade Pública, esta asociación ten que sinalar:

A sanidade xa a pagamos todos


1) O ministro parece descoñecer que a financiación actual da Sanidade Pública realízase a través dos impostos (IRPF, IVE, impostos especiais) e que polo tanto non ten sentido que as persoas que pagan impostos, e se o fan legalmente pagan máis, deixen de ter dereito ás prestacións sanitarias, salvo, claro está, que o que se pretenda é que deixen de pagar impostos ou unha parte deles. Un bo servizo público necesita un financiamento suficiente e este só pode vir dun sistema fiscal progresivo onde pagan máis os que máis teñen.

100.000 euros gánaos moi pouquiña xente

2) O colectivo de persoas que gañan máis de 100.000 euros é reducido, polo que o gasto sanitario que producen suporía cambios mínimos na presión asistencial do sistema sanitario.

Un servizo público discriminatorio por renda é un pobre servizo

3) É ben coñecido que para que un servizo público teña calidade é preciso que atenda a toda a poboación, sen discriminación de renda nin de grupo social. Como xa se sinalou "un servizo para pobres será sempre un pobre servizo" e significaría volver ao modelo de beneficencia con prestacións escasas e de baixa calidade para a maioría da poboación, a que ten menos recursos.

Os ricos desgravarían e a sanidade pública descapitalizaríase

4) As persoas de elevada renda excluídas da Sanidade Pública terán reducións de impostos para contratar seguros privados o que descapitalizará a sanidade pública e dará orixe a unha sanidade para ricos e para o resto da poboación.

De Guindos, ex Lehman Brothers, adora o sistema americano, un dos máis ineficientes do mundo

O Ministro de Economía  propón unha fórmula ao Lehman Brothers que cambiaría o modelo sanitario cara ao norteamericano onde co maior gasto sanitario do mundo (3 veces o galego per cápita) máis de 50 millóns de persoas non teñen dereito á atención sanitaria e outras tantas teñen unha asistencia sanitaria con prestacións moi limitadas, segundo declarou Manuel Martín García, portavoz da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   denuncia   plataforma   sanidade  

Folga xeral: SOS Sanidade Pública apoia a mobilización do 29 "polos efectos negativos da reforma laboral sobre a saúde"

  • Un traballador pode ser despedido se está de baixa 8 días en dous meses, informan

Image001
 



Barbanza, 27 de marzo de 2012. "A reforma laboral aprobada polo Goberno terá efectos moi significativos para a Saúde dos traballadores", asegura a plataforma SOS Sanidade Pública, dentro da que se integra a Plataforma pola Sanidade Pública de Barbanza. A reforma modifíca o articulo 52.b do Estatuto dos Traballadores de maneira que permite o despedimento de aqueles traballadores que teñan ausencias entre o 20 ao 25% da xornada laboral, incluíndo nas mesmas ás baixas por enfermidade común de duración inferior aos 20 días, sen ter en conta a taxa de absentismo da empresa (tal e como sucedía ata agora en que se necesitaba que esta fose superior ao 2,5%).

Que significa esta modificación?

Que un traballador cunha xornada de 40 horas semanais pode ser despedido se esta 8 días de baixa en 2 meses.


Que efectos ten sobre a saúde esta situación?

- Haberá unha diminución do número de baixas por enfermidade, sobre todo por procesos agudos, en que os propios traballadores serán os que non queiran unha baixa a pesar de estar enfermos, fenómeno este que xa se detectou nos últimos anos, debido ao aumento do paro.


- Como as enfermidades non diminuirán, e máis  que probable que as persoas que estean enfermas continúen traballando cos efectos que iso leva asociados: Diminución da capacidade de traballo, problemas na baixa do rendemento e/ou na calidade da produción.


- Un aumento da accidentabilidade porque traballadores coas súas capacidades físicas diminuídas teñen unha maior propensión a padecer accidentes laborais.


