Preme para voltar á portada
Filed under

Xunta de Galicia

 

Rianxo: as xornadas sobre turismo accesible teñen lugar hoxe e mañá no auditorio


  • O encontro está organizado pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e mais pola Deputación da Coruña e ten por obxectivo afondar nos aspectos relacionados coas melloras na accesibilidade turística, co uso das tecnoloxías para tal fin así como co turismo accesible como oportunidade de negocio

Rianxo, 24 de maio de 2012.- Carmen Pardo inaugurou hoxe en Rianxo as Xornadas de Turismo Accesible, organizadas pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte coa colaboración da Deputación da Coruña. A secretaria xeral para o Turismo explicou que a consecución dunha maior accesibilidade turística en Galicia constitúe un dos principais retos da Administración Turística galega, xunto coa diferenciación, a desestacionalización turística, o incremento do gasto medio e a estadía media ou o aumento da cota de turismo internacional. Segundo explicou a secretaria xeral, “en España existen catro millóns de persoas con diversidade funcional e en Europa a cifra supera os cincuenta millóns”, de xeito que implementar medidas que incentiven a accesibilidade constitúe, sobre todo, un “acto de xustiza cidadá” porque facilitar o acceso ao disfrute dos destinos turísticos é unha tarefa de todos e require da implicación de diversos axentes. A secretaria xeral aportou tamén datos sobre a cifra de aloxamentos accesibles existentes en Galicia. En Galicia hai 153 aloxamentos turísticos practicables e 33 accesibles, en total 186 aloxamentos con estas características e que abarcan o 6,6% da oferta total de aloxamento da comunidade.

Media_httpfarm8static_gmsiz

No que respecta ao seu departamento, Carmen Pardo explicou que a Administración Turística galega leva traballando nestes últimos anos neste eido, tendo como folla de ruta o Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, que xa no marco da súas políticas de desenvolvemento sectorial inclúe dúas actuacións específicas dentro da estratexia de actuación orientada ao apoio do turismo accesible a través da eliminación de barreiras e o impulso á accesibilidade nos recursos turísticos.

Entre as medidas específicas do Plan inclúense accións de promoción, habilitación de espazos e recursos; reconversión de zonas como preferencia para persoas con diversidade funcional e mellora de accesos e redución de elementos físicos que impidan a accesibilidade.

Dende Turismo de Galicia, no marco desta estratexia tamén se teñen levado a cabo outras iniciativas para mellorar a accesibilidade turística como o convenio coa Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte para que, coa colaboración da Fundación ONCE, se adaptara a web turística da mancomunidade ás condicións de accesibilidade das persoas invidentes, de modo que a páxina obtivo o certificado Doble A que acredita que se trata dunha web accesible para persoas con este tipo de diversidade funcional. Xa en 2011, a Secretaría Xeral para o Turismo asinara con Arousa Norte un convenio para a creación de paquetes turísticos accesibles na mancomunidade de municipios. Esta iniciativa foi premiada na quinta edición dos Premios Solidarios de Once-Galicia a comezos deste ano. Do mesmo xeito, tamén no marco do programa Vive Galicia que alcanza este ano a súa terceira edición e que foi desenvolvido por Turismo de Galicia, figuran dous paquetes de turismo accesible que inclúen experiencias para persoas con diversidade funcional en catro municipios de Arousa Norte.

Así mesmo, dende a Secretaría Xeral para o Turismo, segundo explicou a secretaria, incluíronse nas ordes de axudas para o sector medidas de discriminación positiva para todos aqueles establecementos ou servizos turísticos que quixeran facer obras ou melloras para adaptar os seus establecementos ás condicións de accesibilidade para os usuarios.

Ademais, dende Turismo de Galicia, a través de Turgalicia publicáronse dúas edicións da Guía de Establecementos Accesibles de Galicia. Na edición de 2011 imprimíronse 1.300 exemplares da guía, mil en castelán e 300 en galego e producíronse máis de 1.600 descargas da versión electrónica da mesma.

Tamén, en Rianxo:

 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Arousa Norte   Deputación   Rianxo   Xunta de Galicia   turismo  

Rianxo: primeiro concello da bisbarra en posicionarse contra as fumigacións do gorgullo do eucalipto

  • Estaba previsto fumigar máis de 3.000 hectáreas en Rianxo cunha sustancia que deixará de ser legal este ano, ao prohibila expresamente a Unión Europea

A Plataforma contra as Fumigacións presentou o 21 de maio de 2012 86.426 sinaturas contra os tratamentos aéreos con Flufenoxuron en Galicia. A campaña fíxose a través de change.org (http://www.change.org/petitions/salvemos-las-abejas-de-galicia-queremosabellas)

Rianxo, 22 de maio de 2012. O Concello de Rianxo solicitou mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Montes da Xunta de Galicia que se prohíban as fumigacións que teñan previstas no municipio nas extensións de eucaliptais. Quérese evitar así calquer produto químico que conteña a sustancia activa flufenoxurón, non aprobada e prohibida a día de hoxe pola Unión Europea e a piques de erradicarse definitivamente, tal como se instou no Reglamento de execución da UE 942/2011.


Tal e como consta na Comisión da Unión Europea esta sustancia “demostra efectos inadmisíbeis para o comportamento acuático… persistente, bioacumulábel e tóxico…” e insta a que deixen de comercializarse os biocidas que a conteñan. A piques de desaparecer do mercado os produtos que leven este compoñente e rematar a finais de ano a moratoria última que deu a comisión europea para eliminalo "sorprende o empeño da Xunta en seguilo a aplicar en Galicia e particularmente en 3.362 hectáreas de Rianxo cando todos os estados da Unión son avisados de que esta sustancia non se aproba e se fai un chamamento tallante a erradicalo antes de finais de ano", sinalan dende o Concello.

Información áos comuneiros de montes

O Concello de Rianxo dirixirase ás comunidades de montes do concello para informarlles desta situación e que sexan coñecedores dos efectos sinalados no produto, tendo en conta ademais que moitos dos acuíferos que dan servizo ás traídas veciñais poden ser afectados e con efectos non comprobados sobre a saúde das persoas. O que si está comprobado é que acaba coas abellas, tan importantes para a agricultura e para o proceso da vida na terra tal e como a coñecemos agora.

Tamén, en Rianxo:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Rianxo   Xunta de Galicia   fumigacións   medio ambiente   polémica  

Política: piden que a Xunta deixe de gastar 15 millóns de euros en alugueres superfluos

  • Segundo o Psoe, hai "centos" de inmobles públicos sen uso namentres se gastan 9,2 millóns de euros en alugueres en Galicia
  • Lage Tuñas pide o peche de embaixadas concertadas coa Confederación de Empresarios de Galicia, ás que tacha de "auténtico despilfarro" -4,5 millóns de euros ao ano-
  • A Xunta di que só gasta 6 millóns e volta botarlle a culpa de todo ao bipartito, tres anos despois de que deixara o goberno
Media_httpemigracionx_ibzjf

O gasto por ano da Casa de Galicia en Madrid é de 700.000 euros

Santiago, 3 de maio de 2012. O portavoz da Área institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, presentou hoxe, en rolda de prensa, unha Proposición non Lei mediante a que se insta á Xunta a realizar, antes do 31 de xullo, “un chequeo xeral dos inmobles en propiedade que dispón o Goberno galego e os entes autonómicos para que sexa remitido ao Parlamento dando conta da relación, situación e o uso actual dos devanditos inmobles.”