-  A presenza de traballadores con enfermidades infecto-contagiosas nas empresas  serán un risco para a propagación das mesmas na contorna laboral, e nos casos en que os traballadores teñen atención directa aos cidadáns converteranse nun foco de diseminación e contaxio da enfermidade.

"Deixando de lado o que significa de perda de dereitos dos traballadores, esta reforma implica tamén un risco para a saúde dos mesmos directamente e para o conxunto da poboación dun xeito indirecto, xa que vulnera algunhas das leis sobre saúde pública (Lei Xeral de Sanidade, Lei Xeral de Saúde Pública) e o artigo 43 da Constitución que garante o dereito á protección da saúde", explicou Manuel Martín García, portavoz de SOS Sanidade Pública en nota de prensa.  

Relacionadas:



 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   folga   sanidade  

Política: o Psoe galego fará unha campaña para rexeitar o copago sanitario aínda que a Xunta non o anunciou nin fixo efectivo

  • O líder dos socialistas galegos emprazou a Núñez Feijoo a atopar novos recursos para financiar a sanidade “mediante os impostos á banca como se fai en Extremadura ou Andalucía”
  • Presentarán propostas no Parlamento Galego, nas Deputacións e nos Concellos de Galicia "para rexeitar que se pague un euro por receita”


Media_httpfarm8static_dille

Socialistas hoxe na Festa da Rosa en Catoira, onde anunciaron a campaña


Catoira, 24 de marzo de 2012.- Pachi Vázquez, actual dirixente máximo dos socialistas galegos, anunciou hoxe que o PSde-PSOE impulsara unha campaña por toda Galicia para rexeitar o copago sanitario na nosa Comunidade. Dixo que presentarán propostas no Parlamento Galego, nas Deputacións e nos Concellos de Galicia para “facer unha proposta clara na que se rexeite que se pague un euro por receita”.Criticou ademais as declaracións da Conselleira de Sanidade e de Feijóo sobre este tema: “os dous din que lles parece ben pero para iso estamos os socialistas galegos, nós dicimos que non o vamos a tolerar”.

O líder dos socialistas galegos fixo esta declaración na vila pontevedresa de Catoira donde participou nas na VIII Festa Socialista da Rosa. Vázquez emprazou a Núñez Feijóo a atopar novos recursos para financiar a sanidade “mediante os impostos á banca, como se fai en Extremadura ou Andalucía”. Sinala ademais que con este imposto poderíanse recadar 60 millóns de euros “que é moito mais do que recadarían cobrándolle aos nosos enfermos e pensionistas”, xa que advirte que “o 80% das receitas son consumidas por pensionistas, os cales teñen como ingresos unha media de 745 por mes, e agora queren cobrar un euro por receita cada vez que van ao medico”.

Preguntado polos xornalistas sobre o acordo da Xunta de Galicia coa empresa Brenntag, por mor do verquido ocorrido en Caldas de Reis cualificou de “escándalo” que “lle regalen a unha multinacional alamana 5 millóns de euros”. Lembrou que a Xunta de Galicia investiu naquela catástrofe 9 millóns de euros, “que non son danos hipotéticos, son facturas que pagou o pobo galego e os cidadáns deste país, e agora vén o goberno de Feijóo e decide que lle perdoa a metade”, resumiu.

Antes, en Certo:

 

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   PSOE   política   sanidade  

Noia: a segunda edición da Aula de Saúde oferta numerosas ponencias entre febreiro e abril

O 12 de abril:

Media_httpfarm6static_riird

Antes, o 1 de marzo:

Media_httpnovasdenoia_enhjt

Noia_aula-de-saude-121

 

  • Teñen recoñecemento de carácter sanitario da Consellería de Sanidade
  • O cancro, o sintrom ou a diabetes, obxeto das principais conferencias. A primeira, o xoves 23F

Noia, 17 de febreiro de 2012. Por segundo ano consecutivo, o Concello de Noia pon en marcha a II edición da “Aula da Saúde”. Deste xeito dase continuidade a unha iniciativa que pretende afondar naqueles aspectos de actualidade no ámbito sanitario dirixidos á poboación xeral.