(download)
Audio do exposto hoxe por Lage

A iniciativa de Lage Tuñas esixe tamén revisar os contratos de aluguer de locais  que ten a Xunta asinados e que están destinados a situar departamentos e servizos da Administración autonómica, priorizando a reubicación de servizos en inmobles propiedade do Goberno autonómico ou doutras administracións públicas.

A Proposición non de Lei socialista insta tamén a abordar o peche das novas embaixadas da Xunta no exterior e buscar novas solucións para manter a presenza galega no exterior a partires da colaboración co Ministerio de Asuntos exteriores de España.

Lage
O deputado socialista xustifica a súa iniciativa no coñecemento de que a Xunta, en 2011 dispoñía unha contía superior aos 9,2 millóns de euros para sufragar os gastos derivados do aluguer de oficinas e inmobles dedicados a situar diferentes servizos da Administración autonómica. Este gasto elévase ata os 10 millóns de euros se lle engadimos os contratos derivados do que se coñece como “administración paralela”.

A maiores, engade o deputado socialista, o goberno de Feijóo gasta 6,4 millóns de euros nas súas oficinas no exterior, sen ter adoptado ningún acordo para o seu peche, a pesares dos criterios anunciados polo Goberno do Estado de reubicar estas “embaixadas” autonómicas para evitar gastos aos gobernos autonómicos.

Entre os inmobles alugados dentro da Comunidade Autónoma, salienta Lage Tuñas, que se están a pagar cantidades que non se corresponden coa realidade económica actual do país. Citou, como exemplo, os máis 4.100 €/mes de Galicia Calidade, ou os máis de 15.000€/mes de Portos de Galicia, ou o Instituto Galego de Consumo, que gasta máis de 14.000€/mes.

As embaixadas de Feijóo no exterior

O parlamentario socialista desglosou os case seis millóns e medio de euros en presenza exterior dividindo dous millóns en inmobles institucionais, dos que o Palacete da Casa de Galicia en Madrid supera os 700.000 euros de gasto, e os outro 4,5 millóns de euros corresponden ao acordo que a Xunta ten coa Confederación de Empresarios de Galicia, para ter “embaixadas abertas”.

O país non se pode permitir redes de embaixadas gastando 4.000 €/mes en Xapón, outra sede do IGAPE en Polonia, que costa máis de 3.200€/mes da que non sabemos as xestións ou o que se fixo alí, ou unha oficina en Miami cun custe de 11.000 €/mes”. Tres espazos económicos diferentes, postos de exemplo polo deputado socialista, onde “a Xunta gasta cartos públicos todos os meses” sen que saibamos “o proveito para Galicia”.

Asistimos a unha serie de decisións "graves” que afectan aos servizos públicos, que se deterioran por mor dunha política de recortes que, desde logo, insiste Lage, “esqueceu facer un chequeo xeral do Patrimonio da Administración Autonómica”. “Óptase por recortar aos empregados públicos e alí onde máis se  precisa, a Sanidade e a Educación, nos Servizos Sociais”, pero o Goberno Galego segue mantendo determinadas políticas que Galicia “non se pode permitir”, a xuízo dos socialistas.

Non é posible que sigamos mantendo centos de locais en aluguer pagando contías que en algún caso son moi onerosas”, entende Lage que “hai que facer unha revisión”. Para o deputado “cando hai que apertarse o cinto, non se lle pode pedir sempre o esforzo aos mesmos”. Son 15 millóns de euros en alugueres, das sedes dentro da Comunidade, como na rede exterior. Lage esixe un “cambio de rumbo” na política de patrimonio para “evitar o gasto improdutivo e se mellore a eficiencia económica dentro da Administración galega”.    

Nota da Xunta:

A Xunta aforra cada ano 1,6 millóns de euros en alugueiros ao rebaixar o seu custe máis dun 20% esta lexislatura

O Goberno galego conseguiu diminuír de 7,6 a 6 millóns de euros a partida anual co aproveitamento de inmobles propios e a renegociación á baixa de alugueiros

Existen alugueiros contratados polo anterior Goberno bipartito que non foi posible rescindir aínda porque teñen unha vixencia determinada e sería máis custoso resolvelos antes de tempo

Santiago, 3 de maio de 2012.- A Xunta de Galicia está a aforrar cada ano un total de 1,6 millóns de euros en alugueiros, ao conseguir rebaixar o seu custe global máis dun 20% no que vai de lexislatura en relación coa anterior. Desta maneira diminuíu a partida anual de 7,6 a 6 millóns de euros.

O Executivo autonómico conseguiu este aforro grazas á súa política de reestruturación de dependencias da Administración galega, eliminado alugueiros e aproveitando os inmobles propios e, cando isto non é posible, renegociando á baixa o custe dos mesmos; ademais de limitar ao máximo os novos contratos.

As actuacións levadas a cabo polo Goberno galego teñen como finalidade a aplicación do principio de austeridade do gasto público e proseguirán neste liña de racionalización e eficiencia durante toda a lexislatura.

Por outra banda, existen alugueiros que foron contratados polo anterior Goberno bipartito que non foi posible rescindir aínda porque teñen unha vixencia determinada. É o caso da oficina comercial en Miami, cun contrato de arrendamento de 4.725 euros ao mes realizado na anterior lexislatura e en vigor ata finais do ano 2013. A resolución deste contrato antes do seu vencemento e a firma dun novo suporía un gasto maior. Ademais, as oficinas que a Xunta tiña en Polonia e en Xapón pecháronse a comezos de 2011, polo que non se está a pagar nada en alugueiros nestes países.

A Xunta de Galicia busca unha maior eficiencia e rendibilidade, para o que traballa en coordinación co Goberno central, na posibilidade de compartir espazos comercias, sempre contando cos intereses e necesidades do tecido empresarial galego e tendo en conta a estratexia do Executivo autonómico para impulsar a internacionalización.

Alugueiros gravosos da época do bipartito
Outro caso, tamén asinado polo bipartito, concretamente en novembro de 2006, é o alugueiro da sede do Instituto Galego de Consumo (IGC), polo que supón un custe de 14.000 euros ao mes durante 15 anos. A indemnización para poder liberalo sería moi custosa para a Administración autonómica.

En canto ás dependencias de Galicia Calidade, o custe do local no que se localizaba durante a etapa do bipartito era de 3.500 euros ao mes; polo que o actual Goberno, a finais de 2010, buscou outro local, polo que paga un 40% menos, 2.100 euros, ademais de estar mellor equipado e ser máis amplo.

Respecto ás dependencias de Portos de Galicia, non só se está pagando un 23% menos que na lexislatura anterior, senón que esta diminución de custes é compatible con aumentar un 66% a superficie das instalacións ao servizo deste organismo.

Edificos públicos baleiros: e os dos partidos, tamén

Por suposto, ningún dos partidos implicados nesta lea dixo nada dos seus propios inmobles. Namentres en países avanzados de Europa os partidos non teñen oficinas de seu e empregan edificios de uso público para as súas reunións -non son tantas nin tan seguidas en cada lexislatura-, neste país tanto Psoe como PP teñen en propiedade cantidade de inmobles que están baleiros e sen aproveitar a maior parte do tempo. Nunha época na que os desafiuzamentos de familias enteiras medran exponencialmente pola mala xestión da burbulla inmobiliaria e dos desmáns dos bancos e caixas, tanto PP coma Psoe teñen pouco exemplo que darnos aos cidadáns, que nos sentimos insultados pola súa actitude de patio de recreo "e ti máis".






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   PSOE   Xunta de Galicia   iniciativas  

Política: o Psoe di que Feijóo ten "no caixón facturas e pagos pendentes dende fai máis de 7 meses"

  • ”As expropiacións dos terreos do corredor Brión-Noia seguen sen abonarse na súa totalidade dende fai dous anos. Hai confrarías de pescadores con pagos pendentes dende fai meses, e hai construtoras de obra civil que teñen pendentes o abono de certificacións dende o ano 2011. E podería seguir poñendo exemplos da realidade virtual e da propaganda semanal que difunde o Sr. Feijóo. Por iso pedimos que o Consello de Contas analice o prazo medio dos pagos da Xunta de Galicia aos proveedores e sociedades que teñen vínculos contratactuais coa administracción pública”, denunciou hoxe Lage Tuñas.
  • Aprobadas en comisión 7 das 8 recomendacións propostas polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia para o traballo do Consello de Contas
  • Piden que haxa unha "fiscalización exhaustiva por parte do Consello de Contas sobre o prazo medio de pago da Xunta a proveedores, empresas e particulares"
  • Lage Tuñas: "As Deputacións non foron concibidas para adicarse a criar cabalos senón para axudar aos concellos", sobre as administracións paralelas
  • O deputado socialista recrimínalle a Feijóo que vaia de "campión do déficit, con anuncios trampa, cando se agochan facturas no caixón"

Lage_tuas-pleno_do_parlamento-
Noia, 23 de marzo de 2012. O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista José Manuel Lage defendeu hoxe oito propostas de recomendación para os traballos de fiscalización anual que fai o Consello de Contas e recriminou a Núñez Feijóo que “non se pode ir de campión do déficit, con anuncios trampa, cando se meten facturas no caixón dende fai máis de sete meses. Por iso pedimos unha fiscalización exhaustiva por parte do Consello de Contas sobre o prazo medio de pago a proveedores de servizos e sociedades con contratos coa Xunta”.

Os socialistas conseguiron sacar adiante sete das oito propostas feitas, entre as que se inclúen “a fiscalización dos contratos de subministros e tecnoloxía do Sergas, un informe sobre o abuso da contratación na administracción polo procedemento negociado sen publicidade ou un estudio sobre a dimensión do sector público autonómico”.

Pagos a empresas e particulares pendentes dende fai meses

Destaca nas recomendacións ao Plan Anual de Traballo do Consello de Contas “que se faga fincapé nos prazos medios de pago a provedores por parte da Xunta e das súas sociedades, dentro dos traballos anuais de fiscalización do conxuntos do sector público autonómico.”

Lage Tuñas salientou sobre este punto que mentres o presidente Feijóo insiste nas súas comparecencias semanais en que os pagos a provedores están nun nivel aceptable, en realidade existen atrasos de ata sete meses nos pagos a confrarías, a empresas de construción ou a particulares á espera de que se lles satisfagan as expropiacións. “Non se pode ir de campión do déficit e meter as facturas no caixón”, criticou o deputado socialista.

”As expropiacións dos terreos do corredor Brión-Noia siguen sin abonarse na súa totalidade dende fai dous anos. Hai confrarías de pescadores con pagos pendentes dende fai meses, e hai constructoras de obra civil que teñen pendentes o abono de certificacións dende o ano 2011. E podería seguir poñendo exemplos da realidade virtual e da propaganda semanal que difunde o Sr. Feijóo. Por iso pedimos que o Consello de Contas analice o prazo medio dos pagos da Xunta de Galicia aos proveedores e sociedades que teñen vínculos contratactuais coa administracción pública”, explicaba hoxe Lage Tuñas.

Outra das recomendacións socialistas aprobadas insta ao Consello de Contas a facer unha labor de análise sobre os procedementos negociados sen publicidade utilizados pola Administración autonómica no seu funcionamento e contratación de obras e servizos. Lage Tuñas xustifica o necesario control do abuso das contratacións polo procedemento negociado sen publicidade “xa que se está restrinxindo a competencia entre empresas e impedise na práctica a concurrencia de pequenas e medianas empresas á licitación de obras e servizos da Administración autonómica.”

Lage ademais de recoñecer os esforzos do órgano fiscalizador para presentar un informe anual do grao de cumprimento polas administracións públicas galegas das recomendacións do Consello de Contas recordou que “seis de cada dez recomendacións do Consello de Contas non se cumpren de forma plena polo Executivo galego. Por iso insistimos no cumprimento das recomendacións do Consello de Contas”.

Fiscalización dos entes das Deputacións Provinciais

Tamén se trasladará ao Consello de Contas a recomendación de incluír aso entes ou organismos dependentes das deputacións provinciais. Insistiu neste sentido José Manuel Lage en que, ao igual que sucede coa autonómica, se poña o foco sobre a Administración paralela das deputacións.

Lage Tuñas advirteu que “as Deputacións Provinciais non foron concebidas para adicarse á cría de cabalos, e si para prestar asistencia e axuda aos concellos”.

Non ten sentido que na provincia de Pontevedra haxa alomenos catro operadores públicos de xestión do solo industrial, Xestur-Pontevedra (Xunta de Galicia), SEA (Suelo Empresarial del Atlántico-85%Estado-15% Xunta), SEPES (Estado), IPESPO (Deputación de Pontevedra)”, abondou Lage Tuñas na comisión do Consello de Contas.

A Deputación de Pontevedra por exemplo creou o IPESPO, cando xa existían tres operadores de xestión do solo empresarial na provincia: ten algún sentido? Pois eu penso que se deben fiscalizar os entes creados polas deputacións provinciais e ver se a súa creación responde aos fins para os que foron concebidas as Deputacións Provinciais”, remachou o deputado socialista José Manuel Lage Tuñas.

Tamén se aprobou por acordo unánime dos grupos presentes que a Comisión inste ao Consello de Contas a continuar aproximando os informes da Conta Xeral ao exercicio en curso.

Os socialistas tamén lograron incluír no lote de recomendacións a avaliación dos procesos de contratación de subministros e tecnoloxía dos centros hospitalarios pertencentes á rede do Servizo Galego de Saúde.

Racionalizar o sector público autonómico

O Consello de Contas tamén recibirá a instancia dos socialista a recomendación de que inclúa na súa tarefa unha análise pormenorizada da dimensión do sector público institucional, concretamente a avaliación da razón de ser de cada unhas das entidades públicas instrumentais e se cumpren ou non o fin para o que foron creadas, así como a orixe do seu financiamento.

Preténdese con isto, afirma Lage Tuñas, ter un estudio serio para dimensionar ben o sector público autonómico. Considera “que hai moitos organismos públicos que non cumpriron coa espectativa coa que foron crearon. É preciso unha racionalización do sector público autonómico en base ás necesidades que ten o noso País, eliminando duplicidades e dotándonos dunha administración forte e áxil na resposta aos problemas dos cidadáns”.

NEGATIVA DO PP A FISCALIZAR O TRANSPORTE ESCOLAR

A única recomendación que non acadou o apoio do Grupo Popular foi a relativa ó encargo ao Consello de Contas dun estudio sobre o financiamento do transporte escolar e a eficiencia dos recursos públicos dedicados a este fin.

Lage Tuñas non entende o motivo polo que “alguén se pode negar a que se avalíe e fiscalice os contratos dos servizos de transporte escolar para avaliar a súa eficiencia e as melloras que sexan necesarias” para o cumprimento dun servizo. Lage considera, sen embargo fundamental que se revisen os contratos “en función do actual mapa escolar de Galicia e das necesidades da comunidade educativa”.