Nesta edición obtívose o recoñecemento de carácter sanitario pola Consellería de Sanidade de la Xunta de Galicia para actos científicos, así mesmo como os avais da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía e Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Delegación de Galicia).

Ás persoas asistentes distribuiráselles un exemplar do “Manual para pacientes oncológicos e as súas familias” editado pola citada entidade.

Os temas das conferencias irán dende a oncoloxía e a abordaxe psicolóxica do cancro por parte dos pacientes e familias, ata as patoloxías e as síndromes máis relevantes na poboación xeral facendo especial mención a aqueles relacionados coas persoas maiores.

Aos participantes daráselles un certificado de asistencia. Para inscribirse na Aula da Saúde haberá que enviar un correo electrónico a saudenoia@gmail.com ou por teléfono no 981842100 ou 609823134. Tamén inscribir on line nesta ligazón.

Podería interesarlle tamén:


Certame de relatos: do Liceo de Noia. 1.000 euros de premio


Entroido 2012: programa do Concello e do Liceo. Bases


Curso: de monitor de tempo libre. Comeza o 3 de marzo


Concurso fotográfico: "Se eu podo, ti tamén". Ata o 5 de marzo

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Noia   charla informativa   sanidade  

A Pobra: o Psoe denuncia os continuos recortes da sanidade pública do goberno Feijóo e pon como exemplo o centro de saúde local

  • Aseguran que no centro sanitario da Pobra hai "graves deficiencias" e "non sempre se cubren as baixas de persoal sanitario"
  • O parlamentario Lage Tuñas di que o PP "está deteriorando os servizos sanitarios pola vía dos recortes tanto na atención primaria como nos centros hospitalarios"
  • Piden que se arranxen os graves problemas do centro de saúde actual "pois A Pobra non vai ter un novo polo menos ata 2013"

Media_httpfarm6static_eayee

A Pobra do Caramiñal, 16 de febreiro de 2012. O Portavoz da Área Institucional do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage desprazouse esta mañá á Pobra do Caramiñal para ofrecer unha rolda de prensa en compañía da voceira municipal socialista, Teresa García e presentar diversas iniciativas parlamentarias relacionadas co centro de saúde da citada localidade.

O deputado socialista expresou a súa preocupación “polo grave deterioro da sanidade que comezamos a sufrir da man dos gobernos do Partido Popular. Creo que hai que ser realistas e sabendo que como mínimo ata o 2013 a Pobra do Caramiñal non vai dispor dun novo centro de saúde, polo que lle pedimos á Xunta de Galicia que arranxa o actual, resolva os problemas existentes e o acondicione para mellorar as condicións laborais dos profesionais e as prestacións sanitarias que reciben os veciños e veciñas”.

Lage Tuñas explicou que “o PP está deteriorando os servizos públicos coas súas políticas de recortes, fundamentalmente na sanidade e na educación, cando podían recortar noutros ámbetos nos que hai marxe. Para os socialistas a sanidade universal e a educación gratuita son liñas vermellas que imos defender con uñas e dentes”.

O PSdeG-PSOE denuncia “os continuos recortes na sanidade pública” e pon como exemplo “o centro de saúde da Pobra do Caramiñal, que presenta graves deficiencias e onde non sempre se cubren as baixas do persoal sanitario”.

Teresa García, voceira municipal do PSdeG, explicaba esta mañá que “ata o de agora a Xunta de Galicia fixo oídos xordos ás peticións veciñais para unha mellora do inmoble que alberga ao centro de saúde de Pobra do Caramiñal. O alcalde mira para outro lado como se non fose con el”.