(download)



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Lage Tuñas   Noia   Parlamento de Galicia   Xunta de Galicia  

Noia: o alcalde vaise dun acto do conselleiro de Infraestruturas "pola súa falla de educación"

  • A Xunta emprega o servizo de prensa do conselleiro para botarlle a culpa do retraso da variante aínda ao Bipartito (que gobernou por última vez en 2009, hai tres anos) nun acto no que, en teoría, víñanse a presentar os colectores de saneamento
  • Non se deu nin chío do que está a pasar co castro de Taramancos, un xacemento de primeira magnitude que está totalmente silenciado e por enriba do cal pasará un viaduto da variante
  • A variante tiña que estar rematada en xullo deste ano, segundo os pronósticos da mesma Xunta que a licitou. Agora o conselleiro Hernández fala de 2013 e sen concretar sequera o mes. A obra está a realizala Puentes y Calzadas, unha empresa para a que traballou este conselleiro do goberno de Núñez Feijóo dende setembro de 2006 ata marzo de 2008, segundo datos do Rexistro Mercantil

(download)
Nas imaxes que facilitou a Xunta vese ao alcalde. Durou apenas cinco minutos no acto

Noia, 20 de marzo de 2012.- Novo choque entre administradores por causa das obras en Noia. Desta volta, entre o administrador da consellería de Infraestruturas, Agustín Hernández (PP), e o administrador do Concello de Noia, Rafael García Guerrero (PSOE). Ante os ataques á xestión do bipartito na Xunta, que deixou de gobernar hai tres anos (cumpríronse neste mes de marzo), o rexedor noiés foise do acto de presentación, como explicou nun twitt "pola falla de educación do conselleiro Agustín Hernández". Aínda que ao primeiro se deron a man e todo, como se visualiza na imaxe, o alcalde, en declaracións a este xornal, explicou que "ante o uso partidista dun acto institucional e ante o mínimo respecto e consideración entre administracións houben de abandonar o acto. Á miña persoa poden faltarlle ao respecto, pero non podo consentir o máis mínimo desprezo á institución que represento por parte de quen confunde as institucións coa súa eira privada".

Variante de Noia: moito respeto aos moluscos e pouco ao patrimonio

Segundo a nota da Xunta, "a execución dos tres viadutos da Variante de Noia, e que supoñen un 88% da infraestrutura, avanzan a bo ritmo. Sobre o viaduto que cruza a ría dende o Porto do Testal ata A Barquiña, o o de maior envergadura, manifestou que se iniciaron os traballos de cimentación e que se están a executar os pilotes.

As obras avanzan co ritmo normal e apropiado a este tipo de construcións, sen deixar de lado as medidas de control ambiental necesarias e programadas. Recordou que dende o inicio das obras se manteñen controis (a través de postes oceanográficos e turbidímetros) na ría, sen que se detectara ningún dato negativo de cara ao cultivo de moluscos. A Xunta mantén contactos coa Confraría de Pescadores de Noia e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños; e autorizouse un convenio de colaboración para compensar a afección aos recursos marisqueiros". Nembargantes, Hernández non aludiu en ningún momento ao que vai suceder co xacemento do castro de Taramancos, que é atravesado polo viaduto da variante e cuxos restos a un e outro lado da nova vía son numerosos. As escavacións paralizáronse e o Concello de Noia -así como todos os galegos aos que se nos deben explicacións pois un castro é patrimonio de todos- segue sen recibir unha memoria sobre o que alí se atopou, quen o atopou e onde pensan conservalo.


Unha variante que fai unha empresa "amiga"

A Xunta de Galicia adxudicou as obras da Variante de Noia por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U. Segundo explicou no seu día o xornal El País, Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas, traballou para esta empresa que está a facer a variante de Noia. Para que non se producisen estas fichaxes escandalosas e faltas de toda ética de cargos públicos por parte de empresas privadas, tivo que ser o Bipartito que tanto denosta agora Agustín Hernández, o que sacase un decreto que impedise que antes de 24 meses -igual que a lei estatal- se producisen estes contratos que evidencian -e segue a suceder en todos os partidos políticos- pagos de favores entre empresas concesionarias e administradores dos cartos públicos.

Dobre raseiro de Patrimonio

Como ben se explica no blog "Que pasa en Noia", namentres Patrimonio anda desaparecido no que respecta aos achádegos de Taramancos, buleu rápido para parar a obra dos colectores que presentou esta mañá o conselleiro, pois hai no proxecto unhas tubaxes de cores que afearían a ponte de San Lázaro e a de Noia.

Solución ao tráfico, disque

Namentres a Xunta de Galicia se farta de vender que "esta vía suporá eludir o paso polo núcleo de Noia, onde existe unha elevada intensidade de tráfico e circulación de vehículos pesados. A posta en servizo deste tramo mellorará as comunicacións do eixo Santiago-Brión-Noia e, polo tanto, a poboación directamente beneficiada por esta infraestrutura é de máis de 40.000 persoas, que actualmente viven na comarca", veciñanza e técnicos non relacionados con partido político algún dubidan desta solución aos atascos que se producen sobre todo nas fins de semana do verán. Todo dependerá das canles de evacuación de vehículos en forma de rotondas que finalmente se constrúan e a ubicación destas, para que non se produzan colos de botella.

Datos da obra dos colectores: lío en Movex Vial

As obras da primeira fase dos colectores de Noia contan cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros e que leva a cabo a UTE Movex Vial, S.L. & Abeconsa S.L.U. As actuacións teñen un prazo de execución de 36 meses. Na actualidade xa se ten certificado un 23%.

Xusto hoxe coñeceuse a dimisión do presidente de Movex Vial -empresa viguesa-, Javier Carrera, tras 23 anos no cargo. Segundo explicou el mesmo, faino para salvar a boa imaxe da súa empresa logo de que se insinuara en dous medios de comunicación que tiña relación coa Operación Campeón -toda a información en Galicia Confidencial- e, en concreto, coa adxudicación masiva de obras do Plan E en Vigo.

A actuación dos colectores noieses pretende dar unha solución aos problemas que existen en época de chuvia, posto que a rede de sumidoiros existente é unitaria nun 95 por cento, só o Casco Histórico conta con rede separativa. Esta rede de colectores presenta graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións; treitos en contrapendente; bombeos inutilizados; colectores por praias ou marxes da ría e algún vertido directo do efluente da EDAR á costa sen condución de vertido.

Concretamente, as actuacións constan das seguintes infraestruturas:

COLECTORES RESIDUAIS
COLECTOR SEPARATIVO DE PLUVIAIS
Colector interceptor norte
Colector interceptor sur
2 colectores (423 m.)
10 colectores (2.888 m.)