“A existencia de defícits no ámbito da limpeza, a presencia permanente de humidades na sala de extraccións, pintura descunchada tanto nas consultas como en urxencias; un claro déficit hixiénico nas fiestras, as continuas e reiteradas avarías nos baños, así como o estado deplorable do exterior do edificio entre outras cousas deixan ver a situación na que se atopa o centro sanitario da Pobra do Caramiñal”, afirmou Teresa García.

Os socialistas entenden que “é necesario que a administración actúe con inmediatez e faga as reparacións e obras de mantemento necesarias para mellorar o inmoble do centro de saúde pobrense, e de igual xeito introduzca as melloras tecnolóxicas que permitan unha mellora na prestación dos servizos sanitarios.”

O deputado Lage Tuñas rematou sinalando que “o PP está deteriorando os servizos sanitarios pola vía dos recortes tanto na atención primaria como nos centros hospitalarios e un bo exemplo témolo na Pobra do Caramiñal”.

Antes, en Certo:


Sanidade: moción socialista sobre as deficiencias do centro de saúde


Centro de saúde: alegacións do Bng

Click here to download:
77765-PNC Centro de saúde A Pobra.pdf--.pdf (68 KB)
(download)

(download)

Click here to download:
77760-POP Centro de saúde A Pobra.pdf (38 KB)
(download)

Click here to download:
77765-PNC Centro de saúde A Pobra.pdf (68 KB)
(download)



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   A Pobra do Caramiñal   Lage Tuñas   PSOE   denuncia   recortes   sanidade  

Sanidade: recollen sinaturas para promover unha Iniciativa lexislativa popular en defensa da sanidade pública

Click here to download:
MANIFESTO ILP (2).doc (27 KB)
(download)

Media_httpfarm6static_fvmbr

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Barbanza manifestouse no seu día para impedir a privatización do servizo de diálise, que agora foi recoñecido cunha certificación de calidade

Barbanza, 7 de febreiro de 2012. A Plataforma en defensa da Sanidade Pública da comarca da Barbanza inicia, xunto co resto de plataformas de toda Galicia, unha recollida de sinaturas para presentar no Parlamento galego unha Iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia.

Co fin de presentar esta Iniciativa e a campaña de recollida de sinaturas convoca a unha rolda de prensa que terá lugar mañá, mércores 8 de febreiro ás 17.00 horas no centro cultural de Artes.

As distintas plataformas galegas presentaran a mesma campaña este mesmo día.

Antes, en Certo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Barbanza   plataforma   sanidade  

Sanidade: abre o prazo para presentarse ao I Premio de Investigación Oncolóxica "Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda"

  • O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro de 2012 ás 14.00 h

 

  • Na presentación, o xurado destacou a importante contía do premio, dotado con 12.000 euros e unha peza de Artesanía de Galicia elaborada para a ocasión
  • O doutor Rafael López recordou que “un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres sufrirán cáncer” pero grazas a iniciativas como ésta, que axudan a investigar, a enfermidade “xa non é tan terrible como hai uns anos”

(download)

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2012.- Esta mañá presentouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o I Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda, cuxo prazo de presentación estará aberto ata o 28 de febreiro. O premio pretende recoñecer o traballo das persoas que buscan solución a un dos grandes males da humanidade e valorar o esforzo e a traxectoria científica no área da investigación oncolóxica destinada á xerar, desenvolver e/ou aplicar os novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro. 

O presidente honorífico do Xurado, o empresario de Ribeira Ramiro Carregal, presidente de Frinsa, traballador incansable e gran humanista preocupado polo desenvolvemento e benestar de Galicia, asegurou sentirse honrado por poder colaborar neste tipo de iniciativas, e recordou a súa propia experiencia para lanzar unha mensaxe optimista: “o cancro cúrase”.   

No acto participaron tamén outros membros do Xurado, constituído por reputados científicos, académicos e investigadores como o Dr. Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e ex-presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia.  

O Dr. López agradeceu a Ramiro Carregal o seu apoio polo que definiu como “aposta de futuro” ante a “enfermidade do s. XXI, a que máis xente mata nos nosos días”. O xefe do servizo de Oncoloxía Médica do CHUS recordou que “un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres sufrirán cancro” pero grazas a iniciativas como esta a enfermidade “xa non é tan terrible como fai uns anos”. Con todo “a batalla continúa e só se gañará con investigación”. 

Tamén tivo unhas palabras de recordo para os pacientes, os seus familiares e amigos, aos que pediu que “loiten con todas as súas forzas e participen en investigación clínica”, porque é o modo de continuar avanzando.  

Xurado

Ademais do Dr. López, forma parte do Xurado o Dr. Juan Jesús Cruz, presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), catedrático do departamento de Medicina da Universidade de Salamanca e especialista en Medicina Interna e Oncoloxía Médica, que non puido estar presente hoxe por motivos de axenda. Si estiveron o catedrático en Farmacoloxía na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago, Manuel Freire-Garabal Núñez, o decano do mesmo centro, o Dr. Juan Gestal Otero, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, e o vicerrector de Investigación e Innovación da USC, Francisco González García, catedrático de Medicina e especialista en Oftalmoloxía. 

O presidente da Fundación  La Rosaleda, o Dr. Gerardo Fernández Albor, dixo estar convencido de que o esforzo feito para sacar adiante o Premio valerá para dar un paso máis na erradicación desta grave enfermidade. Ademais esta convocatoria supón a constatación dunha colaboración natural entre a Universidade de Santiago, o Hospital Clínico, a Fundación La Rosaleda e a empresa privada.  

Un dos maiores premios no seu ámbito

O premio, dotado con doce mil euros (e sometido ás retenciones fiscais que legalmente lle correspondan) é un dos de maior cuantía no seu ámbito. Entregarase así mesmo un galardón acreditativo consistente nunha peza de Artesanía de Galicia creada en exclusiva para a edición deste premio en pedra emperador con incrustaciones en metal e prata e con emblemas esculpidos na propia pedra. 

A pedra e o metal alíanse e crean un conxunto ideado para premiar o esforzo e compromiso coa investigación oncológica. As siluetas da letras R e C, iniciais do nome do premio, fan que os dous materiais únanse nunha peza única. O aspecto irregular do bloque pétreo confírelle o carácter de obra inacabada, un símil co motivo do premio e a necesidade de seguir avanzando e traballando no estudo do cancro, as súas causas e tratamentos. 

Fallo e entrega do premio

O Xurado outorgará  libremente o premio a un dos candidatos propostos ou ben a outro proposto directamente por el. Excepcionalmente poderá darse de forma compartida cando os méritos das persoas, entidades ou grupos presentados se complementen de forma clara. 

O premio non poderá  quedar deserto e o fallo do Xurado será inapelable e farase público o 1 de marzo de 2012 a través dos medios de comunicación e da páxina web da Fundación La Rosaleda (www.fundacionlarosaleda.org). Así mesmo notificaráselle personalmente ao ganador. O Xurado terá, así mesmo, a potestade de decidir si os traballos non premiados pasan a formar parte da seguinte edición do premio. 

A entrega do premio realizarase nun acto solemne, coa asistencia de personalidades do ámbito político, social, académico e científico, en Santiago de Compostela na data que se comunicará no seu momento. 

Prazo de presentación aberto

Poderán ser candidatos ao l Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda investigadores de carácter preclínico (investigación básica orientada á obtención de coñecemento con aplicación clínica), e clínico (investigación en humanos), que desenvolvan a súa actividade en centros de investigación ou sanitarios, públicos ou privados, de calquera parte do mundo. 