1.656 m. de tubaxe en 17 treitos

1 bombeo para 41 m3/h.
5 bombeos

453 m. tubaxe impulsión

1.108 m. tubaxe impulsión





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Noia   Xunta de Galicia   polémica   variante  

Natureza: Adega pide sentidiño nas batidas do lubicán en Barbanza

  • Solicitan á Xunta que as batidas de híbridos entre lobo e can asilvestrado sexan en morte e nunca a cargo de cazadores
Media_httpfarm7static_bicec

 

7 de marzo de 2012. Perante o recente anuncio por parte de Medio Ambiente de levar a cabo diversas batidas nos montes do Barbanza para neutralizar a ameaza xenética que supoñen os lobos híbridos para o lobo galego de pura raza, ADEGA esixe que se leven a cabo exclusivamente por parte de persoal especializado e co asesoramento de recoñecidos expertos denantes de permitir que sexan os cazadores os encarregados de "extraer" os exemplares. "Asemade, e na medida do posible -continúan os ecoloxistas- deberíase evitar sacrificar dos híbridos capturados, procurando usar métodos selectivos e extremando o coidado para minimizar os impactos sobre as mandas do Canis lupus signatus en época de cría. As intervencións non deberían significar que ao cabo, remataran pagando "xustos por pecadores". A hibridación é unha ameaza máis para a especie, xunto coa caza furtiva, o veleno e a perda dos hábitats naturais e das prácticas agrogandeiras tradicionais. Esta é para ADEGA unha razón máis para elevar o estatus do lobo a especie protexida: non está o lobo xa suficientemente ameazado?   Coñece ao noso lobo (591 Kb)"

Situación do lobo

Segundo explica Adega, na Península Ibérica o número de lobos reprodutores sitúase, segundo diversas estimacións, entre 450 e 600 exemplares, sobre un total duns 2000 individuos. O mesmo estatus ecolóxico do lobo, o de super-predador, teno a aguia imperial ibérica (Aquila adalberti) con arredor de 350 parellas reprodutoras. Porén, a aguia imperial está considerada en perigo crítico de extinción e está estritamente protexida, mentres que o lobo pode matarse legalmente todo ao N do río Douro, cazándose regularmente en Castela e León e Galicia.

Ao contrario do que ocorre noutras partes de Europa e América do N, as poboacións ibericas de lobo están moi fragmentadas, o que supón unha dificultade engadida para a pervivencia da especie. O intercambio xenético entre poboacións lobeiras de Lugo e Asturias por exemplo, é menor que entre lobos canadianos de mandas separadas 1000 Km. Con todo, a hibridación é un fenómeno pouco frecuente e adoita producirse en zonas marxinais dos núcleos lobeiros nas que os lobos son escasos e os cans asilvestrados numerosos. É precisamente nestas áreas, coma O Barbanza, onde ademáis prodúcense maior número de ataques ao gando. Gran parte destes ataques son responsabilidade dos cans asilvestrados e non dos lobos, como apontan estudos recentes da estación biolóxica de Doñana. Por iso dende ADEGA pregúntanse: "de quen é a responsabilidade da presenza de cans asilvestrados nos nosos montes? Son todos os ataques ao gando atribuíbeis aos lobos? No Reino Unido, 40.000 ovellas morren todos os anos por ataques de cánidos... e non hai nin un só lobo nas illas!"

Para ADEGA a solución non pasa por incrementar as batidas: "é probable que por cada híbrido que se cace morran moitos máis lobos puros. De ser necesario facer extraccións, debería actuarse sempre sobre exemplares concretos e exclusivamente a cargo da gardería e persoal especializado, nunca dos cazadores. Sabemos que nas batidas autorizadas este verán no Barbanza, o rigor foi mínimo e matáronse máis lobos dos declarados. Non pode a hibridación ser utilizada como escusa para cazar indiscriminadamente á ao lobo e de paso, aforrar os ridículos) custos das indemnización por ataques. É isto facer unha correcta "xestión" da especie?".

Medio Ambiente: rexeitan a nova Lei de Caza da Xunta



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   Xunta de Galicia   natureza  

Medio Ambiente: asociacións ecoloxistas, rurais e forestais rexeitan a nova Lei de Caza "por cederlles a xestión do monte aos cazadores"

6 de marzo de 2012. Logo de ter revisado polo miúdo o borrador da nova Lei de Caza sometido a información pública, ADEGA, FRUGA e a ORGACCMM vense na obriga de solicitar á Xunta a retirada do actual documento. Trátase, segundo din a tres asociacións, "dunha norma feita por e para os cazadores, que minimiza o papel da administración, xeralizando a discrecionalidade e entregando a xestión da fauna cinexética aos cazadores máis cavernícolas en detrimento doutros sectores e da sociedade en xeral". O borrador do PP, "cociñado por dous avogados de Silvanus cun custo de 49.000€ é en esencia similar á lei de 1997, convintemente retocada para "liberalizar" a caza e reducir o papel da administración a mera tramitadora de permisos". Fronte a este despilfarro, ADEGA encarregou a Martiño Nercellas, biólogo especialista en xestión cinexética, unha proposta de nova Lei_de_Caza_(495 Kb) dende a sustentabilidade, que queren achegar aos grupos políticos "con custo 0 para a facenda pública".

Media_httpfarm6static_ufdzd

Consideracións xerais ao actual borrador da Lei de Caza

Lamentábel folleto sobre a caza da Federación Galega de CazaSegundo estas asociacións, "a exposición de motivos da lei non logra xustificar a necesidade de promulgar unha nova norma e derrogar a actual lei de 1997, existindo unha clara contradición entre os motivos presentados como necesarios para crear unha nova lei e o seu articulado. De feito, a maioría dos artigos do novo anteproxecto son similares á actual lei de caza e as modificacións introducidas perseguen a consecución dun novo modelo cinexético, a limitación da responsabilidade da Xunta polos danos do porco bravo e a maior facilidade para efectuar o control desta especie recorrindo á excepcionalidade como norma, ademais de introducir rebaixas normativas que permiten entregarlle de feito a xestión da caza a unha parte dos grupos de interese da actividade cinexética (neste caso os cazadores e máis en concreto a Federación Galega de Caza").

A nível de detalle salientan como aspectos a ter en conta:

  • É unha lei feita por e para os cazadores en exclusiva, esquecendo a administración que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte o mesmo territorio con outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros usos que se poidan dar no mesmo tempo e lugar.
  • Existe unha usurpación dos dereitos de propiedade. A cesión do aproveitamento establécese nun mínimo de dez anos, chegando a falar de prórrogas indefinidas da cesión do aproveitamento cinexético. A persoa propietaria ou titular que non queira ceder o aproveitamento cinexético, ten que soportar o custo de sinalización da súa propiedade. Portanto, existe un claro prexuízo das persoas propietarias en beneficio das persoas cazadoras.
  • As rebaixas e recurtes introducidos fan referenza ás obrigas dos cazadores, ás obrigas da administración, á redución na seguridade, á participación da sociedade na regulación da actividade cinexética e á rebaixa na idade mínima para poder cazar que se establece en 14 anos.
  • Hai unha redución nas medidas de seguridade das persoas, tanto as participantes na actividade cinexética como as terceiras (persoas que non participan na actividade cinexética, pero desenvolven outras actividades no medio onde se realiza o aproveitamento cinexético); chegando incluso a permitirse que o xefe territorial poida, con carácter discrecional, deixar sen efecto as limitacións en materia de seguridade vinculada a camiños e vivendas.
  • Elimina a participación e o control da sociedade na regulación da actividade cinexética. Neste sentido a nova norma elimina do Comité Galego de Caza e dos Comités Provinciais de Caza aos grupos ecoloxistas, representantes das persoas propietarias, universidades e investigadores (presentes na actual lei de caza), non incorpora unha representación de axentes, gardas e vixiantes de caza e deixan tan só á administración e a cazadores como integrantes destes.
  • Autoriza de forma discrecional competicións de caza fóra do período hábil, o que na práctica permite que se poida estar cazando todo o ano.
  • Permite dentro de espazos naturais protexidos a declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior en superficies maiores de 500 has.
  • Elimina a obriga de que os TECORES tiñan de ter contratado un servizo de vixianza.
  • Introduce a caza en tobo, unha modalidade de caza moi cuestinada polas súas repercusións tanto ás especies cinexéticas como aos cans de caza.
  • Introdúcense infraccións ficticias (penalizar á persoa propietaria que espante a caza presente nas súas terras dentro do desenvolvemento dunha cacería) que teñen por obxecto disuadir aos movementos cívicos que se opoñen á actividade cinexética na súa propiedade.