Poderán formular propostas as institucións públicas e privadas, fundacións, asociacións, colexios profesionais, etc. cuxa actividade teña vinculación coa investigación oncolóxica, pero serán excluídas as candidaturas presentadas por quen soliciten o premio para si mesmos ou para os grupos ou entidades a quen representen. 

As candidaturas poderán presentarse en castelán, galego e inglés por correo certificado, en sobre pechado coa referencia “Premio de Investigación Oncolóxica”, ao Apartado de Correos 50 de Santiago de Compostela ou á dirección postal da Fundación La Rosaleda  (c/Santiago León de Caracas, 1 - 15701 Santiago de Compostela). Igualmente, e coas mesmas características, as candidaturas poden entregarse en man de 9 da mañá a 9 da noite, na recepción do centro ou por correo electrónico enviando a documentación a info@fundacionlarosaleda.org.  

En caso de enviala por mail só se considerarán aquelas candidaturas recibidas ata as 23.59 h do día 27 de febreiro de 2012. O resto de solicitudes teñen de prazo ata o 28 de febreiro de 2012 ás 14.00 h. 

As bases completas están dispoñibles na páxina web da Fundación La Rosaleda (www.fundacionlarosaleda.org) no apartado “Actividades” – “Premios”.

Antes, en Certo:

Premio e avenida: Ramiro Carregal, de novo protagonista

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   Santiago de Compostela   investigación   premio   sanidade  

Sanidade: danlle a certificación UNE 179.003 de xestión de riscos para a seguridade do paciente ao Servizo de Diálise do Hospital da Barbanza

  • Di a Consellería de Sanidade que é o primeiro de España en obtela

Media_httpfarm5static_aibhh

O servizo de diálise intentou privatizarse, e non o fixeron porque se montou balbordo

Ribeira, 2 de febreiro, Día da Candeloria, de 2012. O Consello da Xunta de Galicia, reunido no día de hoxe, abordou un informe da Consellería de Sanidade en que se dá conta dun informe no cal se sinala que o Servizo de Diálise do Hospital da Barbanza foi o primeiro de España en obter a certificación coa norma UNE 179.003 de xestión de riscos para a seguridade do paciente. O obxectivo desta norma é establecer un sistema de xestión de riscos derivados da prestación dos servizos sanitarios co fin último de acadar unha asistencia máis segura para o paciente, evitando ou, se é caso, controlando eses riscos de xeito que non cheguen a producir dano aos pacientes.

O Servizo de Diálise do Hospital da Barbanza convértese así no primeiro que obtén a certificación conforme a norma indicada en todo o Sistema Nacional de Saúde, o que constitúe toda unha garantía para os pacientes que teñen asignado este hospital como centro de referencia.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Hospital da Barbanza   Ribeira   sanidade  

Sanidade: SOS Sanidade Pública convoca concentración fronte ao Parlamento galego este mércores 21

Media_httpfarm3static_uerhj

Pilar Farjas é a conselleira de Sanidade do goberno actual da Xunta


Barbanza, 20 de Nadal de 2011. Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública queren facer chegar ao Parlamento de Galicia o  rexeitamento aos recortes e privatizacións dos servizos sanitarios que está levando a cabo o goberno da Xunta de Galicia, algunha de cuxas medidas pretender pór en marcha a través dos Orzamentos da CCAA do ano 2012.

Por este motivo a Plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha concentración mañá, dia 21 de decembro, ás 5 da tarde diante do Parlamento de Galicia, aos representantes das Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública e as organizacións que a integran coincidindo co debate da Lei de Acompañamento dos orzamentos sanitarios para o próximo ano, diante do Parlamento de Galicia (para a que se solicitou autorización legal).

Na concentración a Plataforma fará entrega aos parlamentarios dunha bolsa de
supervivencia que deberan levar aqueles enfermos que sexan hospitalizados
nos centros públicos, se sae adiante a estratexia do presidente Núñez Feijóo
de facer pagar os servizos de comida, limpeza, hixiene, etc.