Carencias:

Cartaz da Feira Venatoria de 2912, exemplo do sexismo máis rancioEntre as principais carencias consideran:
  • Non se fala nada sobre o fomento de prácticas de mellora de hábitats ou de pureza das especies cinexéticas, nin da certificación de calidade nin de axudas a estes aspectos, perpetuando a diminución e abandono das especies de caza menor.
  • Non concreta a capacidade dos axentes facultativos de medio ambiente para inspeccionar vehículos relacionados coa actividade cinexética.
  • Non menciona a necesidade de formación dos axentes en materias relacionadas coa actividade cinexética.
  • Non especifica a prohibición de repetir mancha nunha mesma tempada en coutos de caza maior abertos (art. 38, apartado k da Lei de Caza de Extremadura).
  • Non recoñece a necesidade de expoñer as xustificacións e os datos científicos que respalden as solucións adoptadas cando se pretenda deixar sen efecto as prohibicións previstas na propia lei, especialmente no relativo ao control dos danos do porco bravo.
  • Non se fala nada da necesidade de autorizar e controlar as soltas e repoboacións de especies cinexéticas polo órgano competente, para velar pola pureza xenética das especies e para evitar a propagación de epizootia, especialmente relevante na caza menor (art. 3.3. da Lei de Caza do País basco).
  • Necesidade de articular un sistema eficaz de rexistro do rendemento de capturas en TECORES de caza maior, anualmente (“censo de caza”, no art. 8 da Lei de Caza do País Basco). Debe existir un artigo específico que concrete a obriga dos TECORES a proporcionar información veraz e detallada da relación de especies e capturas, alén da obrigatoriedade das memorias anuais. A consellería competente debería elaborar anualmente un Rexistro de Rendemento Cinexético en base ás memorias que cada ano lle presenten os TECORES. Este rexistro debe ser de consulta e uso público.
  • Non se inclúe un artigo específico sobre a capacidade da administración competente de vedar un TECOR atendendo á necesidade de conservación das especies debido a circunstancias de especial incidencia sobre a fauna (incendios, por exemplo) (ver art. 16.7. da Lei de Caza do País basco).
  • Non se condiciona a declaración e aprobación dun TECOR societario a que a sociedade que o impulsa presente un contrato de responsabilidade civil e un contrato de gardería cinexética, para visar ao comezo da explotación do couto.
  • Non hai unha forte vinculación entre o aproveitamento cinexético coa sustentabilidade ambiental e coas normas vixentes en conservación da natureza.
  • Non hai unha soa referenza á Reserva Nacional de Caza de Ancares, unha figura que se rexe por unha norma estatal dos anos sesenta e que precisa incorporarse á normativa autonómica.
  • Non hai referenza a unha prevención activa que os danos das especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes). Hoxe en día esta é unha das principais facetas que ten que resolver unha nova lei de caza, e na redacción actual está completamente ausente (tanto na planificación como na xestión).

En resumo, para estas tres asociacións o texto do anteproxecto presentado "parece máis unha encomenda “ad hoc” das persoas cazadoras que un proxecto de lei que mira polo interese xeral. Neste sentido é preciso denunciar á rebaixa nas obrigas de cazadores e administración en detrimento do resto da sociedade, que é a gran prexudicada".

Por todo o expresado con anterioridade, as organizacións asinantes deste documento expresan "o total rexeitamento das nosas organizacións ao anteproxecto da Lei de Caza, e pedímoslle á Xunta a paralisación do proceso e a retirada do actual borrador para iniciar un novo procedemento transparente, participativo, coherente e rigoroso".

Compostela, marzo de 2012

ADEGA, FRUGA e ORGACCMM



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Adega   Xunta de Galicia   caza  

Infraestruturas: licitadas as obras de arranxo de 30 quilómetros da AC-550 entre Noia e Pobra do Caramiñal

  • Afecta entre o punto quilométrico 73+250 e o 103+500 e mellorarase o estado do firme
  • A Xunta di que beneficia aos preto de 63.000 veciños dos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira e Pobra do Caramiñal

Media_httpfarm8static_ugsci

Barbanza e Noia, 4 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitou onte por 1.347.821,84 euros as obras de rehabilitación do firme da estrada Cee-Ribeira (AC-550), ao longo de 30 quilómetros.

O obxectivo destas obras será mellorar as condicións de comodidade e seguridade da estrada mediante a reparación do firme, debido ao elevado desgaste do mesmo. As obras levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 73+250 e 103+500; coa fin do conseguir unha execución mais áxil dividíronse as actuacións en dous subtreitos: desde o PK 73+250 (Noia) ao 84+000 (intersección coa CP-7101 a Nebra), cun orzamento de 657.302 euros, e do PK 84+000 ao 103+500 (Ribeira), cun investimento de 690.519 euros.

A reposición da capa de rodadura permitirá mellorar as condicións de conservación do vial. A actuación complementarase coa reposición das marcas viarias horizontais e de sinais verticais.

A Xunta analizou o estado do pavimento en cada un dos treitos, e concluíuse que nas zonas de travesía a capa de rodadura atópase moi deteriorada, polo que non será posible selar o pavimento e será necesario realizar un fresado e eliminar a capa de rodadura de todo o carril de circulación, para posteriormente repoñer o firme eliminado estendendo unha nova capa de mestura bituminosa.

Fora das travesías, realizarase un fresado e reforzo do firme das zonas agretadas, e estenderase posteriormente un microaglomerado en frío para mellorar as características superficiais do firme. O fresado aplicarase en anchos mínimos de 1,5 metros para asegurar unha compactación óptima.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Xunta de Galicia   infraestruturas   obras  

Rianxo: a Xunta declara Ben de Interese Cultural Inmaterial o conxunto da obra de Castelao

Media_httpfarm7static_sgfan

Monumento a Castelao na carballeira de Santa Susana en Santiago

Rianxo, 23 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta vén de declarar BIC inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia". Esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras.

A Consellería de Cultura e Turismo enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural. Esta é a primeira declaración de BIC inmaterial de Galicia e a primeira declaración de Ben de Interese Cultural relativa ao conxunto da obra dun autor.

A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento. A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista. Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por resolución do 28 de xuño de 2011, incou o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego. Ao día seguinte da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 136 de 15 de xullo) abriuse o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás que se da resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (departamento de historia contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento.

Deste xeito, esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras. Asemade, ordénase a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da devandita resolución de incoación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.

Media_httpfarm5static_hcjcf

Máscara orixinal de "Os vellos non deben namorarse"

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, en Europa e América.

Documentación e localización da obra
Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outros 15, aos que hai que sumar 2 gravados.

Contradicións

Namentres se declara BIC a súa obra, a Fundación Castelao segue sen ter unha sede decente (agora ten un minipiso en Santiago) e os cidadáns galegos que desexen ver o seu panteón en Bonaval teñen que someterse aos horarios que poña a Curia Compostelana, dona do recinto onde repousan os restos de Castelao, Rosalía e outros sobranceiros personaxes galegos. Algo incomprensible nun país teoricamente avanzado, democrático e aconfesional.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   BIC   Castelao   Rianxo   Xunta de Galicia  

Sanidade: a Xunta asegura que garante a cobertura sanitaria a toda a poboación, incluídos os desempregados de longa duración

  • O Sergas alerta dun falso documento nas redes sociais "que está a ser utilizado para confundir á poboación"
  • Asegura tamén o goberno de Feijóo que o Bng minte
  • A CIG deu unha versión totalmente distinta o pasado 18 de novembro
  • Mesmo Anonymous se pronunciou ao respecto nun vídeo
  • Unha petición en Internet (Actuable) leva case 80.000 sinaturas para pedir que non bloqueen as tarxetas aos parados de longa duración
Media_httpfarm6static_apgqk

Barbanza-Noia, 23 de novembro de 2011.- Ante a alarma suscitada estes días e que comprobamos persoalmente en Certo ante numerosos comentarios e noticias sobre o mesmo asunto -antes pero sobre todo despois das eleccións do 20N-, a Xunta informou esta mesma tarde que "Galicia é a única Comunidade Autónoma que garante de oficio a asistencia sanitaria a desempregados de longa duración e persoas sen recursos. Coa publicación en setembro da Orde da Consellería de Sanidade, Galicia anticípase 4 meses a unha medida do Goberno de España para garantir a asistencia sanitaria a estes dous colectivos. A Orde publicada polo Goberno galego beneficia aos parados que teñan esgotada a súa prestación de desemprego, así como aos que a Seguridade Social lles retirara a prestación sanitaria".

Din que o Bng minte

"O BNG continúa mentindo sobre a sanidade pública en Galicia, cortando frases e sesgando textos oficiais, algo que o seu portavoz parlamentario debería evitar, na defensa do rigor. Só teñen que presentar documentación para acceder a unha tarxeta do Servizo Galego de Saúde as persoas procedentes de fóra de España que se declaren sen recursos e que non tiveran tarxeta sanitaria con anterioridade, por exemplo, os estranxeiros que non acrediten residencia oficial aquí", replica a Xunta.

Alerta dunha falsa circular nas redes sociais

Continúa a nota oficial da Xunta co seguinte: "Ademais, coa fin de tranquilizar á poboación, o Servizo Galego de Saúde manifesta que non emitiu ningunha “Circular informativa sobre a cobertura sanitaria”, na que se virten unha serie de aseveracións completamente falsas, sobre a medida posta en marcha pola Consellería de Sanidade, mediante a que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego. Dito suposto documento está repleto de informacións malintencionadas que o único que pretenden é confundir á opinión pública.

Polo tanto, o Sergas quere alertar da existencia deste falso documento nas redes sociais, que ten o único fin de crear alarma, e co que a Administración Sanitaria Galega non ten vinculación algunha; e desminte rotundamente calquera vinculación das unidades de xestión de tarxeta sanitaria co mesmo".

Os galegos non teñen que asinar ningún compromiso de pago

Como xa se reiterou en múltiples ocasións, ningún galego terá obriga de firmar ningún compromiso de pago para acceder á asistencia sanitaria. Deste xeito, ao igual que no resto dos servizos sanitarios de España, as únicas persoas que teñen a obriga de acreditar un compromiso de pago serán exclusivamente as persoas que queiran ser atendidas no Sergas cando teñan a cobertura realizada por mutuas particulares ou os estranxeiros que non acrediten dereito á súa atención sanitaria coa Tarxeta Europea ou documento acreditativo preceptivo.

Mensaxe de tranquilidade

O Servizo Galego de Saúde reitera a súa garantía de que ningunha persoa sen recursos quedará sen asistencia sanitaria en Galicia, e que todas as persoas sen recursos terán dereito a asistencia sanitaria.

Petición en Actuable:

http://actuable.es/peticiones/dile-al-presidente-la-xunta-desbloquee-tarjeta

Vídeo de Anonymous falando do asunto:


Versión da CIG radicalmente oposta á da Xunta

A nova na web do sindicato nacionalista:

A Xunta de Galiza deixa sen atención sanitaria as persoas con menos recursos e os/as desempregados/as

A Unión Comarcal da CIG da Coruña denuncia o caso dunha muller, desempregada de longa duración, á que a Consellaría deixou sen médico de cabeceira e sen acceso á súa medicación
A CIG visibilizou publicamente esta mañá en rolda de prensa as consecuencias que as políticas de recorte e privatización da sanidade pública iniciadas polo Goberno da Xunta do PP están a ter. A Unión Comarcal da CIG da Coruña fíxose eco do caso dunha muller, desempregada de longa de duración, á que lle denegaron, sen previa comunicación, o acceso á consulta e á asistencia farmacéutica gratuíta logo de que o SERGAS lle desactivase a súa tarxeta sanitaria por ser unha persoa sen recursos económicos.

Mercedes Amaral, que se atopa en situación de desemprego de longa duración e carece de ningún tipo de prestación económica, acudiu, como noutras ocasións, a pedir cita co seu médico de cabeceira. Para a súa sorpresa, no centro de saúde informáronlle que non tiña dereito á consulta porque a súa tarxeta sanitaria fora desactiva e figuraba de baixa na Seguridade Social. A maiores, Mercedes Amaral está recibindo tratamento por depresión e estrés. Un tratamento ao que agora non pode acceder porque ten denegada a asistencia farmacéutica gratuíta. Para poder mercar as súas medicinas, Mercedes tivo que solicitar a axuda dunha ONG.

Así o denunciaba esta mañá en rolda de prensa a propia afectada. O seu caso chegou á CIG a través de Mertxe Carrión, delegada da central sindical en Cáritas, e á que Mercedes Amaral se dirixiu para exporlle a súa grave situación. Porén non é o único caso, xa que en Galiza, nestes momentos existen 65.000 familias sen recursos que dende o pasado 10 de setembro poderían ter quedado sen dereito á sanidade pública.

Esta situación vén xerada pola Orde da Consellaría de Sanidade, publicada no DOG do 9 de setembro, que, xunto co protocolo de traballo remitido aos centros de saúde e hospitais, “regula” o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes (PSR) e as persoas desempregadas (o chamado código 29). Segundo este protocolo, o Goberno do PP deixa as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta sen dereito a ter médico asignado, a poder ser citados e a ter prestación farmacéutica. Só se lles recoñece dereito á asistencia de urxencia e emerxencia. Neste caso daráselle unha alta rápida como “privado” e obrígaselle a asinar un compromiso de pago da asistencia realizada.

“En nome da crise financeira e a suposta austeridade, a Xunta está a xustificar a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público”, denunciaba durante a comparecencia para os medios a Secretaria de Organización da CIG da Coruña, Dores Martínez Castelo, quen subliñou o “carácter desolador e inhumano” destas políticas de recortes que “de xeito calado está a levar a cabo o Goberno galego”.

A este respecto lembrou a redución en 237 millóns de euros dos orzamentos destinados á sanidade pública, o incremento dos concertos cos centros privados, a entrada de capital privado para o financiamento dos novos hospitais, a redución de consultas e actividade nos quirófanos na quenda de tarde (incrementado así as listas de espera), a redución de persoal sanitario mediante a non cobertura de baixas e xubilacións (minguando deste xeito a calidade asistencial), “e agora, ademais, a Xunta publica un decreto que nega o carácter universal da sanidade”.

Aplicación inmediata

O proceso de aplicación deste novo protocolo de xestión a PSR e persoas desempregadas estase realizando sen comunicación previa e ten unha acción inmediata, apuntaba a Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, María Seijo. Todas as persoas que carezan de recursos económicos suficientes e os desempregados/as que leven máis de 12 meses en paro terán que solicitar a tarxeta como PSR para poder utilizar os servizos sanitarios públicos en condicións de universalidade e gratuidade. No caso das persoas que se atopen en situación de desemprego pero que tivesen estado de alta como traballador/a en activo con dereito á asistencia nos doce meses anteriores poderán solicitar o recoñecemento á asistencia como Código 29.