Chamamento aos veciños

Aínda que á mesma están convocados representes das Plataformas para a
Defensa da Sanidade Pública e das organizacións que integran SOS Sanidade
Pública, fan estensivo o chamamento a todos os cidadáns que queiran a
que se engadan á mesma, dado que os recortes e privatizacións afectarán
gravemente a todos os galegos/as e aos residentes nesta autonomía con lingua propia.

Onte, en Certo:


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Parlamento de Galicia   Santiago de Compostela   manifestación   sanidade  

Ribeira: a Asemblea do Bng advirte á poboación sobre a progresiva deterioración da atención sanitaria

Dous avisiños antes de ler a información:

Facebook: Certo ten páxina ao superar os 5.000 amigos. En http://www.facebook.com/xornalcerto

Vitaminas para o galego: Certo colabora para que sobrevivan os medios na única lingua propia de Galicia

Media_httpfarm6static_xtmek

Ribeira, 19 de decembro de 2011. A Asemblea Local do BNG de Ribeira fai un chamamento á poboación "diante do deterioro progresivo da atención sanitaria da Xunta de Galicia. Sendo competencia exclusiva da Xunta de Galicia, desde a toma de posesión do Goberno do PP presidido por Núñez Feixoo vimos comprobando un claro deterioro da atención sanitaria pública en Galicia. O PP xa viña poñendo en práctica, coa escusa da crise, medidas privatizadoras da atención sanitaria que xa iniciara, antes da crise, noutras comunidades como Madrid ou Valencia", explican en nota de prensa.


A responsable de Sanidade da Xunta, Pilar Farjas

"No concello de Ribeira percibimos, claramente, as consecuencias dos continuos recortes en gasto sanitario: xa nos primeiros meses de goberno PP deixáronse de cubrir a baixas por vacacións ou enfermidade de persoal sanitario (médico e enfermería) nos centros sanitarios da comarca co conseguinte retardo e deterioro da calidade na atención. Nos vindeiros orzamentos para o 2012 a Xunta anuncia novas medidas que, ao igual que a inmensa maioría do colectivo de sanitarios e pacientes, consideramos intolerables porque provocarán maior deterioro da asistencia sanitaria: foi o propio presidenta da Xunta quen anunciou a intención de cobrar por "servizos non sanitarios" (alimentación, lavandería...) nos hospitais galegos, o que suporá de feito a introdución do co-pago na nosa sanidade pública.

Outras medidas anunciadas deste tipo serán tamén o cobro de 10€ pola tramitación da tarxeta sanitaria, o bloqueo da tarxeta a parados de longa duración, ou aos emigrantes que non teñan máis de 183 días empadroados no noso país, o pago adiantado de próteses dos enfermos ou o pago por transporte en ambulancias, etc... 

Acordo_centro_de_sade_decembro

No caso da atención Primaria no concello de Ribeira, temos que lembrar o acordo plenario de 20 de decembro de 2010 no que, a proposta do BNG, se acordou por unanimidade "solicitar da Xunta de Galicia un novo Centro de saúde para Ribeira" dada a situación de saturación dos servizos que padece o actual. No orzamento para o 2012 non aparece ningunha partida para esta actuación pese á insistencia do BNG para incluíla. A estas medidas regresivas no ámbito do SERGAS temos que engadir os non menos graves recortes (redución dun 14% a respecto de 2011) no ámbito da Asistencia e Prevención de Drogodependencias levadas a cabo a través de programas xestionados polos Concellos ou por Asociacións que veñen prestando un inestimable labor neste ámbito", proseguen, ademais de convidar á cidadanía "a participar nas mobilizacións que promoven os diferentes colectivos cidadás de defensa da sanidade pública e a evitar a deterioración definitiva e irreversible da atención ao noso dereito máis básico: a saúde".



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Ribeira   bng   denuncia   sanidade