Non obstante, a tarxeta como PSR ten un procedemento de tramitación de entre oito e dez meses. Nese tempo, matizaba Seijo, as persoas demandantes permanecerán sen dereito á sanidade pública. “Coa desculpa de realizar un trámite de ordenamento dos colectivos con dereito á prestación sanitaria, a Xunta o que vén de facer é deixar desprotexidos aos colectivos máis febles e desfavorecidos”. A este respecto, a responsábel da CIG-Saúde criticaba o deshumanizador do procedemento, posto que en ningún momento as persoas afectadas foron informadas desta situación, senón que teñen coñecemento da mesma cando queren utilizar algún servizo médico.

De feito, subliñou, o SERGAS nin sequera informou desta nova orde a o colectivo de traballadores e traballadoras da sanidade, que quedaron estupefactos/as no momento de coñecela. 

Así mesmo, Mertxe Carrión subliñou que as persoas que quedan sen dereito á sanidade vense na obriga de ter que acudir a organizacións sociais e ONGs para poder continuar coas medicacións que estaban tomando ou recibir algún tipo de asistencia básica. Ademais, lembrou que, segundo as tarifas publicadas polo SERGAS, o acceso a unha primeira consulta no sistema pública está estabelecida en máis de 60 euros.

Ante esta vulneración dos dereitos básicos e a ruptura dos principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública, dende a CIG lanzouse unha chamamento á cidadanía para que reaccione e se mobilice en contra duns recortes que baixo a escusa da crise só buscan favorecer á sanidade privada e as empresas que a xestionan. Fronte a isto, a CIG lembra que a propia Constitución española recoñece o dereito a saúde e a propia Lei de Saúde de Galiza estabelece o dereito a atención sanitaria con cargo a fondos públicos e con cobertura universal. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Sergas   Xunta de Galicia   sanidade  

Cinema: a Rede Cemit da Xunta convoca un concurso de curtas co móbil para estudantes de ESO e Bacharelato

  • O prazo de inscrición iníciase hoxe, 15 de novembro, e establécese o 29 de febreiro como data límite para a recollida de curtametraxes

  • O obxectivo é espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, ato tempo que se fomenta o traballo en equipo e se dan a coñecer as posibilidades que se abren no eido da formación e o coñecemento de novas tecnoloxías a través das aulas CeMIT
  • A iniciativa implica tanto ao alumnado, como creador das curtas; como aos centros educativos, como titores e facilitadores das inscricións; e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, validación e recollida das inscricións e traballos presentados
  • Haberá diversos premios, tanto a nivel provincial como autonómico, para os participantes e o centro educativo ao que pertencen. A partir do 7 de marzo comezará o proceso de votación dos vídeos presentados, mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook, a través do portal Facebook/IMit Xunta
Media_httpfarm7static_nwejf

Entrada ao Cemit de Noia
 

Barbanza-Noia, 15 de novembro de 2011.- A rede de centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, rede CeMIT, por iniciativa das aulas CeMIT dos concellos de Vimianzo e Abegondo, acaba de convocar o I Concurso de Curtas realizadas co móbil, dirixido a mozos matriculados na ESO ou no Bacharelato dos centros educativos da Comunidade Galega.

Este concurso, que se convoca por primeira vez na administración autonómica a través do Facebook da web de Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica, http://www.facebook.com/imitxunta, abre hoxe o seu prazo de inscrición. Os obxectivos do certame son espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos.

Neste I Concurso de curtas realizadas co móbil os mozos da ESO e Bacharelato que teñan entre 14 e 20 anos poderán participar, de xeito individual ou colectivo, e mostrar a súa destreza cinematográfica coa gravación de curtas orixinais cunha temática que exprese aqueles valores e ideas relacionadas coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá.

Axentes implicados e fases do concurso
 

Os estudantes que desexen participar nesta iniciativa, cuxo prazo de inscrición se abre hoxe e permanecerá aberto ata o 29 de febreiro para a recollida das curtametraxes, contarán coa axuda activa da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT. Así, neste programa implícase tanto ao alumnado -como creador das curtametraxes-, como aos centros educativos -como titores dos alumnos participantes e facilitadores das inscricións das curtas que os representarán-, e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargarán da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados ao concurso.

Media_httpfarm6static_fbcao

Unha vez recollidos todos os vídeos participantes, subiranse a internet para someterse á votación mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook a partir do 7 de marzo de 2012.  Tanto os alumnos das obras seleccionadas coma o centro educativo ao que representan poderán optar a unha serie de premios, tanto a nivel provincial como autonómico. Así, o centro educativo gañador a nivel provincial será obsequiado cunha cámara dixital compacta e o equipo gañador recibirá ata un máximo de 5 Ipod, que poderán ser distribuídos, a criterio do titor, no caso de que o grupo que presenta a curtametraxe estea formado por un número superior de integrantes.

A nivel autonómico entregaranse distintos premios aos centros educativos gañadores: no caso de quedar en primeiro lugar, o premio consistirá nun Netbook; e no caso de quedar en segunda posición o premio será unha videocámara.

Os alumnos e centros educativos interesados en participar neste concurso poderán inscribirse na aula CeMIT máis próxima ou a través da web www.cemit.xunta.es. As bases completas da iniciativa poderán consultarse en http://www.facebook.com/imitxunta.

Antes, en Certo:




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Xunta de Galicia   audiovisual galego   certame  

Porto do Son: a Agra de Bustelo acubillará o punto limpo que aprobou hoxe o Consello da Xunta

  • Case 300.000 euros para as instalacións, casetas, almacén, colectores e sinalización
  • Estará ubicado na Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, en Nebra
  • A Xunta non dá datas de comezo das obras nin finalización, así que pode inserirse este anuncio como parte da campaña electoral do PP

Media_http4bpblogspot_glvme

Paco do Martelo, activista dixital de Nebra, vai farto de denunciar o lixo ciscado en Porto do Son

Porto do Son, 10 de novembro de 2011. O Consello da Xunta autorizou hoxe a colaboración técnica financeira entre a Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello Porto do Son para a construción dun punto limpo neste municipio coruñés. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizará un investimento de máis de 296.000 euros para o financiamento do 100% desta infraestrutura ambiental.

As obras obxecto da proposta corresponden a aquelas dirixidas á adecuada xestión dos residuos en Galicia, nos concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar estes proxectos. Esta actuación atópase a medio camiño entre Portosín e Porto do Son, na zona chamada Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, na parroquia de Nebra. O punto limpo é un recinto preparado para que que os cidadáns poidan depositar neles os residuos para os que é precisa unha xestión específica, polo seu tamaño ou pola súa composición. Os obxectivos principais desta instalación son recuperar os materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, evitar o veredura incontrolada de entullos e voluminosos e separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente. As accións fundamentais centraranse na disposición das instalacións xerais, casetas e almacén, colectores e sinalización. Tamén se executará un peche da canteira, un peche perimetral e unha porta de acceso. O proxecto tamén considera a urbanización e o axardinamento do contorno.

O Goberno galego, mediante a execución desta infraestrutura, responde a demanda dos habitantes de Porto do Son, xa que na actualidade existe un servizo de recollida que non cubre as necesidades dos veciños, cunha periodicidade dun día ao mes. Coa posta en funcionamento deste servizo preténdese concienciar á poboación para tratar de erradicar as verteduras incontroladas e evitar a imaxe dos utensilios na metade da rúa durante varios días, nas zonas urbanas ata que se proceda á súa recollida.

Pode que tamén lle interese:



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Filed under  //   Eleccións 20N   Porto do Son   Xunta de Galicia   punto limpo